AS NOVAS DENDE O 26/09/03 AO 19/10/03

Mestres do terror

[0:48 26/09/2003] Xa está na rúa Maestros del horror de Arkham House (editorial Valdemar Gótica, 50). É un libro de 600 páxinas que engloba moitas histórias de integrantes do Circulo de Lovecraft (dende Howard até Henry Kuttner, pasando por Clark Ashton Smith e parte do epistolário do "místico de Providence") e doutros moitos escritores que Arkham House editou nas súas primeiras décadas de existéncia (Ramsey Campbell, Ray Bradbury...).

O mérito desta antoloxía corre a cargo de Peter Ruber e a traducción ao español de Jose María Nabreda. Seica o grande mérito de Ruber estriba na preséncia de longos ensáios sobre o escritor do relato que ven de seguido e tamén a sutileza de que todos os relatos (agás o de Bradbury) son inéditos na mesma Arkham House.

Para os interesados da ciéncia-ficción se cadra resulte unha agradable curiosidade o relato El Pequeño Asesino de Ray Bradbury, toda unha oportunidade de ler unha traducción alternativa á de Minotauro, onde se perde parte da intención literária dos textos orixinais de Bradbury en inglés.


Vídeos de fantasía e ciéncia-ficción en Vigo

[22:10 28/09/2003] O Colectivo Nemo organiza o seu XVII Ciclo de Vídeo de Fantasía e Ciéncia-Ficción, nesta ocasión adicado aos zombis. Este ciclo enmárcase dentro da Tertúlia Viguesa do xénero fantástico, que se celebra todos os xoves a partir das 21:30 h. no Café UF de Vigo, situado na rúa Pracer, 19. A programación do ciclo é a seguinte:


O prémio Clarke fica sen cartos

[15:48 10/10/2003] Os organizadores dos prémios Arthur C. Clarke están a procurar fondos alternativos agora que a Rocket Publishing deixou de lles financiar a gala na que se daba o seu prémio. A Rocket Publishing é a editorial que ten os dereitos en Inglaterra sobre a obra do lendário escritor, en cuxo nome danse todos os anos os prémios á millor novela de ciéncia ficción inglesa.

A Rocket tan só dará cartos para o prémio en si, pero non para a gala, o cal viña facendo dende que se instituiron os prémios en 1986. Segundo dixeron, todo isto é parte da súa nova política de recurte de gastos innecesários.


  • [18:26 09/11/2003] O lanzamento en todo o mundo do filme Matrix: Revolutions non é, como algúns poden supoñer, un avance da globalización, senón un intento de loitar contra a piratería. Cando unha película ten que agardar máis dun ano para a súa estrea noutro mercado, a piratería xurde coma unha benzón para os que non desexan agardar. E iso é o que aconteceu neste caso, só que cando o pasado día 5 de novembro produciuse a estrea, só houbo que agardar cinco horas para ver nos "top mantas" o DVD coa película nas rúas de Pequín.

  • [18:26 09/11/2003] Harry Clement Stubbs, máis coñecido coma Hal Clement no mundo da ciéncia ficción, finou aos 81 anos o pasado 29 de outubro na súa casa de Milton, Massachussetts. Clement, considerado un mestre da "hard science fiction", era famoso por escribir en 1954 Mission of Gravity, que iniciou o seu ciclo adicado ao planeta Mesklin. A súa novela máis recente, Noise, foi publicada este mesmo ano. En 1999 foi premiado pola SFWA cun nomeamento coma "Grande Mestre".

  • [18:39 09/11/2003] Un dato que non moitos saben é que J.M. Coetzee, recente gañador do Prémio Nóbel de Literatura, estivo nominado aos prémios Philip K.Dick de ciéncia ficción en 1982 coa obra Waiting for the Barbarians, que foi derrotada fronte ao xa clásico Software, de Rudy Rucker. Constará este dato na súa biografía oficial ou será algo vergoñento a agochar?


