Keira Knigthley rexeita Piratas do Caribe
Ainda que a Disney ven de confirmar que haberá cuarta entrega da saga Piratas do Caribe, unha das suas protagonistas, a actriz inglesa Keira Knightley, non estará nela.
Do trío de actores que estiveron nas tres entregas anteriores só Johnny Depp confirmou a súa participación na cuarta, na que dará vida unha vez máis ao capitán Jack Sparrow, persoaxe para o cal o actor se inspirou no guitarrista dos Rolling Stones, Keith Richards.
En plea promoción da sua nova película, a fita de época A Duquesa, Knightley explicou que a súa participación na saga chegou ao seu remate e que non voltará interpretar á aristócrata metida a pirata Elizabeth Swann. “Fixen unha viaxe incríbel facendo estas tres películas, pero coido que agora as cousas son totalmente diferentes. Non sei ren desa nova entrega e non voltarei“, dixo nunhas declaracións á MTV.
Após da definición dos dous actores xa só fixa por confirmar a participación do terceiro protagonista da película inspirada nunha atracción da Disney World. Orlando Bloom, que interpreta ao garrido Hill, non se definiu ainda sobre a súa participación nunha franquía que recadou máis de 1.800 millóns de euros nos cinemas de todo o mundo.
Finou Paul Newman
Paul Newman, unha das derradeiras lendas de Hollywood, finou hoxe aos 83 anos de idade por mor dun cancro que padecía dende había vários meses na súa casa de Westport, Connecticut.
Newman, cuxos abraiantes ollos azuis e mais a súa grande xenerosidade fixérono unha das persoalidades máis aprezadas dos nosos tempos, nacera en Shaker Heights, Ohio, en 1925.
Na súa carreira, que comprende algún dos filmes máis salientábeis da história do cinema, non hai máis ca unhas poucas aparicións no xénero fantástico, e dúas delas foron xusto no comezo e no final: un episódio da série de ciéncia-ficción de TV Tales of Tomorrow en 1952 e máis a voz do persoaxe Doc Hudson no filme de debuxos animados Cars.
Newman tamén interveu no telefilme protagonizado pola súa muller Come Along with Me en 1982 e mais na longametraxe totalmente prescindíbel Quintet (1979), na que participou asemade o actor de orixe galega Fernando Rey.
Paul Newman foi unha auténtica estrela dentro e fora dos escenários, foi nominado nove veces ao Oscar e gañou dous, ún deles honorífico. Sobrevíve-lle a súa muller, Joanne Woodward, con quen levaba casado 50 anos, cinco fillas e vários netos. O seu fillo Scott Newman morrera por mor dunha sobredose de drogas en 1978.
Pláxio en Plutón BRB Nero?
A nova série cómica de ciéncia-ficción de Álex de la Iglesia, que ven de se estrear este mércores na segunda cadea, non comeza con bó pe. O debuxante de cómics Alfonso Azpiri asegura que o persoaxe Lorna da série está baseado na Lorna dos seus cómics e mesmo estuda emprender accións legais.
Homenaxe ou pláxio? É o que se pregunta Azpiri, que acusa a de la Iglesia de copiar a un dos seus persoaxes en declaracións ao xornal ultradereitista español La Razón, Azpiri asegura que “A Álex coñézoo, e isto non foi unha casualidade, el coñece perfectamente os meus cómics. Non entiendo esta actitude de estar por riba do ben ou do mal, porque el sabe perfectamente o que son os dereitos de autor“.
Azpiri refíre-se ao persoaxe de Lorna, que na série interpreta a actriz Carolina Bang e que garda unha sospeitosa semallanza coa Lorna que Azpiri creou nos anos 80 a partir do videoxogo do mesmo nome. Plutón BRB Nero bebe de vários persoaxes e películas míticas, ainda que Azpiri recalca que o director non se puxo en contacto con el para lle pedir permiso: “A semellanza canta moito. Se se tratara dun persoaxe que se chamara Lorna e a súa história se desenvolvera no Oeste non pasaría ren, pero de súpeto de atopas unha rapaza que se chama igual, a trama transcurre no espazo e por riba é un putón verbeneiro“.
Azpiri coida que De la Iglesia tería que te-lo chamado e agora estuda xunto á sua editorial emprender medidas legais contra a série. “Despistes coma este custan millóns nos Estados Unidos“, asegura o debuxante, dando xa pistas sobre os benefícios que espera obter con estas “medidas legais”.
Pola súa banda, a série arrincou o pasado mércoles en La 2 cun notábel 5,8% de share e 844.000 espectadores, por riba da média da canle. Este domingo, La 1 repite o primeiro capítulo despois da película da semana.
Matt Reeves vé vampiros
O director de Cloverfield Matt Reeves escribirá o guión e dirixirá o conto de vampiros Let the Right One In para a Overture Films e mais a Hammer Films.
O filme será o primeiro dunha coprodución composta por dúas películas que deberán ser financiadas e distribuidas pola Overture e mais a HS Media, a empresa propietária da Hammer e da Spitfire Films.
O proxecto é en realidade un remake do filme do director sueco Tomas Alfredson Lat Den Ratte Komma In, baseado nunha novela de vampiros do escritor da mesma nacionalidade John Ajvide Lindqvist e que vai sobre un rapaz que se fai amigo dunha veciña que ven de se mudar á cidade.
Overture planea lanzar este remake o ano que ven.
Spielberg quere a Chocky
A DreamWorks de Steven Spielberg ven de adquirir os dereitos para facer un filme baseado na novela de ciéncia-ficción Chocky á Pollinger Ltd., a axéncia inglesa que manexa o legado literário do defunto escritor John Wyndham, e seica o mesmísimo Spielberg está disposto a facer desta adaptación o seu vindeiro proxecto persoal.
Chocky narra a história dun rapaz que ten un amigo imaxinário misterioso con quen adoita discutir. E a medida que o pai do rapaz comeza a sospeitar, vai-se facendo claro que ese amigo imaxinário é un ente alieníxena que se apoderou da conciéncia do rapaz.
Agora que a DreamWorks ven de rachar a súa relación coa Paramount, non está claro que estudo de Hollywood desenvolverá este filme.
Chocky é unha novela de 1968 escrita por Wyndham (cuxo nome real era John Wyndham Parkes Lucas Beynon Harris), un escritor de ciéncia-ficción inglés que é coñecido sobre todo pola súa obra The Day of the Triffids.
Del Toro escribe novelas de vampiros
O director de O Labirinto de Pan Guillermo del Toro está a colaborar co escritor de novelas de crimes Chuck Hogan nunha nova triloxía de novelas de vampiros, que dará comenzo o vindeiro verán coa primeira entrega, titulada The Strain.
“A ideia é épica en alcance“, dixo del Toro nunha declaración que fixo pública o mércores o editor William Morrow, que traballa na HarperCollins. “A triloxía avanza de xeitos inesperados e cada libro contén revelacióbns únicas e abraiantes sobre a história, a fisioloxía e o saber da raza vampírica, trazando as súas raíces de volta até as orixes no Antigo Testamento“.
Del Toro, de 43 anos, e entre cuxos filmes están os dous de Hellboy, Mimic e mais O espiñazo do diaño, é coñecido sobre todo por O Labirinto de Pan, unha visión surrealista da Guerra Civil Española que foi estreada en 2006 e que gañou tres Oscars, á maquillaxe, á dirección artística e á cinematografía.
Entre as novelas de Hogan atópan-se The Blood Artists, The Killing Moon e Prince of Thieves, que está a se adaptar ao cinema protagonizada e dirixida por Ben Affleck.

