Outorgado o Prémio Espiral

[0:18 27/10/2003] O xurado do prémio Espiral-Ciéncia Ficción 2003, que tiña este ano como lema o curioso e moi provocador "Escasez de petróleo?", e que estivo formado por Juan José Aroz, Ricardo Manzanaro, Luis Ruiz e Juanjo Sánchez Arreseigor, acordou outorgar os seguintes prémios:

En total presentáronse 97 relatos procedentes de 12 países á cuarta edición deste prémio, para cuxo gañador haberá unha placa acreditativa e 150 euros en metálico.


  • [21:00 9/12/2003] O escritor francés de ciéncia ficción Pierre Pairault, quen escribiu baixo o alcume de Stefan Wul, finou o pasado 26 de novembro aos 81 anos de idade. Wul publicou 11 novelas de ciéncia ficción entre 1956 e 1959 que acadaron o estatus de novelas de culto, especialmente Le Temple du Passe. Colaborou con Roland Topor e Moebius en senllas adaptacións das súas novelas a películas de debuxos animados.


    Finou Joan Perucho

    [21:35 30/10/2003] O escritor e xornalista Joan Perucho finou o pasado martes aos 82 anos de idade após dunha penosa enfemidade hepática, inda que a nova non se deu a coñecer atá onte día 29 de outubro. Perucho, a piques de cumprir os 83 anos, fora galardoado co Prémio Nacional das Letras Españolas en 2002 e, co Prémio Gabriel que lle concedera a Asociación Española de Fantasía e Ciéncia-Ficción o pasado 2002.

    Perucho foi poeta, novelista, ensaísta e crítico de arte, alternando a súa laboura de escritor coa inquedante actividade de Xuiz nos tempos do franquismo. En 1953 recebiu o prémio Cidade de Barcelona con El médium, o Ramón Llull e mailo Nacional da Crítica en 1981 por Les aventures del cavaller Kosmas, o Prémio de Literatura da Generalitat de Cataluña en 1995, o Prémio Rosalía de Castro polo conxunto da súa obra en 1996 e a Medalla de Ouro ao Mérito Cultural, Científico e Artístico do Concello de Barcelona.


    Os Prémios World Fantasy

    [18:26 09/11/2003] Os prémios World Fantasy foron apresentados o pasado día 2 de novembro no decurso da Convención Mundial da Fantasía celebrada en Washington. A listaxe completa cos gañadores é esta:


    Matrix sáese da táboa

    Unha escena do filme[23:59 11/11/2003] A estrea simultánea en 96 países de todo o mundo o pasado día 5 de novembro do filme Matrix Revolutions reportou un total de 36 millóns de euros tan só no seu primeiro día. Iso supón o récord absoluto de todos os tempos, batendo a O Señor dos Anéis.

    No tocantes ao filme, as críticas son diversas: unhas din que é malo, e outras que é peor. Tan só os moitos fans que ten a saga están dispostos a poñerse nas interminables fileiras que hai diante dos cinemas, especialmente nas que se forman nos 18 IMAX nos que foi estreada a película.

    Pola súa banda, o co-creador da saga Larry Wachowski declarou que el e mais o seu irmán Andy tiñan a ideia antes de 1993, cando Larry casou coa súa ex-esposa Thea Bloom, que agora non poderá recebir nin un peso dos benefícios. Larry Wachowski e Bloom divorciáronse en nadal de 2002 e dende aquela a muller tenta obtér a metade dos benefícios do filme baseándose en que foi unha ideia que tivo o seu ex-esposo mentres estaba casado.


  • [12:15 18/12/2003] Segundo informa o sítio web Lilja's Library, a vindeira novela da saga da Torre Escura de Stephen King terá un convidado moi especial: el mesmo. Seica King aparecerá como persoaxe na súa própia novela e atopará aos protagonistas da série, Roland, Susannah Dean, Eddie e Oy.

  • [12:15 18/12/2003] Seica por fin Memo Batson terá a súe versión en pantalla grande. A persoalidade secreta do mítico superheroe dos cómics Shazam! está por aparecer nun filme que está a ser guionizado arestora. A película podería estrearse en 2005.

  • [12:15 18/12/2003] Outro persoaxe dos cómics que vai sair no cinema é Gardfield, o gato. A película, protagonizada por Bill Murray, é unha mistura de persoaxes reais e outros xerados por ordenador, e será estreada o 18 de xuño de 2004.

  • [12:15 18/12/2003] Unha de prensa do corazón: a actriz Bridget Fonda e mais o compositor Danny Elfman (autor das bandas sonoras de Batman, Pesadelo antes de Nadal, Os Simpsons) casaron o pasado día de Acción de Grazas nalgures preto de Los Angeles.

  • [21:00 9/12/2003] A série Angel (actualmente emitida a horas intempestivas por Antena 3) celebrará o seu episódio 100º coa participación de Charisma Carpenter (quen interpretaba antes a Cordelia), Joss Whedon (creador de Buffy Cazavampiros) e os actores do seu elenco habitual.

  • [21:00 9/12/2003] O director Bryan Singer comezou xa as negociacións para atopar aos actores que darán vida aos Homes X na rodaxe da terceira entrega da saga de X-Men.

  • [12:14 18/12/2003] O humorista Jerry Seinfeld guionizará, producirá e protagonizará Bee Movie, un filme de debuxos xerados por ordenador para a DreamWorks. Este é o primeiro proxecto de Seinfeld dende que rematou a súa série en 1998 (inda emitida en España polo Canal+).

  • [12:14 18/12/2003] Mario, o protagonista de 67 videoxogos da Nintendo, será o primeiro persoaxe de videoxogos que teña unha figura de cera nun museu, concretamente no Hollywood Wax Museum de Los Angeles.

  • [12:14 18/12/2003] O escritor Clive Barker regresará á cadeira de director de cinema após dun intervalo de case oito anos para dirixir o filme de terror da Universal Pictures Tortured Souls. Esta película está baseada en figuras de xoguete creadas polo mesmo Barker e por Todd McFarlane e o seu guión é bastante sinistro: vai sobre un home que troca a súa muller por un demo, e daquela a muller debe fuxir do inferno (supoñemos que para se vingar).


    King remata A Torre Escura

    A imaxe virtual de King[14:20 14/11/2003] Unha versión animada "virtual" do mestre do terror Stephen King apareceu o pasado luns na súa páxina web para anunciar que ven de rematar as últimas tres entregas da saga "A Torre Escura", agardadas dende hai anos polos seus fans. "A xente", dixo King, "estivo facéndome a mesma pregunta nos últimos nove anos: Cando vas rematar "A Torre Escura"? Ben, sabedes o que? Está lista. Así que fáganme un favor e corran a voz".

    O Pistoleiro, o primeiro libro da série, foi publicado en 1982, seguido de The Drawing of the Three en 1987, The Waste Lands en 1991 e Wizard and Glass en 1997 (xusto o ano que naceu NOVAfantasia.com, cunha reportaxe sobre esta saga).

    Wolves of the Calla saiu á venda hai uns poucos días, e será seguido de Song of Susannah o vindeiro verán. A derradeira entrega, The Dark Tower, será publicada en novembro de 2004.


    Bieito, un meigo galego á TV

    [21:51 17/11/2003] Bieito, un meigo do século XII que comparte a súa história con personaxes reais da Galiza medieval coma o malvado bispo Xoán de Tui, será o protagonista dunha nova série de debuxos animados feita en Galiza. Segundo informa a edición de hoxe do Faro de Vigo, Bieito naceu en forma de conto, Na luz freada da tarde, co que o director e escritor Roque Cameselle (Vigo, 1981) gañou o prémio Rúa Nova de Santiago en 1991, despóis transformou-se en guión cinematográfico e daí saltou ao romance, con título homónimo, que Xerais publicará a finais deste mesmo mes. Daquela, Cameselle foi alén ao dar movemento ás suas personaxes e asi xurdiu a iniciativa de criar unha série de TV coas aventuras deste simpático meigo e a súa amiga inseparábel, Destreza.

    O proxecto de Bieito Dubidoso consta de 44 capítulos de 15 minutos de duración realizados en 2D: "Escollemos esta fórmula, a de sempre, porque nos resulta máis bonita e porque quixemos dar-lle o máximo realismo posíbel aos debuxos", explica Cameselle. A cor é fundamental nesta série de TV, da que nestes momentos se traballa no capítulo piloto.