    A Marvel quere facer películas de seu

    [15:48 10/10/2003] A Marvel Enterprises está a explorar a posibilidade de desenvolver os seus próprios filmes baseados na súa biblioteca de máis de 4.700 persoaxes de cómic. A Marvel deseñará unha axenda que inclúa a producción de películas de orzamento médio e produccións que irán directamente ao mercado do vídeo cos seus persoaxes menos coñecidos, todo elo financiado por terceiros.

  • [23:59 11/11/2003] O escritor de ciéncia ficción e editor Lloyd Arthur Eshbach finou o pasado 29 de outubro en Myerstown, Pennsylvania, á idade de 93 anos. A súa carreira comezara en 1929, cando publicou en Science and Wonder Stories. Tamén publicou moitas novelas, incluindo a tetraloxía The Gates of Lucifer.

  • [23:59 11/11/2003] Os directores de Matrix, Larry e Andy Wachowski, veñen de rematar un guión para un filme baseado na clásica novela gráfica de Alan Moore V for Vendetta, segundo dixo o productor Joel Silver nunha recente entrevista. A novela ten lugar nun futuro alternativo onde Alemaña gañou a Segunda Guerra Mundial e un superheroe chamado "V" tenta liberar unha Inglaterra feixista.

  • [18:26 09/11/2003] A TerMa (Tertúlia de Literatura Fantástica de Madrid) convoca unha nova edición do seu prémio literário Pablo Rido, cunha dotación de 666 euros. Podedes consultar as bases na súa páxina web.

  • [18:26 09/11/2003] Un médico de Washington ven de advertir nun artigo no New England Journal of Medicine que a leitura das 870 páxinas da quinta entrega de Harry Potter, Harry Potter and the Order of the Phoenix, produce dór de cabeza. É lóxico, se o fas nun só día.

  • [18:26 09/11/2003] O último rumor sobre o novo axente 007 é que o protagonista de X-Men Hugh Jackman (o que fai de Lobeto) interpretará a James Bond na seguinte entrega da saga.

  • [18:26 09/11/2003] Sean Connery presentara en outubro do ano pasado unha demanda contra a compañía Mandalay Entertainment e o productor Peter Guber por suspenderen a producción do filme End Day no que Connery ía ser o protagonista. Pois ben, o pasado 29 de outubro ambas partes anunciaron que chegaran a un acordo amigable. Non se sabe se o acordo inclúe a compensación de 17 millóns de dólares que o actor escocés reclamaba.

  • [18:26 09/11/2003] A Paramount Pictures e maila Cruise/Wagner veñen de contratar ao director e guionista Keith Gordon para que adapte a novela de ciéncia ficción de Isaac Asimov End of Eternity á pantalla grande. A obra, unha das menos coñecidas do prolífico autor, vai sobre un técnico que descobre que a muller á que ama vai ser eliminada axiña por uns seres chamados "Os Eternos".

  • [18:26 09/11/2003] O set de DVDs coas aventuras de Indiana Jones ven de bater o récord de vendas de todos os tempos vendendo máis de 1,1 millóns de cópias en tan só unha semana.


    Alien contra Depredator

    [15:48 10/10/2003] Lance Henriksen, que fixo de androide en várias entregas da saga de Alien, converteuse no primeiro actor que asina o seu contrato para participar na vindeira producción da Fox Alien vs. Predator. Henriksen fará o papel dun industrial millonário que descobre dúas razas de áliens enzarzadas nunha batalla definitiva. Esta película combinará aos monstros das dúas populares sagas.

    Paul W.S. Anderson (Resident Evil) será o director da película; o mesmo Anderson e Shane Salerno son os autores do guión. John Davis, Lawrence Gordon, Joel Silver e Walter Hill producirán esta longametraxe, que comezará a se rodar en Praga a finais do mes.

