Remake de Rocky Horror Picture Show
A MTV fará un remake do vello filme de culto de 1975 The Rocky Horror Picture Show.
Lou Adler, produtor executivo do filme orixinal, asociará-se coa BermanBraun e mais os estudos de televisón da Fox nesta nova versión dun filme clásico que misturaba a comédia co musical e a ciéncia-ficción.
O remake de dúas horas utilizará o guión orixinal de Jim Sharman e Richard O’Brien, pero tamén podería incluir música nova non incorporada no filme orixinal.
Ainda están por se anunciar o director e máis os actores do reparto.
Asemade non hai tampouco un lugar nas axendas para o comezo da produción, ainda que os parceiros neste proxecto queren apurar os prazos o máximo posíbel.
O filme orixinal estaba protagonizado por Tim Curry, Susan Sarandon, Barry Bostwick e Meat Loaf, e acadou nada menos ca 140 millóns de dólares nas billeteiras dos Estados Unidos ainda que repartidos ao longo dos anos, xa que o filme ficou nas carteleiras durante as últimas tres décadas.
Tim Burton xa ten á súa Alícia
Tim Burton ven de atopar á súa protagonista para a nova adaptación de Alícia no País das Marabillas na que está a traballar para a Disney. Non é, coma se rumoreou hai un par de semanas, Ryan Nikole Parker, pero tampouco é unha actriz coñecida precisamente. O papel recaiu na actriz australiana Mia Wasikowska, cuxos únicos créditos até de agora consistiron en aparecer como habitual na série da canle HBO In Treatment e no filme de terror de crocodilos maléficos Rogue. Pero esta rapaza de 18 anos ten ainda por estreas filmes de maior calado coma a vindeira Defiance e a biografía da aviadora Amelia Earhart titulado precisamente Amelia, co que probábelmente será unha face recoñecíbel para cando se estree Alícia no País das Marabillas.
O filme será unha combinación de acción real co sistema de animación por captura de imaxes e será lanzado en 3D dixital. Conta cun guión de Linda Woolverton, que xa traballou en O Rei León e a rodaxe escomezará en novembro. A estrea está prevista para 2010.
Roubando o Tempo
A Columbia Pictures ven de contratar a Walt Becker para que dirixa o filme de acción e de viaxes polo tempo Stealing Time, centrado en tres xeracións de homes que embarcan nunha aventura polo mundo para descubrir os segredos dun antigo aparello coñecido coma a Máquina de Antiquitera, que podería ser o compoñente clave dunha máquina do tempo perdida.
Bob Cooper da Landscape Entertainment e Charles Segars da Sparkler Entertainment serán os produtores.
Stealing Time é unha ideia desenvolvida por Cooper e Segars, que traballaron para facer o argumento xunto ao copresidente da Columbia Doug Belgrad.
Colin Trevorrow, que escribiu Tester para a DreamWorks, xa comezou a traballar no guión de Stealing Time.
Singer producirá Capeshooters
Bryan Singer producirá Capeshooters, unha nova adaptación dos cómics, para a Warner Brothers.
Singer, que xa dirixiu filmes de superheroes coma X-Men e Superman Returns, está agora interesado en explorar o lado escuro deste asunto, pero só será un produtor no proxecto.
En Capeshooters, dous lacazáns convírten-se en paparazzis especializados en cubrir vídeos de superheroes e nunha destas atópan-se con probas de que un superheroe reverenciado polo público é en realidade un superfalcatruán.
J.P. Lavin e Chad Damiani escribirán o guión.
O proxecto está baseado nun cómic que ainda non apareceu no mercado, creado por Rob Liefeld, o antigo debuxante da Marvel Comics que abandonou a empresa para crear unha de seu, a Image Comics.
Strick relanzará Elm Street
A New Line, agora convertida nunha división da Warner Brothers, ven de alugar os servizos do veterán guionista Wesley Strick para que escriba o que se agarda será o relanzamento da súa série Pesadelo en Elm Street, a franquía que converteu á New Line nos anos 80 nunha empresa punteira dentro dos estudos de cinema.
O Pesadelo orixinal foi escrito e dirixido por Wes Craven e lanzado en 1984. A saga creou a ún dos máis populares malvados da história do cinema, Freddy Krueger, interpretado por Robert Englund, e na súa exitosa carreira xenerou unha chea de secuelas.
A premisa dos filmes centrába-se en Krueger, un asasino en série de nenos que fora el mesmo asasinado e que regresaba de entre os mortos coa face queimada e unha luva con navallas para aterrorizar aos adolescentes nos seus soños.
O novo proxecto pretende celebrar o 25º aniversário da saga e manter o ambiente de instituto e profundizará na psicoloxía dos soños e na do mesmo Krueger. O plan é facer que teña un tón máis escuro e sinistro có orixinal, que finalmente rematou por se converter nunha paródia de si mesmo e acadando máis risos ca berros entre os espectadores.
Whedon volverá a rodar Dollhouse
Joss Whedon, que está a lle dar os últimos toques á súa nova série de ciéncia-ficción Dollhouse para a canle Fox, revelou aos seus fans no seu blogue oficial que está a rodar un novo primeiro episódio para clarexar o argumento da série.
O episódio piloto orixinal, que algúns espectadores atoparon algo confuso, convertirá-se polo tanto no segundo episódio da serie.
“O feito é que estou moi orgulloso do episódio que rodamos, e que a série está a me volver tolo coa emoción“, escribiu Whedon. “Pero eu tendo a ver as cousas dende todos os ángulos, e hai uns pequenos problemas de claridade para algúns espectadores. Tamén houbo algúns problemiñas co tón - Eu estaba nun lugar escuro e mouro (onde, como algúns de vós sabedes, teño a miña casa) e non acadei o tón visceral que a Fox agardaba a partir do guión“.
Whedon apurou a aclarar que a rodaxe dun novo primeiro capítulo foi unha ideia de seu, non da Fox, para asemade evitar comparacións con outros proxectos que fixo para a mesma canle, coma a fracasada Firefly, na que aconteceu exactamente a mesma circunstáncia.
Whedon dixo que xa non poderá amosar os vídeos de Dollhouse, coma quería facer orixinalmente, na Comic-Con International que escomezará hoxe.
Dollhouse, protagonizado por Eliza Dushku, está previsto para se estrear o vindeiro xaneiro de 2009.