    O meigo Bieito pouco ou nada ten que ver con outros "colegas" seus mundialmente coñecidos como Merlín ou Harry Potter, matiza Roque Cameselle. "O verdadeiro poder de Bieito é a axilidade das suas mans", comenta o seu criador.

    O capítulo piloto arrinca cun pequeno Bieito de nove anos que vive feliz cos seus pais na sua localidade natal, alleo ás avatares que abanarán a sua vida. Nembergantes, algo si sabe: que as suas mans son capaces de facer extraordinárias cousas só con llo propoñer. Neste primeiro episódio aparece tamén Destreza, a coprotagonista. "É unha xoven gala a quen esqueceron os viquingos en Galiza e que como ten un nome para Bieito impronunciabel, acaba chamando-a Destreza".

    O xoven meigo tudense representa ao ben, empeñado sempre en resolver os conflitos de maneira pacífica, sen guerras. A cara oposta é o bispo de Tui, un personaxe sinistro que guarda moitas surpresas. Unha delas é que mentres Bieito vai medrando, até envellecer, Xoán ten sempre a mesma idade. Ambos manterán unha rivalidade desde a primeira secuéncia até a última e entre meias, aparecerán o resto de personaxes secundários, cuxas histórias, segundo Alberto Cameselle, encherían outra série. De momento, a equipa traballa neste capítulo piloto, que terá que estar acabado o 15 de xaneiro. As voces de Shin Chan farán tamén falar ao Bieito.


  • [12:14 18/12/2003] O coprotagonista de O Señor dos Aneis Andy Serkis (Gollum) ven de confirmar que fará de sacerdote en Blessed, un thriller sobrenatural que está por vir e que é un remake do filme de 1968 Rosemary's Baby.

  • [12:14 18/12/2003] Jamie Selkirk, editor de O Retorno do Rei, a terceira parte da saga dos Aneis, ven de afirmar nunha entrevista que se a alguén lle parece longa a metraxe do filme, que dura tres horas e vinte minutos, hai que ter en conta que a versión orixinal duraba catro horas e média!


    Ibáñez Serrador fará máis cinema de terror

    Os DVD á venda xa[19:29 30/11/2003] Chicho Ibáñez Serrador, o autor da emblemática série televisiva dos anos 70 Historias para no dormir anunciou onte que os cartos que gañe nos vindeiros meses cos dereitos do seu programa Un, dos, tres serán reinvertidos nunha película "de suspense e de medo".

    O director de filmes coma La residencia, ¿Quién puede matar a un niño? e o telefilme El televisor asistiu onte no Festival Internacional de Cinema Fantástico de Sitges á rolda de prensa de apresentación dos 6 DVD que recuperan 18 capítulos da súa série.

    Ibáñez Serrador explicou ademáis que ten oito guións rematados na súa casa e engadiu que agora "só hai que volvelos lér".

    A poucos días da reposición prevista para o día 1 de nadal do programa Un, dos, tres, Chicho Ibáñez declarou que despóis de realizar as súas tres películas "durmin dez anos" naquel programa, anos roubados á creatividade, durante os que "non me decatei que estaba a perder o tempo", e agora "estou tentando recuperalo", segundo dixo.

    O Festival de Sitges rende homaxe a Narciso Ibáñez Serrador na súa sección "Brigadoon" coa proxección dos seus filmes e algunhas das súas "historias para non durmir", entre elas, "O piche", unha das máis destacadas.


    As novas películas da Marvel

    [15:07 27/11/2003] O xefe dos estúdios Marvel, Avi Arad, ven de actualizar a listaxe de proxectos que a compañía está a desenvolver para pasar do cómic ao cinema. E esa listaxe vola ofrecemos agora:


  • [0:50 15/01/2004] Xa temos máis rumores fresquiños sobre a vindeira película de Batman: o seu título podería ser Batman: Intimidation, e seica hai xa unha escena rodada en Islándia con Christian Bale no papel de Batman loitando contra Ras Al Ghul.

  • [0:50 15/01/2004] O filme que adaptará a obra mestra da ciéncia ficción Cita con Rama de Arthur C. Clarke debutará simultáneamente nas salas de cinema e máis na web.

  • [21:26 11/01/2004] O noso amigo e colaborador de NOVA fantasia, Manel Díez Román, ven de publicar o seu primeiro libro en solitário, Corazones de Obsidiana, na editorial Libro Andromeda. É unha nova que ademáis de server para lle dar a noraboa a Manel, tamén nos debe encher de orgullo a nós, porque este libro é un tomo composto de catro histórias, todas as cales xa foron publicadas anteriormente nas páxinas desta revista, inda que na súa versión en galego, por suposto.

  • [12:24 2/01/2004] Ningunha das dúas secuelas de Matrix estreadas o ano pasado puido pasar o corte nas nominacións para os Oscar de Hollywood. A que si que estarán na seguinte fase serán O Retorno do Rei e Hulk.

  • [12:24 2/01/2004] Nicole Kidman será probablemente a protagonista da versión cinematográfica da série dos anos 60 Embrujada, segundo informou o Australian Daily Telegraph.

  • [3:38 2/01/2004] A Asociación Española de Fantasía e Ciéncia Ficción muda o seu nome engadíndolle un novo compoñente: "e Terror". Así que dende agora o novo enderezo electrónico será www.aefcft.com. E por certo, animan á xente a se apuntar á nova asociación.

  • [0:56 28/12/2003] O escritor inglés J.G. Ballard rexeitou a honra de Cabaleiro do Império Británico segundo un documento recentemente feito público e que nas súas 400 páxinas lista a todos os que rexeitaron a condecoración dende os tempos da Segunda Guerra Mundial. Ballard, quen rexeitou o prémio este ano, dixo que o sistema honorífico é "unha charada" e que milleiros de medallas son dadas no nome dun império que non existe. Ballard é o autor de obras de ciéncia ficción coma Crash, The Crystal World ou O Império do Sol.

  • [22:13 25/12/2003] O candidato polo partido republicano ao congreso por Alabama Michael Wiliams declarou que se sae elixido proporá un imposto do 1% sobre todos os libros e comics de CF, libros de ciéncia espacial e calqueroutra literatura relacionada co espazo. Ademáis aplicaría-se a todo xoguete, xogo ou puzzle relacionado co espazo. Williams aplicaría o recadado por este imposto directamente para financiar o orzamento da NASA. Á vez propón rebaixas de impostos para apoiar a investigación científica.

  • [18:26 20/12/2003] Entre os nominados aos Globos de Ouro deste ano, anunciados o pasado 18 de decembro, atópanse várias seccións con interese para os afeccionados ao xénero fantástico. Así, está nominada O Señor dos Aneis: O Retorno do Rei para millor película dramática. Atopar a Nemo está entre as nominadas para millor película, musical ou comédia. Para millor actriz temos de candidata a Jamie Lee Curtis por Freaky Friday, para actor a Johnny Depp por Piratas do Caribe e para millor director a Peter Jackson pola terceira parte dos Aneis. Ademáis, están nominados Howard Shore á millor banda sonora e a canzón Into the West de Annie Lennox, as dúas pertencentes á película O Retorno do Rei.

  • [21:06 18/12/2003] En AngelStudios.tv anúncian a aparición da primeira película de ciéncia ficción feita en Flash e de "fala hispana". Haberá que mirala.


    Estrea-se O Retorno do Rei

    Sir Ian McKellen saúda ás multitudes no desfile[20:41 01/12/2003] Liv Tyler, Viggo Mortensen, Elijah Word e Sir Ian Mckellen, actores de O Retorno do Rei, a terceira parte de O señor dos Aneis e mais o director do filme, Peter Jackson, desfiaron hoxe por un percorrido duns cinco quilómetros que paralisou a actividade de Wellington, a capital neocelandesa. Ao redor de cen mil persoas congregáranse para aclamalos.

