[21:22 02/06/04] O lanzamento do filme O Señor dos Aneis: O Retorno do Rei, de Aurum Producciones, foi galardoado co Sol de Ouro na categoria de Millor Uso de Diários en "El Sol, Festival Publicitário Iberoamericano", dentro da sección de Planificación de Meios.
O Festival Publicitário Iberoamericano, antes coñecido como Festival Publicitário de Donosti, cuxa primeira edición se remonta ao ano 1986, está recoñecido como o mais prestixioso escaparate de tendéncias e traballos do sector publicitário en España. A 19ª Edición do Festival tivo lugar os pasados dias 27, 28 e 29 de Maio na cidade de Donosti.
O Xurado que outorgou os prémios da sección de Planificación de Meios na presente edición estivo presidido por José Carlos Gutiérrez (Conselleiro Delegado de Iceberg Media) e composto por Carmen Novo (CICM), Pedro Merino (Director Xeral para España de Initiative Media), Ricardo Urías (MPG Media Planning Group) e Agustín Casado (Director Xeral de Zenith Media).
[22:02 03/06/04] Harry Potter e o prisioneiro de Azkaban, o último filme sobre o famoso mago, recadou no seu primeiro dia de proxección no Reino Unido máis de 7,5 millóns de euros, a primeira fita en acadar unha cifra tan elevada. Segundo informou onte a canle BBC, a fita, do director mexicano Alfonso Cuarón e que é seica a mais sinistra da série, recadou o lúns 7.545.000 euros nos 535 cinemas nos que foi estreada.
É a terceira filme que protagoniza o personaxe criado pola escritora escocesa Joanne K. Rowling e a sua recadación foi moi superior ás dos outros dous. A segunda da série, Harry Potter e a cámara secreta (2002), acadou 3,27 millóns de euros. A máxia de Harry Potter cativou tanto a cinéfilos como a leitores: venderon-se en todo o mundo xa 250 millóns de libros.
[20:03 06/06/04] Harrison Ford voltará a vivir aventuras no espazo exterior en Godspeed, un thriller de ciéncia ficción producido pola compañía de James Cameron, Lightstorm Entertainment. O filme conta cun guión de Ryne Douglas Pearson (Mercury Rising), pero inda non hai asignado un director ao proxecto.
Godspeed ten lugar nunha estación espacial internacional, onde unha situación de vida ou morte podería acabar con todos os astronautas a bordo. O filme comezará a se rodar en outono. Ford estaba a agardar pola súa participación na cuarta entrega de Indiana Jones, pero o proxecto foi novamente aprazado por mor da auséncia dun bó guión.
[22:02 03/06/04] Após de mirar no cinema a versión cinematográfica de Starsky & Hutch, outros proxectos comezan a perfilar-se como vindeiras adaptacións de éxito. Nesta ocasión falamos-vos sobre o filme de O Coche Fantástico (Knight Rider), o cal continúa vento en popa, sendo nestes intres o mais importante atopar un actor que poda interpretar a Michael Knight con mestría.
As últimas novas apontan a que Michael Knight será Paul Walker, intérprete coñecido por protagonizar as duas entregas de A Todo Gas, nas que xa demostrou a sua boa man á hora de conducir incríbeis carros. De se pechar o acordo, Walker abandonaria a saga das carreiras ilegais (onde volta Vin Diesel), para se adentrar nun papel moito mais popular a nível internacional, co cal poderia gañar unha boa fama.
Hai que mencionar que a primeira opción do estudo para o papel protagonista era Ashton Kutcher (Colega, onde vai o meu carro?), a quen poucos vian na pele do intrépido e varonil Michael Knight. Ainda é cedo para saber se Walker será o próximo dono de Kitt, pero polo de agora, conformaremo-nos con saber que moi posíbelmente, David Hasselhoff apareza no filme realizando un cameo, ou sexa, un pequeno papel.
