Os novos mutantes
A Twentieth Century Fox está a forzar os motores para poder continuar facendo medrar a súa franquía de mutantes procedentes da Patrulla X, e agora cun novo e fresco grupo de novos mutantes.
Os estudos veñen de contratar ao creador de Gossip Girl, Josh Schwartz, para que escriba o guión dun filme que levrá por título X-Men: First Class. Ademais seica lle ofreceron ser o director, pero rexeitou a oferta.
Schwartz, creador e produtor executivo da série para adolescentes Gossip Girl que emite a canle CW, así coma a non menos folletinesca saga de O.C., foi contratado para lles inxectar un poco de sensibilidade aos duros superheroes, que levan recadados máis de 1.200 millóns de dólares nos cinemas de todo o mundo.
A Fox mantén polo de agora o silenzo ao respecto dos seus plans para este proxecto.
Verbinski no remake de Host
A Universal Pictures e mais Gore Verbinski realizarán o remake do filme de 2006 The Host, que dirixiu o coreano Bong Joon-ho. Fredrik Bond, quen polo de agora só dirixira anúncios na tele, fará o seu debut na realización deste filme de monstros, mentres que Mark Poirier (Smart People) escribirá o guión.
A história vai sobre unha vila aterrorizada por unha criatura semellante a unha lura mutante xigantesca, creada polos resíduos tóxicos que se verten nun río preto dunha base militar. Cando a criatura secuestra a unha nena, a súa família deberá esquecer as súas diferéncias para axuntar-se e rescata-la.
Verbinski traballará como produtor xunto a Roy Lee e Doug Davison, da Vertigo, e con Paul Brooks.
O filme orixinal, cuxo título era Gwoemul, rachou récords de billeteira no seu país de orixe, Corea do Sul.
Guionistas para o Capitán América

A Marvel Studios ven de contratar a Christopher Markus e mais a Stephen McFeely para que escriban o guión de Capitán América, o filme sobre o clásico heroe do cómic que dirixirá Joe Johnston.
O heroe do uniforme vermello, branco e azul co escudo indestructíbel se fixo famoso xusto despois da invasión de Pearl Harbor pola que os americanos lle declararon a guerra ao Xapón. O heroe é o persoaxe da Marvel máis de preto asociado cos Estados Unidos.
O produtor do filme será Kevin Feige.
Markus e McFeely xa foron os coguionistas das dúas entregas da saga das Crónicas de Nárnia.
A Warner preme Control-Alt-Del
A Warner Brothers ven de se facer cos dereitos de Control-Alt-Delete, un guión de ciéncia-ficción escrito por Tim Kelleher e Danny Zuker. Bob Shaye e Dylan Sellers serán os produtores a través da súa empresa, a Unique Features banner.
O concepto deste filme foi descrito coma unha mistura entre Bill and Ted’s Excellent Adventure e Matrix.
A Unique, constituida en xuño por Shaye e polo seu parceiro na New Line Michael Lynne, está ademáis a desenvolver un proxecto de adaptación do clásico da ciéncia-ficción de Isaac Asimov A Fundación. Vince Gerardis tamén é produtor nese proxecto.
A Casa da Noite
Os produtores Michael Birnbaum e Jeremiah Chechik veñen de mercar con cartos de seu os dereitos para adaptar ao cinema House of Night, unha série de nove novelas xuvenís de vampiros orixinais de P.C. Cast e Kristin Cast.
A série, editada por St. Martin’s Griffin, leva polo de agora catro entregas, sendo a última polo de agora a recente Untamed.
House of Night retoma o mito dos vampiros ao xeito de Harry Potter. Na série, os “vampyros” son aceptados na socidade, posúen unha anomalía xenética que se manifesta na pubertade nalgunhas persoas. Os vampyros están “marcados” e son enviados á Casa da Noite, unha escola que ofrece o adestramento necesário para se converter nun vampyro aceptábel.
A heroína é Zoey Redbird, cuxa vida corrente é destruida cando se converte nunha vampyresa e debe mudar a súa escola de sempre pola nova e entrar asemade nun novo mundo.
Un novo Profesor Chiflado
A Universal e mais a Imagine Entertainment están nas primeiras fases de desenvolvemento para unha nova entrega da súa saga do Profesor Chiflado, na que será a terceira parte deste remake do clásico de 1963 que interpretara Jerry Lewis. Ainda non hai guionistas nin guión, e os estudos están á procura dun.
Ainda que xa pasaron oito anos dende a última entrega do Profesor Chiflado, os executivos están interesados en facer unha nova película que dea continuación á anterior, que foi O Profesor Chiflado 2: Os Klump.
A segunda parte, coma a primeira, centrába-se en Sherman Klump, un científico amable pero moi obeso (interpretado por Eddie Murphy) que se volve insoportábel após de probar unha cura que el mesm ocreou para a obesidade. No segundo filme, que incluia a moitos dos membros da família de Klump (todos eles interpretados asemade por Murphy), era a eterna xoventude o que procuraba Klump.
O própio Murphy ainda non está vencellado a este proxecto. A súa participación ficará no suspenso até que se coñezan os nomes do guionista e do director.






