Stephen King, moi grave
O escritor de novelas de terror Stephen King resultou gravemente ferido o pasado sábado 19 de xuño ó ser arrolado por unha furgoneta mentres camiñaba polo arcén da estrada en North Lovell, Maine. O escritor, de 51 anos de idade, posúe unha casa polos arredores, e foi obxecto dun accidente no que unha moto fixo perde-lo control a unha furgoneta, todo nun suceso moi semellante ó que el mesmo describe en Un saco de ósos.
King foi levado ó Hospital de Northern Cumberland, e dende alí transportado en helicóptero atá o Hospital Central de Maine, onde permanece en estado grave pero estable. O famoso escritor sofriu numerosas feridas no accidente, incluindo un pulmón perforado, a fractura da pelve e do cadril, e a perna dereita rota por dous sítios por debaixo do xeonllo.
Agora, Stephen King deberá ficar no hospital durante un periodo mínimo de dous ou tres meses, mentres pasa por unha série de operacións (mentres escribimos esta crónica xa pasou por dúas) co fin de repara-los danos na medida do posible. Posteriormente inda deberá superar un longo periodo de terápia de rehabilitación.
A 10ª Expofanzines, en marcha
O Colectivo Phanzynex convocou a décima edición da Exposición Internacional de Fanzines e Prozines (Expofanzines), integrada dentro do programa das XI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense e aberta a publicacións "amateur" de todo o mundo, adscribibles a todo tipo de temáticas. A 10ª Expofanzines e as Xornadas terán lugar nas instalacións da Casa da Xuventude de Ourense - unha institución senlleira na coordenación de actividades socioculturais para os novos - entre o 1 e o 9 de outubro deste ano.
Para participardes abonda con enviar un exemplar do(s) voso(s) fanzine(s); éste(s) sera(n) incluido(s) na exposición e máis no catálogo gratuito que se editará como de costume. É importante indicar claramente o enderezo postal (e electrónico, se é o caso), así como calqueroutro dato que creades interesante incluir no catálogo, especialmente se cambiou dende a anterior edición. Os novos títulos e números recibidos desde abril de 1999 aparecerán en negriña no catálogo, e recibirán maior espácio e comentários. Ademáis, algúns dos mellores fanzines serán destacados no número 6 do "Fanzine das Xornadas", que xunto co catálogo se remesará gratuitamente a tódolos participantes e a toda aquela persoa que o solicitar nos meses seguintes á celebración das Xornadas.
A data límite para ser incluido un título na Exposición e no catálogo é o 31 de agosto de 1999. A organización non pode garantir que os fanzines chegados despóis entren no catalogo, e dende logo non poderán en ningún caso aparecer no "Fanzine das Xornadas" nº 6.
Mandade os vosos fanzines a:
Colectivo Phanzynex
Rúa Manuel Murguía 15, 5ºD
32005 Ourense (Galiza)
E as vosas ideas, dúbidas, preguntas, ben ó enderezo anterior ou ben ó número de fax (+34) 988 249 930 ou ó corréio electrónico casaxou@teleline.es
Previsiblemente, na primeira quincena de xullo a organización tomaráse unhas vacacions; así pois, se facedes un envío que precise entrega asinada (por exemplo, paquete ou certificado) prevede que non chegue nesas datas, non vaia ser devolto. Procurade asimesmo que os datos do fanzine vaian no interior deste, en prevencion de posibles extravíos dos sobres e das cartas que acompañen. E se precisades algún exemplar mais dos catálogos ou Fanzines das Xornadas anteriores, podedes solicitalos gratuitamente ó enderezo da Expofanzines, e percurarán atende-la vosa petición no menor tempo posible, sempre que queden existéncias. Tamén podedes pedir vía e-mail a versión RTF (só texto) do catálogo (zip: 118K).
A Expofanzines 99 tamén incluirá, como aconteceu na anterior edición, unha sección de fanzines electrónicos (e-zines, fanzines virtuais) que figurará no catalogo - cunha entrada independente cada un, de non se-la versión electrónica dun fanzine "de papel", caso no que figurará na dese fanzine - e que contará cunha terminal de Internet na Exposición para visitar ditos fanzines on-line.