[21:11 29/06/04] O ex-marido da actriz de Star Trek: Voyager Jeri Ryan tivo que abandoar a súa carreira como candidato ao Senado por Illinois após dunha longa série de acusacións sobre escándalos sexuais e exhibicionismo. A campaña de Jack Ryan tivo así un amargo final tan só catro días despóis de divorciarse da súa esposa.
[23:03 25/06/2004] Agárda-se que para a semán que ven sexa desvelado o reparto da película Os Catro Fantásticos, co actor Michael Chiklis de favorito para interpretar á Cousa. O filme comezará a se rodar en agosto, e será o produtor Avi Arad quen dea a nova do reparto, dirixido por Tim Story. O creador do mítico grupo do cómic, Stan Lee, aposta por Chiklis, mentres que no papel de Sue Storm destáca-se Rachel McAdams.
[21:45 24/06/2004] O actor inglés Gary Oldman fará o papel do máis malo entre os malos da saga da Guerra das Galáxias no Episódio II. Oldman porá a voz ao maléfico Xeneral Grievous, parte álien e parte robot. Seica este persoaxe cazará aos cabaleiros Jedi Anakin Skywalker e Obi-wan Kenobi no filme, que poderemos ver o vindeiro verán.
[23:03 23/06/2004] America Online e mais o escritor de ciéncia ficción Harlan Ellison veñen de anunciar o remate das súas rifas legais polos dereitos de autor que xa levaban camiño dos catro anos seguidos nos tribunais. En abril de 2000 Ellison demandara á AOL porque éstes estaban a distribuir nun dos seus grupos de novas as novelas do escritor.
[23:03 23/06/2004] Após de moitos intentos fallidos, seica desta volta vai a vencida e todo semella indicar que o filme de Superman verá a luz. A Warner Bros anunciou que a producción daría comezo a finais de 2004 en Austrália. O director que segue vencellado ao proxecto é McG.
[23:03 23/06/2004] Ubaldo DiBenedetto, un profesor da Universidade de Harvard, ven de demandar ao director de O día de mañán Roland Emmerich, acusándoo de plaxiar elementos do argumento dunha novela que seica escribiu o profesor, Polar Day 9, para incluilos na película. A demanda foi presentada en Alemaña porque seica alí as leis de dereitos de autor se respectan máis ca nos Estados Unidos.
[23:03 23/06/2004] A canle americana CBS ven de encargar a producción dun novo "reality show" ao xeito de Gran Hermano pero baseado na saga de películas Pesadelo en Elm Street. Neste novo e terrorífico concurso seica non faltarán nin Freddy Krueger nin Robert Englund.
[20:53 21/06/2004] O heroe de O Señor dos Aneis, Orlando Bloom, bateu polos puntos aos populares rachacorazóns Jude Law, Hugh Grant e Ewan McGregor na batalla polo primeiro lugar na enquisa do actor máis sexi de Inglaterra.
[20:53 21/06/2004] O decrépito Ray Bradbury continúa nos seus trece, e agora esixe publicamente a Michael Moore que lle pida perdón e lle "devolva o seu libro e máis o seu título". O pior deste asunto é que este anciano está teledirixido pola ultradereita americana, contrária a calquera publicidade anti-Bush coma a que desenvolve Moore na súa fita Farenheit 9/11.
[22:29 09/06/2004] O sábado pasado, día 5 de xuño, anunciaron-se os gañadores dos prémios de terror Bram Stoker, que concede anualmente a Horror Writers Association. E estes foron:
[21:56 29/06/04] O escritor de terror Hugh B. Cave, nado en 1910, finou antonte 27 de xuño. Cave publicara relatos en revistas "pulp" dende 1929, e escribiu alomenos 45 libros dende 1942 até 2003, incluindo o prémio World Fantasy de 1977 Murgunstrumm and Others. En 1990 recebira un prémio Stoker aos Logros dunha Vida, en 1996 un prémio especial da Convención Mundial da Fantasía, en 1997 o prémio á Lenda Vivinte da International Horror Guild e en 1998 o prémio aos Logros dunha Vida da World Fantasy.
