[22:49 14/09/04] Ao dicer adeus ao robot dourado despois de case trinta anos, Anthony Daniels derramou unha bágoa morriñenta polo criado mecánico que mudou a sua vida: "Oh, si, houbo bágoas. Foi un adeus moi emotivo", dixo Daniels verbo da sua última escena como C-3PO, o androide que se converteu nunha icona dos filmes da Guerra das Galáxias.
A sua última escena no sexto e derradeiro filme da série de George Lucas non tivo nengun tipo de máxia embriagadora para o actor. Os efeitos dixitais encarregan-se diso: "Rematei a rodaxe do último filme a semana pasada. Para a última toma, tiven que camiñar por un corredor azul deixando atrás un fondo azul e falando con alguén que non estaba alí", explicou o actor. A vinganza do Sith chegará ás pantallas o vindeiro mes de maio e completará a triloxía de filmes anteriores ao trío de filmes orixinal, que contan a história que había atrás daquela batalla entre o ben e o mal nunha galáxia moi afastada que triunfou nos 70 e 80.
Para Daniels, non é ningún segredo dicir cal é o seu favorito dos seis filmes: "A primeira conectou con todo o mundo. Ainda funciona como un filme divertido e brillante. Ainda ten vida".
Cando Lucas decidiu remontar-se atrás na história de Anakin Skywalker, Daniels non o tivo tan claro: "A devoción de George polos efeitos dixitais descompensou os filmes. Demasiados personaxes virtuais fan que a história fique sometida", afirma.
Para Anthony Daniels, de 58 anos, intepretar a un robot pesado que soa como un remilgado mordomo inglés transformou a sua carreira. "El abriu-me o camiño cara esa estraña clase de imortalidade. A xente ten-lle moito agarimo e a sua imaxe perseguiu-me por todo o planeta", di, mentres lembra a incomodidade de se pasear polo deserto tunecino co seu uniforme metálico para facer história do cinema.
Ainda que os críticos sempre admiraron a boa sintonía que existiu entre C-3PO e R2-D2, para Daniels non foi o mesmo: "Estaba falando comigo mesmo todo o tempo. Foi unha experiéncia moi solitária. Estaba pechado nunha caixa e tiña un amigo que non falaba comigo".
[22:49 14/09/04] "En televisión é todo tan políticamente correcto que dan ganas de vomitar. Estamos cheos de famílias encantadoras, hai que facer cousas diferentes e divertidas", manifesta Álex de la Iglesia, cineasta basco que realizará para Telecinco a primeira "película para non durmir", O cuarto do neno, con Leonor Watling e Javier Gutiérrez.
Recén chegado do Festival de Cinema de Toronto, onde apresentou a sua última longametraxe, Crimen ferpecto, que se estreará o 22 de setembro, De la Iglesia asegura que o espectador vai pasar moito medo co seu primeiro traballo de ficción para a pequena pantalla, médio no que fixo decorados e dirixiu o espazo Inocente, inocente.
"O meu debut na ficción televisiva é con "O cuarto do neno", unha história de terror familiar porque afortunadamente non todas as famílias son perfectas", reitera o director, guionista e produtor, que xunto aos seus colegas Mateo Gil, Jaume Balaguerò, Paco Plaza e Enrique Urbizu, forma parte do ciclo de seis filmes para televisión baseado nas xa clásicas Histórias para non durmir, de Chicho Ibáñez Serrador.
"Recuperar esas histórias fantásticas e de terror é un proxecto que ven de lonxe, eu mesmo tentei poñe-lo en pé, pero era complicado porque non estamos a falar da fórmula série de televisión, se non de seis filmes de 70 minutos cadanseu ao estilo de "A pegada do crime". Non había maneira de erguer esta idea que, grazas ao acordo Filmax-Telecinco, hoxe é unha realidade", afirmou.
[22:49 14/09/04] O Instituto Galego das Artes Escénicas (Igaem) convocou a decimoterceira edición do Prémio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais inéditos escritos en galego. O galardón ten unha dotación económica de 6.025 euros.
O instituto publicará a obra premiada na colección "Os libros do Centro Dramático Galego", que coedita con Edicións Xerais. Tamén apoiará a sua posta en escena atendendo aos seus obxectivos de difusión e promoción do teatro.
[22:49 14/09/04] Após do recente éxito conseguído co videoxogo Doom 3, a famosa série de acción en primeira persoa atopa-se no momento ideal para dar o chimpo ao cinema. Se ben o filme fora confirmado con anterioridade, asi como o seu protagonista (The Rock), ainda non se coñecia a identidade do director responsábel do proxecto.
Agora confirma-se a participación como director de Andrzej Bartkowiak, quen conta no seu historial con filmes de acción tan "bós" coma Romeo debe Morrer ou Nacer para morrer, ambos os dous con Jet Li como protagonista. Este director, coñecido polos seus filmes cheos de golpes e artes marciais, tamén foi o responsábel de devolver a Steven Seagal ao mundo do cinema. Fixo-o a través do filme Ferida Aberta, grazas ao que o actor de acción voltou ao estrelato despois de tres anos sen traballar.
Descoñecen-se os nomes dos actores secundários que poderian aparecer en Doom, pero coñecendo os gostos de Bartkowiak, non seria estraño ver a intérpretes como DMX, Tom Arnold ou mesmo Mark Dacascos.
[13:48 19/08/04] Nunha decisión que non sorprendeu a ninguén, a Industrial Light & Magic foi a escollida por Steven Spielberg para facer os efectos especiais na película A Guerra dos Mundos, o vindeiro proxecto de Spielberg que está a ser acelerado estes días.
[0:45 20/08/04] Finou o compositor Elmer Bernstein mentres durmía na sua casa de Califórnia aos 82 anos. Ainda que foi nominado en 14 ocasións ao Oscar, só gañou unha vez con Thoroughly Modern Millie. O seu millor traballo foi Os Sete Magníficos, pero tamén compuxo a música de filmes do xénero coma Os Cazapantasmas, Como ser John Malkovich, Wild Wild West, Moonraker ou Un lobishome americano en Londres.
[13:48 19/08/04] O creador de Buffy Cazavampiros e Angel, Joss Whedon, dixo nunha recente entrevista que está preparado para regresar ao universo de Buffy (o Buffyverso) con telefilmes unha vez que reciba a luz verde da WB. Ademáis, afirmou que estaría encantado de ser o director da nova película sobre a Patrulla X, agora que botaron a Bryan Singer.
[13:48 19/08/04] A Comisión Federal de Comunicacións (órgano que nos Estados Unidos ocúpase de moitas cousas, entre elas da censura na tele) rexeitou por unanimidade a queixa dun grupo conservador contra un episódio de Buffy Cazavampiros no que os protagonistas practicaban sexo. Afortunadamente, fixérono sen espirse, e iso salvounos.
[21:04 24/08/04] A nena protagonista da versión orixinal de O Exorcista, Linda Blair, está a aparecer nos trailers para a cuarta película da saga (recén estreada nos EE.UU.): Exorcist: The Beginning, pero a actriz, actualmente de 45 anos, só recibe 279 dólares ao día por esa "interpretación". Guy McElwaine, presidente da empresa productora de Exorcist: The Beginning, dixo que lamenta o enfado de Blair polo escaso pago, pero que é o legal.
[21:04 24/08/04] O Great Ormond Street Hospital, o hospital infantil inglés que é proprietário dos direitos de copyright sobre o libro Peter Pan, está a procurar un escritor que faga unha segunda parte do libro e así poder seguir recebindo pagos polos devanditos direitos, que expiran en 2007. En 1929, J.M. Barrie donou os direitos de autor ao hospital, que de todos os xeitos néga-se a informar da cantidade que recibe anualmente por este concepto.
[22:41 23/08/04] Os creadores de South Park, Matt Stone e Trey Parker, veñen de facer unha paródia do filme Thunderbirds con escenas de monicreques mantendo relacións sexuais. O polémico dúo quere crear controvérsia para darlle publicidade á súa película Team America: World Police na que se mofan do presidente George W. Bush e da súa procura das inexistentes armas de destrucción masiva.
[22:41 23/08/04] Após do terrible fracaso de Dragóns e Mazmorras, a segundaparte do filme non contará copn case ningún dos actores orixinais. O único que quere seguir é Bruce Payne, quen interpretaba a Damodar.
[0:45 20/08/04] Agora é o guionista de comics Warren Ellis o que está a publicar unha "bitácora" na que dá información dende os estudios de gravación da serie Global Frequency (adaptación dunha das súas obras impresas). A serie estrearase en marzo de 2005 nos EE.UU. e estase a rodar en Canadá, onde o guionista toma imaxes co seu teléfone móbil.
[0:45 20/08/04] O actor Julian McMahon é o último grande nome vencellado ao papel de James Bond. O australiano úne-se deste xeito a outros candidatos: Orlando Bloom, Jude Law e Clive Owen.
[22:49 14/09/04] O actor inglés Dougray Scott seica ven de bater na liña de meta aos seus competidores (Eric Bana, Ioan Gruffud e Clive Owen) na competición por se facer co papel que até agora ostentaba Pierce Brosnan como James Bond. O protagonista de Matar a un rei, de 38 anos de idade, obtivo o cobizado papel após de manter duras discusións coa produtora dos filmes de Bond, Barbara Broccoli, e será o séptimo actor que apareza enfundado no traxe do aposto axente secreto da Súa Maxestade británica.
Scott fará a súa primeira aparición na 23ª película de James Bond após de que a Eon Productions decidira que quería voltar a ter un un actor máis novo na liña do seu colega escocés Sean Connery, segundo revelan vários xornais ingleses. Un voceiro da produtora dixo: "Os produtores anceiaban devolver a Bond unha figura máis sexi pola que Sean foi tan famoso. Obviamente para Sean non é posible voltar á súa idade, así que procuraban un actor xove con características semellantes. Dende entón Barbara e Dougray estiveron mantendo conversas, e ela coida que el será o perfeito novo 007 para o século XXI". Brosnan anunciara hai dous meses que non voltaría a ser novamente James Bond.
[21:04 24/08/04] A actriz Sigourney Weaver deixou caer que podería considerar participar noutra entrega da saga de Alien, para explorar o "lado escuro" do seu persoaxe, a tenente Ellen Ripley. Weaver quere que a série regrese ás súas orixes para se enfocar na psicoloxía dos persoaxes.
[21:04 24/08/04] Din que o persoaxe Clark Kent podería realizar un cameo na agardada Batman Begins, e dado que este filme fala sobre o pasado de Batman, a aparición de Tom Welling interpretando a Clark Kent no filme está cantada. Xa veremos.