    Moitos interromperon as suas actividades laborais ou pasaron a noite en candea para ovacionar a un elenco que adicou os últimos anos a levar ás pantallas a obra do escritor J.R.R Tolkien. "Foron catro anos da miña vida e estar agora en Wellington para a derradeira estrea é sinxelamente extraordinário", dixo Wood, quen estaba acompañado dunha lexión de "hobbits", "elfos" e o resto de creaturas xurdidas da fértil imaxinación de Tolkien. En termos semellantes expresou-se o director Peter Jackson, quen sinalou que "ainda que para min é o final dun traballo de sete anos, en realidade agora non quero pensar en que é algo rematado". Á entrada do Embassy Theatre, onde tivo lugar a estrea, Jackson asegurou que ésta será a primeira vez que verá a montaxe definitiva de O Retorno do Rei, obra que culmina a triloxia rodada en Nova Celanda e que custou ao redor de 2.000 millóns de dólares.

    O desafío da empresa tamén foi destacado por McKellen, quen encarna o papel de Gandalf no filme e quen afirmou que "sempre pensei que éste foi o mais cobizoso filme nunca feito".

    A responsabilidade do desafio non foi eludida por Jackson, que, a pesar de que estará ocupado os dous vindeiros anos na adaptación da nova versión de King Kong, non descarta adaptar O Hobbit, outra das viaxes literárias de Tolkien polos mitos da Terra Média.

    Mark Ordesky, o produtor executivo de A comunidade do Anel e As Dúas Torres, as dúas primeiras entregas da triloxia, declarou que O Hobbit terá vida fílmica, ainda que recoñeceu que primeiro haberia que resolver certos conflitos sobre os direitos de propriedade da obra. A este desexo non é alleo o Governo de Nova Celanda, que dende un primeiro intre volcouse cunha triloxia que considerou a mellor proxección do turismo e investimento no país.

    Algo que xa comezou a dar resultados, como indicou o ministro de Enerxia, Pete Hodgson, quen anunciou que o 10 por cento de quen visitan o país fano motivados pola visión do filme. Este recoñecemento tivo a sua escenificación hoxe no Parlamento de Wellington, onde os participantes do desfile foron ovacionados polos lideres do país e pola primeira ministra, Helen Clark.

    Clark, unha das 700 persoas que asistiron pouco despois ao teatro, dixo sentir-se orgullosa dun filme en cuxa promoción e publicidade o Governo gastou 2,5 millóns de dolares para mellorar a imaxe do país como destino de investimento e turismo.


    Mel Gibson enfrónta-se ao Vaticano

    [19:57 02/12/2003] O actor e director americano Mel Gibson dixo "non" á petición do Vaticano de poder visionar antes da estrea a súa nova película, The Passion, na que relata as derradeiras horas da vida de Xesús Cristo.

    O Vaticano pedira hai uns días á productora americana a posibilidade de que un grupo de cardeais expertos en cristoloxía poideran ver a porta pechada antes da estrea, prevista para a vindeira primavera, a nova película dirixida por Gibson.

    Inda que todo semellaba indicar que a productora aceptara a proposta de proxectar The Passion durante a Convención "Cristo e máis o Cinema", Mel Gibson anunciou onte a súa decisión de non permitir a proxección.

    "As negociacións con Gibson duraron até onte pero os productores explicaronnos que o filme inda non está listo xa que o director está na sala de montaxe para suavizar as escenas máis violentas", explicou hoxe Andrea Piersanti, presidente do Ente do Espectáculo do Vaticano.

    Segundo Piersanti, trátase só dun atraso e ao final será posible que a Santa Sé vexa a película: "Trataríase dunha espléndida ocasión para poñer fin ás polémicas sobre o presunto contido antisemita da película", apuntou.

    The Passion, que foi rodada totalmente en Itália, foi criticada por algunhas comunidades xudeas dos Estados Unidos, que critican a Gibson o retomar a acusación aos xudeus de deicídio, por mor das crueis escenas da morte de Cristo.


  • [0:50 15/01/2004] Rowan Atkinson (Mr. Bean) foi contratado para facer un papel inda sen determinar na vindeira película de Harry Potter, que será a cuarta entrega da saga.

  • [0:50 15/01/2004] A protagonista de Catwoman Halle Berry quere adoptar á gata de Bengala coa que comparte o protagonismo no filme. Seica durante a rodaxe Berry se fixo máis amiga desa gata ca de calqueroutro protagonista, incluindo a Sharon Stone.

  • [0:50 15/01/2004] O director Ron Howard podería ter posto un ollo encol de Russell Crowe e de Kate Beckinsale para os papeis protagonistas do seu filme adaptación do best-seller de Dan Brown The Da Vinci Code (coidamos que xa existe unha tradución ao español). Howard xa contratou a Akiva Goldsman para escribir o guión.


    Os gañadores dos Prémios Fantasy

    [11:16 04/12/2003] No decurso da FantasyCon, a convención inglesa do Fantástico, celebrada o pasado 23 de novemebro en Stafford (Inglaterra), a British Fantasy Society anunciou aos gañadores dos prémios Fantasy deste ano, aos millores no eido do fantástico nas illas británicas. A listaxe completa cos gañadores vai de seguido:


  • [0:50 15/01/2004] Mark Swift e Damian Shannon, a equipa de guionistas que escribiu Freddy vs. Jason, foron contratados pola Universal Pictures para reescribir Spy Hunter, a adaptación dun mítico videoxogo da época do Spectrum que terá como protagonista a Dwayne "the Rock" Johnson. Ademáis, están a escribir o guión de Area 52, un filme de bases secretas do governo americano e un álien malísimo.

  • [0:50 15/01/2004] O director de X-Men Bryan Singer comentou nunha recente entrevista que está a producir unha minisérie sobreo triángulo das Bermudas. Singer non planea dirixir ningún dos episódios da minisérie, tan só será o productor.

  • [0:50 15/01/2004] Se inda non vimos a segunda, xa están a facer a terceira parte de Scooby Doo. A protagonista Linda Cardellini, no seu papel de Velma, xa foi contratada para o filme.

  • [0:50 15/01/2004] As novas escenas para Exorcist: The Beginning comezaron a se rodar esta semana en Roma, con algunhas faces novas, coma Izabella Scorupco ou James D'Arcy, quen sustitúe a Gabriel Mann. Coma lembraredes, Renny Harlin sustituíu ao director orixinal Paul Schrader e seica vai rodar o filme case por completo.

  • [0:50 15/01/2004] A canle de televisión SCI FI Channel anunciou que vai producir unha minisérie baseada no libro de fantasía de Ursula K. Le Guin Terramar. A rodaxe comezará en Nova Celándia esta primavera. O libro, para os que inda non-o leran, vai sobre un rapaz que está destiñado a se converter no meirande meigo de Terramar.

  • [0:50 15/01/2004] Outro rumor, este un pouco perruno: seica está en proxecto unha série de debuxos animados para nenos que tería como protagonista ao can do home de aceiro, Krypto. Podería verse a través da canle de pago Cartoon Networks.

  • [21:41 27/01/2004] Jack Cady, novelista de xénero fantástico, finou o pasado día 14 de xaneiro na súa vila de Port Townsend, Washington, de cancro, aos 71 anos de idade. Cady escribiu novelas coma The Hauntings of Hood Canal (2001), The Off Season (1996), Street: A Novel (1995) ou Inagehi (1993), e recebiu prémios moi importantes, coma o Nebula, o Phillip K. Dick, o World Fantasy e mesmo o Bram Stoker. Estaba casado en segundas núpcias cunha muller de 27 anos.

  • [21:41 27/01/2004] O director Tim Burton presentou o seu novo proxecto cinematográfico: The Corpse Bride (A noiva do cadavre), que producirá coa intención de "rir da morte no canto de temela". The Corpse Bride, realizada no mesmo estilo de animación ca Pesadelo antes de nadal, está baseada nun conto do folclore do leste europeo.

  • [21:41 27/01/2004] As tropas americanas que invadiron o Iraq o ano pasado están a preparar a vila de Hastra con guías turísticos e hoteis coma destiño turístico. Esta vila é famosa porque apareceu brevemente no filme de 1973 O Exorcista. Os militares encargados serán os marines da División 101 Airborne.

  • [21:41 27/01/2004] O productor da película Embruxada, remake da popular série televisiva dos anos 60, confirmou que Will Ferrell (Elf) está a piques de asinar o seu contrato para protagonizar o filme no papel de Darrin. Coma xa sabedes, o papel protgonista da bruxa Samantha será interpretado por Nicole Kidman.