  • [22:09 18/11/2003] Lauren Shuler Donner, productor da terceira parte da saga dos Homes X, dixo nunha recente entrevista que tamén está a planear unha cuarta entrega centrada tan só no persoaxe de Lobeto.

  • [22:09 18/11/2003] Exipto ven de proibir o filme Bruce Almighty (en España titulouse Coma Deus), dicindo que infrinxe a santidade de Deus. En xuño os censores exípcios xa proibiran Matrix Reloaded afirmando que é un filme que desafía as ideias de existéncia e da creación. Para isto vale ter ideias relixiosas.

  • [21:53 17/11/2003] A revista económica Forbes anunciou a súa lista anual de xente morta que segue a gañar cartos. E, sorpresa, nada menos ca J.R.R. Tolkien é o terceiro nesta listaxe con 18 millóns de euros, por atrás de Elvis Presley e o creador de Snoopy, Charles Shultz, e por diante de John Lennon e George Harrison. Na listaxe tamén aparece no posto 6º o Dr. Seuss, con 13 millóns de euros.

  • [23:59 11/11/2003] Sir Ian McKellen, quen ven de recebir o prémio British Independent Film nunha cerimónia celebrada o pasado día 4 de novembro, criticou duramente á indústria británica do cinema, afirmando que é demasiado tímida e carece de ambición para recoñecer o valor do talento técnico e artístico. McKellen dixo: "Por que estamos contentos en Inglaterra por producir películas pequenas e independentes?". Estas verbas tamén poden aplicarse a certo país que todos coñecemos.

  • [23:59 11/11/2003] O director Ron Howard será o encargado de levar á pantalla grande a adaptación do best-seller de Dan Brown The Da Vinci Code. Howard escomezará o seu novo traballo en canto remate o actual, Cinderella Man.

  • [23:59 11/11/2003] Un tribunal de apelación holandés prohibiu a publicación nos Países Baixos da novela de Dmitry Yemets Tanya Grotter and the Magic Double Bass por asemellarse de máis á de J.K. Rowling Harry Potter e a Pedra Filosofal. Byblos, a editorial que publica a traducción ao holandés do libro de Tanya Grotter, recoñeceu que a novela está baseada en Harry Potter.

  • [23:59 11/11/2003] Jonathan Jackson, David Arquette, Barbara Hershey e Erika Christensen serán os intérpretes de Riding the Bullet, o filme que adaptará a novela homónima de Stephen King que fora publicada no seu día pola Internet.

  • [23:59 11/11/2003] Xa está en preparación Underworld 2, a secuela da exitosa película que este ano apareceu e que profundiza na mitoloxíoa da loita entre os lobishomes e mais os vampiros. Din que a segunda parte terá algode Braveheart e outro pouco de Indiana Jones e a derradeira cruzada.

  • [23:59 11/11/2003] Outro filme que terá segunda parte é The Ring, a película americana que adaptou a moita millor orixinal xaponesa Ringu. Pero desta volta non estará baseada na segunda parte que fixeron no Xapón.

  • [22:09 18/11/2003] O actor de Star Trek George Takei (Sulu) regresou o pasado 9 de novembro ao centro de detención de Rohwer en Arkansas, onde el e máis de 8,500 cidadáns americanos de orixe xaponesa foron ilegalmente detidos durante a Segunda Guerra Mundial. Takei tiña daquela catro anos, pero iso seica non lle importou moito ao governo americano e foi detido por ser unha potencial ameaza para a seguridade interna. Máis de 120,000 americanos de orixe xaponesa foron detidos durante aqueles anos.


    Arnold Schwarzenegger, governador

    [20:47 10/10/2003] O popular actor Arnold Schwarzenegger será o vindeiro governador de Califórnia, o Estado máis rico e povoado dos EEUU. O actual governador, Gray Davis, xa recoñeceu a súa derrota. "Non vos fallarei", prometeu o actor após de obtér o apóio da metade dos californianos.