Para que un fanzine electronico poda participar na Expofanzines, abonda con enviar un e-mail, incluindo titulo, enderezo electrónico e postal e calqueroutro dato que se considere relevante, a casaxou@teleline.es.
Adéus ó Prémio "Juli Verne"
O Prémio "Juli Verne", o único que existía de novelas de ciéncia ficción escritas exclusivamente en catalán, non foi convocado este ano por problemas de esponsorización. O patrocinador habitual, a Banca Privada de Andorra, foi vendida pola Caixa de Catalunya a unha agrupación bancária suiza que decidiu reduci-los gastos destinados a cultura, onde o Prémio estaba encadrado. A verdade é que semella lóxico que os suizos non teñan especial interese en fomenta-la língua catalana, pero é unha xogada moi mala por parte da Caixa de Catalunya.
Nembergantes, os organizadores, o "Cercle de les Arts i les Lletres de les Valls d'Andorra", están a intentar conseguir un novo patrocinador para o vindeiro ano, xa que a súa intención é que o prémio continúe adiante.
Colección Internacional de Literatura Especulativa
Edicións Colihue S.R.L. convoca a escritores de ciéncia ficción, fantasía e terror a presentar obras para participaren da súa nova "Colección Internacional de Literatura Especulativa", dirixida por Eduardo J. Carletti e Bruno Henríquez. A colección incluirá antoloxías de relatos, coleccións de relatos, coleccións de relatos dun mesmo autor, antoloxías temáticas e novelas.
Poden participar autores de calquera nacionalidade con contos, coleccións de contos e novelas sen límite de tamaño, escritos en español ou traducidos a dita língua, inéditos ou xa publicados. As obras deben ser presentadas en Word (versión 6 en adiante). O pago dos dereitos será "o usual" nas coleccións da Editorial, pero non sabemos o que iso sinifica. Se queredes máis detalles ou enviar xa mesmo as vosas obras (iso si, traducídeas primeiro ó español), dirixídevos a: Eduardo J. Carletti, Anchorena 1517, (1714) Ituzaingó, Arxentina. Tlfne. (011) 4624-9267; ou ben no seu e-mail: ecarletti@giga.com.ar.
Sullivan, prémio Clarke
Os fans habituais axuntáronse no Science Museum de Londres para a presentación do cheque de 1.000 libras e o apoialibros de Clarke. En primeiro lugar, concedeuse un prémio especial da Asociación Inglesa de Ciéncia Ficción (BSFA) a David Pringle polo seu traballo en Interzone. Por certo, que seica os trofeios de 1999 da BSFA consisten en cuboides negros coas letras BSFA en Braille. Vaites.
Após duns intres de dramatismo, o administrador Paul Kincaid anunciou que o gañador do Clarke era Dreaming in Smoke de Tricia Sullivan, quen casualmente estaba presente para recolle-lo prémio. Seica a reacción máis habitual entre os congregados foi "vaites, eu non lin esa". Coma sempre, houbo rumores de balbordo no debate final do xurado, o que fai sospeitar que a decisión non foi unánime. De feito, John Jarrold boicoteou a cerimónia, porque dixo que só dous dos finalistas (The Extremes de Priest e The Cassini Division de MacLeod) tiñan calidade abondo.
Prémios Mythopoeic
Esta é a relación completa dos candidatos ós Prémios Mythopeic, uns dos máis prestixiosos nisto da fantasía:
- Literatura para adultos:
- Charles de Lint, Someplace to be Flying
- Neil Gaiman e Charles Vess, Stardust
- R.E. Klein, The History of Our World Beyond the Wave
- Patricia A.McKillip, Song for the Basilisk
- James Stoddard, The High House.
- Para nenos:
- Kara Dalkey, Heavenward Path
- Diana Wynne Jones, The Dark Lord of Derkholm
- Gail Carson Levine, Ella Enchanted
- Gerald Morris, The Squire's Tale
- J.K.Rowling, Harry Potter and the Philosopher's Stone.