  • [21:41 27/01/2004] O sítio web oficial do filme Van Helsing abriu e xa está dispoñible. O filme semella ter bastante interese, polo que se mira, e a película será estreada o vindeiro 7 de maio.

  • [22:44 22/01/2004] Seica J.R.R. Tolkien gaña un caso na Internet. Un tal Albert Hot Rods rexistrou o domínio jrrtolkien.com e redireccionouno á súa páxina web comercial. Os dereitos de Tolkien pertencen á editorial Harpen Collins, que posúe licéncia exclusiva sobre vários productos (libros, discos, etc), e denunciou o caso á Organización Mundial de Propiedade Intelectual (WIPO). A WIPO ven de dar a razón a HarperCollins, e o domínio deberá de ser redirixido a eles nun máximo de dez días.

  • [0:50 15/01/2004] A rifa polos dereitos sobre a obra de J.R.R. Tolkien O Hobbit podería estragar os plans de Peter Jackson, quen expresara o seu interese en facer un filme baseado no libro. Seica os dereitos sobre o filme son da New Line, pero os da distribución pertencen ao seu rival United Artists.

  • [0:50 15/01/2004] O creador de Buffy Cazavampiros, Joss Whedon, é ún dos novos guionistas da série A Patrulla X para o cómic. Agardamos con impaciéncia o que nos pode ofrecer este mestre.

  • [0:50 15/01/2004] O ex-protagonista da série Roswell Jason Behr e máis a ex-protagonista da série Buffy Cazavampiros Sarah Michelle Gellar serán os protagonistas dun remake do filme xaponés de Takashi Shimizu The Grudge. O mesmo Takashi dirixirá o filme, que contará coa producción executiva de Sam Raimi.

  • [21:41 27/01/2004] Os actores ingleses Bill Nighy (Love Actually) e Martin Freeman están en conversas para protagonizar a adaptación cinematográfica da novela de Douglas Adams Guía do Autoestopista Galáctico, un clásico da ciéncia ficción.


    Prémios en Sitges

    [20:13 06/12/2003] A película xaponesa Zatoichi do director e guionista Takeshi Kitano (Tóquio, 1947) recebiu o Prémio da Votación Popular e máis o da Millor Película do xurado da 36 edición do Festival Internacional de Cinema de Cataluña de Sitges. O director francés Alexandre Aja recebiu o Prémio ao Millor Director pola súa película Haute tension.

    Zatoichi que xa gañou o Prémio ao Millor Director no Festival de Venezia da última edición, tamén obtivo o Prémio á Millor Banda Sonora Orixinal, de Keitchi Suzuki. Zatoichi narra a história dun mítico espadachín cego do século XIX, chamado Zatoichi, que se gaña a vida dando masaxes e xogando aos dados. Dispón dun sable que utiliza para facer xustiza contra a tiranía duns samuráis.

    O xurado tamén apostou pola película xaponesa Gozu de Takashi Miike, que recebiu o Prémio Especial do xurado. O filme, que foi rodado en tan só en tres semanas, trata sobre a máfia xaponesa, onde un gángster perde ao seu irmán e propónse buscalo. A película tamén recebiu o Prémio aos Millores Efectos Visuais.

    O director francés Alexandre Aja recebiu o Prémio ao Millor Director polo seu filme Haute tension. Esta mesma película recebiu o Prémio á Millor Actriz pola interpretación de Cécile de France. A película tamén foi galardonada polos Millores Efectos de Maquillaxe, a Gianetto de Rossi. Ademáis, Robert Downey Jr. recebiu o Prémio ao Millor Actor, pola súa actuación no filme The singing detective.

    Os filmes españois, como Ouija de Juan Pedro Ortega e Una de Zombies de Miguel Ángel Lamata, con Santiago Segura entre os protagonistas, ficaron sen ningún prémio. Nembergantes, a curtometraxe El tren de la bruja de Koldo Serra recebiu o Prémio á Millor Curtametraxe. O director narra a história dun home que se presenta voluntário para comprobar a eficácia dun experimento que intenta comprobar até que punto un indivíduo pode aturar o terror.


    O rexurdir da fantasía

    [23:04 18/12/2003] O Colectivo Nemo organizará tamén este ano o miniciclo O Rexurdir da fantasía, con conferéncias-colóquio adicadas ás obras de J.R.R. Tolkien e J. K. Rowling. Os actos celébranse no Centro Cívico do Casco Vello, na rúa Oliva 12 de Vigo.

    Este é o programa de actos:


    Especial cómic no Colectivo Nemo

    [0:37 16/12/2003] O Colectivo Nemo inícia o dia 18 un novo ciclo de filmes cun especial sobre adaptacións do cómic. Será o seu 18º Ciclo de Fantasia e Ciéncia-Ficción. Este ciclo se enmarca dentro da Tertúlia Viguesa do xénero fantástico, que se celebra todos os xoves a partir das 21:30 h. no Café UF de Vigo, situado na rua do Pracer, 19. A programazón do ciclo é a que segue:

    Máis información no seu sítio web: www.colectivonemo.tk ou no seu correio electrónico: nemo@colectivonemo


  • [22:59 11/02/2004] Howard Shore gañou un prémio Grammy por compoñer a millor banda sonora dunha película ou série de televisión polo seu traballo en O Señor dos Aneis: As dúas torres.

  • [22:59 11/02/2004] Julius Schwartz finou o pasado 8 de febreiro. Inda que estaba especialmente asociado á imaxe da DC Comics, especialmente a Superman, foi ademáis o coeditor do fanzine The Time Traveller (sic) e foi o primeiro axente editorial especializado en ciéncia ficción. Axudou a organizar a primeira convención mundial de ciéncia ficción en 1939, e traballou na DC nos anos 50, reintroducindo moitos dos heroes da "idade dourada" dos cómics, coma Flash ou Lanterna Verde.

  • [21:18 2/02/2004] A guadiánica Asociación Galega de Ciéncia Ficción (seica aínda existe!?) emitiu un comunicado sobre a asembleia que se celebrou a meiados de xaneiro de 2004. Por unha banda mudou-se a xunta directiva, que pasa a estar composta por Mercedes Miniño Meis, Ana Mª. Abel Souto, Iñaki Fariña Muradás e outros. Tamén lembran aos sócios o importante que é a renovación das cotas. Dende NOVA fantasia volvemos, unha vez máis, a pregar a calquera deses sócios que se poña en contacto connosco para así sabermos algo máis respeito da AGASF.

  • [1:50 1/02/2004] O filme A grande aventura de Mortadelo e Filemón, o único que cabería calificar en certo xeito coma do xénero que participaba na edición deste ano dos prémios Goya do cinema español levouse cinco dos seis prémios aos que estaba nominado, inda que todos son secundérios ou de tipo técnico. Concretamente foron os Goyas á Millor dirección artística, Millor montaxe, Millor dirección de producción, Millor maquillaxe e perruquería e Millores efectos especiais, e quedouse só sen o prémio ao millor deseño de vestiário.

  • [0:45 28/01/2004] O editor de comics Julius Schwartz foi hospitalizado após de sofrir unha caída na súa casa. Schwartz, de 89 anos, e coñecido polos seus comics de Superman, xa fora recentemente hospitalizado por mor dunha pneumonía.

  • [0:45 28/01/2004] Por vez primeira unha película de ciéncia ficción gañou no prestixioso festival de cinema independente de Sundance. O filme Primer, sobre dous xoves enxeñeiros que constrúen unha máquina do tempo, obtivo o primeiro prémio dotado con 20.000 dólares.

  • [0:45 28/01/2004] Os prémios Razzie, coñecidos coma os "anti-Oscar", xa teñen asemade a súa listaxe de nominados, e coma adoita ser habitual, unha chea de filmes de xénero fantástico están entre as "piores do ano": coma pior actor, Ben Affleck por Daredevil e Paycheck e Mike Myers por The Cat-in-the-Hat. No eido de pior actriz temos a Angelina Jolie por Lara Croft Tomb Raider: The Cradle of Life, e no apartado de pior director están os irmáns Wachowski polas dúas secuelas de Matrix e a Bo Welch por The Cat-in-the-Hat.