    Schwarzenegger obtivo o 48% dos votos e Cruz Bustamante, o demócrata, o 32%. A mayoría simple é abondo para governar. Ao redor do 30% dos latinos apoiou ao actor, mália que tamén se presentaba Cruz Bustamante.

    "Cheguei con absolutamente ren e Califórnia deume absolutamente todo", afirmou o actor de orixe austríaca perante os seus seguidores referíndo-se ao seu persoal soño americano e ao apóio recebido.

    O futuro que espera a Schwarzenegger ao fronte de Califórnia non é doado: o déficit económico galopante e as presións por parte da oposición demócrata e do seu próprio partido, o republicano, son as principais ameazas a un mandato no que os californianos esperan pouco menos ca unha miragre.


    Suso de Toro, Prémio Nacional de Narrativa

    [20:47 10/10/2003] O escritor galego Suso de Toro foi galardoado co "Premio Nacional de Narrativa", dotado con 15.025 euros, pola súa obra Trece badaladas, unha novela de mistério coa cidade de Compostela de telón de fundo.

    O galardón, convocado polo Ministério español de Educación e Cultura anualmente, distingue á millor novela publicada en España no ano anterior.

    Suso de Toro é unha das máis importantes figuras da narrativa galega contemporánea. Cada un dos seus libros é seguido por milleiros de lectores e lectoras que avalan unha obra orixinal e radicalmente comprometida coa contemporaneidade. Nado en Compostela en 1956, é licenciado en Arte Moderna e Contemporánea e publicou en galego máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensáio, vários deles de temática fantástica. A súa obra, traducida a moitas línguas, foi obxecto de estúdio en universidades europeas. Ademáis, é guionista de televisión e colaborador habitual da prensa.

    Entre os seus títulos destacan a obra de teatro Unha rosa é unha rosa (1997), e os libros de narrativa Caixón desastre (1983), Polaroid (1986), galardoado co Prémio da Crítica de Galiza, Land Rover (1988), Ambulancia (1990), Tic-tac (1993), Prémio da Crítica española, A sombra cazadora (1994), Conta saldada (1996), Calzados Lola (1997), Prémio Blanco Amor de novela, Círculo (1998) e Non volvas (2000), Prémio da Crítica española.

    É autor tamén de libros de xornalismo e ensáio coma Parado na tormenta (1996), Eterno retorno (1996), O pobo da brétema (2000) e A carreira do salmón (2001).

  • [22:09 18/11/2003] Kristanna Loken, Benno Furmann e Alicia Witt protagonizarán o filme The Ring, inspirado polo mito xermano e a famosa ópera de Richard Wagner O Anel dos Nibelungos.

  • [22:09 18/11/2003] A MGM está a desenvolver Henry Bates and the Sorcerer's Balls, un filme que parodiará as sagas de Harry Potter e o Señor dos Aneis. Na película, o meigo Gandolfini loitará contra o malvado Enron (si, coma a empresa de electricidade que foi o meirande escándalo económico de Bush Jr.).

  • [22:09 18/11/2003] Os que agardaban ver a Saruman na terceira parte de O Señor dos Aneis van ficar decepcionados porque Peter Jackson, director da saga, decediu sacalo fóra do filme e deixalo para a versión extendida en DVD.

  • [17:44 23/11/2003] Stephen King aceptou un Prémio National Book honorário nunha cerimónia desenvolvida en New York o pasado 19 de novembro. Enfermo de neumonía e inda convalecente polo accidente de tráfico de 1999, King recebiu unha longa ovación co público posto en pé. Aos seus 56 anos, King pediu que non se prestase atención a aqueles que consideran que é "un mérito dicir que nunca leron a John Grisham, Tom Clancy, Mary Higgins Clark ou calqueroutro escritor popular".