[4:50 27/08/04] O actor Nathan Marlow (famoso por aparecer na versión americana de Grande Irmán) dixo nunha recente entrevista que viña de facer unha proba para interpretar ao Home de Aceiro na vindeira película de Superman que vai dirixir Bryan Singer.
[4:50 27/08/04] O guionista e director Kevin Smith comentou nunha entrevista que podería abandoar o proxecto de Green Hornet porque a súa última película, Jersey Girl, foi un desastre nos despachos de billetes e agora perdeu a súa confianza para dirixir un proxecto de grande orzamento.
[2:29 26/08/04] O director Daniel Petrie (1920-2004) finou de cancro o pasado 22 de agosto. Petrie acadou a fama con séries televisivas coma Marcus Welby e Studio One nos anos 50 e 60, e pasou-se á ciéncia-ficción cos filmes The Neptune Factor e Cocoon: O regreso. Ao longo da súa vida obtivo oito prémios Emmy.
[22:57 31/08/04] Todo fica na casa: Dakota Fanning ven de asinar para interpretar á filla de Tom Cruise no vindeiro filme de Steven Spielberg, A Guerra dos Mundos. Fanning xa protagonizara o anterior traballo de Spielberg, a minisérie sobre ovnis Taken, pero seica non se encontrou co director durante as rodaxes...
[22:57 31/08/04] Centos de fans de Star Trek despedíron-se de James Doohan (Scotty) na súa derradeira aparición, nunha convención en Los Angeles o pasado 29 de agosto. O actor, de 84 anos, decediu retirarse após de ser diagnosticado co mal de Alzheimer hai uns meses. Doohan, quen tamén sofre de Parkinson e diabete, enviou bicos á multitude e participou nunha charla titulada "A influenza de Scotty na sociedade".
[4:49 27/08/04] A 20th Century Fox está a instar ás igrexas americanas para que convenzan aos seus fregueses para que merquen o DVD do controvertido filme de Mel Gibson A Paixón de Cristo. Os estudos enviaron 260.000 cartóns postais ás igrexas ofrecendo envíos masivos do filme, así coma máis de seis millóns de mensaxes de correio electrónico. O DVD será lanzado ao mercado o vindeiro día 31.
[4:50 27/08/04] Un voceiro da Lucasfilm negou tallantemente os rumores que apuntaban a que George Lucas planeara tres novas partes da súa saga da Guerra das galáxias. O rumor percorrera a Rede durante estes días, seica espallado por websites un tanto aborrecidas.
[4:50 27/08/04] A compañía proprietária do espectáculo dos tigres brancos en Las Vegas rexeitou entregar o vídeo co ataque dos animais contra Roy Horn. As autoridades investigan posibles violacións na lei de benestar dos animais.
[0:21 17/09/04] O actor Gary Oldman, fiel á súa fama de indisciplinado, ven de abandoar a rodaxe do Episódio III da Guerra das Galáxias (A vinganza do Sith) porque seica di que rexeita traballar ilegalmente fóra dos Estados Unidos. O protagonista de Harry Potter e o prisioneiro de Azkaban chegara ao acordo de poñer a voz do cabaleiro Jedi malvado Xeneral Grievous nesta nova película, pero deixou a produción porque esta realíza-se fóra dos límites do Sindicato de Actores e das regras que este organismo impón nos Estados Unidos.
O voceiro de Oldman explicou que "Gary estaba emocionado e anceiaba traballar no filme. O problema é que a película está feita sen membros do Sindicato de Actores. Isto sinifica que Gary estaría a traballar ilegalmente fóra do país. Deixando á parte o respecto e mais a solidariedade cos outros membros, el non podería e nin tan sequera consideraría violar a regras deste sindicato".
[21:31 03/09/04] Scarlett Johansson unirá-se a Ewan McGregor para protagonizar o thriller de ciéncia ficción The Island. Michael Bay (Armageddon) será o director, baixo a producción da DreamWorks e cunha data de comezo da rodaxe fixada xa para o día 25 de outubro. O filme vai sobre un home "perfecto" que vive nunha illa utópica, de onde tentará fuxir.
[21:12 03/09/04] Dende o luns 6 a canle privada Telecinco comeza unha nova programación para a noite dos luns. Novos casos de CSI: Miami substituirán á série Embrujadas, que se estivo a emitir todo o vran. Pero, iso si, sen rematar con todos os episódios desta sexta tempada. Non se sabe se chegarán emitirse algunha vez.
[22:57 31/08/04] A actriz gañadora do Oscar Charlize Theron resultou ferida durante a rodaxe do seu novo filme, Aeon Flux en Alemaña, e seica non se decatou até despóis da gravidade da súa leixón, producida mentres facía ela mesma as escenas máis arriscadas. A rodaxe tivo que ser paralisada até que se recupere. Aeon Flux é un filme de ciéncia ficción sobre unha plaga que aniquila á humanidade, e Theron interpereta a unha sexi guerrilleira adicada a loitar contra o governo.
[0:21 17/09/04] A compaña teatral Dispara Teatro propón, dende esta noite até o domingo, un drama emocional que recrea a derradeira noite de Edgar Allan Poe. Escrita e protagonizada por Javier Tenías e José Manuel Camín, a obra desenvólve-se nun ambiente onírico, no que Poe, acompañado de Griswold, o seu biógrafo e "amigo", e de Leonor, musa e personificación das mulleres da sua vida, vive as suas derradeiras horas.
Dispara Teatro contou co grupo zaragozano de rock Sick Brains para confeccionar a banda sonora desta sesión de teatro titulada Poe. A obra será representada os días 16, 17, 18 e 19 de setembro na sala Ensalle, esta noite e mais o domingo ás 21:30 horas, mentres que os outros dous días comezará ás 22:30 horas. O prezo da entrada é de 9 euros.
Dispara Teatro céntra-se nun tipo de montaxes escénicas onde prima a interpretación e a estética do literário; pretende oferecer propostas dinámicas e vincular-se cun tipo de teatro independente que cada vez emerxe con máis forza fronte ao tópico que afirma que só gosta a comédia.
[0:05 23/09/04] Tim Allen, o carismático actor cómico americano, coñecido por aquí por mor da súa série Un chapuzas en casa, asinou contrato para protagonizar o filme Zoom´s Academy. Tras este nome agocha-se un filme de superheroes baseado nunha novela gráfica de Jason Lethcoe, que ademais contará coa producción de Jennifer e Suzanne Todd (Austin Powers).
Peter Hewitt (Bill & Ted's Bogus Journey) será o director do filme e tentará recuperar popularidade após do escaso éxito sementado a nível internacional coa adaptación de Garfield. A história do comic orixinal apresenta a unha xoven nena chamada Summer Jons como protagonista, ainda que seica no filme se mudarán numerosos detalles do guión. O responsábel de dotar dun guión consistente ao filme foi Adam Rifkin (Pequenos Guerreiros), que con todo o seu xeito centrou a atenzón da história no personaxe de Allen.
Ademais desta producción, Tim Allen ten na súa axenda Christmas with the Kranks e unha terceira entrega de Santa Clause para o próximo ano 2005.
[20:28 20/09/04] A nai do actor escocés Dougray Scott ven de negar os informes da prensa (dos que se fixo eco tamén NOVA fantasia) respeito dos cales o seu fillo había ser o novo intérprete do axente secreto James Bond. Rumoreába-se que o protagonista de Matar a un Rei, de 38 anos, batera ao protagonista de O rei Artur Clive Owen e ao intérprete de Hulk Eric Bana para sustituir a Pierce Brosnan na 23ª película de Bond, após de discusións con Barbara Broccoli. Pero a nai de Scott, Elma Scott, dixo: "O meu outro fillo David contactou con el ao respeito dos últimos rumores e lle dixo que non é certo. Ten outros compromisos, así que certamente non hai ren que dicir neste intre". Scott ven de anunciar que ten plans para facer un filme titulado The Cone Gatherer, previsto para o ano que ven, no que interpreta a un obxector na Segunda Guerra Mundial que é enviado a traballar a Escócia.
[20:30 09/09/04] A actriz Rosario Dawson (Men in Black II) foi unha das moitas arrestadas nunha manifestación anti-Bush e acusada de dous cargos por escándalo público e obstrucción da policía. Dawson estaba a filmar unha escena para a película independente Medium Cool en Manhattan o pasado 29 de agosto, usando manifestantes contra a Convención Nacional Republicana como telón de fondo.
[13:14 09/09/04] O guionista Robert Lewin finou o pasado 28 de agosto aos 84 anos de idade de cancro de pulmón. Lewin escribiu moitos episódios da primeira tempada de Star Trek: a nova xeración e tamén traballou no show The Man from Atlantis. Ademáis, foi ún dos produtores da série Star trek: a nova xeración, incluindo o primeiro episódio, Encontro nun punto afastado.
[12:48 15/09/04] O cómic Identity Crisis da DC ven de converter-se nun éxito de vendas por mor dos temas escuros dos que trata: seica a minisérie de sete episódios comeza nada menos que coa violación da muller do Home Elástico, ún dos compoñentes da Liga da Xustiza. Din mesmo que algúns artistas e creadores xa anunciaron que non pensan volver a traballar coa DC despóis disto.
[12:48 15/09/04] Confírma-se que a canle SCI FI ven de asociar-se co director Ridley Scott para facer un remake de A ameaza de Andrómeda (película e libro orixinais de Michael Crichton) e mais con Frank Darabont para unha nova versión de A Cousa (película orixinal de Jonh Carpenter e libro de John W. Campbell). Está claro que xa non se paran a explorar alternativas...
[18:59 25/09/04] O guionista e director Frank Darabont confirmou nunha recente entrevista que definitivamente vai dirixir unha nova versión para o cinema da clásica novela de ciéncia ficción de Ray Bradbury, Fahrenheit 451 nun futuro cercano: "Eu quería rodar esta película dende que tiña nove anos. Coido que é a denúncia máis elocuente dunha política fascista e intolerante que xamáis foi escrita".
Darabont, que xa conta cun guión para Fahrenheit 451, engadiu que "é particularmente relevante para a nosa actual sociedade, onde a definición de patriotismo é retorcida para sinificar o contrário ao que debería ser. A sociedade sempre tende a ser opresiva, e iso é sobre o que escribiu Bradbury. Escribiu como un berro dende o corazón, como reacción contra a era McCarthy. Así que é moi axeitado outra vez, dende o meu punto de vista. Á parte diso, é sinxelamente unha moi boa história".