[21:56 29/06/04] Os días 30 e 31 de xullo terá lugar unha maratona de episodios de Buffy Cazavampiros en Madrid (España). Os fans madrileños poderán desfrutar dunha selección dos mellores capítulos das primeiras cinco temporadas da série. O prezo da entrada será de 5€.
[22:29 09/06/2004] O meigo neno voltou a facer máxia o pasado fin de semana nos despachos de billetes dos Estados Unidos e obtivo 75,2 millóns de euros de recadación.
O primeiro dos filmes sobre o neno meigo, Harry Potter e a pedra filosofal, recadara o equivalente a 73,2 millóns de euros nos tres primeiros dias da sua distribución nos EE.UU. en novembro de 2001, e a segunda, Harry Potter e a cámara secreta, embolsou-se 71,7 millóns un ano despois.
Cos resultados da fin de semana pasada, a terceira entrega sobre o personaxe criado pola escritora J.K. Rowling ficou no terceiro posto das estreas mais lucrativas nos EE.UU., atrás de Spiderman (92,6 millóns de euros na sua estrea en maio de 2002) e Shrek 2 (87,6 millóns).
O dia da sua estrea, o pasado venres, o filme dirixido polo mexicano Alfonso Cuarón recolleu nos despachos de billetes uns 31 millóns de euros, e o sábado logrou outros 25,4 millóns.
A Warner Brothers, pertencente á Time Warner, traballa agora nun cuarto filme da série, titulado Harry Potter e o cáliz de fogo, baixo a dirección do británico Mike Newell. Shrek 2, que dominara o despacho de billetes nos dous fins de semana anteriores, baixou ao segundo lugar con trinta millóns de euros entre o venres e o domingo pasados.
[22:29 30/06/04] O filme da Disney King Arthur recebiu finalmente unha clasificación de "para maiores de 13 anos" despóis de que a productora decedise eliminar moitas escenas de "violéncia" na batalla final.
[21:56 29/06/04] As duas seguintes entregas de Piratas do Caribe (rodadas da man) están cada vez mais perfiladas. Geoffrey Rush poderia voltar en Piratas do Caribe 2. Por outro lado, confirma-se que Piratas do Caribe 2 e Piratas do Caribe 3 rodarán-se seguidas, tendo asinado contrato o director Gore Verbinski para se facer cargo delas. Respecto aos intérpretes confirmados, Johnny Depp atopa-se moi emocionado coa idea, Keira Knightley tamén, e Orlando Bloom comentou a Gore que estaba interesado en facer os filmes.
[21:56 29/06/04] O vindeiro sábado 3 de xullo estrea-se en Canal + a terceira temporada de Smallville, a série protagonizada por Clark Kent, quen no futuro se converterá no coñecido Superman. Mentres, en TVE 1 se pode desfrutar coa reposición das primeiras temporadas (de luns a venres ás 19:00). A nova temporada conta coa aparición de actores como Cristopher Revee (o Superman do cinema), Terence Stamp (o Xeneral Zod nos filmes de Superman), Rutger Hauer ou Patrick Bergin. Na nova temporada Clark abandona Smallville para se instalar en Metrópole.
[22:29 30/06/04] Tim Robbins está en conversas para protagonizar o filme fantástico da Columbia Pictures Zathura baixo a dirección de Jon Favreau. A rodaxe comezaría a finais deste verán, e a película, inda que leva un guión baseado nunha novela de Chris Van Allsburg (o autor de Jumanji) non será unha secuela do famoso filme de animais, ainda que si que inclúe un misterioso xogo de taboleiro que envía aos nenos a outro mundo.
[18:08 13/06/2004] O escritor Xesús Manuel Marcos (Seoane do Courel, 1967) foi o gañador do prémio Merlín de novela fantástica que organiza a Editorial Xerais coa súa obra O brindo de ouro.
No ano que Xerais cumpre o seu 25 aniversário, a gala literária celebrada onte serviu de apertura a unha celebración que se desenvolverá no que queda de 2004. O director da editorial, Manuel Bragado, dixo: "Cando hai dór hai que expresar a dór e non podemos ficar alleos ao que pasa na sociedade". Deste xeito, co cambio de data e de sede dos prámios da illa de San Simón ao centro social Caixanova en Vigo rendía-se homenaxe ás víctimas e as familias da traxédia do barco O Bahía.
