CF nos Emmys
Un ano máis xa temos a listaxe dos nominados para os prémios Emmy, os Oscar da televisión, e precisamente dúas séries de fantasía e ciéncia-ficción figuran entre as grandes favoritas. A minisérie Tin Man, baseada no libro O meigo de Oz, recebiu nove candidaturas, incluindo unha á millor minisérie, mentres que Battlestar Galactica recebiu outras seis nominacións, entre as que se atopa á millor série dramática.
O anúncio das candidaturas para a 60ª gala dos Emmys realizou-se o pasado día 17 en Los Angeles.
A nominación á millor minisérie completou-se con máis ciéncia-ficción, xa que The Andromeda Strain (A Ameaza de Andrómeda). Á parte, a série Perdidos tamén levou unha nominación ao millor drama e ún dos seus protagonistas, Michael Emerson, é candidato a millor actor.
Os outros programas fantásticos e de ciéncia-ficción tiveron que se conformar con ficar fóra das grandes nominacións. Tan só Lee Pace, da série Pushing Daisies, levou unha nominación a millor actor de comédia e a súa coprotagonista Kristin Chenoweth, a millor actriz secundária de comédia.
Ademáis das xa mencionadas, Tin Man recebiu outras oito candidaturas, pero xa en categorías técnicas, mentres que Battlestar Galactica levou outras cinco no mesmo tipo de categorías. Pola súa banda, Stargate Atlantis, que comezou a súa quinta tempada a semana pasada, levou unha nominación aos millores efectos especiais.
Os gañadores dos prémios serán dados a coñecer nunha cerimónia que terá lugar no decurso dunha gala a celebrar o vindeiro 21 de setembro.
John Woo fará Caliber
O realizador e produtor chinés John Woo dirixirá a adaptación á pantalla grande do cómic Caliber, segundo puido saber NOVA FANTASIA por fontes ben informadas, ainda que o anúncio oficial non se fará até a semana que ven no decurso da Comic-Con en San Diego.
O filme será con toda probabilidade unha coprodución a tres bandas entre a Infinitum Nihil (a empresa de Johnny Depp), a Radical Comics (a de Barry Levine) e mais a Lion Rock, a compañía que copresiden o mesmo Woo xunto co seu parceiro americano Terence Chang.
O cómic orixinal, unha publicación da editorial Radical Comics, é unha estraña ambientación das lendas do rei Artur e os seus cabaleiros da Mesa Redonda coma pistoleiros do século XIX no Vello Oeste americano.
De todos os xeitos, Caliber non será a vindeira película de Woo, xa que está arestora a editar a segunda parte do seu filme épico Red Cliff para un lanzamento en xaneiro en Ásia e unha versión internacional un pouco máis tarde.
A primeira parte de Red Cliff estreou-se o pasado 10 de xullo en seis países de Ásia, acadando uns 26 millóns de dólares (16 millóns de euros) nas billeteiras.
Woo anunciara previamente que ía dirixir o filme da Lion Rock 1949, unha película que conta cun orzamento de 40 millóns de dólares e que está ambientada na época do golpe de Estado de Mao Zedong en China que creou a ditadura comunista naquel país.
Ademáis, Woo ainda ten en carteira outros proxectos, coma o remake do drama francés de 1969 O Clan dos Sicilianos, que protagonizaran Alain Delon e Lino Ventura, e The Divide, a história dun traballador chinés que axudou a construir as liñas dos camiños de ferro transcontinentáis nos Estados Unidos do século XIX.
Prémio Alberto Magno
Ven de se convocar a XX edición do certame literário Alberto Magno de Ciéncia-Ficción, organizado pola Faculdade de Ciéncia e Tecnoloxía da Universidade do País Basco. Este é o concurso máis antigo de Ciéncia-Ficción e Fantasía de España, e está aberto á presentación de relatos en euskera ou español até o vindeiro 11 de outubro. O fallo da XX edición fará-se público o 13 de novembre. O primeiro prémio está dotado con 3.500 euros.