O director de The Shawshank Redeption e de A Milla Verde engadiu que ignorou totalmente a existéncia da versión de Francois Truffaut de 1966 sobre Fahrenheit 451: "Realmente pérde-se nun montón de niveis", dixo Darabont. "É unha película moi suave e sen vida, nonsí? Para unha obra de literatura tan apaixoada a película era moi parada. Tamén, en termos visuais, rapazolo, non che hai nin punto de coparación entre o que podemos facer hoxe e as cousas limitadas que podían facerse daquela".
Por exemplo, Darabont tentará incluir ao can mecánico de Bradbury: "Eles nin tan sequera tentaron incluir ao can mecánico nos días de Truffaut", dixo o cineasta. "Estou anceiando poñer todo iso na pantalla. Eran tempos primitivos, pero coido que probabelmente quereramos facelo como unha combinación de animatronics e animación por ordenador".
[0:05 23/09/04] Dous proxectos de telesérie de animación galegos particiciparán no Cartoon Forum, que desde esta noite e até o vindeiro sábado celebrarán-se no Auditório de Galiza, en Compostela. A cita é a mais importante xuntanza europea de profisionais da animación: produtoras, distribuidoras e cadeas de televisión. Este foro serve, entre outras cousas, como lugar de encontro entre os produtores e as televisións para a adquisición de séries de animación.
Dous produtores galegos teñen proxectos selecionados entre os case setenta que participarán nesta edición do Cartoon Forum. Filmax Animation apresenta unha série baseada no seu filme Pinocho 3000, estreado o pasado verán. Pola sua parte, Grándola Nova apresenta unha série de 13 capítulos baixo o título O labirinto dos soños, e que ten como ponto de partida un CD-ROM interactivo distribuído no seu dia pola Editorial Galaxia.
O foro da animación europea reunirá a perto de 800 persoas procedEntes de 28 paises, incluídos algÚns representantes do mercado asiático. Durante estes próximos tres dias poderán-se visionar os 69 proxectos selecionados, ao tempo que se debaterán algúns dos xeitos fundamentais da animación para televisión: público receptor, técnicas de animación, e a utilizazón do 3D nas futuras teleséries. O Cartoon Forum finalizará o vindeiro sábado cunha gala organizada pola Televisión de Galiza na que se elixirá a millor curtametraxe de animación europea.
Entretanto, o evento servirá como ponto de encontro para os negócios da animación. Os organizadores aseguran que Cartoon ten servido nos 15 anos de existéncia para concitar negócios por valor dun billón de euros. Ao mesmo tempo, tamén se indica polo Cartoon Forum que a indústria da animación subpón, a dia de hoxe, o 25% do total da produción audiovisual europea, unha porcentaxe que foi medrando nos últimos anos.
Desta porcentaxe de produción, Franza aporta o 30% das obras e Inglaterra algo mais do 20%. España colocou-se nos últimos anos en terceiro lugar ao contribuir co 20% da produción.
Os organizadores destacaron tamén o papel que xoga Galiza neste sector e sinalaron o esforzo realizado polas produtoras locais por estar ao dia na utilizazón das tecnoloxias mais recentes.
[0:05 23/09/04] Desde hai sete anos, a Federación de Asociacións Españolas de Star Trek (FAEST) que aglutina a diversos clubes de afeizoados á Ciéncia Ficción, e concretamente á devandita telesérie, organiza este evento para que sirva como ponto de encontro e troco de pontos de vista tanto aos trekkies españois como aos afeizoados á ciéncia ficción en xeral.
Durante todo ese tempo, con moito traballo e unha dose enorme de ilusión, a organización conseguiu que o evento pase de ser unha celebración totalmente amateur, pero na que a amizade e o espírito festivo primaban sobre todo, a un acontecimento cada vez mais profisional e ilusionante, no que sen perder o espírito orixinal, ian-se inserindo actividades cada vez mais sérias e divulgativas. Até que este ano se produciu a culminación de dito proceso, sendo a primeira vez que podemos afirmar que a Espatrek vai ser un congreso equiparabel a todos os que do mesmo tipo se veñen celebrando no resto de Europa desde fai moitos anos.
Este ano, o congreso celebra-se nun hotel de catro estrelas: Hotel Cavanna, da Manga do Mar Menor (Cartaxena, España) Celebrarán-se actividades impartidas por profisionais de recoñecido prestíxio estatal e internacional coma Luis Muiño Martínez, Miguel Angel Sabadell, Cels Piñol e Roger Nygard, cun acto estelar consistente nunha conferéncia de Denise Crosby, actriz da saga e primeira vez que un protagonista de Star Trek vai a España a un encontro con afeizoados.
Ademais como todos os anos, os directivos de Paramount Home Entertainment de España celebrarán un encontro cos asistentes.
Isto como actos principais dun programa que se completa con mesas redondas, diversos talleres de manualidades, obras de teatro e provocación, concursos, proxeccións, e un abano de actividades que serán do gosto de calquera trekkie que se prece.
[12:48 15/09/04] Perpetual Entertainment anunciou que ven de adquirir os dereitos para facer un xogo on-line con milleiros de xogadores baseado no universo da saga Star Trek, concretamente no espazo temporal da série Star Trek: a nova xeración. A compaña ten planos para que todo estea listo en 2007.
[12:48 15/09/04] Margot Kidder, a actriz que deu vida a Lois Lane na película de Superman, non está enferma e encerrada nun psiquiátrico, coma moitos acreditan, e de feito vai facer unha pequena aparición na estrea da sexta tempada da série Smallville, nun papel relacionado co que fixera Christopher Reeve na mesma série.
[12:48 15/09/04] O director mexicano Guillermo del Toro está xa tan afeito a Hollywood que xa pensa non só na segunda parte de Hellboy, o filme que ven de se estrear e que el dirixiu, senón que xa vai alén e fai planos para a terceira parte: "Encantaríame facer de "Hellboy" unha triloxía", dixo a un grupo de fans nun chat.
[12:48 15/09/04] O voceiro da Lucasfilm, Jim Ward, dixo que a compaña defende o dereito do director da Guerra das Galáxias, George Lucas a facer alteracións na triloxía orixinal que axiña há aparecer en DVD: "El coida firmemente no dereito dun artista a apresentar a súa obra do xeito que el queira apresenta-la".
[18:59 25/09/04] O proxecto dunha nova entrega na saga de Terminator abre unha grande incógnita en Hollywood, onde se preguntan se sinifica o regreso ao cinema de quen foi o seu protagonista até a data, Arnold Schwarzenegger, agora governador de Califórnia.
Arestora xa existe guión de Terminator 4, do que se encarregaron os mesmos guionistas da terceira entrega, John Brancato e Michael Ferris. O seu traballo foi supervisado polo director de Terminator 3, Jonathan Mostow, quen se fixo cargo da série criada por James Cameron, director das duas primeiras entregas. Mario Kassar e Andy Vajna tornarán como produtores nun proxecto que está listo para dar comezo no ano 2005.
Fronte a estes elementos está a incertidume de se o seu protagonista nas tres entregas anteriores, Arnold Schwarzenegger, estará disponíbel para a rodaxe. Os nosos informadores dinnos que o actual governador está a negociar un papel "limitado" nesta cuarta entrega.
[19:04 21/09/04] Richard Dean Anderson, máis coñecido por estes lares polo seu papel protagonista de McGyver, ademáis de Stargate SG-1, foi honrado cunha medalla e mais cunha visita ao Pentágono por parte da Asociación da Forza Aérea. Esta asociación é civil pero moi vencellada ao exército americano e queren así recoñecer a laboura a prol da Forza Aérea da série Stargate SG-1.
[1:45 27/09/04] Arrepíos e outros medos é un libro que recolle cen histórias de terror e fantasmas tiradas da tradición oral galega. Con este volume, os seus autores Xosé Miranda e Antonio Reigosa inícian un novo camiño na reelaboración da literatura oral: o das lendas de Galiza.
A lenda é un relato oral breve (cando menos nun princípio) que toca crenzas da sociedade na que se conta, na que a veces aflora a presenza de seres míticos, e narrado sempre coa intención de que sexa crido. A lenda leva, á par do argumento, algúns motivos que a fagan verosímil: un lugar concreto, próximo ou coñecido, e uns protagonistas relacionados co narrador ou co oínte, que serven de testemuñas de que o que se narra non é unha invención. A lenda, pois, aínda que poida repetirse nun e noutro sítio, está moi vencellada a un lugar.
Este libro, primeiro da nova colección "Lendas de Galiza" de Edicións Xerais, ten como fío condutor a presenza do medo, unha das emocións primixénias e máis fortes do ser humano. Lendas onde están presentes lobos, bruxas, demos e trasnos, homes do saco, ánimas, fantasmas e outros terroríficos indivíduos que teñen por función advertir dos riscos que se poden correr en determinados lugares, sexan camiños perigosos, fragas e bosques ou evitar a posible mala influenza de determinadas persoas. Cen lendas galegas reelaboradas e reescritas, a partir de testemuños orais, que pretende que o lector de hoxe goce coa experiéncia literária do medo.
[0:12 23/09/04] O director Peter Jackson está tan decidido a asegurar-se de que os ceos están libres de vóos de aeronaves durante a rodaxe do seu vindeiro filme King Kong, que ven de alugar os servizos dun avión espía. O cineasta, autor da triunfal O Señor dos Aneis, está desesperado por evitar que algunha escena do filme incorpore por accidente algún avión moderno (King Kong está ambientado nos anos 20). Jamie Bell, unha das estrelas da película, dixo: "O problema é que estamos en Nova Celándia e a Qantas pasa polo ceo todo o tempo".
[19:56 21/09/04] Segundo nos informa o seu próprio autor, Xesús Manuel Marcos, o libro O brindo de ouro ven de se publicar e xa está nas librarías de toda Galiza. O brindo de ouro, unha novela de temática fantástica, fora a gañadora do Prémio Merlín deste ano outorgado pola Editorial Xerais.
[1:45 27/09/04] O Cartoon Forum pechou-se o sábado con espléndidas expectativas para as duas séries galegas de animación que concurrían ao evento, e atoparon sócios de producción e direitos de emisón para acabar o seu desenvolvemento.
Segundo explicou-se na conferéncia de prensa na que se avaliaron os resultados desta cita da animación para televisión, os dous proxectos galegos apresentados a este foro conseguiron completar a sua financiación: Pinocho 3K e O Labirinto dos soños.
O Cartoon Forum elaborou unha listaxe de asisténcia ás distintas exibicións durante estes catro días. O proxecto mais visto foi o inglés The secret show, que reuniu a 282 convidados. As produccións galegas ficaron na parte alta da clasificazón. Pinocho 3000 resultou ser a oitava mais vista, con 166 asistentes, e O Labirinto dos soños a décima, con 153.