  • [17:44 23/11/2003] Jonathan Brandis, a xove estrela da série de TV SeaQuest DSV, finou o pasado 12 de novembro aos 27 anos de idade, posiblemente suicidado, inda que pendente dunha análise forense. Brandis aparecera en séries coma A Lei de Los Angeles ou Pais Forzosos, en filmes coma A História Interminable II e no telefilme Stephen King's It. Na série SeaQuest facía o papel de Lucas Wolenczek.

  • [17:44 23/11/2003] Natalie Portman está na primeira fileira dos rumores que a sitúan coma a nova Lois Lane no futuro filme sobre Superman. Ademáis, o director Richard Donner, quen xa fixera a primeira parte da saga do Home de Aceiro, é agora o millor situado por diante de McG. En calquera caso, a producción sería para o 2006.

  • [15:07 27/11/2003] A Revolution Studios contratou a Adam Rifkin (Pequenos Guerreiros) para que escriba o guión de Zoom's Academy for the Super Gifted, unha película de ciéncia ficción baseada na novela gráfica de Jason Lethcoe. O filme céntrase nunha rapaza de instituto que é afastada polo seu pai a unha escola para superheroes, onde descobre quetamén ten superpoderes.


    O Alquimista no cinema

    [19:41 15/10/2003] O escritor portugués Paulo Coelho, autor de O Alquimista, ven de declarar nunha entrevista que cré que o director e actor americano Laurence Fishburne fará xustiza ao seu libro na adaptación que está a realizar para a pantalla grande: "Confío en que fará unha boa película", dixo Coelho na Feira do Libro de Frankfurt, onde está a publicitar a súa nova novela, Once Minutos. Fishburne está a dirixir, é o guionista e ademáis será o intérprete de O Alquimista.

    O libro narra a história dun pastor español que penetra no deserto na procura mítica dun tesouro. Coelho encontrouse con Fishburne en Londres para falar sobre a adaptación e ficou abraiado coa estrela de Matrix: "É un bó tipo e moi sensible", dixo Coelho. "É unha persoa na que confío de verdade". A producción da Warner Brothers, que tamén protagonizan Jeremy Irons e Madonna, comezará a se rodar en Xordánia a finais deste ano.

  • [21:00 9/12/2003] O mestre do terror Stephen King foi ingresado nun hospital de Maine (Estados Unidos) o pasado 23 de novembro para ser tratado dunha pneumonía no pulmón dereito, que colleu após dunha viaxe realizada a New York, onde recolleu o prémio National Book. Agárdase unha recuperación total.

  • [21:00 9/12/2003] O protagonista de Expediente X David Duchovny dixo que é probable unha segunda película baseada na popular série, e que posiblemente comezaría a se rodar o ano que ven.

  • [21:01 9/12/2003] A novela Traficants de llegendes do escritor catalán Jordi Font-Agustí gañou o primeiro prémio no concurso de ciéncia ficción da UPC (Universidade Politécnica de Cataluña).

  • [21:01 9/12/2003] O actor inglés David Hemmings, coprotagonista en 1960 da película de culto Barbarella, finou de súpeto o pasado 3 de nadal aos 62 anos mentres se atopaba en Roménia na rodaxe do filme Samantha's Child.

  • [21:01 9/12/2003] Marguerite McClure Bradbury, esposa do escritor de ciéncia ficción Ray Bradbury durante os últimos 56 anos, finou o pasado 24 de novemebro en Los Angeles. Non se coñecen máis detalles do pasamento.

  • [11:16 04/12/2003] O actor Michael Caine chegou a un acordo para interpretar ao mordomo de Bruce Wayne na seguinte entrega da saga de Batman. Christian Bale é o nome que máis soa para facer do home morcego, mentres que Christopher Nolan será o director. O filme será rodado o ano que ven co guión de David Goyer e cunha estrea prevista contra o ano 2005.