O brindo de ouro é o título da novela que gañou o prémio Merlín. Para o xurado é un texto que "remite a un pasado mítico no que a máxia e o heroísmo ocupan un lugar sobranceiro". O protagonismo do texto recae nun mozo guerreiro, fillo do gardián dunha tribo cuxa cidade é queimada polos seus inimigos.
Herois, meigas, fadas e lobos albinos son protagonistas da novela gañadora do Merlín que, ademais, utiliza a xeografía do Courel como fondo para as aventuras. Para o xurado, unha das virtudes desta novela é "a calidade dun texto que crea un mundo autónomo ao xeito de Tolkien, coas pautas das obras de espada e bruxería".
[22:29 09/06/2004] O lendário escritor de ciéncia ficción e recoñecido ultradereitista Ray Bradbury ven de lanzar unhas durísimas críticas e incribles insultos contra o cineasta Michael Moore porque este último usou o título Fahrenheit 9/11 para a súa película, recente gañadora de Cannes, obviamente un remedo do clásico da ciéncia ficción Fahrenheit 451. Bradbury dixo nunha entrevista ao xornal sueco Dagens Nyheter que "Michael Moore é un fodido gilipollas, iso é o que penso sobre o asunto. Rouboume o título e trocou os números sen tan sequera pedirme permiso".
Pero aí non fica a cousa. O anciano Bradbury engadiu, présa xa da deméncia da idade, que "Moore é un ser humano horrible, horrible". Cando o xornalista preguntou se estaba de acordo coas ideias políticas de Moore, Bradbury replicou que "iso non ten ren que ver co asunto. Copiou o meu título; iso é o que aconteceu. Iso non ten ren que ver coas miñas opinións políticas". Finalmente, Bradbury negouse a confirmar se iniciaría accións legais contra Moore. O que faltaba!
[22:29 09/06/2004] O Señor dos Aneis: O Retorno do Rei levouse a meirande parte dos prémios MTV que foron presentados antonte en Los Angeles. Concretamente obtivo os galardóns á millor película e á millor escena de acción. Pola súa banda, o actor de X2 Shawn Ashmore gañou o prémio á millor interpretación masculina.
O actor Johnny Depp recebiu o prémio ao millor actor na gala que organiza anualmente a cadea de televisión MTV. Depp recebeu o galardón pola sua interpretación en Piratas do Caribe, que lle valeu unha nominación ao Oscar que finalmente se levou Sean Penn.
A gala dos MTV Awards estivo chea de glamur, e cun elenco de presentadores que non tivo ren que envexar á última cerimónia dos Oscar: Tom Cruise, Sharon Stone, Mathew Perry, Kate Moss e Kate Hudson, entre outros, encarregaron-se da entrega de galardóns, algunha de cuxas categorias engadiu un tinte irónico á noite: Uma Thurman recebeu o prémio á mellor loita pola sua batalla de artes marciais en Kill Bill, mentres que Carmen Electra facia-se co galardón ao mellor bico do ano polo que deu en Starsky & Hutch.
O momento irreverente da noite correu a carrego do cantante (?) de rap Eminem, mellor actor no 2003, que non duvidou en se baixar os pantalóns na escena mentres interpretaba en directo ún dos seus temas. Esta escena non foi vista nos Estados Unidos porque a MTV eliminouna antes de ser emitida.
[22:29 30/06/04] O falecido escritor de ciéncia ficción Douglas Adams, creador de Guía da Galáxia para autoestopistas, prestará a súa voz despóis de morto na vindeira série radiofónica que vai emitir a BBC sobre a súa saga.
[22:29 30/06/04] Novo motivo de orgullo para ser español: Glenn Williamson quere rodar Senor Dracula , con Cheech Marin na dirección. A película irá sobre a versión en castelán do clásico filme de 1931 Drácula, que foi filmada ao mesmo tempo que a versión orixinal en inglés, pero pola noite e nos mesmos decorados.