  • [22:59 11/02/2004] Outra de rumores: seica alguén está a pensar en Bruce Willis para o papel de Lex Luthor na seguinte película de Superman.

  • [22:59 11/02/2004] A Marvel Enterprises ven de demandar á Sony, alengando que esta última está a usar tácticas enganosas para negarlle á Marvel os seus dereitos de autor por usar os seus persoaxes na saga de películas de Os Homes de Negro. A Marvel, que xa presentara préviamente dúas demandas contra a Sony polos dereitos de Spiderman, presentou esta nova o pasado 29 de xaneiro. Segundo a Sony, as dúas películas dos Homes de Negro perderon cartos e por iso non lle puideron pagar ren á Marvel.

  • [17:16 15/02/2004] Confirmando os xa moi espallados rumores, podemos afirmar que Liam Neeson (A Ameaza Pantasma) está a negociar o seu papel protagonista no filme que está a se preparar de Batman, dirixido por Christopher Nolan.

  • [22:58 11/02/2004] Charisma Carpenter, a actriz que interpreta a Cordelia na série Angel, estaría interesada en facer o papel de Wonder Woman no filme que se propuxo sobre o persoaxe de cómic. E quen non?

  • [22:59 11/02/2004] O penúltimo rumor é que Sigourney Weaver está moi interesada no papel protagonista da adaptación ao cinema da novela gráfica de Alan Moore e Dave Gibbons Watchmen.

  • [22:59 11/02/2004] Sam Rockwell será definitivamente Zaphod Beeblebrox na vindeira película que versionará a clásica novela de CF de Douglas Adams Guía do Autoestopista Galáctico. O filme comezará a se rodar en abril na cidade inglesa de Londres baixo a dirección de Garth Jennings.

  • [22:59 11/02/2004] A longamente agardada cuarta entrega da saga de Indiana Jones volve á palestra porque o productor George Lucas ven de rexeitar un guión de Frank Darabont. A intención da Paramount é que a película sexa estreada en 2005.

  • [22:59 11/02/2004] Robert Rodriguez, director de Spy Kids 3-D: Game Over, dixo nunha recente entrevista que está a desenvolver unha segunda película de 3D cun novo colaborador: o seu fillo de cinco anos Racer, quen seica lle vai axudar a escribir o guión.

  • [22:59 11/02/2004] A equipa de guionistas composta por Joel Cohen e Alec Sokolow foi contratada pola New Line Cinema para escribir o libreto da série de cómics clásica da DC Shazam!. Shazam! é a história de Billy Batson (Memo Batsón na versión española), un rapaz que se convirte no Capitán Marvel, o mortal máis poderoso do mundo.


    Fraude en Pulpediciones

    [1:18 19/12/2003] Segundo veñen de informar os nosos compañeiros de Fiction Facts, a editorial Pulp Ediciones, adicada a publicar clásicos da ciéncia ficción, a fantasia e o terror, ademais de a editar romances de autores españois, viu-se envolta esta semana nunha polémica que terá graves consecuéncias.

    A esta editorial acúsa-se-lle de non pagar aos escritores, tradutores e ilustradores que traballan para ela; de plaxiar traducións aparecidas en edicións anteriores realizadas por outras editoriais dos romances que agora están a publicar (usando para iso como tradutor a "M. Branco", alcume utilizado por outras editoriais que se adicaban a plaxiar traducións) e de non pagar os direitos de edición en España de diversas obras de autores estranxeiros que editan.

    Dende Pulp Ediciones gardan silenzo, pero diversas librarías (Cyberdark.net, Gigamesh, Arte 9, Casa do Libro, Fnac, Miraguano...) anunciaron que deixan de vender os romances de Pulp Ediciones até que non se aclare a situación na que foron publicadas.

    O xornalista de El Mundo Alberto Cairo anunciou que está a traballar nun artigo xornalístico que tratará sobre este asunto.


    O papa non loubou A Paixón

    [20:38 21/01/2004] Ún dos colaboradores do papa Xohán Paulo II desmentiu que o pontífice eloxiase o novo filme do actor e director australiano Mel Gibson A Paixón de Cristo, segundo informou a axéncia católica de novas Catholic news service (CNS).

    Cindy Wooden, correspondente da CNS, órgao da conferéncia episcopal americana, indicou este martes á AFP que o secretário persoal do papa, monseñor Stanislaw Dziwisz, asegurou-lle que Xohán Paulo II "non se pronunciara sobre o filme" de Gibson.

    Dziwisz confirmou-lle á xornalista que o pontífice asistira a comezos de decembro a unha proxección privada do filme de Gibson, "pero non fixo nengunha declaración ao respecto perante ninguén", dixo, engadindo que o papa "non se pronúncia sobre ese xénero de arte", dixo.

    O prelado polaco, que traballa co papa dende hai 25 anos, desmentiu que Xohán Paulo II aprezase o filme, como escreberon vários meios de prensa.

    Mel Gibson narra en "A Paixón de Cristo", rodada en Itália, as últimas 12 horas da vida de Xesús de Nazaret. Gibson dirixiu con éste o seu segundo filme, despois da oscarizada Braveheart (1995). Este segundo filme de Gibson dá que falar xa antes de ser estreado, dado que algunhas organizacións xudeas denunciaron que atribúe aos xudeus a responsabilidade da morte de Cristo.


    A GaterCon en Barcelona

    [0:22 21/01/2004] O 31 de xaneiro e mais o 1 de febreiro celebrara-se en Barcelona a Primeira Convención Stargate en España. Este feito, que podería pasar desapercibido en Galiza (e que seguramente o pasará para os nosos líderes) non-o será en Cataluña, xa que alí está-se a emitir pola televisión autonómica a série Stargate, un éxito en todo o mundo.

    Fans de todo o mundo vanse axuntar na cidade condal, onde haberá conferéncias, xuntanzas, sorpresas e agasallos aos participantes, entre os que estarán algúns dos actores da série: Daniel Jackson, Teal'C, Michael Shanks e Christopher Judge. Por un compromiso persoal escusou de asistir Lexa Doig.

    Tedes máis información no sítio web de seu: www.gatercon.com.


    Nominados para os Philip K. Dick

    [0:50 15/01/2004] Os xurados dos prémios Philip K. Dick 2003 e a Sociedade de Ciéncia Ficción de Philadelphia, que conceden anualmente os devanditos prémios na honra do mítico escritor de CF á millor novela do xénero publicada nos Estados Unidos, ven de proclamar aos seis finalistas deste ano.

    O gañador será dado a coñecer no decurso da vindeira Norwescon, unha convención a celebrar en Seattle o vindeiro 9 de abril, e estes son os finalistas:


  • [05:56 20/02/2004] Peter Jackson gañou o galardón ao millor director de 2003 na entrega de prémios da Asociación de Directores de Cinema dos Estados Unidos. Este prémio é concedido case sempre ao director que logo gaña o Oscar.

  • [05:56 20/02/2004] A Electronic Arts e mais a Warner Brothers Interactive Entertainment veñen de anunciar que a primeira será a empresa que desenvolva, publique e distribúa os videoxogos baseados na película Catwoman, protagonizada por Halle Berry e que será estreada o vindeiro 30 de xuño.

  • [05:56 20/02/2004] Matt Groening e James L. Brooks, os xefes que están atrás da série de TV Os Simpson, están a liderar unha equipa de guionistas que está a tentar converter a série nunha película para o cinema.

  • [17:16 15/02/2004] O Señor dos Aneis: O Retorno do Rei recebiu a meirande parte das nominacións (13 en total) aos prémios Saturno, outorgados pola Académia de Cinema de Ciéncia-Ficción, Fantasía e Terror.

  • [17:16 15/02/2004] Os estúdios MGM veñen de abrir o primeiro parque temático adicado á série de televisión Stargate SG-1, no Centro Espacial de Bremen, en Alemaña.

  • [05:56 20/02/2004] Pola súa banda, a protagonista de Buffy Cazavampiros Sarah Michelle Gellar está no número ún entre as actrices que aspiran a interpretar a Wonder Woman na película que se está a preparar.

  • [05:56 20/02/2004] A cantante gañadora dos recentes prémios Grammy Beyonce Knowles confirmou que será a vindeira intérprete do persoaxe de Lois Lane na película de Superman.


