Bayona dirixirá Hater
A Universal ven de contratar ao director español Juan Antonio Bayona (O Orfanato) para que se encargue de realizar Hater, a adaptación realizada polo guionista Glen Mazzara da novela do escritor inglés David Moody, un thriller apocalíptico sobre unha epidémia de violéncia perpetrada por xente normal.
Bayona, que fará o seu debut directorial en inglés con este filme, reunirá-se unha vez máis con Guillermo del Toro, que será o produtor xunto a Mark Johnson.
Del Toro xa producira O Orfanato, que foi rodada en España cun orzamento modesto pero que recadou máis de 76 millóns de dólares en todo o mundo.
Hater chegou á Universal Pictures após de que Del Toro lle dera o visto bó nada máis ver o guión. Mazzara, que tamén escribiu o libreto de The Shield, foi contratado de seguido. Del Toro fora o primeiro elixido por Johnson para dirixir este filme, pero a súa axenda está demasiado cargada actualmente, coas dúas entregas de O Hobbit pendentes, así que os produtores escolleron a Bayona.
“Gósta-me a ideia dun filme que fala do estado de medo no que vivimos arestora“, dixo Bayona nunha entrevista.
O filme está ambientado nos Estados Unidos, e ainda que os exteriores se rodarán naquel país, o máis seguro é que as escenas de interior se roden en España ao longo do ano que ven.
Gary Ungar será o produtor executivo.
Nova versión de “V”
A canle de televisión americana ABC está a desenvolver unha nova adaptación da clásica série de ciéncia-ficción dos anos 80 V, aquela onde os extra-terrestres con fasquía de lagarto invadían a Terra após de enganar aos seus habitantes.
A série orixinal produciu dúas secuelas, que contaron cun guión do creador e produtor executivo de Os 4400, Scott Peters.
A Warner Brothers TV, que estivo atrás da série orixinal, participará unha vez máis no proxecto, que foi vendido ainda como esbozo de guión á ABC.
Peters será o produtor executivo xunto ao dono da HDFilms, Jace Hall.
Hall, o antigo driector da división de videoxogos da Warner Brothers ten no seu haber títulos coma F.E.A.R., e axudará a espallar V a outras plataformas, incluindo por suposto a dos videoxogos.
A série orixinal V era unha alegoría do holocausto nazi, onde moitos humanos axudaban aos áliens e mesmo se unían ás súas ringleiras mália seren considerados simples comida porlos extra-terrestres. Nombergantes, Peters dixo que a nova série non vai duplicar este concepto, agás no senso de que as masas teñen unha fe cega nos seus líderes.
A nova V centrará-se en Erica Evans, unha axente do ministério do interior americano cun fillo perdido que ten moitos problemas. Cando chegan os áliens, o seu fillo unirá-se a eles, ocasionando tensións familiares. O mesmo ca na série orixinal, haberá várias liñas argumentais desenvolvéndo-se ao mesmo tempo.
E coma na versión dos anos 80, a série amosará un grande número de naves espaciais e exércitos extra-terrestres apoderándo-se das grandes cidades do mundo.
O produtor, director e guionista da série orixinal, Kenneth Johnson, tentara facer un esforzo por revivir V recentemente, cun proxecto titulado V: The Second Generation pero este non ten ren que ver coa nova versión de Peters.
Déixa-me entrar, prémio en Sitges
O filme sueco Déixa-me entrar (Let the Right On In), de Tomas Alfredson, foi premiado onte co Méliès de Ouro á millor produción fantástica europea do ano. Tamén é un dos títulos favoritos na Sección Oficial a concurso do Festival de Sitges. Hoxe venres estará na Sección Oficial a española Prime Time, do debutante Luis Calvo Ramos, unha rebiricada visión dos reality show tipo Grande Irmán. Mañá sábado coñecerá-se o palmarés desta 41 edición do Festival: na gala de clausura proxectará-se City of Ember, filme familiar de aventuras e ciéncia-ficción que conta con Saoirse Ronan, Tim Robbins e Bill Murray no reparto.
Jonah Hex ao cinema?
Seica xa está pechado o trato para que Josh Brolin protagonice Jonah Hex, un filme baseado na novela gráfica do mesmo nome e que conta cun guión de Mark Neveldine e Brian Taylor (Crank) que disporá da produción e distribución da Warner Bros. Ainda que fontes preto de Brolin negan que haxa ainda un acordo, o certo é que nestes intres o actor está máis dentro ca fóra do persoaxe.
Jonah Hex é un cómic sobre un anti-heroe do salvaxe Oeste creado polo guionista John Albano e mais o debuxante Tony DeZuniga e publicado por DC Comics, que serán os que produzan a longametraxe xunto á Mad Chance.
O filme será probábelmente unha mistura de ciéncia-ficción no Oeste americano con gráficos xerados por computador. No cómic orixinal no había ren de ciéncia-ficción, pero seica van introduci-la para lle dar algo de frescura ao argumento, dado que Hex é un cazarrecompensas e pistoleiro (nacido en 1838 e morto en 1904 segundo a cronoloxía oficial da DC) que ten a face terríbelmente desfigurada, con toda unha meixela desaparecida, a través da cal se poden ver os seus dentes. No filme os rumores apuntan a que a súa misión será a de perseguir a un practicante de vodú.