[22:51 22/06/2004] O bo papel realizado polo filme de zombies 28 Días Despois motivou aos membros de Fox Searchlight a confirmar unha secuela titulada 28 Semanas Despóis. Se ben non hai confirmación por parte da produtora, o fio argumental é, a priori, previsibel, con a bo seguro unha povoazón infectada por un temebel vírus e os supervivintes do primeiro filme combatindo para seguir con vida.
Danny Boyle voltará, pero agora como produtor, xa que o cargo de director poderia recair en Rowan Joffe (por certo, fillo do nominado ao Oscar Roland Joffe), en quen xa pensan os responsábeis do estudo produtor. Respecto ao reparto non hai nada confirmado, estando Cillian Murphy agora mesmo rodando Batman Begins, o cal lle mantén un pouco afastado dos últimos movementos do mercado.
[22:30 30/06/04] Ladróns sen identificar robaron unha videocasete coa gravación orixinal do filme The Buried Secret of M. Night Shyamalan. A película é un documental sobre o famoso director e creador de O sexto sentido.
[22:51 22/06/2004] Unha vez concluídas as votacións de todos os xurados, fixo-se pública a relazón de contos que resultaron finalistas na XIII edición do prestixioso prémio Pablo Rido de literatura fantástica en español.
O gañador levará-se un prémio en metálico de 666 euros xunto a unha estatuiña conmemorativa obra de Silvia Rosende. A identidade do mesmo será anunciado no decurso dunha cea con data ainda por determinar.
Estes son os relatos finalistas:
[21:14 29/06/04] O carismático actor Vince Vaughn, quen arestora se atopa arrasando no despacho de billetes americano con Dodgeball (a comédia de brilé con Ben Stiller), fichou para a adaptación real de Meteoro. Así Vaughn, que conta con xeito abondo para dar vida a todo tipo de personaxes (pode ser Norman Bates, ou o xoldrista maturo mais gracioso), adentra-se nun filme moi devecido por el.
Meteoro, mais coñecida en terras xaponesas como Match Go Go Go ou co nome de Speed Racer nos Estados Unidos, é unha clásica série de debuxos animados con veloces carreiras de coches. A sua emisón orixinal foi un éxito en todo o mundo, e ainda a dia de hoxe segue a ser unha das licenzas mais xugosas do mercado, que non falla nen vendendo merchandising nen transformada en videoxogos.
Se todo sae segundo o previsto Vaughn dará vida a Racer X, o eterno irmán perdido e protector do protagonista, un xove piloto que participa en multitude de carreiras rodeado da sua família. O actor de momento une-se ademais como produtor executivo, lugar no cal se mantenrá até que os produtores Joel Silver e Richard e Lauren Shuler Donner atopen un bó guionista.
[23:09 02/07/04] O rumor que bule por aí é que o director de Armageddon, Michael Bay, está a escalar posicións para se facer coa dirección do novo filme de Superman.
[23:09 02/07/04] O filme Spiderman 2 abriu o pasado 30 de xuño cun novo récord nos despachos de billetes: 40,5 millóns de dólares no seu primeiro día. Tan só Matrix Reloaded supera esta cifra polo de agora, con 42,5 millóns. Non está mal para ser nun mércores.
[23:09 02/07/04] O actor da série orixinal de Star Trek, James Doohan (o popular Scotty) loita unha dura batalla contra o Alzheimer, segundo informan fontes solventes. Doohan, de 84 anos de idade, tamén sofre o mal de Parkinson e diabete. Agardába-se que poidese recebir unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood este mesmo mes.
[23:09 02/07/04] O día 20 de agosto a UIP estrea They (Eles), un filme de terror que ten boa fasquía polo seu argumento.
[23:09 02/07/04] Hoxe finou en Los Angeles aos 80 anos de idade unha das grandes lendas do cinema de todos os tempos: Marlon Brando. Cunha carreira chea de éxitos (O Último Tango en París, O Padriño, etc), coa que gañou 2 Oscars, un deles non aceitado, era coñecido polos fans do fantástico polo seu papel de Jor-El no filme Superman de 1978, pero tamén interveu noutras dúas películas do xénero: A illa do Dr. Moreau (1996) e The Nightcomers (1972).
