Metrópole ainda está incompleta
A versión orixinal da obra mestra do cinema mudo alemán, Metrópole, que se daba por perdida, reapareceu en Berlín, tras unha rocambolesca viaxe via Buenos Aires.
“Si, é material do auténtico Metrópole, coñezo o filme e non hai dúvida“, explicou á presa Martin Koerber, restaurador da versión até agora coñecida desa xoia da história do cinema e un dos tres peritos que inspeccionaron o material.
Trata-se de escenas dadas por perdidas dende hai décadas, que oferecen unha perspectiva “distinta” da parábola futurista de Fritz Lang.
Esta cópia de Metrópole tal e como Fritz Lang a apresentou en 1927, ten múltiples riscaduras, posto que non pasou polas mans dun restaurador, o que non saca, a ollos do perito, que o que se resgatou sexa un tesouro do cinema.
“Como foi a parar a Buenos Aires é algo que non podo dicir-lle. É exclusiva de ‘Die Zeit’, unha história misteriosa pola que pagarán o seu. Mañá terá-a vosté e todos os leitores na sua versión completa no quiosque“, bromea Koerber desde o seu móbil, en conversa desde Boloña, onde asiste a un festival de cinema mudo.
A história enchida de suspense da reaparición de Metrópole arrinca cando a directora do Museu do Cinema de Buenos Aires, Paula Félix-Didier, chegou á redacción de Die Zeit coa versión íntegra do filme desaparecido 80 anos atrás. Aí estaban tres peritos convidados pola publicación e dispostos a cotexar o material. Os tres deron-lle rango de achado sensacional.
Lér mais
A Warner agócha-se no tempo
A Warner Brothers ven de se facer cos deretos sobre a minisérie de catro números do cómic Hiding in Time, co guionista Beau Thorne adaptando esta saga de banda deseñada de ciéncia-ficción. Dan Lin será o produtor a través da súa empresa Lin Pictures.
A história está ambientada nun futuro non demasiado lonxano no que o Programa de Protección de Testemuñas utiliza as viaxes no tempo para relocalizar ás súas testemuñas no pasado para mair seguranza.
Cando o programa se vexa en dificultades, un científico do governo deberá viaxar atrás no tempo a través dos grandes intres da história para que un ladrón poida rescatar a un vello compañeiro das poutas duns desalmados asasinos enviados tamén trás no tempo polo seu antigo xefe.
O cómic, creado por Christopher Long e ilustrado por Ryan Winn, foi publicado nos Estados Unidos pola Image Shadowline.
Caviezel e McKellen no Prisioneiro
A produtora AMC ven de anunciar que Jim Caviezel (A Paixón de Cristo) e Sir Ian McKellen (O Señor dos Anéis) serán os protagonistas da vindeira série de televisión The Prisoner, que tentará ser o relanzamento da mítica série dos anos 60. A AMC coproducirá esta minisérie de seis capítulos xunto á ITV Productions e mais a Granada International, cunha data de lanzamento prevista para 2009.
The Prisoner será a segunda série orixinal da AMC e contén elementos de espionaxe, thriller e ciéncia-ficción.
Caviezel interpretará a Número Seis, un papel que orixinalmente fixera Patrick McGoohan, quen á súa vez foi o creador, produtor, guionista e director da saga dos anos 60.
O nominado ao Oscar Sir Ian McKellen interpretará a Número Dous.
Bill Gallagher será o guionista e produtor executivo, xunto a Michele Buck, Damien Timmer, Rebecca Keane e mais os membros da AMC Charlie Collier, Christina Wayne e Vlad Wolynetz. A série será producida por Trevor Hopkins e dirixida por Jon Jones.
A reinterpretación da série, que orixinalmente estaba ambientada na Guerra Fría, levaráa até o século XXI, coas súas actuais preocupacións e desacougos: a liberdade, a seguranza e mais a vixianza.
Finou Davis de Stargate SG1
O popular sítio Web Gateworld ven de informar que Don S. Davis, que interpretaba ao comandante xeneral George Hammond na série de ciéncia-ficción Stargate SG-1 durante as últimas sete tempadas, finou o pasado 29 de xuño após de sofrir un ataque ao corazón aos 65 anos de idade.