  • [11:16 04/12/2003] O médico forense do condado de Los Angeles (Califórnia) ven de confirmar que a morte do antigo actor da série SeaQuest Jonathan Brandis, da que vos informamos hai uns días, foi definitivamente un suicídio. Brandis aparecera aforcado o pasado 12 de novembro.

  • [11:16 04/12/2003] O creador de Spiderman, Stan Lee, confirmou que ten unha breve aparición (un cameo) na segunda parte do filme Spiderman que vai aparecer axiña, tamén dirixida por Sam Raimi. Seica fai o papel dun tipo que dí: "Spiderman roubou as pizzas dese rapaz!".

  • [15:07 27/11/2003] J.K. Rowling xa comezou a escribir a sexta entrega da saga de Harry Potter, segundo confirmou o seu axente Christopher Little. Os cinco anteriores títulos venderon máis de 250 millóns de cópias en todo o mundo.

  • [15:07 27/11/2003] A canle SCI FI Channel fará unha série secuela de Stargate, actualmente emitida por tódalas canles autonómicas españolas agás xa sabermos cal. A nova série titularase Stargate Atlantis e irá sobre unha base secreta na Terra dos creadores da "Porta das Estrelas".

  • [15:07 27/11/2003] O xornal New York Post informou de que obtivera unha cópia pirata da película de Mel Gibson A Paixón, e que a proxectou para un cura, un rabino, un profesor de relixión, o seu crítico de cinema e un leitor do xornal escollido ao chou. Todos eles tiveron que explicar se lles parece un filme antisemita, e seica os seus veredictos foron moi diversos: todos coincidiron en que non trata ben aos xudeus, agás o leitor, que lle pareceu ben.

  • [15:07 27/11/2003] Os once candidatos ao primeiro Oscar á millor película de debuxos animados xa foron elixidos, e son estes: Brother Bear, Finding Nemo, The Jungle Book 2, Pokemon Heroes, Piglet's Big Movie, Millennium Actress, Looney Tunes: Back in Action, Rugrats Go Wild!, The Triplets of Belleville, Tokyo Godfathers e Jester Till. (Till Eulerspiegel)

  • [15:07 27/11/2003] Axiña há escomezar a producción de 3001, unha película sobre un home que esperta mil anos no futuro e descobre que é o máis intelixente do mundo. O certo é que podería ser ciéncia ficción pero tamén podería non selo, visto como está a educación hoxendía. Mike Judge, creador de Beavis & Butthead será o director.

  • [15:07 27/11/2003] O director de X-Men 2, Michael Dougherty, será o encargado de escribir o guión de Wake the Dead, unha adaptación á pantalla grande do cómic de IDW Publishing que trata sobre catro rapaces que poden erguer aos mortos.


    Concedidos os prémios Ignotus

    [21:51 19/10/2003] Durante esta fin de semana celebrouse a HispaCon en Xetafe (Madrid), e no seu decurso concedéronse diversos prémios dos que de seguido vos informamos:

    O Prémio Gabriel, concedido pola xunta da AEFCF á laboura de toda unha vida adicada á Ciéncia-Ficción ou por méritos especiais, foi para o ubícuo Domingo Santos, cunha traxectória de décadas en prol da ciéncia-ficción española e actual director da edición española da revista Asimov, e tamén para Pascual Enguídanos Usarch, o escritor creador da infelizmente popular na actualidade "Saga dos Aznar".

    No tocantes aos Prémios Ignotus, a listaxe dos gañadores é a que segue:

    E para rematar, dicir que o prémio Domingo Santos foi para La niña muerta, de José Antonio Cotrina. Para este prémio recebíronse 80 relatos, 50 de España e 30 do resto do mundo, principalmente Latinoamérica. O xurado estivo composto por Julián Díez, Luis García Prado, Román Goicoechea e Cristóbal Pérez-Castejón.


    Regresa ao Índice do Arquivo de NOVAFANTASIA.COM