[22:30 30/06/04] O creador da série de ciéncia ficción Babylon 5, J. Michael Straczynski, comentou aos seus fans nun fóro de novas na Internet que el e mais o creador de Dark Skies, Bryce Zabel, concebiron unha ideia para unha nova série de Star Trek que podería revivificar a franquícia. Straczynski engadiu que a Paramount chamouno o ano pasado para que aceptase ser produtor executivo da actual série trekkie, Enterprise, pero que rexeitou o oferecemento.
[21:53 29/06/04] O título da vindeira sexta entrega da saga de Harry Potter xa viu a luz: será Harry Potter and the Half Blood Prince [Harry Potter e o príncipe mestizo], segundo revelou a mesma autora J.K. Rowling na súa páxina web. Os fans teñen que acertar unha série de adiviñas para abrir unha porta no website, e alí revéla-se o título.
Rowling tamén remitiu unha nota decindo que o título rumoreado, Harry Potter and the Pillar of Storge, era un fraude: "Encantoume que un importante grupo de fans moi intelixentes souberan que ese título foi hai moito unha posibilidade para "A Cámara dos Segredos" e de aí deduciron que era xenuino".
Rowling engadiu que "certos anacos de inoformación no libro sexto foron planeados orixinalmente para "A Cámara dos Segredos", pero axiña (no primeiro borrador da Cámara) decateime de que o lugar axeitado desa información era o libro sexto. Xa dixera antes que "A Cámara" garda algunhas pistas moi importantes para o remate final da série. Non menos de seis, obviamente, pero hai unha ligazón". Rowling dixo que o "médio Príncipe" do título non é nin Harry nin Voldemort.
Aínda non hai data de publicazón para este devecido sexto título da saga, que inda está a escribir Rowling.
[20:36 05/07/04] O prémio Pablo Rido xa ten dono: o gañador deste ano, que é a decimoterceira edición, foi Pedro Pablo García May co seu relato El partidillo, unha ucronía situada durante a Segunda Guerra Mundial na España franquista, relacionada co fútbol.
[20:29 06/07/04] Shrek 2, a segunda parte das histórias do ogro verde, pon-se á cabeza da recadación no primeiro fin de semana na carteleira española con 6.064.328 euros, segundo informaron dende a distribuidora UIP. Deste xeito, a película desbanca á anterior maior recadación nos despachos de billetes españois, que tiña o filme O Señor dos Aneis: O retorno do rei.
[20:29 06/07/04] A finais deste mes a Fox estreará Eu, Robot, unha nova película protagonizada por Will Smith. O filme, baseado na novela de Isaac Asimov, foi dirixido por Alex Proyas (O Corvo, Dark City).
[21:49 09/07/04] Algunhas escenas do Episódio III da Guerra das Galáxias terán que se rodar de novo en agosto e setembro, para poder encher algúns pequenos fallos de continuidade no filme. Do 23 de agosto ao 4 de setembro George Lucas rodará novas escenas en Inglaterra.
[21:49 09/07/04] A versión cinematográfica do libro de C.S. Lewis As crónicas de Nárnia: O león, a bruxa e o armário comezou a se rodar en Nova Celándia o pasado 28 de xuño na base aérea de Hobsonville en West Auckland. O director novacelandés Andrew Adamson (o de Shrek 2) é o encargado de facer o filme.
[21:49 09/07/04] O guionista Michael McGruther ven de adquirir os dereitos para adaptar a primeira novela de Arthur C. Clarke, Prelúdio ao Espazo, publicada en 1954 e que é unha aventura espacial que pode calificarse como profética, porque vai sobre a aterraxe dun home na lúa.
[21:49 09/07/04] Comezou a rodaxe da cuarta entrega da saga de filmes de Harry Potter, O cáliz de lume. Mike Newell (coñecido por Catro vodas e un funeral) será o director. A película será estreada en novembro de 2005.