    Finalistas do Prémio Minotauro

    [3:36 25/01/2004] Cinco obras finalistas optan á primeira edición do prémio Minotauro, o Prémio Internacional de Literatura Fantástica e Ciéncia Ficción.

    O xurado da primeira edición do Prémio Minotauro, formado por Fernando Savater, Álex de la Iglesia, Ángela Vallvey, Marcial Souto, Laura Falcó Lara e Francisco García Lorenzana, decidirá cal será a obra gañadora de entre os cinco finalistas á primeira edición do Prémio Internacional de Literatura Fantástica e Ciéncia Ficción convocado por Edicións Minotauro.

    Os cinco finalistas son:

    O fallo do Prémio Minotauro, que na primeira edición recibiu 241 manuscritos, terá lugar en Madrid o vindeiro martes 10 de febreiro de 2004. O gañador ou gañadora desta primeira edición recebirá 18.000 euros, feito que converte ao prémio no mellor dotado a nível mundial dentro do xénero fantástico e de ciéncia ficción.

    Por certo, que se comenta por aí que os finalistas son tan bos que é moi probable que Minotauro os edite, ao igual que o gañador.


    O retorno do rei trunfa nos Globos de Ouro

    [0:56 27/01/2004] En Beverly Hills (Califórnia) celebrou-se o que se considera a antesala dos Oscars, a 61ª edición dos Globos de Ouro que anualmente organiza e concede a Asociación da Prensa Estranxeira de Hollywood. Catro eran as candidaturas que o filme O retorno do rei obtivera e catro foron os galardóns que recebíu. Millor Filme por O retorno do rei, Millor Director a Peter Jackson, Millor Banda Sonora para o compositor Howard Shore e Millor Canzón Into the west, interpretada por Annie Lennox.

    Jackson e O señor dos aneis teñen agora moitas opcións na carreira dos Oscar, xa que logo os gañadores dos Globos de Ouro adoitan recebir logo tamén o Oscar, e ademáis neste caso teñen ao seu favor o público e máis a crítica. O martes 27 de xaneiro darán-se a coñecer os candidatos aos Oscar deste ano.


  • [19:57 23/02/04] Confirmou-se que a série Angel, a secuela da série Buffy cazavampiros, foi cancelada despóis de seis anos. A empresa xa lle comunicou a decisión ao produtor Joss Whedon e aos membros do elenco. Até a data, esta série de terror xuvenil tivo un promédio de 4,41 millóns de espectadores durante a tempada actual, o que supón un aumento do 12% en relación á tempada anterior, cun promédio de 3,95 millóns.

  • [14:08 27/02/04] A Fox e mais a Regency Enterprises están a negociar con Rob Bowman (Expediente X) para que dirixa Elektra, un filme secuela de Daredevil que protagonizará Jennifer Garner. A producción da película escomezará contra o mes de maio.

  • [14:08 27/02/04] A Walt Disney Co. ven de anunciar que adquiriu aos populares Teleñecos, unha marca que pertencía a The Jim Henson Co. As fontes máis cercanas á dura negociación afirman que o prezo da compra foi de 60 millóns de dólares. De agora en adiante xa podemos agardar a ver baixo o selo da Disney á rá Gustavo, Miss Peggy, o monstro das galletas, Epi e Brais e todos os demáis persoaxes da marca.

  • [14:08 27/02/04] A AIAS (Academia das Ciéncias e Artes Interactivas, ou sexa, videoxogos) ven de anunciar aos finalistas dos prémios deste ano. Inda que hai moitísimas categorías, a máis importante é a do millor videoxogo do ano, para o que están nominados os seguintes: Command & Conquer: Generals (EA), Call of Duty (Activision), Max Payne 2: The Fall of Max Payne (Rockstar), Prince of Persia: The Sands of Time (Ubisoft), Ratchet & Clank: Going Commando (SCEA), Rise of Nations (Microsoft), SSX 3 (EA), Star Wars: Knights of the Old Republic (LucasArts) e The Legend of Zelda: The Wind Waker (Nintendo).

  • [14:08 27/02/04] O sítio web IESB.net informou dun rumor segundo o cal o director de O Quinto Elemento, o francés Luc Besson, ten proxectado facer unha nova versión da película de ciéncia ficción francesa de 1968 La Nuit des Temps, que é unha espécie de história de Romeo e Xulieta cun toque de CF.

  • [14:08 27/02/04] Jon Favreau (Elf) podería ser o director de Zathura, a secuela do éxito de 1995 Jumanji. O guión é de David Koepp (Spiderman).

  • [14:08 27/02/04] Todos os videoxogos vendidos nos Estados Unidos levarán dende agora un autocolante cunha adverténcia do FBI contra a piratería. Ademáis, esta adverténcia irá tamén nos vídeos, CDs e DVDs.

  • [14:08 27/02/04] As primeiras novas que temos sobre a estrea de A Paixón, o controvertido filme de Mel Gibson sobre a morte de Xesús Cristo, son que unha señora morreu en Kansas (Estados Unidos) após de ver as escenas máis duras da crucifixión. Pola súa banda, as organizacións xudeas continúan presionando ao Vaticano para que faga unha declaración contra a película. As organizacións cristianas, mentres tanto, están a gastar millóns de dólares en publicidade e en organizar viaxes de fieis para vela. Isto seméllase moito a unha nova guerra relixiosa, pero o único certo é que é unha película violenta e morbosa, coma é o cristianismo.

  • [14:08 27/02/04] O director Ismail Merchant ven de contratar á cantante Tina Turner, recentemente convertida ao budismo, para que interprete á deusa hindú Shakti na súa vindeira película fantástica A deusa, protagonizada por Matthew Modine.


    O retorno do rei, once nominacións aos Oscar

    O poster da película[21:07 27/01/2004] Este mediodía, o presidente da Académia, Frank Pierson, acompañado de Sigourney Weaver, anunciou as candidaturas dende a sede da Académia de Artes e Ciéncias Cinematográficas. Neste acto déron-se a coñecer dez das 24 categorias premiadas coa prezada estatuiña, unha listaxe completa que se pode ver na web da Académia.

    O Señor dos Aneis. O Retorno do Rei, a terceira parte da triloxia, foi o filme que logrou maior número de candidaturas, once en total, entre elas ao de mellor filme e mellor director. O filme de Peter Jackson tamén obtivo nominacións á millor banda sonora e á millor canzón, aos efeitos visuais, edizón e ao guión adaptado. Por atrás fican produccións coma Master and Commander, con dez nominacións.

    Xunto a Peter Jackson, por O retorno do rei, optan ao prémio ao mellor director na 76 entrega dos prémios o brasileiro Fernando Meirelis - polo seu traballo en Cidade de Deus -, Sophia Coppola, Peter Weir e Clint Eastwood.

    Entre as outras nominacións con interese para os afeccionados ao xénero fantástico podemos atopar a Johnny Depp como millor actor por Piratas do Caribe: A maldizón da perla negra e Alec Baldwin como millor actor secundário en The Cooler.

    Atopar a Nemo foi nominada para o prémio á millor película de debuxos animados, xunto con Brother Bear e o filme francés Les Triplettes de Belleville. Atopar a Nemo está nominada ademáis coma millor guión orixinal.

    Ademáis, o actor portorriqueño Benicio del Toro foi designado candidato ao Oscar como mellor actor secundário polo seu papel en 21 Gramos. É o único hispano que optará este ano a un Óscar.

    En Galiza, a gala de entrega dos prémios poderá ser seguida a través de Canal+ o vindeiro 29 de febreiro, nunha emisión en directo dende o Kodak Theatre de Hollywood.


  • [23:05 4/03/04] O Señor dos Aneis: O retorno do rei converteuse xa no segundo filme da história, após Titanic, que sobrepasa a barreira dos mil millóns de dólares nas billeteiras en todo o mundo. A New Line Cinema informou de que a película acadou bater a marca en tempo récord. As tres películas xuntas levan xa 2.800 millóns de dólares.

  • [23:05 4/03/04] A recente gañadora do Oscar á millor actriz, Charlize Theron, protagonizará Aeon Flux, unha película de ciéncia ficción baseada na série de debuxos animados da MTV.

