Finalistas do prémio Pablo Rido
O xurado do prémio Pablo Rido de literatura fantástica ven de proclamar os contos finalistas deste ano, que son:
- Una valla en la oscuridad, asinado por Cualquiera
- Hacia el survillion, asinado por Juan Matarato
- Mercenario
- Simuversia, asinado por Ókula Plétora Híbrida
- El club de la mortaja, asinado por Basilio Beltrán
O gañador será dado a coñecer axiña no decurso da cea de entrega destes prémios, que organiza por derradeiro ano a Tertúlia Madrileña de Literatura fantástica.
A Hora 13ª
A New Line Cinema ven de se facer cos dereitos sobre The Thirteenth Hour, unha novela sobre viaxes no tempo escrita por Richard Doetsch.
Michael De Luca producirá o filme, no que será ún dos seus primeiros proxectos na New Line dende que deixou o seu posto de presidente de produción hai oito anos.
Doetsch é o autor de The Thieves of Heaven, unha novela que está a ser convertida en longametraxe pola Fox 2000. Os dereitos sobre a súa nova obra serán poxados en breve pola axente literária Cynthia Manson.
Descrita coma un cruce entre A Identidade Bourne e A Muller do Viaxeiro no Tempo, The Thirteenth Hour vai sobre un home acusado de asasinar brutalmente á súa muller e a quen lle conceden unha segunda oportunidade para salva-la volvendo atrás no tempo unha hora.
Outra vitória para Rowling
Un xuiz americano sentenciou onte día 8 a favor da Warner Brothers Entertainment e da escritora J.K. Rowling no seu caso pola publicación dunha enciclopédia non oficial sobre a famosa saga de Harry Potter.
O xuiz Robert Patterson do Tribunal de Distrito de Manhattan sentenciou que a editorial independente RDR Books “non puido establecer unha defensa afirmativa de utilización lexítima” e polo tanto estableceu que debe deter-se a publicación do libro The Harry Potter Lexicon.
Gañadores dos prémios Sidewise
Veñen de se dar a coñecer os gañadores dos prémios Sidewise deste ano, no decurso da 66ª Convención Mundial de Ciéncia-Ficción en Denver (Colorado), e unha vez máis The Yiddish Policemen’s Union fai-se cun novo prémio, co que xa lle queda só o Nebula para facer pleo.
Os prémios Sidewise concéden-se anualmente para recoñecer ás millores obras individuais no eido da história alternativa. O seu nome provén do relato de Murray Leinster de 1934 Sidewise in Time.
A listaxe completa dos gañadores vai de seguido:
- Millor relato (empate): Quaestiones Super Caelo et Mundo, de Michael Flynn e Recovering Apollo 8 de Kristine Kathryn Rusch
- Millor Novela: The Yiddish Policemen’s Union, de Michael Chabon
Os Fillos da Lámpada
Mentres que cada estudo de Hollywood está á procura do seu vindeiro Señor dos Anéis ou dun Harry Potter que levar á boca, a DreamWorks, após de se facer cos dereitos para o cinema, vai tentar converter a série de libros Children of the Lamp de Philip B. Kerr na franquía que lles dea o éxito e mais os cartos. Lee Hall escribira un esbozo de guión antes de que escomezara a pasada folga de guionistas, pero agora teñen a tarefa de converte-lo nun guión completo, para o cal seica xa confiaron en Dave Guion e Michael Handelman. Ainda non hai un director vencellado para este proxecto, que tampouco conta coa luz verde para escomezar o desenvolvemento.
Children of the Lamp é unha série de catro libros que trata dunha família de dijinn (unha espécie de xénios das tradicións árabes) que se disfrazan de seres humanos, pero ainda poden conceder-lles desexos. A história céntra-se en dous dijinn xemeos, John e Philippa Gaunt (coma dos descendentes de Guillermo o Conquistador) e o desafío que suporá para eles adaptar-se no mundo da máxia e da concesión de desexos. Mentres afinan as súas habilidades, deberán anfrontar-se aos poderes do mal, para manter un balance entre as forzas do Ben e do Mal. As súas aventuras levarános dende o seu fogar natal en Manhattan até os nevados cúmios das montañas de Nepal.
Prémio Xatafi-Cyberdark 2008
A Asociación Cultural Xatafi ven de anunciar aos gañadores dos terceiros Prémios da Crítica de Literatura Fantástica Xatafi-Cyberdark de 2008, concedido ás millores obras de literatura fantástica, ciéncia-ficción e terror editadas o ano anterior, segundo o critério dun xurado composto por Lola Coll, Juan Manuel Santiago, Ricard Ruiz, Mariano Villarreal e Arturo Villarrubia.
No apartado de libro de ficción español, dotado con 350 euros, o gañador foi Nadie me mata, de Javier Azpeitia (Tusquets). Na sección de relato nacional, dotado con 150 euros, o prémio foi para El día señalado, de Enrique Vila-Mata (Exploradores del abismo, Anagrama).
The Road (A estrada), do escritor de Providence Cormac McCarthy foi o libro gañador no apartado de millor libro estranxeiro, mentres que os relatos En pos del Libro de Arena, de Rhys Hughes e Macs, de Terry Bisson (Cuando los osos descubrieron el fuego, Alianza editorial) foron ex-aequo os gañadores do prémio de millro relato estranxeiro.
Este ano concedeu-se asemade un prémio á millor iniciativa editorial en español, que recaiu ex aequo na Editorial Edhasa pola reedición da obra de Michael Moorcock e na editorial Valdemar polo segundo volume recopilatório de toda a narrativa fantástica de H.P. Lovecraft.