Na listaxe de produtores e inversores o mesmo proxecto inglés ficou por diante con 147 asistentes, mentres que o proxecto da Filmax atinxiu o posto 16, con 60 asistentes, e a producción de Grándola Nova o 21, con 54 asistentes. Segundo a organización, a celebración do Cartoon supuxo un movemento económico global de 8,7 millóns de euros para un total de 23 séries que foron finalmente financiadas.
O tipo de produccións apresentadas a esta edición do Cartoon indica o domínio que o 2D ten na animación televisiva. Dos 69 proxectos apresentados no foro compostelano, 27 estaban elaborados neste formato. A variedade fica representada con formatos coma o Flash, que atinxiron un 10% do total. A utilización mista de 2D e 3D subpuxo un 20% das produccións apresentadas.
A clasificazón dos proxectos apresentados segundo a idade do público ao que van destinados está claramente dominada pola franxa que abrangue dos seis aos doce anos. O 73% das produccións apresentadas en Compostela estaban dirixidas a ese público e só un 6% estaban destinadas a adultos. O humor e as aventuras dominan os argumentos case coa mesma contundéncia.
O curto Fast Film, de Virgil Widrich, que anima imaxes de filmes clásicos, foi o gañador do Cartoon d'Or que se fallou na gala que pechou o Forum.
[19:51 28/09/04] A compaña Marc Toberoff's Intellectual Properties Worldwide ven de adquirir os dereitos para o cinema do cómic Groo the Wanderer, unha paródia de Conan moi coñecida nos Estados Unidos e creada polo español Sergio Aragones.
[19:51 28/09/04] A edición ampliada en DVD de O Señor dos Aneis: O Retorno do Rei aparecerá o vindeiro 14 de nadal, con 50 minutos de escenas extras engadidas, comentários do director Peter Jackson e máis de 30 membros do reparto e da equipa técnica.
[19:51 28/09/04] O escritor inglés Arthur C. Clarke foi o gañador da cuarta edición do Prémio Heinlein. O galardón homenaxea a aqueles autores que publicaran libros relevantes de ciéncia ficción "hard" ou traballos de tipo técnico verbo da exploración espacial. Clarke, moi débil de saúde, agradeceu o prémio vía satélite desde a súa casa en Colombo, Sri Lanka.
[19:51 28/09/04] Frank Darabont confirmou que planea escribir e dirixir unha versión cinematográfica do conto de terror de Stephen King A brétema. Darabont xa dirixiu anteriormente outros traballos baseados en obras de King: The Shawshank Redemption e A milla verde.
[21:31 29/09/04] A Lurker Films ven de anunciar que será a compañía que acolla o 11º Festival Anual de Cinema H.P. Lovecraft no Hollywood Theater en Portland, Oregón, do 1 ao 3 de outubro. A Lurker Films (antes coñecida por Beyond Books) foi fundada en 1995 por Andrew Migliore para promocionar películas e programas de televisión directa ou indirectamente inspirados nas obras de Lovecraft.
O festival acollerá a centos de asistentes chegados de todos os Estados Unidos e Canadá. No decurso do mesmo van-se exhibir cinco longametraxes: The Resurrected, Dead & Buried, The Crimson Cult, The Last Wave e Quatermass 2. O festival acollerá asemade curtametraxes, invitados musicais, vendedores e debuxantes.
Neste festival participou hai dous anos o filme semigalego Dagon e é unha celebración do cinema baseado ou inspirado nas obras do mítico escritor de contos de terror H.P. Lovecraft ou en calquera dos seus discípulos.
[16:46 03/10/04] Mel Gibson, produtor e director de A paixón de Cristo, obtivo unha orde de restricción contra un home que lle perseguía, segundo di, para pedirlle que rezaran xuntos. Zack Sinclair, un vagamundo de 34 anos, é outro dos tolos que decediron ver o filme de Gibson e foron imbuidos polo poder de Deus, quen falou con eles e lles pediu cousas estúpidas. No seu caso, foi condeado por amolar a Gibson á saída da súa igrexa e impedirlle rezar ao seu Deus, polo que o xuiz ordeou que non se lle volvera achegar.
[16:46 03/10/04] Para todos os fans de Superman e Batman, non vos perdades esta pequena xoia, un trailer dunha película fictícia, World´s Finest ("Os millores do mundo") cunha producción moi coidada e fiel á imaxe dos cómics. Por outra banda, o seu director Sandy Corolla ven de anunciar capedwonder.com, a sua alianza co tamén director Guillermo del Toro para comezar a filmar, a finales deste ano, un guión orixinal escrito por David Leslie Johns.
[16:46 03/10/04] O vindeiro luns 25 de outubro ás 20:30h no Auditorio do Concello de Vigo poderedes ver dentro do ciclo que organiza para este mes o Cineclube Lumière Wolfzeit, ("O tempo do lobo"), un filme alemán de 2003 que foi prémio ao millor guión no Festival de cinema de Sitges do ano pasado. Na mitoloxía xermánica, o momento anterior ao Apocalipse no que se traspostan os valores e caen as máis altas torres coñécese como "O tempo do lobo". Unha familia de clase média (pai, nai e dous fillos) foxe da catástrofe ocorrida na cidade para ir á súa casa de campo. Pensan que así lograrán librarse do caos xeralizado, mais axiña, e moi a pesar deles, irán decatándose do erro.
[23:05 30/09/04] O 27 de setembro morreu aos 74 anos John E. Mack, atropelado por un condutor bébedo en Londres. O médico americano, que nos últimos 15 anos atinxiu certa notoriedade polos seus libros sobre presuntas abduccións extra-terrestres, atopábase en Londres participando nun simposio. Mack, antes de se converter nun paranóico das abduccións, gañara o prémio Pulitzer pola sua biografía de Lawrence de Arabia A Prince of our Disorder en 1976.
[21:31 29/09/04] As superestrelas de Hollywood Russell Crowe, George Clooney, Tom Hanks e Hugh Jackman están a desenvolver unha dura batalla para acadar o papel protagonista da adaptación ao cinema do best-seller O Código Da Vinci. O director do filme, Ron Howard, terá que escoller que actor encaixa millor no papel de Robert Langdon, quen descobre pistas nos cadros de Leonardo Da Vinci que lle conducen a atopar un mistério relixioso que foi protexido por unha sociedade secreta ao longo dos últimos 2.000 anos. O autor da novela, Dan Brown, está nestes intres moi ocupado defendéndo-se da demanda que lle interpuxo Lewis Perdue, quen di que o libro é un pláxio dunha ideia súa e está a planear unha película rival sobre o libro co rei dos "reality shows" americanos Mark Burnett.
[23:32 04/10/04] Tim Robbins e Miranda Otto engadíron-se ao reparto do novo filme de Steven Spielberg A Guerra dos Mundos. Robbins fará dun astrónomo chamado Ogilvy, e Otto será a muller do protagonista, interpretado por Tom Cruise. Dakota Fanning (actriz de Taken) será a súa filla no filme.
[23:32 04/10/04] Simon Kinberg ven de asinar para escribir o guión do terceiro filme na saga dos X-Men, X3. Kinberg xa ten a experiéncia prévia de guionizar Elektra e Os Catro Fantásticos.
[23:02 30/09/04] Nunha recente entrevista o famoso director Mel Brooks anunciou que está a traballar no guión dunha secuela de Spaceballs, a lembrada paródia de Star Wars. Ademáis, Brooks confirma a sua aparición no filme, repetindo o divertido papel de Iogurte, personaxe que imitaba a Ioda.
Ainda non hai data de estrea para a comédia, pero segundo o mítico produtor "no mellor dos casos unha semana despois da estrea do novo filme de 'Star Wars', e no pior dos casos un ano despois da citada estrea". Tampouco hai detalles verbo do reparto, no cal orixináriamente atopában-se actuais estrelas do cinema coma Rick Moranis (retirado da actuación, xa que traballa como dobrador), Bill Pullman (nun bo momento con filmes do estilo de The Grudge ou The Orphan King), ou John Candy (falecido no ano 1994).
Daquela, seica tóca-nos agardar para disfroitar coa volta de Mel Brooks, quen dirixiu o seu último filme no ano 1995 (Dracula: Dead and Loving It).
[23:33 04/10/04] O director australiano Russell Mulcahy, responsábel de Os Imortais, foi escollido como candidato ideal para realizar dous novos filmes de Mortal Kombat. A terceira e cuarta entrega contarán, a priori, cunha história enlazada. A terceira película, que comezará a se rodar en novembro en China e Austrália, titulará-se Mortal Kombat: Devastation, e o cuarto aparecerá baixo o nome de Mortal Kombat: Warzone, mantendo tamén no reparto a Cristopher Lambert.
[23:02 30/09/04] Juan Pedro Ortega, axudante de realización da série catalana Secrets de Família, axudante de producción da longametraxe A Viaxe de Arian e director, guionista e produtor de Mala Pata, unha curtametraxe que conseguiu ser selecionada en numerosos festivais españois e internacionais, debuta como director na pantalla grande cun filme do mais clásico xénero de terror: Ouija.
Clara (Montse Mostaza), unha xove e atractiva estudante de xornalismo, acaba de chegar á aldea onde vai pasar as suas vacacións. Xunto con Víctor (Ricard Sales), un apaixoado das "ciéncias" ocultas, formará un grupo de xoves que se reunirá para facer unha sesión de "ouija".
Para surpresa de todos, a táboa comeza a se mover desde o princípio. Un enigmático ser, que di chamar-se Audscias, comunica-se cos xoves a través da Ouija, propoñéndo-lles xogos eróticos e insinuantes que provocan a curiosidade de todos. Unha sesión tras outra o estraño ser perde a sua aparente inocéncia e comeza a pór a proba aos participantes, esixindo-lles que fagan cousas para el. Un deles rebela-se e, pouco despois, sofre un brutal acidente.
Ouija estrea-se nas salas de cinema españolas o vindeiro 22 de outubro.
[23:33 04/10/04] Nunha entrevista recente, Tom Hanks anunciou que até agora non coñecia os rumores que o situaban como posíbel protagonista da adaptación cinematográfica dos xoguetes "Transformers". Pero para surpresa de moitos, non se sentiu molesto polos rumores, todo o contrário, na própria entrevista tatareou a clásica melodía da série, co que aponta-se que estaria interesado se puidese dar vida a Optimus Prime (declaracións sempre en ton de humor, claro está).
[23:05 05/10/04] Os Prémios Eganet deste ano tiveron a un curioso finalista entre os candidatos ao prémio á millor Web de médios de comunicación: nada menos ca NOVAfantasia.com, a nosa benquerida ciberrevista. Pero o gañador foi a web de "La Voz de Galicia". Habería que preguntarse que clase de prémios son eses que poñen a un mesmo nivel ao quinto xornal de máis circulación de España e un website independente coma o noso. Por certo, entre os candidatos, NOVA é a única web feita en galego. Afortunadamente, os nosos enviados especiais poideron desquitar-se dando-se unha enchenta cunha mesa de petiscos só para eles dous!