[20:37 05/07/04] A revista Locus ven de anunciar os gañadores dos seus prémios Locus deste ano. Inda que os prémios foron presentados tradicionalmente no decurso da Westercon, os deste ano serán entregados durante a Noreascon 4 en Boston no fin de semana do "día do traballo" nos Estados Unidos (o vindeiro 6 de setembro).
Esta é a listaxe cos gañadores:
[21:02 14/07/04] Tobey Maguire, o protagonista de Spiderman II, que hoxe se estrea nos cinemas de Galiza, enfadou aos famosos ingleses que acodiron á estrea do filme en Londres o luns cando refusou participar na festa que foi organizada despóis. Seica Maguire enviou aos seus gorilas para que lle sacasen aos famosos de enriba.
[23:09 13/07/04] Will Smith, actualmente de promoción pola estrea de Eu, Robot, onde xa houbo un escándalo porque seica aparece espido, declarou que non fará a terceira parte de Men in Black.
[23:09 13/07/04] Spiderman 2 bateu outro récord ao se converter no filme que acada máis axiña a cifra de 250 millóns de dólares de recadación en só doce días.
[23:09 13/07/04] A Todd McFarlane Productions, empresa de Todd McFarlane, perdeu o seu xuizo contra o antigo xogador de hóquei Tony Twist, que demandaba ao famoso debuxante de Spiderman por utilizar o seu nome para un persoaxe nos cómics de Spawn nos anos 90. No segundo xuizo concederan-lle a Twist 15 millóns de dólares, e agora o Tribunal Supremo dos Estados Unidos rexeitou a apelación dos avogados de McFarlane.
[21:49 09/07/04] A demanda do profesor americano Ubaldo Di Benedetto de que os productores do filme O día despóis de mañá plaxiaron unha ideia orixinal súa da novela de 1993 Polar Day 9 foi desestimada polo xulgado alemán onde foi presentada. Segundo a xuiza do Estado de Colónia Margarete Reske, son dúas histórias "enteiramente diferentes" e as afirmacións de pláxio "sinxelamente non se poden atopar".
[22:05 08/07/04] O éxito sementado no despacho de billetes mundial con Shrek 2 motivou á produtora para dar un paso alén na saga, anunciando un futuro filme de animación onde o Gato con Botas será o principal protagonista. Desta forma confirma-se o bo resultado que deu a inclusión do novo personaxe, o cal conta con Antonio Banderas tanto na versión orixinal coma na española.
Asi, Banderas realizará o filme independente do Gato con botas e tamén participará en Shrek 3 e Shrek 4, as seguintes entregas desta saga tan rendíbel. Comenta-se que na terceira entrega de Shrek, o personaxe de Banderas poderia botar-se noiva, o cal aportaría outro interesante personaxe á série.
Se ben Mike Myers, Cameron Diaz e Eddie Murphy voltarán a dobrar en Shrek 3 e Shrek 4, ainda non está moi claro que participen no filme en solitário do personaxe de Banderas.
[19:11 11/07/04] O prémio John W. Campbell deste ano á millor novela de ciéncia ficción foi concedida á obra de Jack McDevitt Omega. Na mesma cerimónia, que tivo lugar en Lawrence, Kansas, onte 9 de xullo, o prémio Theodore Sturgeon ao millor relato de ciéncia ficción do ano foi concedido a The Empress of Mars de Kage Baker. McDevitt estivo presente para recoller o seu prémio, pero Baker non.
Coma xa anunciamos con anterioridade, catro persoas ingresaron formalmente no Salón da Fama da Ciéncia Ficción e a Fantasía que patrocina a Sociedade de Ciéncia Ficción e Fantasía de Kansas City e mais os Centros J. Wayne e Elsie M. Gunn para o estudo da Ciéncia Ficción. A título póstumo ingresaron no Salón Mary Shelley e E.E. "Doc" Smith, e ademáis Brian Aldiss e Harry Harrison, ambos os dous presentes na cerimónia.
