O galego xa non é rendíbel
Nunha era na que a meirande parte dos espectadores reclaman máis cinema en versión orixinal, hai quen ainda láia-se porque Indiana Jones non falará nunca en galego. E é que o último filme desta popular saga non foi traducida porque a Xunta renúncia a dobrar os filmes á nosa língua. Asi o explicou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que se decanta por se centrar na Internet e nos telefones móbeis como médios para potenciar o galego. A razón argumentada é que dobrar os filmes é demasiado caro.
A lei do mercado foi o motivo que esgrimiu a Xunta a se decantar por recorrer a outros suportes menos caros. Asi, as actuacións agora destinadas a potenciar o galego nas salas de cinema mudarán-se por outras destinadas á Internet e á telefonia móbil. Blogues e páxinas Web persoais serán algúns dos obxectivos de Política Lingüística.
Cuestións coma o alto prezo esixido para a dobraxe de filmes ou a dificuldade de predicir se un filme será ou non comercial converteron ao cinema nun “eido non seguro” que se ve ameazado polas novas tecnoloxias do audiovisual.
A demanda por Watchmen
Un xuiz ven de denegar a petición da Warner Bros. na que solicitaba que se desestimase a demanda da 20th Century Fox polos dereitos para facer un filme baseado na novela gráfica Watchmen.
A senténcia é potencialmente unha grande vitória para a Fox, que quere facer-se cos dereitos sobre o filme (agora que xa está en produción o único que podería acadar é unha participación nos benefícios), e iso custaría á Warners moitos millóns de dólares considerando as probabilidades de éxito nos despachos de billetes. O proxecto, que leva en desenvolvemento case vinte anos, comezou a se facer realidade finalmente o pasado setembro, con Zack Snyder na dirección. A Warners ten prevista a estrea do filme, que conta con Patrick Wilson e Jackie Earle Haley coma protagonistas, o vindeiro 6 de marzo, o mesmo mes no que se estreara o ano pasado con grande éxito o filme 300, do mesmo director.
O xuiz conclúe decindo que a Fox posúe dende 1991 os dereitos de distribución sobre esta versión da clásica novela gráfica escrita por Alan Moore e ilustrada por Dave Gibbons, e engade que ainda que baixo o acordo asinado en 1994 co produtor Larry Gordon, este adquiriu unha opción para se facer cos dereitos de Watchmen, ditos dereitos nunca foron exercidos, deixando á Fox coma única posuidora dos mesmos segundo o devandito acordo de 1994.
Os cascos da Guerra das Galáxias
A Lucasfilm Ltd. e mais o deseñador de accesórios de teatro e vestiário inglés Andrew Ainsworth reclamaron a vitória para cadanseu bando cando o pasado 31 de xullo comunicou-se a sentenza pola batalla legal polos cascos dos soldados do Império da Guerra das Galáxias.
A empresa de George Lucas demandara a Andrew Ainsworth, o creador orixinal dos devanditos cascos para o filme orixinal de 1977, acusándo-o de vende-los pola Internet mália que o copyright pertence á Lucasfilm.
Anthony Mann, un xuiz do Tribunal Supremo de Inglaterra, dictou que Ainsworth violou os dereitos de autor da Lucasfilm nos Estados Unidos por vender os cascos naquel país. Pero ao mesmo tempo, rexeitou que a orde de prohibir a Ainsworth vender os cascos se puidera aplicar no Reino Unido (en 2006 un xulgado de Califórnia prohibira a Ainsworth vende-los). O xuiz dixo que as vendas de Ainsworth nos Estados Unidos, que equivalen a uns 30.000 euros, non eran abondo importantes como para obrigar-lle a cumprir unha orde dun tribunal estranxeiro.
O xuiz tamén rexeitou unha petición da Lucasfilm na que esixía a Ainsworth que recoñecera que o copyright dos cascos pertence á Lucasfilm. O xuiz decretou que baixo as leis inglesas, o copyright sobre os cascos xa expirou. O avogado de Ainsworth, Seamus Andrew, dixo que agora o seu cliente é libre de seguir vendendo os cascos en todo o mundo agás nos Estados Unidos.
O xuiz Mann rexeitou asemade a demanda de Ainsworth na que pedía que se lle recoñecese que el é o dono do copyright sobre os cascos.
Actualizacións en NOVA
NOVA FANTASIA non se actualizará até o vindeiro 26 de xuño por mor das vacacións que se tomará o persoal a cargo da empresa. Lamentamos os inconvintes que vos poida ocasionar este adiamento.
Terror en Castrelos
O Museu Quiñones de León de Vigo lanza unha actividade terrorífica para os vindeiros meses: as Noites Negras de Castrelos. Tráta-se dun espectáculo teatral inteactivo co que o público (en grupos de 25 persoas) fará un percorrido polo interior do edifício para coñecer a história do pazo dende o século XVII até a doazón ao povo nos anos 20.
A sorpresa, o incertidume e o sobresalto guiarán aos maiores de 18 anos (ou maiores de 14 acompañados dun adulto) polo interior e mais os exteriores do actual museu durante 90 minutos. Persoaxes coma a Santa Compaña, María Soliño ou o Marqués de Castrelos contarán unha história chea de adiviñas, deturpacións e sospeitas.
As visitas serán o 13 de xuño, o 11 de xullo, o 12 de setembro e mais o 3 de outubro. As entradas poderán comprar-se a partir do 10 de xuño no mesmo museu e costarán teres euros.
De viaxe con Alícia e Gulliver
Un paseo entre flores cantantes e figuras de xadrez no País das Marabillas da man de Alícia e unha visita aos continentes más extravagantes enchidos de criaturas xigantes e ananos darán-se cita mañán venres no Centro Cultural Caixanova (20:30 horas) da man do Teatro Negro Nacional de Praga, en xira dende hai un ano polos países latinos.
Luces, efectos multivisuais, música, baile, mimo, trucos de máxia e actores que voan permitirá que tanto nenos coma maiores se acheguen aos clásicos Alícia no País das Marabillas e As viaxes de Gulliver, mália que “non é un espectáculo só para nenos, senon que os maiores tamén poden mergullar-se nesta representación tan coidada“, afirma a rusa Carmen Vlada, coordinadora técnica do espectáculo.
Após de participar en 12 festivais internacionais e realizar xiras por 24 países de Europa, o Teatro Negro Nacional de Praga chega a Vigo, unha cidade na que o público “é moi receptivo e emocional” e no que os nenos “son os más agradecidos“, recoñece Vlada.
Mediante o arte da máxia e o ilusionismo do teatro negro, os obxectos aparecen e desaparecen pero “ninguén sabe o truco”, bromea a coordinadora técnica do espectáculo.
O espectáculo está dirixido por Pavel Marek e Emma Srncová, os propulsores do teatro nacido na Revolución do Veludo.