- De investigación (sobre os Inklings):
- Lionel Adey, C.S.Lewis: Writer, Dreamer & Mentor
- Rolland Hein, Christian Mythmakers
- Walter Hooper, C.S.Lewis: A Companion & Guide
- J.R.R.Tolkien (ed. Wayne G.Hammond & Christina Scull), Roverandom.
- De investigación (outros):
- Susan Cooper, Dreams and Wishes: Essays on Writing for Children
- Michael Riley, Oz and Beyond: The Fantasy World of L. Frank Baum
- Marina Warner, No Go the Bogeyman: Scaring, Lulling, and Making Mock
- Donna R.White, A Century of Welsh Myth in Children's Literature.
Os prémios Mythopeic concédense anualmente, e entre as súas categorías máis destacables está a de investigación para as obras relacionadas co grupo dos "Inklings", que formaron J.R.R. Tolkien e mailos seus colegas universitários.
Antoloxía "Fabricantes de Sueños"
Xa se comeza a nota-la actividade da nova xunta directiva da Asociación Española de fantasía e ciéncia ficción (AEFCF), e así, durante o II salón do cómic, rol, estratéxia e ciéncia ficción de Madrid, a AEFCF presentou a antoloxía Fabricantes de Sueños, unha nova recompilación anual que non sabemos se ven sustituír ó clásico Visiones Futuras que adoitaban publicar tódolos anos, ou a unirse a el.
Segundo a nota oficial, a nova escolma de relatos que edita a AEFCF atopa a súa razón de ser no interese da AEFCF por cubrir coa actividade da Asociación aqueles eidos que os colectivos e publicacións particulares non acadan a realizar. Así, continúa a nota, "sempre botamos en falta unha selección regular dos millores relatos publicados en fanzines e revistas, unha publicación que remate coa escasez de antoloxías que padece o xénero fantástico en España e que faga habitual este tipo de compilacións".
Fabricantes de Sueños [Fabricantes de soños] é, ademáis, un cobizoso proxecto de colaboración entre publicacións especializadas. Mentres que os médios para a súa publicación proveñen completamente da AEFCF, na selección do contenido invitouse a participar a unha decena de revistas e fanzines, cúia opinión sobre os millores contos que publicaron nas súas páxinas tívose moi en conta á hora de elabora-la selección final.
O desexo da nova xunta directiva da AECFC é converter a Fabricantes de Sueños nunha antoloxía de periodicidade anual que conte coa colaboración de editoriais profesionais para a súa edición material e a súa distribución. Este prantexamento é imprescindible para facer da antoloxía o veículo para a promoción dos autores españois, e contan con poder facelo realidade nunha vindeira entrega.
Os autores seleccionados este ano en Fabricantes de Sueños foron:
Daniel Mares (autor de Mutis): madrileño, de trinta y tantos, publicou tres novelas curtas (Pastores de estrellas, 6 e La máquina de Pymblikot) e vários contos en diversos fanzines.
Félix J. Palma (autor de Aquel tren donde fuimos tan felices): de Sanlúcar de Barrameda, 30 anos, publicou dúas coleccións de contos (El vigilante de la salamandra e Métodos de supervivencia) e unha novela curta (El amante de vidrio), ademáis dunha trintena de relatos.
Elia Barceló (autora de Oscuro, como un cristal): reside en Innsbruck (Áustria), publicou dúas novelas (Consecuencias naturales e El caso del artista cruel), unha novela curta (El mundo de Yarek) e unha colección de relatos (Sagrada).
Luna García y García (autor de Ladrona).
David Soriano (autor de Historia sagrada).
Manuel Jesús Garrido Galera (autor de La caza).
César Mallorquí (autor de El decimoquinto movimiento): madrileño, autor El círculo de Jericó e de dúas novelas xuvenís (El último trabajo del señor Luna e La hermandad de Ehiwaz.
Armando Boix (autor de El sueño de la razón): sabadellense, publicou as novelas El Jardín de los Autómatas e El sello de Salomón e é editor do ciberfanzine Ad Astra.
