Gerald Butler investigado
Gerard Butler, estrela de 300, está a ser investigado por unha presunta agresión a un fotógrafo, dixo unha voceira da policía de Los Angeles. O fotógrafo seguira a Butler no seu automóbil despois de que o actor saira dun bar e presentou un informe policial acusando a Butler, de 38 anos, de bater nel repetidas veces na face durante unha rifa o martes á mañán. O fotógrafo engadiu que Butler deixou logo o vehículo e lle propinou tres ou catro golpes, que lle fixeron ir a un hospital para recebir puntos nos beizos.
Director para Tom Thumb
A Warner Brothers e mais a Red Wagon veñen de contratar a Kevin Lima (Enchanted) para que dirixa Tom Thumb, un filme de acción real que narrará as orixes de Tom Thumb (o persoaxe da mitoloxía inglesa que en Galiza coñecemos coma Polgarciño).
Os xefes da Red Wagon Doug Wick e Lucy Fisher serán os produtores, mentres que Chris Chase será o produtor executivo.
O filme, que conta cun guión de Robert Rodat (Salvar ao Soldado Ryan), céntra-se nun arrogante cabaleiro que é reducido a un tamaño de 15 centímetros mentres cumpre unha misión de protexer a unha princesa, pero ainda así descubre que tamén pode ser un auténtico heroe.
A Warner tentará desenvolver este filme coma unha produción de importáncia para todo o mundo. O persoaxe de Tom Thumb orixinou-se no folclore inglés no século XVI, pero hai moitos outros persoaxes semellantes ou cuspidiños en todo o mundo.
Monaghan á caza da Fortuna
O antigo intérprete de Perdidos Dominic Monaghan e mais Freddy Rodriguez (Dous metros baixo terra) protagonizarán Fortuna, un thriller de terror e ciéncia-ficción.
Ambientado en 2100, Fortuna presénta-nos unha Terra onde unha economía afundida e mais a crise do clima eliminaron as clases médias, deixando a só uns poucos ricos e as grandes masas na profunda pobreza.
Para dar esperanza e evitar as revoltas, a elite crea “Fortuna”, un misterioso xogo onde ún entre mil pode gañar un magnífico soldo e unir-se ás clases dirixentes. Pero o seu obxectivo final de “reducir a pobreza” ao 30 por cento en 50 anos leva aparellado un alto e letal prezo.
Monaghan, Rodriguez e mais o guionista e director de Fortuna, Barthelemy Grossmann, interpretarán a homes desesperados que entran no xogo nunha torre preta, mália que seica ninguén saiu nunca vivo dela.
A rodaxe completará-se en seis semanas, escomezando o vindeiro 10 de novembro en Sofia, Bulgária. Seica os decorados están a se construir cunha fasquía que relembra á do thriller apocalíptico de 1973 Soylent Green.