  • [23:05 4/03/04] Os escritores de ciéncia ficción Harry Harrison e Brian Aldiss formarán parte do Salón da Fama da Ciéncia-Ficción e da Fantasía, o mesmo ca os defuntos Doc Smith e Mary Shelley. A súa entrada será o vindeiro 9 de xullo no decurso dunha cerimónia que terá lugar en Lawrence, Kansas.

  • [23:05 4/03/04] Robert Rodriguez está xa a traballar na dirección dunha adaptación para o cinema do cómic Sin City de Frank Miller. Josh Hartnett (The Faculty) e Marley Shelton (Valentine) serán os protagonistas.

  • [23:05 4/03/04] Screen Gems e Lakeshore Entertainment asociarán-se para facer unha segunda parte do éxito do ano pasado Underworld. A secuela deste filme de loita entre vampiros e lobishomes traerá de novo a Kate Beckinsale no papel da vampiresa heroina.

  • [23:05 4/03/04] A creadora de Harry Potter, a escritora J.K. Rowling, uniuse aos máis ricos do mundo na listaxe que a revista Forbes publica cada ano.

  • [19:53 29/02/04] Este ano (por fin!) os Prémios Razzie, os 'antioscar' do cinema, non tiveron sabor fantástico. Ben Affleck e Jennifer López arrasaron nas principais categorías dos Razzie, entregados aos piores traballos cinematográficos do año un día antes da grande gala do cinema. Sylvester Stallone acadou o seu décimo Razzie ao gañar na categoría de pior actor secundário por Spy Kids 3. Demi Moore obtivo o prémio á pior actriz secundária por Os Anxos de Charlie 2, película que levou o galardón como pior secuela do ano. Nunha nova categoría, Mike Myers e o seu The Cat in the Hat acadaron o Razzie á pior excusa para facer unha película.

  • [14:08 27/02/04] Máis de 46,000 fans da série Angel, recentemente cancelada, veñen de asinar unha petición para que continúe viva. Se queredes botar unha man, tedes un sítio web onde poder facelo: SupportAngel.org. Xa que non queren salvar as baleas, polo menos que salven unha série de TV.

  • [23:05 4/03/04] Peter Jackson, que está a dirixir un remake de King Kong, confirmou que utilizará aos veteráns das súas películas do Señor dos Aneis no reparto, pero que inda é moi cedo para dicir quen participará.

  • [19:53 7/03/04] J.K. Rowling non descarta unha oitava entrega de Harry Potter: "Nunca digo nunca porque, cada vez que o fago, rompo a promesa", dixo a autora nun chat con máis de 16.000 personas, tras ser preguntada por unha posible oitava entrega das aventuras do neno meigo. Mália repetir que só habería sete libros, a escritora, que xa traballa na redacción do sexto, no que o universo máxico está en guerra, non descarta agora esta posibilidade.

  • [19:41 7/03/04] O libro Alicia en el lado oscuro. La pedofilia desde la Antigua Grecia hasta la era de Internet, do noso benquerido leitor Pablo Santiago García xa saiu. Está editado por Imagine Ediciones e distribue-o G&M, de Madrid. En calquera libraría volo poden pedir; o teléfone da distribuidora é o 913 002 797.

  • [22:31 10/03/04] A Universal Pictures ven de dar a súa aprobazón para Serenity, unha película baseada na série de televisión de Joss Whedon Firefly, unha espécie de western futurista que tivo pouco éxito na súa andaina pola pequena pantalla.

  • [22:31 10/03/04] A producción do novo filme Batman Begins ven de comezar en Islándia, mentres que Gary Oldman asinou xa definitivamente parao seu papel de tenente James Gordon. Seica por fin imos ver a Oldman nun papel que non é de "malo".

  • [22:31 10/03/04] John Zuccarini, un "ciberokupa" americano de 56 anos, ven de ser condeado a dous anos e médio de cárcere por rexistrar ao seu nome vários domínios relacionados con marcas rexistradas de Disney e Harry Potter, pero mal escritos (como harypotter.com ou harrypoter.com, por exemplo), para beneficiarse de que os nenos non adoitan escribir ben no teclado e así acaban parando nos seus websites. Polo de agora seica levaba gañado un millón de dólares.

  • [22:31 10/03/04] Spiderman 2 inda non chegou ás salas de cinema, pero a Sony Pictures e máis a Marvel Enterprises están xa a preparar outra aventura do trepamuros. A terceira entrega da série podería aparecer contra o ano 2007.

  • [22:31 10/03/04] A Walt Disney Pictures cofinanciará e distribuirá As crónicas de Nárnia, unha película baseada nos populares contos fantásticos para nenos de C.S. Lewis. A película terá un orzamento de cen millóns de dólares (uns 80 millóns de euros), co director de Shrek Andrew Adamson tras as cámaras. A producción comezará este mesmo verán.

  • [22:31 10/03/04] O director de X-Men Bryan Singer vaise encargar agora dun remake do clásico da ciéncia ficción de 1976 A fuga de Logan, coa producción de Joel Silver (o de Matrix. O curioso é que mentres que na película orixinal o protagonista está a escapar dunha senténcia de morte por ter cumpridos 30 anos, agora serán só 21 anos. Seica hai que ir dando paso á xuventude? A película podería comezar a se rodar este mesmo ano.

  • [22:31 10/03/04] Robert Rodriguez ven de asinar o contrato que lle permitirá dirixir a adaptación para o cinema do clásico da ciéncia ficción de Edgar Rice Burroughs A Princesa de Marte. A Paramount Pictures financiará e distribuirá o filme.

  • [0:17 23/03/04] A terceira entrega de O Señor dos Aneis, O retorno do rei, xa leva recadados 1.072 millóns de dólares en todo o mundo. E a conta segue subindo.


    Schwarzenegger asina a sua primeira sentenza de morte

    [19:37 31/01/2004] O governador de Califórnia, o actor Arnold Schwarzenegger, negou hoxe o perdón a un condeado a morte que se converterá o vindeiro 10 de febreiro no primeiro executado neste Estado nos dous últimos anos.

    O caso de Kevin Cooper, un home de raza negra condeado polo asasinato en 1983 dun matrimónio xove, a filla de éstes e dun amigo da cativa que lles acompañaba, é o primeiro que revisa o governador republicano, que tomou as rédeas deste Estado en novembro.

    Schwarzenegger deu luz verde á execución de Cooper, de 46 anos, co argumento de que os tribunais estudaron o seu caso durante 18: "As probas que estabelecen a sua culpabilidade son abrumadoras", sinalou Schwarzenegger, sen comprender inda que dá o mesmo que sexa ou non culpable, que o único que importa é que a pena de morte é unha aberración.

    Nengún governador de Califórnia concedeu o perdón a un condeado por asasinato dende 1967, cando Ronald Reagan librou da pena máxima a un deficiente mental.


    TVE estreará un espazo de divulgación científica

    [22:37 29/01/2004] Os amantes da ciéncia e da divulgación están de parabéns. Na noite dos domingos, na primeira cadea española de televisión, emitirá-se un novo programa sobre ciéncia, que levará por nome Atlantia.

    Estará apresentado por ún dos divulgadores científicos mais coñecidos polo grande público: Manuel Toharia. Físico e xornalista, é lembrado por moitos (a pesar do tempo pasado) como "o home do tempo". Actualmente é o director do Museu de Ciéncia de Valéncia, tras de telo sido do Museu de Cosmocaixa de Madrid e tamén do Museu da ciéncia da Caixa.

    Este programa pretende divulgar e debater sobre os temas científicos que están de actualidade. Desde os alimentos transxénicos até a evolución da espécie humana pasando pola clonación. Para o facer mais animado e atrativo para o público, contará coa presenza de contertúlios coñecidos, non relacionados directamente co mundo científico.

    No primeiro programa, que se emitirá o vindeiro dia 8, tratará-se o tema da vida no universo. Debaterá-se se a vida xurde e se necesáriamente evolúe cara á intelixéncia. Tamén se tratarán as viaxes espaciais tripuladas para explorar e colonizar outros mundos, como xa estamos a facer coas nosas sondas en Marte, de actualidade nestes días.

    Na mesma cadea, día e hora, emitiu-se en semanas pasadas Planeta Encantado, un programa no que se apresentaban unha série de supostos mistérios, que non eran tais. Apresentado polo escritor Juan José Benítez, misturaban-se dados verídicos con outros de duvidosa certeza. O programa recebeu críticas pola súa falla de rigor.