[23:33 04/10/04] A xunta da Asociación Española de Fantasia, Ciéncia Ficción e Terror (AEFCFT) decidiu a concesión do Prémio Gabriel a Ángel Torres Quesada. Este prémio, criado en 1991, ten un carácter extraordinário, pois non se outorga todos os anos e recoñece a labor de toda unha vida no campo da fantasia, a ciéncia ficción e o terror en España. O Prémio entregará-se o 6 de novembro durante a cea de clausura de GADIR2K4-XXII HISPACÓN, no Pazo de Congresos de Cádiz.
[23:33 04/10/04] John Woo asinou contrato para dirixir o novo filme sobre os Másters do Universo. Ao seu carón atopará-se Adam Rifkin, quen adaptará o guión baseado na famosa série de televisión e nos xoguetes. Desta forma, He-Man voltará ao cinema após de protagonizar a finais dos 80 o seu primeiro filme, no que atopábamos a Dolph Lundgren no papel central. Ainda non hai nomes para o reparto, pero The Rock soa como candidato ideal para dar vida ao poderoso musculiños.
[23:05 05/10/04] A actriz Janet Leigh (1927-2004) finou o pasado día 3 de outubro. Leigh era coñecida sobre todo polo seu papel (polo que foi nominado ao oscar) de Marion Crane en Psicose. Leigh tamén apareceu en filmes do xénero fantástico coma Angels in the Outfield e Halloween H20: 20 Anos despóis. Neste último, foi a protagonista xunto á súa filla, a tamén actriz Jaime Lee Curtis.
[23:02 30/09/04] A Sociedade Británica de Fantasia (BFS) entregou os seus prémios correspondientes a 2004. A BFS deu a coñecer os prémios deste ano nunha cerimónia que tivo lugar durante o Congreso Británico de Fantasía celebrado o dia 26 de setembro no Quality Hotel, en Walsal. Esta é a listaxe cos gañadores:
[23:03 30/09/04] Os estudos da Metro Goldwyn Mayer (MGM), actualmente en proceso de ser vendidos a un grupo liderado pola Sony Corp. anunciaron o mércores a través dun voceiro en que ainda que van seguir producindo filmes normalmente, van deixar aparcado polo de agora o proxecto dunha nova película sobre o superaxente inglés 007. Así pois, o filme, do que xa se agardaba unha estrea para o mes de novembro de 2005, terá que seguir agardando.
Segundo o voceiro da MGM, a decisión do atraso tomou-se porque ainda non hai un director contratado e polo tanto a data de estrea terá que ser contra o ano 2006. Seica os cinco meses de negociacións que precederon o acordo coa Sony tiveron moito que ver neste atraso na procura dun director.
Pola súa banda, Pierce Brosnan engadiu máis leña ao lume, declarando que a súa auséncia no papel de James Bond podería ser prematura. Insistiu en que non está interesado en facer novamente o papel de 007, pero que iso non fora ningún anúncio da súa retirada e que todo se debeu a un malentendido co xornalista que lle fixera a entrevista. O que si que é certo é que a MGM non confirmou nunca que Brosnan non fora regresar ao seu papel.
[23:03 05/10/04] Após de protagonizar o filme de acción e aventuras Van Helsing, o recoñecido actor Hugh Jackman atópa-se nun momento delicado, con poucas películas en carteira de grande orzamento. A futura rodaxe de X-Men 3, a nova entrega dos mutantes da Marvel, lle permitirá volver a deleitar ao público, pero non se conforma con iso.
A Fox ven de dar a luz verde á secuela Wolverine, nome co que se coñece fóra de España ao persoaxe da Patrulla X Lobezno. Deste xeito, Jackman protagonizará a primeira película independente do famoso personaxe, que a bó seguro atraerá a todos os seguidores dos cómics e o cinema de acción.
David Benioff (o de Troia) foi contratado para guionizar a película, mentras que Lauren Shuler Donner e Avi Arad (xefazo dos Marvel Studios) serán os produtores.
[18:24 07/10/04] Dave Kajganich, actualmente escribindo o guión para os remakes dos clásicos A invasión dos ultracorpos e The Changeling, fará tamén un guión para adaptar unha vez máis ao cinema a novela de Stephen King Semitério de animais.
[0:46 07/10/04] Jan De Bont será o director da adaptación ao cinema da novela de Steve Alten sobre un tiburón prehistórico xigante, Meg. Guillermo del Toro será ún dos produtores deste filme sobre monstros mariños.
[0:46 07/10/04] A Marvel Enterprises ven de chegar a un acordo coa produtora francesa Antefilms Productions para crear unha série de debuxos animados baseada nos persoaxes do cómic dos Catro Fantásticos. O trato, anunciado o día 5 de outubro en Cannes, inclúe 26 episódios de média hora para emitir nos Estados Unidos a partir de 2006.
[0:46 07/10/04] A oficina de censura dos Estados Unidos, a MPAA, ven de poñer unha calificación de "R" ao filme Team America: World Police, por incluir unha escena de sexo entre monicreques. A escena en cuestión foi suavizada até nove veces para acadar por fin esta calificación.
[18:24 07/10/04] A canle detelevisión americana ABC fará unha minisérie de catro horas baseada na novela clásica de terror de Ira Levin Rosemary's Baby. A canle adquiriu así os dereitos para a televisión da novela na que se baseou a famosa película de 1968 de Roman Polanski e que interpretaran Mia Farrow e John Cassavetes e que coma xa saberedes, ía sobre unha muller que fica preñada cun fillo de Satán.
[18:24 07/10/04] Mália tér anunciado algúns planos para deixar o cinema mentres se concentraba na súa vindeira maternidade, Julia Roberts será a protagonista do filme fantástico Seven-Year Switch. Roberts, preñada de xemelgos, fará dunha muller que chega ao séptimo ano da súa relación e se lle concede a oportunidade de ver o que tería sido a súa vida se as cousas foran de xeito diferente.
[18:24 07/10/04] Rúsia ven de escoller como candidata para participar nos Oscar o thriller fantástico de Timur Bekmambetov Nochnoj Dozor ("A vixianza noiturna") para a categoría de millor filme estranxeiro na 77ª gala dos prémios.
[22:38 13/10/04] O director de Monster´s Ball, Marc Forsters, chega cun máxico conto no que por primeira vez relata a verdadeira história do autor de Peter Pan, James M. Barrie, e o elixido para a interpretar ao neno que non quería medrar é Johnny Depp.
A longametraxe conta os feitos desde que James Barrie ten por primeira vez a visión de Peter Pan, até que se estrea por primeira vez no teatro do Duque de York. O filme adentra-se na mente do escritor, e xunto a Depp aparecerá tamén outra xove actriz de rosto coñecido, Kate Winslet, dando vida a Sylvia Llewelyn Davies, a muller quen comparte a fantasía de Barrie.
O filme, ademais de posuir uns excelentes protagonistas (ambos nominados ao Oscar), conta tamén con secundários de luxo coma Julie Christie (Doutor Zhivago) e Dustin Hoffman, xa acostumado a aparecer en filmes onde Peter Pan ten algo que ver. O título da fita no Estado español será Descobrindo Nunca Xamais, e a estrea será o 14 de xaneiro do vindeiro ano. A distribuidora, Buena Vista International, asegura coma sempre un final feliz.
[0:35 14/10/04] O governador de Califórnia, Arnold Schwarzenegger, aprobou unha lei deseñada para coartar o medre das redes P2P, coa vista posta en salvar á indústria cinematográfica que lle apoiou nas suas cobizas políticas. A lei californiana SB1506 converte nunha falta trocar arquivos sen depositar un correio electrónico válido; ou noutras palabras, sen se identificar. O que ninguén explica é como se pode facer cumprir iso!
[22:38 13/10/04] Ven-se de facer pública a acta do xurado dos Prémios Domingo Santos 2004 que se encadra dentro dos actos do congreso español de ciéncia ficción e fantasia, a HispaCon, que terá lugar en Cádiz o vindeiro mes de novembro.
Os finalistas do prémio foron El contador de personas, Los amigos de mi padre, Sacarte dieciocho mil e Nadie es perfecto, e o gañador, por decisión unánime do xurado, foi El octavo jinete, de José Miguel Cuesta Puertes e José Rubio Sánchez, de Valéncia, España.
A entrega do prémio terá lugar durante a cea de honra que se celebrará na xa referida Hispacón "Gadir2K4", o dia 6 de novembro.
[20:59 15/10/04] A Asociación Cancerbero celebrará o sábado partidas de rol ao aire libre na rúa Príncipe en Vigo. A iniciativa responde ao 30 aniversario da creación do xogo Dungeons & Dragons e ten como finalidade dar a coñecer á povoación o desenvolvemento das partidas de rol.
A Asociación xuvenil de xogos de rol, cartas e estratéxia "Cancerbero", apoiada pola Concellería de Xuventude de Vigo, celebrará mañá sábado 16 de outubro, na rúa do Príncipe, unha serie de partidas de rol de demostración e introducción a este tipo de xogos.
O evento celébrase con motivo do 30 aniversario da creación do xogo Dungeons & Dragons (creado por Gary Gygax, tamén coñecido en España como "Dragones y Mazmorras" grazas á famosa serie de debuxos animados) e baséase nunha iniciativa da Asociación "Homo Ludens" para achegar os xogos de rol á xente da rúa e dalos a coñecer.
A actividade, que consistirá en várias partidas de diversos xogos de rol, terá lugar nun espacio habilitado para tal fin fronte ó Marco, e ten como cometido que a xente poida ver e comprobar por si mesma en que consiste un xogo de rol e como se desenvolve.
As partidas comezarán ás 18:00 e rematarán ás 21:00 h. Nelas participarán diversos membros da Asociación xuvenil Cancerbero. En caso de que o clima non sexa favorable a actividade será suspendida.
[20:32 14/10/04] Pierce Brosnan confirmou a un xornal canadiano que non foi el quen decidiu deixar de interpretar a James Bond: foi despedido. Brosnan dixo que anceiaba facer unha quinta película de 007, pero que os produtores Barbara Broccoli e Michael Wilson mudaron de opinión só unhas semanas após de lle ofrecer o papel.
[22:48 19/10/04] Din que o director Bryan Singer rematou a súa procura para atopar unha estrela capaz de levar a Superman ao século XXI, o descoñecido actor Brandon Routh. O cineasta, quen xa dirixiu X-Men, asinou un contrato este verán para facerse cargo do filme Superman Returns e anunciou dende o comezo que sería un actor descoñecido quen puxese as botas vermellas do Home de Aceiro, un papel que fixo famoso o recenetemente finado Christopher Reeve.