VIII Prémio Pablo Rido
O xurado composto por Alfredo Lara (Editor da colección "Opar nuevas singladuras" e antigo editor do fanzine "Opar"), Luis García Prado (Editor do fanzine "Artifex" e da colección de novela curta "Artifex Minor"), Gabriel Martín Olivares (Membro do comité editorial da editorial Valdemar), Antonio García Soto (afeccionado e membro da "Tertúlia de Barcelona") e Héctor Ramos (afeccionado e membro da TerMa), resolveu o pasado día 4 de xuño outorga-lo prémio "Pablo Rido" na súa VIII edición a Daniel Mares, co conto Gómez Meseguer y el ogro Santaolaya.
En total participaron no concurso 51 contos procedentes de España, Arxentina, México e os Estados Unidos, sendo de destaca-lo notable incremento da participación Iberoamericana. Os finalistas, ademáis do xa mencionado como ganador, foron: Eduardo Vaquerizo, con Habítame y que el tiempo me hiele, Ramón Muñoz, con El paso del mar calmo e Transformándose, Alejandro Javier Alonso con De memorias ajenas.
O prazo de presentación de orixinais para a vindeira edición xa fica aberto dende agora. Para obtér máis información, premer neste ligame.
Finou DeForest Kelley
DeForest Kelley, o actor que interpretaba ó doutor Leonard "Bones" McCoy na série de Star Trek orixinal na tele, finou o pasado venres 11 de xuño, a idade de 79 anos. Kelley morreu no Motion Picture and Television Fund Hospital en Woodland Hills, Califórnia, onde estaba ingresado dende había meses cunha enfermidade terminal.
"Representaba a humanidade, e sentáballe ben", dixo o seu amigo persoal e tamén actor da mesma série, Leonard Nimoy (o señor Spock). "Era un compañeiro honrado, amigable e preocupado por todos, e será profundamente botado de menos".
Majel Barrett Roddenberry, a viúva do creador da série, Gene Roddenberry, foi citada no website oficial de Star Trek decindo: "Era realmente un dos homes máis destacados e intelixentes que camiñaron sobre a face da Terra. É a meirande perda que Star Trek terá nunca, agás Gene".
Kelley nacera en Atlanta, Georgia, o 20 de xaneiro de 1920, e deixa viúva á súa esposa de 55 anos, Carolyn.
Os prémios Saturno
A Académia de Cinema de Ciéncia Ficción, Fantasía e Terror anunciou os gañadores da 25ª edición dos prémios Saturno, que recoñecen ós millores no cinema e na televisión destes xéneros. Os prémios foron entregados o pasado 9 de xuño nunha gala celebrada no Park Hyatt Hotel en Century City, Califórnia, e os gañadores este ano foron:
- Millor película de CF (empate): Armageddon e Dark City
- Millor película de fantasía: O show de Truman
- Millor película de terror: Apt Pupil
- Millor película de acción/aventura/thriller: Salvar ó soldado Ryan
- Millro actor: James Woods (por Vampires)
- Millor actriz: Drew Barrymore (Ever After)
- Millor actor secundário: Ian McKellen (Apt Pupil)
- Millor actriz secundária: Joan Allen (Pleasantville)
- Millor director: Michael Bay (Armageddon)
- Millor guión: Andrew Niccol (O show de Truman)
- Millor música: John Carpenter (John Carpenter's Vampires)
- Millor maquillaxe: Robert Kurtzman, Greg Nicotero e Howard Berger (John Carpenter's Vampires)
- Millores efectos especiais: Volker Engel, Patrick Tatopolous, Karen Goulekas e Clay Pinney (Godzilla)
- Millor série de TV: Expediente X
- Millor séries de TV por cable: Babylon 5
- Millor actor nunha série de TV: Richard Dean Anderson (Stargate SG-1)
- Millor actriz nunha série de TV: Sarah Michelle Geller (Buffy Cazavampiros)
Ademáis, concedéronse prémios especiais ó escritor Ray Bradbury, ós directores William Friedkin (O Exorcista) e Nathan Juran (O ataque da muller de 50 pés, ó actor James Coburn e ó restaurador de películas David Sheppard.