    Nominados para os prémios Clarke

    [22:59 11/02/2004] Os organizadores veñen de anunciar a listaxe de candidatos para o prémio Arthur C. Clarke 2004, que recibe a millor novela de ciéncia ficción editada en Inglaterra. O prémio, que leva o nome do lendário escritor de ciéncia ficción, está administrado pola British Science Fiction Association, a Science Fiction Foundation e mais o Science Museum.

    O prémio consiste nunha placa e un prémio de 2004 libras (2952 euros). A listaxe completa dos nominados é a seguinte:


    Gañador do prémio Minotauro

    [22:59 11/02/2004] O gañador da primeira edición do Prémio Minotauro de literatura fantástica foi parar ao escritor e actual director da revista Galaxia León Arsenal polo romance Máscaras de Matar.

    O xurado do prémio estivo composto por Fernando Savater, Álex de la Iglesia, Ángela Vallvey, Marcial Souto, Laura Falcó Lara e Francisco García Lorenzana; o prémio ten unha dotación económica de 18.000 euros e o romance gañador será editado por Minotauro.


    Nominacións aos Nebula

    [18:18 14/02/2004] Vense de publicar a listaxe de nominados aos prémios Nebula que outorga a SFWA (Asociación de escritores de Ciéncia Ficción de América). Os premios entregaran-se no decurso dunha cea que terá lugar o vindeiro 17 de abril en Seattle. A listaxe final de candidatos é a seguinte:


  • [0:17 23/03/04] A actriz Mercedes McCambridge, famosa por ser a voz da nena endemoñada de O Exorcista, finou o pasado 2 de marzo aos 87 anos de idade. E por certo, foi por causas totalmente naturais.

  • [0:16 23/03/04] A estrela do rap Redman, o director John Waters e o actor de O Señor dos Aneis Billy Boyd veñen de unir os seus talentos para crear unha nova obra mestra do cinema: Seed of Chucky, a quinta entrega do boneco diabólico. A secuela será rodada en Roménia, onde todo é máis barato.


    Nova colección de libros de peto

    [17:16 15/02/2004] A recente venda por parte de Ediciones B (Grupo Z) do 50% das accións que mantiña na editorial Suma de Letras ao seu ex-sócio, Santillana (pertencente ao Grupo PRISA) ven de orixinar a criazón dunha nova liña de novelas de peto editada por Ediciones B.

    Esta liña de novelas de peto chamara-se Byblos e, ademáis de publicar próximamente Estúpidos Homes Brancos de Michael Moore e outros éxitos desta editorial, adicará-se a publicar en formato de peto os títulos xa editados meses atrás na Colección Nova, que dirixía Miquel Barceló e estaba orientada cara a literatura fantástica.



    Xa hai guionistas para Ender

    [05:56 20/02/2004] Os guionistas do filme X2 Dan Harris e Michael Dougherty adaptarán a novela de Orson Scott Card O xogo de Ender e A sombra de Ender á pantalla grande, nun filme que será dirixido por Wolfgang Petersen. A Warner Brothers producirá a película. O libro, gañador dos prémios Hugo e Nebula á millor novela, é un clásico da ciéncia ficción de todos os tempos, e trata sobre un mundo ameazado polos extra-terrestres e no que un neno, Ender, é recrutado para a batalla definitiva.

    Até o de agora, Card resistiuse ás moitas ofertas que lle chegaron para vender os dereitos sobre os seus libros, pero o ano pasado chegoulle unha que non puido rexeitar, por parte da Warner, e no que se inclúen non só os libros, senón xogos de ordenador.



    Once Oscars para O señor dos aneis!

    Peter Jackson recolle o seu prémio[14:42 01/03/04] O señor dos aneis: O retorno do rei, de Peter Jackson, entrou na história do cinema ao lograr hoxe (de madrugada en Galiza) nada menos ca 11 oscars, todos aos que optaba. Con esta marca iguala o logrado por Ben Hur e Titanic.

    Hollywood premiou cunha noite memorábel a laboura do neocelandés Jackson na adaptación ao cinema da triloxia de J.R.R. Tolkien cunha sucesión de éxitos. Jackson agradeceu os 11 oscars "ao povo e ao Governo de Nova Celándia", país que aportou meios técnicos e extras á superproducción. "Grazas á Academia porque me deu unha noite espléndida", comentou o director.

    Mellor filme, mellor dirección -os máis importantes-, mellor guión adaptado, mellor dirección artística, mellor vestiário, mellor montaxe, mellor banda sonora, mellores efeitos especiais, mellor són e mellor maquillaxe. Cada vez que se escoitaron estes prémios o filme de Jackson foi o escollido. AoS seus 42 anos, este realizador ao que os seus amigos descreben coma "un hobbit" por ser baixiño, regordecho, con moito pelo e descalzo sempre que pode, pasou coa sua triloxia a converter-se no novo rei de Hollywood.

    Dos grandes e esperados galardóns destacaron o de mellor actor, logrado por Sean Penn -ante un decepcionado Bill Murray- polo seu papel en Mystic River, dirixido por Clint Eastwood, mentres a surafricana Charlize Theron cumpriu o prognóstico ao lograr o Oscar á mellor actriz por interpretar a unha asasina en série en Monster.

    A aventura de piratas Master and Commander, do australiano Peter Weir, obtivo dous prémios técnicos, mellor fotografia e mellor montaxe sonora, o que serviu para coroar ao cinema de Oceanía. O prémio ao mellor actor secundário levou-llo Tim Robbins (Mystic River), que foi un dos primeiros en subir ao cenário. "Sei que moitos dos que me votaron non comparten a miñas ideas, pero ainda asi amosaron a sua comprensión pola arte", declarou este rebelde de Hollywood. Renée Zellweger, por Cold Mountain, fixo-se co de mellor actriz secundária.

    A eloxiada Lost in Translation, de Sofia Coppola, que aspiraba a catro prémios, tivo que se conformar co Oscar ao mellor guión adaptado, para a filla do director Francis Ford Coppola.

    Outra favorita, os debuxos animados de Buscando a Nemo, non surprendeu a ninguén co seu Oscar á mellor longametraxe de animación.


  • [21:08 27/03/04] O dia 21 de Maio estreou-se en Galiza A Matanza de Texas 2004, unha película inspirada no clásico do mesmo título rodado en 1974, e protagonizada por Jessica Biel, Jonathan Tucker, Erica Leerhsen, Mike Vogel e Eric Balfour.

  • [23:56 23/03/04] Orlando Bloom, o actor que deu vida ao elfo Legolas en O Señor dos Aneis, podería ser o novo axente 007, segundo os rumores que corren por aí.

  • [0:16 23/03/04] Malas novas para quen desexasen ver na secuela da pésima película Daredevil ao heroe orixinal, xa que Ben Affleck anunciou a sua intención de non aparecer nela, esquecendo-se asi do xénero de acción. Actualmente, o actor desexa novos reptos, e o da comédia será un dos vindeiros, xa que protagonizará Surviving Christmas, un filme con estrea prevista para novembro nos Estados Unidos.

  • [0:16 23/03/04] Paizo Publishing ven de anunciar que vai resucitar a clásica entre as clásicas revistas pulp: Amazing Stories. O acontecemento terá lugar en xullo, e por suposto, nos Estados Unidos. A revista foi publicada por primeira vez en 1926 e agora terá periodicidade mensual, con 84 páxinas e un prezo de 5,99 dólares (4,79 euros).

  • [21:26 29/03/04] Sir Peter Ustinov, o célebre actor inglés nado en 1921, finou onte na súa residéncia de Suiza aos 83 anos de idade. Como actor do xénero fantástico non era especialmente relembrado, pero interveu últimamente en telefilmes coma Salem Witch Trials (2002), Animal Farm (1999), Alice in Wonderland (1999) ou Around the World in 80 Days (1989), e en películas coma A Fuga de Logan (1976) ou One of Our Dinosaurs Is Missing (1975). Noutros xéneros, Ustinov é lembrado polo seu papel de Nerón en Quo Vadis e por ser o coguionista de Espartaco.


    Regresa ao Índice do Arquivo de NOVAFANTASIA.COM