Zack Snyder pása-se aos videoxogos
1 de Outubro de 2008 por Editor
Arquivado como Videoxogos
Zack Snyder, o director do filme 300, ven de asinar un contrato para desenvolver tres videoxogos para a empresa Electronic Arts, a máis importante produtora de videoxogos dos Estados Unidos.
O pacto sería moi semellante ao que fixera a EA con Steven Spielberg en 2005. A súa primeira colaboración, un xogo tipo puzzle para a Nintendo Wii titulado Boom Blox, foi lanzado en primavera con boas críticas pero moi malas vendas.
Coma Spielberg, Snyder traballará coa sucursal da EA en Los Angeles nos estudos de Playa Vista para producir os seus xogos. A EA será a propietária do copyright, pero segundo o trato, os xogos poderían converter-se en películas que nese caso serían producidas pola empresa de Snyder, a Cruel & Unusual Films, na que tamén participan Deborah Snyder e mais o produtor Wesley Coller.
Dado o grande éxito de 300 entre os rapaces, que son os que máis videoxogos compran, a EA ten a esperanza de que o nome e mais as ideias de Snyder atraian especialmente a ese segmento do mercado.
“Zack Snyder ten un estilo creativo fresco e directo que resoa entre o corazón da nosa audiéncia“, dixo o presidente da EA Games Frank Gibeau nunha declaración pública. Snyder unirá-se a un pequeno grupo de directores de Hollywood que xa son produtores de videoxogos, entre os que xa se atopan Spielberg, John Woo e Peter Jackson.
A Warner Bros. está a crear dous xogos para descargar-se da Internet vencellados á vindeira película de Snyder, a adaptación á pantalla grande do cómic Watchmen, mentres que a Brash Entertainment está a realizar outro baseado no seu filme 300.
Branagh podería dirixir Thor
Todo semella apuntar a que Kenneth Branagh está en negociacións para dirixir Thor, o vindeiro persoaxe da Marvel Comics que será transformado en celuloide nun filme con acción real polos Estudos Marvel. A longametraxe aparecerá en 2010.
A elección do xefe dos estudos Marvel, Kevin Feige, é un pouco abraiante, xa que Branagh non dirixe ningún filme de acción dende que debutara como realizador con Henrique V, unha sanguenta narración da conquista de Franza polos ingleses.
Branagh é o último nunha longa lista de directores, entre os que se atopan Jon Favreau (Iron Man), Christopher Nolan (a saga de Batman) ou Gavin Hood (X-Men Origins: Wolverine) que estiveron algunha vez no punto de mira dos produtores para se encargaren deste filme.
A adaptación para o cinema de Thor conta cun guión de Mark Protosevich e vai sobre o estudante de medicina Donald Blake, quen é secretamente o deus nórdico Thor, en quen se convirte ao bater nalgures co seu mazo de batalla.
A Marvel financiará este filme ela mesma grazas a un creto de 500 millóns de dólares concedido pola Merrill Lynch. A Marvel utilizou eses cartos para realizar ademáis Iron Man e O Incríbel Hulk e pensa gastar o que fique para a secuela de Iron Man que contará unha vez máis co director Favreau e mais o protagonista Robert Downey Jr.
As negociacións de Thor pdoerían ser un punto de inflexión na alicaída carreira de Branagh, quen nestes intres ten que recurrir aos teatros en Londres, onde está a representar unha obra titulada Ivanov. Últimamente puidémo-lo ver no filme de Bryan Singer Valkyrie.
Gañadores dos Ignotus 2008
No decurso da cea oficial da Hispacon celebrada a pasada fin de semana en Almería, déron-se a coñecer os gañadores dos Prémios Ignotus, concedidos pola Asociación Española de Fantasía, Ciéncia-Ficción e Terror aos millores no xénero fantástico do ano anterior e votados polos seus sócios e polos asistentes ao congreso.
Esta é a relación de gañadores:
- Millor novela: Alejandro Magno y las Águilas de Roma, de Javier Negrete
- Millro novela curta: Mundo al revés, de Ángel Padilla
- Millor conto: La apertura Slagar, de Santiago Eximeno e Alfredo Álamo
- Millor antoloxía: Premio UPC 2006, de vários autores.
- Millor ensaio: Fantástica Televisión, de Alfonso Merelo
- Millor artigo: Hermeneútica relativista, de Gabriella Campbell
- Ilustración: Cristales de fuego, de Felideus
- Produción audiovisual: REC, de Jaume Balagueró e Paco Plaza
- Cómic: La Legión del Espacio, de Alfredo Álamo e Fedde Carroza
- Poesía: El árbol del dolor, de Gabriella Campbell e Víctor Miguel Gallardo Barragán
- Revista: Hélice
- Millor novela estranxeira: A Estrada, de Corman McCarthy
- Millor conto estranxeiro: O monstro das galletas, de Gañadores dos Ignotus 2008
- Millor sítio Web: NGC 3660
Santiago de sangue en Sitges
O vindeiro día 11 de outubro terá lugar no marco do Festival de Sitges a estrea da curtametraxe Santiago de Sangue, producida por Perro Verde Films. A curta forma parte da Sección Oficial a competición do festival entre unha selección das mellores curtas internacionais de xénero fantástico.
Rodada en Santiago de Compostela no presente ano, a curtametraxe de terror foi dirixida por Francisco Calvelo e está protagonizada por Eloy Azorín, Sheyla Fariña e Mar Sande.
A história de Santiago de Sangue narra como Gabriel (Eloy Azorín), un vampiro preso na cidade, comete todo tipo de delitos, torturas e asasinatos sen ningún reparo até que coñece a unha fermosa moza chamada Eva (Sheyla Fariña), da que cae namorado. Mistério, terror, romance e fantasía son os ingredientes desta curtametraxe que tamén se poderá ver no festival de Cinema Internacional de Ourense, comezando así a súa andaina por festivais.
Obuxo
O festival “Obuxo, Festival de Cine Extraño y Agroterror”, que se desenvolveu en Huesca (España) do 29 ao 31 de agosto, outorgou o segundo premio a Da man da Raíña Vermella de Omar Rabuñal, unha curtametraxe galega experimental que aborda a multidimensionalidade do tempo dentro dunha estrutura de thriller fantástico.