E o actor de 18 anos Brandon Routh, cuxo currículo á penas alcanza un par de aparicións en séries de televisión coma Will & Grace semella a elección perfecta para o heroe dos comics, segundo informou o xornal inglés The Sun. Un voceiro da Warner Brothers comentou que mália os rumores, non podía dar aínda ningunha información ao respeito.
Ademáis, din que a protagonista da série xuvenil The OC Mischa Barton e máis Topher Grace (da série inédita en España That '70s) están tamén en negociacións para se faceren cargo dos papeis de Lois Lane e Jimmy Olsen respectivamente.
[0:00 19/10/04] Segundo publica un xornal barcelonés, Sitges seguirá a ser fantástico e terrorífico. Disipou-se calquera dúvida que puidese rodear o futuro do certame, o Festival Internacional de Cinema de Cataluña, que este ano terá lugar entre o 2 e o 10 de decembro.
Para Àngel Salga, o seu director, Sitges reafirma na sua edición número 37 a aposta polo xénero fantástico e de terror. A contrapartida desta aposta total por este tipo de cinema é a desaparición da sección "Grande Angular", adicada ao cinema sen xénero: "Grande Angular era unha opción - suliñou Sala - mais própria dun certame xeralista como San Sebastián ou Valladolid. Nós, polo contrário, somos un festival que é unha referéncia mundial no xénero da fantasia, do terror e da ciéncia ficción".
Para avalar as suas palabras, Salga desgranou un adianto da programazón, dominada nesta ocasión polo xénero de ciéncia ficción. O festival, que acorta a sua duración por mor da celebración en Barcelona - un dia despois da clausura do certame - da entrega dos prémios Europeos de Cinema, contará coa estrea de filmes coma Sky Captain and the world of tomorrow, de Kerry Conrad, unha reconstrución do mundo dos cómics de ciéncia ficción dos anos cincuenta con actores como Gwyneth Paltrow, Jude Law ou Angelina Jolie e mais unha recriazón dixital de sir Laurence Olivier (con permiso dos seus herdeiros).
Tamén destaca a première de A pantasma da Ópera, adaptación realizada por Joel Schumacher do famoso musical escrito por Andrew Lloyd Webber (que asistirá ao festival), baseado á sua vez no romance de Gaston Leroux. E títulos coma Old boy, de Park Chan Wook; The Grudge, de Takashi Shimizu e Birth ,de Jonathan Glazer, protagonizado por Nicole Kidman, e que vai sobre a reencarnación do home da protagonista nun neno de dez anos.
Respeito á participación epañola, Àngel Salga subliñou The Maquinist, dirixida polo americano Brad Anderson e protagonizada por Christian Bale, o que será o novo Batman. Un filme que, mália o seu reparto internacional, é da produtora Filmax. Tamén participarán The birthday, de Eugenio Olla, ou O habitante incerto, de Guillem Morales.
Este ano Sitges potenciará, ademais, unha sección adicada ao audiovisual catalán, recuperando estreas recentes da súa cinematografía, curtametraxes, telefilmes, e dando acollida por primeira vez ao videoclip e á publicidade.
[20:59 15/10/04] Tal e coma vos anunciáramos en NOVA en exclusiva mundial hai uns días, Jim Caviezel está desexando "aterrizar" no papel protagonista de Superman Returns, o filme de Superman que se está a proxectar, porque seica o director Bryan Singer está a procurar un actor descoñecido. O protagonista de A paixón de Cristo admite que está a manter negociacións para se facer co desexado papel, pero teme ficar fóra da loita porque agora xa é demasiado famoso.
Caviezel dixo nunha recente entrevista que "sería un grande acordo, pero ainda non vin un guión. Gósta-me interpretar a persoaxes icónicos, e vexo o papel de Superman coma unha grande responsabilidade. Interpretar a Superman sería un grande reto. Non tiven encontros cara a cara con Bryan Singer. Todas as conversas foron a través de mediadores".
Pero Singer dixo hai pouco que "James Caviezel é un actor marabilloso, pero estou obrigado a procurar un actor descoñecido". Caviezel, pola súa banda, sabe que se consigue facer mudar de opinión a Singer, nunca podería superar ao Superman orixinal, Christopher Reeve, quen finou o domingo. Caviezel dixo que "Christopher Reeve é o meirande Superman que eu poida imaxinar. As películas orixinais trascenderon o que é común no cinema porque misturaron comédia e drama moi ben".
[20:59 15/10/04] Unha morena de cadrís estreitos e ollos esmeraldas revolotea por un deserto de reloxos derretíndose e perspectivas absurdas procurando ao seu amante. Teléfones xigantes levitando, ciclistas con cascos de pan pedaleando... todo isto e máis é Destino, o filme de Salvador Dalí e Walt Disney. Tan só dura seis minutos, pero esta xoia do fantástico ten símbolos abondo para que os historiadores e os psicólogos pasen anos ocupados.
O filme comezou a se realizar en 1946 pero foi arquivado por mor de dificultades financeiras, e foi completado por fin en 2003 por Roy E. Disney, actual presidente da Disney. Actualmente está a se mostrar por primeira vez en New York como peza central dunha exhibición na Animazing Gallery e para honrar o 100 aniversário do nacemento do xenial artista catalán.
A exhibición na Animazing Gallery será só até o 14 de novembro, e non hai prevista ningunha exhibición máis polo de agora.
[21:00 15/10/04] A canle televisiva Sci Fi Channel está a desenvolver unha minisérie titulada Darwin's Children, que explora o que acontecerá cando o seguinte paso na evolución humana se convirta nunha ameaza para os actuais seres humanos.
[20:32 14/10/04] Richard Gere deixou abraiados aos telespectadores dun programa matinal nos Estados Unidos cando só uns días despóis da morte de Christopher Reeve foi preguntado verbo do seu accidente cun cabalo a semana pasada. Gere respondeu que "Os homes de verdade non caen dos cabalos", tentando facer unha broma sobre si mesmo pero que non sentou nada ben aos fans do "Superman" Reeve.
[21:00 15/10/04] No "cinturón bíblico" dos Estados Unidos (unha série de Estados ultrarrelixiosos no Médio Este americano) están a planear celebrar este ano o Halloween en sábado no canto de facelo en domingo, porque pensan que celebrar esta festa en domingo ofendería ao seu deus.
[22:18 20/10/04] O boneco diabólico voltará en A semente de Chucky, a quinta entrega da popular comédia de terror protagonizada por Chucky, co debut como realizador de Don Mancini, o criador de Chucky e guionista dos cinco filmes. David Kirschner, o criador dos bonecos Chucky, Tiffany e Glen, volta como produtor acompañado de Corey Sienega. Despois do casamento de Chucky coa sua adorada Tiffany en A noiva de Chucky (ún dos poucos filmes dobrados ao galego nas salas de cinema), o boneco diabólico descobre que a sua família aumenta.
A semente de Chucky apresenta a Glen (cuxa voz na versión orixinal será a de Billy Boyd, ún dos protagonistas de O señor dos aneis), o fillo orfo de Chucky e da sua esposa Tiffany. Nesta nova entrega, xa totalmente do lado da comédia, vai sobre un filme que se está a preparar en Hollywood sobre a lenda urbá dos bonecos diabólicos, e Glen aproveita para os resucitar. Chucky non pode acreditar que o seu fillo non queira seguir os seus sanguentos pasos.
Coprotagonizan o filme a estrela do hip-hop Redman (facendo de si mesmo) no papel de rapeiro convertido a director, a actriz e cantante inglesa Hannah Spearritt e nada menos ca o famoso cineasta John Waters no papel de Pete Peters, un paparazzi da prensa amarela.
[19:05 16/10/04] A TVG anunciou que polas tardes (dentro da nova programación de outono) reporá Dragon Ball (xa sabedes, aquí cháma-se As Bolas Máxicas) por derradeira vez. Á parte tamén estreará Evangelion e seica din que reporán O Dr. Slump e Arale para despois estrear New Slump, a segunda parte deste anime fantástico.
[22:39 28/10/2004] Necromania, a mítica película póstuma de Ed Wood (considerado o pior director de cinema de todos os tempos), ven de ser redescoberta. Este filme de 1971 é un documental pornográfico sobre unha parella atrapada por un grupo de bruxas. Wood, director de A noiva do Mostro e Plan 9 do Espazo exterior, foi o protagonista dun filme de Tim Burton en 1994, protagonizado por Johnny Depp no papel do malfadado cineasta.
Necromania foi filmada en dous ou tres días cun orzamento de non máis de 7.000 dólares (5.500 euros), e as únicas cópias realizadas foron perdidas axiña após de rematado o filme. Rudolph Grey, escritor que fixo unha biografía de Wood e compañeiro entusiasta da súa obra, e mais o distribuidor cinematográfico Alexander Kogan desenterraron Necromania nun armacén de Los Angeles após de máis de 15 anos de traballo detectivesco. Hai un ano contactaran cos editores dun website pornográfico, que esta semana comezou a vender o filme en DVD por un prezo de 19,99 dólares (15,87 euros). O DVD conterá dúas versións do filme: unha soamente "erótica" e a outra decididamente pornográfica.
[21:54 26/10/2004] O proxecto IberCon, consistente en celebrar de forma conxunta en 2005 a Convención Hispana de Fantasía e Ciencia-Ficción (HispaCon) e os Encontros de Ficção Científica e Fantástico de Portugal, fundidos na primeira xuntanza ibérica do xénero fantástico da história, está en moi graves dificultades.
Este proxecto, promovido polo Colectivo vigués Nemo de Fantasía e Ciencia-Ficción dende o pasado 27 de Abril de 2004, coa colaboración máis ou menos activa da Asociación Gallega de Ciencia-Ficción (AGASF) e de Novos Segreis, ademáis dos cine-clubes Pontevedra e Lumière de Vigo, presentou-se perante catro administracións públicas, das cales dúas interesáron-se no proxecto. Non embargantes, polo de agora seica non se produciu ningún compromiso monetário e as conversas están actualmente en punto morto, esperando unha nova oferta das administracións públicas.
Dado que por razóns de organización, a data límite para concretar a organización do proxecto IberCon é o 29 de outubro, e que asumir a organización do proxecto sen ningún compromiso das administracións públicas sinificaría depender no económico exclusivamente de subvencións, patrocínios e venda de entradas, isto sinificaría un risco económico, porque o proxecto conta con gastos importantes como a tradución simultánea.
