Eisenberg chega á terra dos zombis
Jesse Eisenberg está en conversas moi avanzadas para se unir a Woody Harrelson na vindeira comédia de terror da Columbia Pictures Zombieland, sobre unha parella de supervivintes que atopan a amizade e a redención nun mundo governado polos zombis.
Eisenberg interpretaría a Flagstaff, un indivídu encerrado en si mesmo cuxa cobardía convírte-o nun experto para sobrevivir entre os zombis, pero que é forzado a sair da súa cuncha para se unir a un grupo de supervivintes, entre os que está Harrelson.
De Eisenberg soubemos hai pouco, cando decidiu unir-se á comédia ambientada nos anos 80 Adventureland, na que interpreta a un universitário recén graduado que acepta un traballo lixo nun parque de atraccións da súa localidade.
Ruben Fleischer dirixirá Zombieland a partir dun guión da equipa formada por Rhett Reese e Paul Wernick.
A Marvel prefire Califórnia
A Marvel Studios ven de asinar un contrato de longa duración coa Raleigh Studios para poder filmar as vindeiras entregas de catro longametraxes no complexo Manhattan Beach da Raleigh. Os catro filmes que rodarán alí serán Iron Man 2, Thor, The First Avenger: Captain America e The Avengers.
Como parte do acordo de aluguer dos estudos, a Marvel mudará as súas oficinas de execución e produción (actualmente situadas en Beverly Hills) ao edifício da Raleigh en Manhattan Beach.
O trato é unha grande axuda para a acosada indústria do cinema en Los Angeles e Califórnia, que leva competindo duramente durante toda esta década contra outros Estados e mesmo outros países, onde é máis rendíbel filmar por mor dos grandes incentivos fiscais.
Os proxectos da Marvel son filmes de grande importáncia, e o acordo suporá unha inxección económica de entre 500 e 600 millóns de dólares para o Estado governado por Arnold Schwarzenegger.
Publicarán os contos de Beedle o Bardo
O Children’s High Level Group (CHLG), a organización benéfica inglesa fundada pola creadora de Harry Potter, J.K. Rowling, e mais a eurodiputada Emma Nicholson para axudar aos nenos que viven internados en centros de asisténcia social, ven de anunciar que publicará Os contos de Beedle o Bardo.
Os fans de todo el mundo levan pedindo poder lér os contos infantís do mundo dos magos — creados, escritos a man e ilustrados por J.K. Rowling — dende o pasado ems de cembro, cando Amazon ofreceu 1,95 millóns de libras (2,5 millóns de euros) por un exemplar destinado a fins benéficos — ún dos únicos sete que existen — nunha poxa de Sotheby’s en Londres.
A CHLG xa anunciara que publicaría tres edicións en inglés do libro, que imprimirán e distribuirán Bloomsbury, Scholastic e Amazon, e que sairán á venda o xoves 4 de decembro de 2008. A organización benéfica compráce-se agora en anunciar que Edicións Salamandra recebiu os dereitos exclusivos para traducir, imprimir e distribuir o libro en español, que sairá á venda o 4 de decembro. Todos os cartos recadados coa venda dos exemplares serán doados á CHLG.
Nos contos de Beedle o Bardo están recopilados os cinco contos infantís do mundo máxico que Albus Dumbledore lle legou a Hermione Granger na sétima e derradeira entrega da série, Harry Potter e as Relíquias da Morte, onde só se narra ún: “A fábula dos tres irmáns”. Nos contos de Beedle o Bardo aparecen por primeira vez as outras catro histórias.
O rei das Esfinxes
A alcaldesa de San Javier (Múrcia) presentará na Biblioteca Municipal o vindeiro día 24 a nova novela de Francisco Javier Illán Vivas, El rey de las esfinges. Acompañarán ao escritor Antonio Caballero, quen debuxou o mundo donde se desenvolven as aventuras deste tomo, e Álvaro Peña, humorista gráfico e autor da capa do libro.
El rey de las esfinges é o segundo volume da saga La cólera de Nébulos, que terá alomenos unha terceira entrega. En El rey de las esfinges, Eleazar e Eóstes continúan a sua viaxe cara as portas do Orco, custodiadas pola Torre do Cetro, e onde ninguén que entra volve sair pola súa própia vontade. Acompañados por Annae e Zaida, son moitos os perigos que se lles abren nun mundo descoñecido para os Eternos, á procura do lendário reino de Suhamak.
Coñecerán a Wottan e os walhallos, a Horus e os astéxios e terán que se enfrontar ao renacer dos Homoserpes. E todo elo sen saberen que nos inconclusos Libros do Tempo está prevista a separación dos dous amigos e todo o que Nébulos albiscou entre os caprichos do destiño.
Na primeira parte, que xa comentáramos en NOVA FANTASIA, narrába-se a epopéia de dous persoaxes, ún principal (Eleazar) e outro secundário (Eostes), creados coma epígonos do clásico dúo señor–escudeiro. Eleazar, fillo do deus Nébulos, introdúce-se xunto ao seu compañeiro na terra erma de Chandigarán, polo que é castigado polo seu pai celestial cun meigallo, e para evita-lo deberá pasar por unha série de probas.