A académia é en realidade unha organización non lucrativa fundada en 1972 polo Dr. Donald A. Reed. Inda que nos alegremos moito de que dean prémios á nosa actriz favorita (Drew Barrymore), o certo é que os Saturn seguen sen ter nin o máis mínimo prestíxio.
O fanzine das Xornadas
Seiscentos envíos (coma sempre, gratuitos) do catálogo da Expofanzines e do número 5 de "O Fanzine das Xornadas" (este último, só ós que enviaron material para esta edición) foron por fin remitidos hai dúas semáns por correio, deixando os paquetes para América do Sul e do Norde (máis de douscentos) para a primeira semán de xullo.
O encargado da organización, Henrique Torreiro, láiase da excesiva tardanza en enviar este material, que foi acompañado, para aforrar tempo, da convocatória da Expofanzines 99. A tódolos motivos usuais de atraso sumouse finalmente a dificultade de se adaptaren ás novas normativas de Correios (como saberedes, agora non se poden mandar envíos coma "impresos" se son menos de 500, e eliminouse a modalidade de "impresos por vía aérea", polo que os envíos ás Américas poden tardar meses en chegar). Esta nova normativa impediu ir facendo envíos pouco a pouco, conforme os fosen preparando, e obrigoulles a buscar outra forma de remesa-lo material ás Américas.
O catálogo da 9ª Expofanzines contén 44 páxinas, capas en bicolor e 1.149 entradas de fanzines de 25 países. Entre eles, e por certo ben destacado (graciñas pola deferéncia) aparece o noso querido NOVA fantasia. Hai dispoñible unha versión RTF (só texto), compatible coa maioría dos procesadores de texto, e pode remesarse vía e-mail ós interesados. Ocupa 739 K.
No tocantes ó "Fanzine das Xornadas", é o número 5, ten 32 páxinas, capas en córes, e fala de banda deseñada (cómic) e artigos diversos.
A Expofanzines e as Xornadas de banda deseñada de Ourense son unha actividade que se leva desenvolvendo dende hai xa dez anos na cidade das Burgas, coa partecipación cada vez máis intensa e importante de todo o mundiño do cómic e do fanzine en xeral. Este ano abriuse por primeira vez un apartado para os fanzines electrónicos, entre os que está o noso.
Os EE.UU. invaden Europa
Segundo informan os nosos colegas de BEM web, atópase dispoñible na Internet a versión completa da novela Murmullos en el cielo en formato HTML, do escritor español José Antonio Suárez (autor tamén de Telura). Transcurre nun presente alternativo onde os Estados Unidos invadiron Europa.
Impactos do Terceiro Milénio
Por primeira vez, Juan José Aroz vai editar un número especial da súa coñecida colección Espiral CF. Está prevista a súa distribución no mes de xullo, de seguido de El nacimiento de Baas, do médico logroñés Roberto Ruiz.
O título da recompilación é Impactos en el tercer Milénio, e o seu contido está formado por 14 relatos dos 16 escritores que pasaron pola colección, dende E. Gallego e G. Sánchez atá o autor do nº 17 deste ano, Carlos F. Castrosín. A portada foi realizada por Carlos Lombana, licenciado en Belas Artes pola Universiade do País Basco. A extensión do volume será dunhas 250 páxinas a un prezo coma sempre moi baixo. Para elo, aumentaráse sensiblemente a súa tirada.
O incansable Aroz confía en tér unha resposta positiva dos afeccionados a esta iniciativa. A variedade e calidade do contido está garantido: calquera, sexa o seu estilo favorito o que sexa, atopará algún relato do seu agrado. Máis información no website de Espiral.
IV Concurso Bucanero
Xa está convocada a nova edición do concurso de ficción Bucanero de "Miraguano Ediciones", que admite obras de ficción escritas en español. A extensión máxima dos relatos é de 25 páxinas en A4 a dobre espazo, e o prazo de presentación remata o 15 de outubro de 1999.