O Colectivo Nemo considera que "o proxecto de realizar na provinza de Pontevedra un acontecemento cultural de tanta importáncia atópa-se dificultado por prexuizos nas administracións públicas contra o xénero fantástico, como se os centos de asistentes non contaran ou os miles de euros que a cidade ingresaría non foran auténticos".
Este colectivo afirma que o risco económico de organizar o proxecto é inasumible para unha asociación sen ánimo de lucro como o Colectivo Nemo, que promove o proxecto de xeito totalmente desinteresado. Por todo elo, se non hai cambios antes deste 29 de outubro, o proxecto IberCon sería cancelado.
[21:38 25/10/2004] O antigo capitán Kirk, da série orixinal de Star Trek, William Shatner, está desexando facer realidade as súas viaxes alén do planeta Terra e ir "onda ningún home foi antes", após de asinar un contrato coa Virgin Galactic, a nave espacial privada que está a organizar viaxes ao espazo.
O actor canadiano e mais o roqueiro Dave Navarro están entre as máis de 7.000 persoas que xa amosaron o seu desexo de voar ao espazo e están agardando na listaxe de espera dos vóos espaciais comerciais da Virgin, segundo confirmou o xefe da compañía Richard Branson.
O vóo, de só tres horas e média de duración, que inclúe seis minutos d eexposición á gravidade cero, custa uns 210.000 dólares (160.000 euros) por persoa. Branson, quen xa anunciou os seus planos o mes pasado, dixo respeito da grande resposta da xente que "estamos estremadamente contentos porque iso sinifica que dalgún xeito o xogo que comezamos comeza a dar os seus froitos". A súa compañía espera poder comezar os vóos privados en 2008.
[20:41 17/10/04] A DC Comics ven de anunciar que a compañeira de Frecha Verde, Mia, vai descobrir axiña que é seropositiva. Este será o caso máis importante no que un persoaxe dos cómics de superheroes sexa portador do virus da sida. Mia ven sendo parte do universo de Frecha Verde dende que este resgatouna das rúas hai dous anos. O cómic levará un guión de Judd Winick, quen xa interveu no programa da MTV "The Real World" en 1993 adicado a esta enfermidade. Un dos seus compañeiros de cuarto no programa morreu de sida ao ano seguinte.
[21:52 03/11/2004] Hai uns días déron-se a coñecer en Frankfurt (Alemaña) os gañadores dos Prémios Phantastik 2004 aos millores do xénero fantástico naquel país. Os gañadores das categorías que máis poden interesarnos son os seguintes:
[0:48 03/11/2004] Os gañadores dos prémios mundiais da Fantasía 2004 (os World Fantasy Awards) foron anunciados o pasado 31 de outubro no decurso da Convención Mundial da Fantasía que se celebrou en Tempe (Arizona) durante o fin de semana do Halloween. Entre os xuices había nomes tan recoñecidos coma os de John Clute, Sherwood Smith, Michael Stackpole, Alain Nevant e Scott Wyatt, e o administrador dos prémios foi Peter Dennis Pautz. A listaxe dos gañadores é esta:
[18:38 01/11/2004] Moitos famosos loitan nestes intres por gañar algún preito nos xulgados. Por exemplo, Mel Gibson, director do filme sobrenatural A Paixón de Cristo, non quere declarar no Xulgado contra o indivíduo que quere "falar" con el para "rezar xuntos". O avogado de Gibson quere ampararse nunha lei de protección ás víctimas, pero o cristiano non está por escoitar aos máis desafavorecidos nesta ocasión e non quere fiarse do seu irmán de fe.
O actor Rip Torn (Star Trek) foi absolto de conducir bébedo por un xurado de New York o pasado xoves. O gañador dun Emmy, cuxo nome auténtico é Elmore Torn, fora acusado pola policía ao negar-se a aceptar levar postas unhas esposas mentres lle impedían ir ao baño. O xurado considerou que non se rebelou por estar bébedo, senón porque o trato ao que foi sometido foi humillante.
O antigo protagonista de O coche fantástico, David Hasselhoff, evitou por moi pouco ir ao cárcere e foi condeado a asistir a 50 xuntanzas de Alcoólicos Anónimos e a pagar unha multa de 200 dólares (157 euros) por conducir baixo a influéncia do alcool en Los Angeles.
Finalmente, a cantante (?) Britney Spears tivo que negar que apareza nalgunha escena da comédia de terror A semente de Chucky, da que xa vos faláramos hai uns días. Seica a estrela do pop tivo que prohibir o mes pasado que unha das súas cancións (Baby One More Time) servise de fondo sonoro a unha escena na que o boneco diabólico Chucky e máis a súa noiva aparecían practicando sexo.
[0:36 29/10/2004] Xa é totalmente oficial: a Editorial Planeta distribuiu unha nota de prensa na que anúncian que é o fin da relazón entre Marvel Comics e a empresa catalana. A Editorial Planeta DeAgostini informa a todos os seus leitores que, a partir do dia 1 de xaneiro de 2005, deixará de editar e publicar en España os cómics de Marvel Comics.
De igual forma, segundo continúa o comunicado, a Editorial Planeta DeAgostini "quere aproveitar esta ocasión para recoñecer e agradecer a todos os leitores, os colaboradores, os proveedores industriais e a distribución o voso apoio durante mais de 20 anos".
Mentres tanto, na páxina web de Panini publicou-se outro comunicado oficial no que informan que o vindeiro 26 de novembro Marco Lupoi, Director de Publicazóns do Grupo Panini, estará o próximo 26 de Novembro ás 18h. no Salón do Cómic de Madrid, para facer a apresentación oficial de Panini España S.A. como nova editorial de Marvel Cómics en España, ainda que de momento ainda non apresentaron a sua páxina web adicada á Marvel, xa que o enderezo que adquiriron no seu dia segue a redirixir á páxina xenérica de comics de Panini.
[22:16 22/10/2004] Sir Ian McKellen, o protagonista de O Señor dos Aneis, ven de denunciar as declaracións homofóbicas do seu colega actor Will Smith, quen afirmou en 1993 que non pensaba bicar a ningún home porque iso amolaría aos seus fans. Seica Sir Ian nunca esqueceu, nin perdoou. En fin, que ainda que esas verbas poden interpretarse como ún queira, once anos son moitos e se cadra agora Will Smith non diría o mesmo.
[22:16 22/10/2004] A Warner Bros. Pictures anunciou xa oficialmente que Brandon Routh, de 25 anos de idad e, e non de 18 coma se dixera, será o novo Superman no filme que se vai rodar en Austrália a partir de 2005. En Galiza puidemos velo nalgunhas aparicións en Will e Grace ou en Las Chicas Gilmore, dúas séries emitidas por TVE sen moito éxito.
[0:29 22/10/2004] Xa temos máis detalles (en forma de rumores) respeito de Superman returns: din que a banda sonora será a mesma que compuxera John Williams en 1978 para o filme orixinal. Ademáis seica usará os mesmos deseños de Krypton e da fortaleza da Soidade. Kevin Spacey podería facer de Lex Luthor, e desíncha-se o rumor de que Mischa Barton sexa Lois Lane ou que Topher Grace interprete a Jimmy Olsen.
[23:05 20/10/04] Os habitantes de Metropolis, unha pequena vila no Estado de Illinois (Estados Unidos), axuntáron-se na Praza de Superman o pasado 13 de outubro para rendir unha sentida homenaxe a Christopher Reeve nunha vixília con velas perante unha estátua do Home de Aceiro. Os asistentes fixeron doazóns á Fundación Christopher Reeve para a Parálise e asinaron no libro de condoléncias da família Reeve.
[22:50 19/10/04] Sarah Michelle Gellar ven de rexeitar repetir o seu papel como Buffy Cazavampiros na adaptación á pantalla grande que está a se preparar, de non ser que o guión poida convencela. Gellar, casada co tamén protagonista da mesma série Freddie Prinze Jr., dixo adéus ao seu papel de Buffy o ano pasado após de sete anos de duración da série, e inda que dixo que está contenta co final de Buffy Cazavampiros, coida que hai mercado para unha película.
[22:50 19/10/04] A famosa novela de Oscar Wilde O retrato de Dorian Gray, nunha adaptación teatral realizada por Fernando Savater, poderá verse o día 28 deste mes a partir das 20:30 horas no teatro sala de concertos do Centro Cultural Caixanova en Vigo. Dirixida por María Ruiz e interpretada por José Luis Pellicena, Juan Carlos Naya e Eloy Azorín, é unha das poucas produccións fantásticas que pode verse no teatro en Galiza, polo que cómpre non perdela.
[0:02 19/10/04] Nos Estados Unidos proibiu-se o estudo do relato Histórias de Homes de John Kessel cando, tras dar a escoller a profesora da clase de literatura de ciéncia ficción de Seaside (Oregón) aos seus alumnos a leitura deste relato ou outro de Mark Twain, unha estudante trastornou-se polo conteúdo sexual do relato. Despois de llo comentar a mencionada alumna á sua nai, o asunto foi levado á dirección do instituto, que lle comunicou á profesora que ese relato debia ser eliminado do seu curso de literatura. John Kessel ofereceu-se para falar cos profesores e pais de alumnos do instituto coa intención de lles explicar o relato e lograr que se retire a censura sobre o mesmo.
[21:45 26/10/2004] Juan José Aroz, editor da Editorial española de ciéncia ficción Espiral e creador do Prémio que leva o nombre da súa empresa, afirmou que por motivos de saude, van dar por pechado o devandito prémio. É dicir, que a quinta eidición foi a derradeira.
[21:44 26/10/2004] A organización da Hispacón de Cádiz ende anunciar que este ano terán como invitados especiais aos escritores Juan Miguel Aguilera, Javier Negrete e mais o polaco Andrzej Sapkowski, a quen chaman "o Tolkien da Europa do Leste". Ademáis, virá tamén o director mexicano de cinema Guillermo del Toro, responsábel de O espinazo do diaño, Cronos e Hellboy.
[21:44 26/10/2004] A Editorial basca Espiral ven de conceder o seu prémio de novela de ciéncia ficción en español, que este ano foi para La sed del dragón, do escritor madrileño Marco Herreras Díaz. O gañador léva-se de prémio non só a publicazón do seu libro, senón un cheque de 150 euros e mais unha placa acreditativa.
[21:44 26/10/2004] A série de animación infantil Scooby-Doo ven de gañar aos Simpsons en obter o récord mundial da série de debuxos animados con máis capítulos emitidos, chegando aos 350 co especial Scooby-doo Halloween. Scooby-Doo fora creado pola compañía americana Hanna-Barbera Productions en 1969, e xa se fixeron dúas películas para o cinema baseadas nela.