A esposa de Davis, Ruby Fleming-Davis, informou de que o funeral terá lugar dentro dunhas semanas, pero antes as cinzas de Davis serán arroxadas ao océano; asimesmo pediu aos fans que fixeran doazóns á American Heart Association (Asociación Americana do Corazón).
Davis deixou o reparto habitual da série en 2003 por mor da súa condición médica, que lle impedía estar ao cento por cento, pero fixo moitas aparicións esporádicas coma convidado tanto nesta série coma na súa secuela Stargate Atlantis.
Nativo do estado americano de Missouri, Davis contaba cunha carreira de 26 anos no decurso da cal fixo moitas aparicións en séries de televisión, sendo especialmente relembrado polo seu papel de comandante Garland Briggs en Twin Peaks. Coñeceu ao protagonista de Stargate SG-1, Richard Dean Anderson, no plató de rodaxe de MacGyver, onde era un dobre de Dana Elcar.
A derradeira aparición de Davis en Stargate será en Stargate: Continuum, un filme que será lanzado directametne ao mercado de DVD. Ademáis, ten intervencións nos filmes Vipers, Woodshop e Far Cry.
Anúncia-se Diablo III
2 de Xullo de 2008 por Editor
Arquivado como Videoxogos
A Blizzard Entertainment ven de anunciar que xa ten en desenvolvemento Diablo III, a terceira entrega desta clásica franquía de videoxogos.
No decurso das cerimónias inaugurais da súa xira mundial en París o pasado día 30 de xuño, a Blizzard Entertainment desvelou xa oficialmente que lanzarán Diablo III para PC e Mac.
Había moita expectación polo anúncio oficial dende que o sítio Web oficial da Blizzard publicou esta semana un críptico anúncio co logo da saga de Diablo e mais unha mensaxe: “E os Ceos tremerán“.
A anterior entrega da franquía, Diablo II, lanzou-se hai xa oito anos, ainda que en 2001 apareceu un pack de expansión titulado Lord of Destruction.
Os anteriores títulos do xogo foron desenvoltos pola desaparecida Blizzard North, moitos de cuxos membros deixaron a empresa en 2003 para formar outras compañías, coma a Flagship Studios.
A Blizzard anunciou que Diablo III conterá unha versión customizábel dos persoaxes protagonistas que permitirá interaccionar de xeito dinámico cos obxectos e simular a roupa, así coma un entorno con elementos destruíbeis.
O compoñente para multixogador operará vía Battle.net, o servizo on-line da Blizzard que lanzou o xogo orixinal Diablo en 1997 e que foi utilizado en todos os títulos da Blizzard dende aquela, coa excepción de World of Warcraft. Este feito suxire que poderemos xogar a Diablo III con outros xogadores en todo o mundo de xeito gratuito, o mesmo cós seus predecesores, e que non será un xogo baseado en suscripcións coma se especulara.
Coma adoita ser habitual nos anúncios da Blizzard announceme, non se deu unha data de lanzamento. O xogo aparecerá probábelmente após de StarCraft II, que ainda non ten tampouco unha data oficial de aparición.
Carter entra na Salvación
Helena Bonham Carter está en conversas para se unir ao reparto do novo filme do director McG, Terminator Salvation, a cuarta entrega na franquía que puxo en marcha James Cameron en 1984.
Os actores que darán vida aos papeis protagonistas no novo filme seguen sendo un segredo moi ben gardado, pero fontes internas da produción confirmaron a NOVA FANTASIA que o papel de Bonham Carter é pequeno pero moi importante.
A fotografía principal para este fime que produce a Halcyon e que narra as orixes da batalla entre os humanos e a rede Skynet, comezou o mes pasado en New Mexico (Estados unidos), coa ideia de que a meirande parte dos exteriores se rode antes de que comece a temida folga de actores. A Warners ten prevista a estrea deste filme de acción en maio de 2009.
Carter é coñécida para os fans da ciéncia-ficción polos seus papeis nos filmes de Harry Potter, o Frankenstein de Kenneth Branagh e o máis recente remake do Planeta dos Símios.