O primeiro prémio consiste en 50.000 pesetas en libros da editorial Miraguano. Ademáis, o relato gañador publicarase nun dos números de Bucanero do ano 2000. Máis información na páxina dos concursos literários. O novo enderezo do correio do fanzine Bucanero é: Fanzine_Bucanero@mail.com.
Colección Gigamesh
Coma xa vos informamos en anteriores servizos informativos de NOVA, veñen de aparece-los dous primeiros números da colección de libros Gigamesh. O nº 1 é Cuarentena, de Greg Egan (1.850 pesetas) e o nº 2 é Las puertas de Anubis de Tim Powers (1.950 ptas). O director da colección, Alejo Cuervo, anunciou os títulos dos vindeiros números, inda que sen precisa-la data de aparición: Lámpara de noche, de Jack Vance e Las estrellas mi destino, de Alfred Millorer.
En breve
A WB Network por fin decediuse a emiti-lo capítulo final da série Buffy cazavampiros no que a protagonista gradúase no coléxio, mália que retrate actos de violéncia semellantes ós dos institutos americanos onde ultimamente seica está de moda liarse a tiros cos compañeiros.
Ray Bradbury, Robert Silverberg, A. Merritt e Jules Verne entrarán no Salón da Fama da Ciéncia Ficción e a Fantasía durante a Conferéncia Campbell deste ano, que será o 9 de xullo no centro de alumnos da Universidade de Kansas en Lawrence. Na cerimónia tamén se anunciarán os gañadores dos prémios John W. Campbell e o Memorial Theodore T. Sturgeon.
Os actores de Star Trek Brent Spiner (Data) e Rene Auberjonois (Odo) protagonizarán o musical da Disney Geppetto. ¡Aggfs!
Ven de crearse unha nova lista de correio pola revista mexicana de ciencia ficción, fantasía e terror Umbrales. Para apuntarse, enviade un e-mail, sen título nin texto, a mailto:umbrales-subscribe@egroups.com.
Debutou a série Independence Day na televisión americana. Din que mesmo lle quitou o primeiro posto na audiéncia a Expediente X.
A Electronic Arts informa que xa vendeu máis dun millón de cópias do seu xogo futurista de construcción de cidades SimCity 3000. Por certo, e inda que non nos paguen pola publicidade, volo recomendamos.
Os fans do protagonista da série infantil Hércules desexan que a súa estrela o sexa de verdade, e están a axuntar cartos para que unha estrela da constelación de Hércules leve o nome de Kevin Sorbo. Iso si que é amor.
Os Estúdios USA anunciaron que xa teñen sustituto para a súa caprichosa estrela Kevin Sorbo, quen decediu abandoa-la série por non cobrar abondo. A série, tamén emitida en España, Hercules: The Legendary Journeys será sustituida por dúas novas: Cleopatra 2525 e Jack of All Trades. Se chegan por aquí algún día, dirémosvos de que van.
O pasado 15 de xuño saiu á venda a terceira parte do xogo de CF da Interplay Descent.
FTL é unha nova ciberrevista de ciéncia ficción, editada desde Inglaterra por Wendy Graham, con colaboradores coma Patrick Moore, Ian Stewart, Jack Cohen, Rog Peyton e Dave Holmes. O seu enderezo é: http://ftlmagazine.com.
O popular locutor da rádio americana Howard Stern e o antigo productor executivo da série Sliders, Tracy Torme van desenvolver unha nova série para a TV, unha comédia de CF titulada Doomsday.
A protagonista da série The Profiler (emitida por Antena 3) Ally Walker deixará a série para comeza-la súa própria carreira. Inda non se sabe ren da súa sustituta, ou de se aparecerá en máis episódios, pero non crémos que os espectadores se decaten demasiado.
Fox Interactive asegura que está a traballar nun patch para o seu xogo Aliens versus Predator que por fin permitirá ós xogadores gravar as súas partidas. Atá agora, os milleiros de desesperados usuários do xogo non podían facelo.