[0:02 09/11/2004] Cando semellaba que xa se dixera todo o posíbel no asunto de Pulpediciones, este comunicado do escritor Gabriel Bermúdez Castillo amosa que esa editorial continúa a praticar irregularidades que vulneran os direitos de autor:
"Sobre a edición da miña obra 'O Señor da Roda' por Riu Henares Producciones Gráficas S.L. e pola Asociación Cultural Metrópolis Milenio.
Tendo tido coñecemento a meiados de outubro do presente ano da edición a que se refire o encabezamento, fago constar o seguinte:
Nunca autoricei ás mencionadas entidades a publicar dita obra, nen tampouco asinei con elas contrato algun, segundo o estabelecido nos artigos 14 e 58 da vixente Lei de Propriedade Intelectual. Por iso reservo-me o exercizo das accións legais procedentes".
Pola súa banda, León Arsenal ven de transmitir a diversos méios de comunicación en español estoutro comunicado:
"Comunicado da A.C. Metrópolis Milenio:
Tendo chegado a coñecemento desta Asociación Cultural que o libro 'O señor da Roda', de Gabriel Bermúdez Castillo (ún dos títulos aportados pola editorial Pulpediciones á colección Gotas) foi publicado sen o consentemento do autor, queremos facer público o seguinte comunicado:
Que até o dia 6 de novembro de 2004 esta Asociación descoñecía por completo esa circunstáncia, e que reproba unha actuación así.
Que, con carácter inmediato, esta Asociación cesa en calquera relazón coa colección Gotas, e estudará as medidas legais pertinentes respecto a este caso.
Que, ainda sendo inocentes da actuación enriba mencionada, esta Asociación quere apresentar públicas desculpas ao Sr. Bermúdez Castillo polas moléstias e perdas causadas por unha irregularidade como esta, cometida dentro dunha colección na que a Asociación participou.
Que, como persoa xurídica, a Asociación asumirá as responsabilidades pecuniarias que lle correspondan neste caso".
En fin, que como podedes observar, Pulpediciones segue a editar libros sen o consentemento dos seus autores e/ou tradutores. Hai algúns que non escarmentan, e seica neste caso nin Ramoncín nin os "defensores dos dereitos de autor" din esta boca é miña...
[21:33 07/11/2004] No decurso dunha cea de gala celebrada onte sábado día 6 de novembro, foron entregados os prémios da Asociación Española de Fantasía, Ciéncia Ficción e Terror, máis coñecidos coma Prémios Ignotus, correspondentes ao ano 2004. A listaxe completa cos gañadores é a seguinte:
Durante a cea tamén foi entregado o prémio Gabriel, do que xa vos faláramos en NOVA hai meses, ao seu gañador Ángel Torres Quesada.
[21:42 27/10/2004] Din que George Lucas e Steven Spielberg veñen de contratar a Jeff Nathanson (Atrapa-me se podes) para que escriba un novo guión para a cuarta entrega da saga de Indiana Jones. Se Lucas, Spielberg e Harrison Ford aproban o guión, Spielberg faría do filme unha prioridade na súa axenda e a produción podería escomezar axiña.
[22:39 28/10/2004] O presidente americano George W. Bush ven de gañar unha curiosa votación en Inglaterra: a do pior vilán do cinema do ano. Bush gañou este dubidoso título pola súa aparición como malvado principal no filme de Michael Moore Fahrenheit 9/11. O governante gañou ao Doctor Octopus (de Spiderman 2), a Leatherface (de A Matanza de Texas 2), a Gollum (de O Señor dos Aneis) e a Elle Driver, a asasina de Kill Bill. Case 10.000 persoas participaron na votación, organizada polo Total Film Magazine.
[21:42 27/10/2004] O V Prémio "El Melacotón Mecánico", dotado con 400 euros, foi este ano para o relato Libertad condicionada, de Francisco Gordón Luna. O relato gañador, mais os catro relatos finalistas e as sete mencións especiais, serán publicados na IV Antoloxía de Relatos "El Melacotón Mecánico", que aparecerá na Colección de Libros Albemuth da Editorial AJEC. Nesta quinta edición do concurso recebiron-se un total de 253 relatos de 200 autores distintos.
[0:31 14/11/2004] O Colectivo Nemo organiza o seu XXI Ciclo de Fantasía e Ciéncia-Ficción, adicado desta volta aos "tipos duros" na ciéncia ficción. O ciclo enmarca-se dentro da Tertúlia Viguesa do xénero fantástico, que se celebra todos os xoves a partir das 21:30 h. no Café UF de Vigo, situado na rúa Pracer, 19.
A programación é a seguinte:
[23:20 12/11/2004] Bryan Singer, o cineasta que vai dirixir a vindeira película de Superman, comentou nunha recente entrevista radiofónica que o filme vai-se centrar máis nun Superman "vários anos despóis da súa chegada e de que fixera xa moitas fazañas heroicas", con só unha história vaga esbozada en flashbacks. Agárda-se que a produción comece en febreiro, xa que a estrea está prevista contra o verán de 2006.
Singer engadiu que decidiu que o actor descoñecido Brandon Routh fixese o papel do home de aceiro para poder asemade introducir a un actor cuxo historial de actuacións non interferise coa creazón dunha imaxe indelébel de Superman. Singer dixo que tamén considerara para o papel a Tom Welling, quen fai de Clark Kent na série de tale Smallville, pero comentou que o orzamento e a dirección do filme non permitirían un remake da série televisiva pasada á pantalla grande: "Mesmo ainda que exista e leve o facho por un certo punto da vida do persoaxe",o novo Superman será "unha entidade distinta", dixo Singer.
[0:44 14/11/2004] A Asociación Asturiana de Ciéncia Ficción convocou a AsturCon, Encontros de Fantasia e Ciéncia Ficción que se celebrarán o vindeiro ano dentro do entorno da Semana Negra de Xixón. Se ben ainda non é posíbel estabelecer unhas datas definitivas, si que podemos adiantar que, como de costume, terá lugar no mes de xullo (na segunda semana) e que, dos dez días que dura a Semana Negra, a AsturCon ocupará o primeiro fin de semana.
Para os que nunca se achegaron pola AsturCon no noso país veciño hai que dicir que se trata de tres días adicados ao xénero fantástico, tanto na sua verquinte literária coma noutras mais lúdicas. Haberá autores convidados, españois e estranxeiros, e celebrará-se a xa tradicional cea da AsturCon que virá acompañada dun baile temático de disfarces. Tamén teñen a intención de repetir a experienza do Xogo de Rol en Vivo, nos xardins do Parque "Isabel a Católica".
A asociación convocou asemade un concurso de relato fantástico dotado con 600 € e cuxo fallo dará-se a coñecer durante a AsturCon. As bases completas podede-las consultar na súa páxina web.
[21:41 29/10/2004] O actor (?) Mel Gibson atacou duramente ao governador de Califórnia, Arnold Schwarzenegger por apoiar a lei que permite a investigación con células nai. Gibson, un furibundo católico, afirma que o seu deus impide á xente obtér a curación das súas enfermidades co uso desta técnica, porque segundo el, "leva directamente á clonación humana".
[21:41 29/10/2004] A Paramount Pictures e mais o produtor Scott Rudin farán un remake de The Blob, o clásico da ciéncia ficción de 1958 que lanzou a carreira de Steve McQueen. A película vai sobre unha substáncia xelatinosa que ven do espazo e medra papándo-se a todos os humáns que atopa ao seu paso. Ainda non hai ningún guionista nin director para este proxecto, que xa tivo un intento de refacer-se en 1988 da mao de Frank Darabont.
[21:19 29/10/2004] A xunta directiva do Colectivo Nemo decediu hoxe adiar polo de agora a decisión de dar ou non por cancelado o proxecto IberCon, consistente en celebrar de forma conxunta en 2005 a Convención Hispana de Fantasía e Ciencia-Ficción (HispaCon) e os Encontros de Ficção Científica e Fantástico de Portugal, fundidos na primeira xuntanza ibérica do xénero fantástico da história.
[16:09 01/11/2004] Edicións Xerais ven de publicar en galego Crónicas marcianas, de Ray Bradbury, unha colección de relatos que constitúe a crónica dos primeiros intentos dos habitantes da Terra, desde 1999 a 2026, para colonizar o planeta Marte, un deserto de area azul, con ruínas de cidades xadrezadas e ocasos amarelos. Os colonos, que viaxan en foguetes prateados, soñan con reproducir no Planeta Vermello a súa forma de vida convencional, pero levarán na súa equipaxe as súas enfermidades, que dezmarán aos marcianos, e amosarán moi pouco respecto por unha cultura planetaria, misteriosa e fascinante, que estes intentarán protexer da voracidade dos terrícolas.
[21:41 29/10/2004] O actor Sean Penn tivo que defender publicamente a súa decisión de enviar unha carta bastante aldraxante a Matt Stone e Trey Parker, os autores do filme Team America: World Police, no que se pide aos eleitores que non exerzan o seu dereito ao voto nas vindeiras eleccións presidenciais americanas. Penn é un dos actores hollywoodenses que apoian a John Kerry.
[21:53 03/11/2004] O volume 12 da revista do xénero en español Artifex Segunda Época será o derradeiro da actual etapa, que comezou en 1999. A partir da primavera de 2005, Artifex comezará a pagar as colaboracións que publique, nun novo formato e con maior tirada.
[21:53 03/11/2004] Dougray Scott será James Bond?
Gary Oldman abandoa as Galáxias
A derradeira noite de Edgar Allan Poe
Tim Allen en Zoom´s Academy
A nai de Scott nega os rumores
O outro Fahrenheit
Dous proxectos galegos no Cartoon Forum
Star Trek en Cartaxena
Voltará Schwarzenegger?
Arrepíos e outros medos
As séries galegas trunfan no Cartoon Forum
As películas de Lovecraft
Procurando ao protagonista de Da Vinci
A secuela de Spaceballs
Ouija: terror español
Prémios Británicos de Fantasia
007: seguen os rumores
Lobezno terá película de seu
Peter Pan en Finding Neverland
Prémios Domingo Santos
Rol ao aire libre en Vigo
Superman atopado?
Sitges voltará ao Fantástico
Caviezel quere ser Superman
Estrea da colaboración Dalí-Disney
Chucky voltará aos cinemas
Necromanía descoberta
A IberCon, en graves dificultades
Shatner quere ir ao espazo
Prémios Phantastik 2004
Gañadores dos World Fantasy
Novas dos xulgados
Planeta perde Marvel
Pulpediciones: novos detalles do escándalo
Prémios Ignotus
Outro ciclo de Fantasía e ciéncia ficción
Singer revela pistas sobre Superman
Convocatória da Asturcon 2005