O segundo lugar na competición dos prémios Campbell foi para a obra de Justina Robson Natural History e o terceiro para a novela de Philip Baruth The X-President. O Campbell é un prémio concedido por un xurado na que as novelas son nominadas polos editores e os gañadores son seleccionados por un comité de sete académicos e escritores presididos por James Gunn e que este ano foron Gregory Benford, Paul A. Carter, Elizabeth Anne Hull, Chris McKitterick, Pamela Sargent, T. A. Shippey e Ian Watson.
O segundo lugar nos prémios Sturgeon foi para Bernardo's House de James Patrick Kelly e o terceiro para It's All True de John Kessel. Os relatos deste prémio son nominados por un comité de ao redor de dúas dúcias de críticos e editores presididos por Chris McKitterick, mentres que os gañadores son elixidos por Frederik Pohl, James Gunn e Kij Johnson, coa axuda de Noel Sturgeon, a filla de Theodore Sturgeon, entre doce finalistas.
[22:05 08/07/04] Mañá chega aos cinemas de toda España unha nova versión do clásico conto de Collodi do boneco de madeira cuxa máxima aspiración é tomar un corpo humán. A nova leitura, que leva a acción ao ano 3000, respira aires futuristas e substitúe ao neno de carpintería por un pequeno robot fabricado por un Gepetto que en lugar de ebanista é inventor especializado en robótica.
A expectación que acorda a fita non reside só en ver como a tradicional e artesana carpintería onde se xestou o boneco suporta a viaxe ao futuro, senon no sabor galego que destila. Coproducida pola Filmax, foi na sua factoría compostelá Bren Enterteinment onde se levou a cabo parte da animación e da postproducción sonora e do laboratório.
Cun orzamento de máis de dez millóns de euros, o filme conta cun engadido que sen dúvida moverá o despacho de billetes: neste caso, o protagonismo o acapara Carlos Latre na que é xa a sua cuarta incursión no mundo da dobraxe e antes de pór voz ao mesmísimo gato Garfield. O popular actor de Crónicas Marcianas pon voz ao pingüino Spencer, sócio de Pinocho que supre ao mítico Pepito Grilo no filme.
[22:58 15/07/04] O produtor de Broadway Tony Adams e a Marvel Comics están a preparar un musical baseado en Spiderman. Seica queren contar co libretista Neil Jordan e máis o compositor Bono, o de U2. Julie Taymor (o do musical do Rei León) podería ser o director.
[23:19 16/07/04] A tan agardada cuarta entrega da saga de Indiana Jones deberá agardar alomenos outros dous anos, porque o seu produtor George Lucas non está satisfeito co guión. Indiana Jones 4 é unha ideia que leva rondando xa un bó número de anos, pero semellaba que ao cabo vería a luz para o ano que ven após de que Lucas recrutara á estrela Harrison Ford e ao director orixinal Steven Spielberg para o seu proxecto e contratara a Frank Darabont para escribir un guión. Pero Lucas ven de reenviar ao guionista de Shawshank Redemption de novo ao seu escritório.
Fontes do estudo revelaron que "supoñía-se que Indiana Jones 4 debería comezar a se rodar este verán, pero agora non sairá até 2006. Mesmo inda que Harrison e mais o director Steven Spielberg estaban contentos co guión, a Lucas non lle gostou a escena final e quere algo con máis rapidez e acción".
[22:54 16/07/04] Un dos vellos proxectos do autor de Histórias para non durmir, Chicho Ibáñez Serrador, sempre foi recuperar aquela célebre série televisiva de histórias entre o terror e a fantasia. Pero os seus sucesivos traballos na tele non fixeron posíbel que o mestre puxese en prática o seu plano: reunir a directores de cinema para realizar distintos filmes co vencello comun do mesmo xénero. Por fin, Telecinco, coa colaboración da Filmax abordará este obxectivo.
Ibáñez Serrador rodeou-se de cinco directores recoñecidos como Álex de la Iglesia, Mateo Gil, Jaume Balaguerò, Paco Plaza e Enrique Urbizu para pór o marcha outros tantos telefilmes que estarán listos dentro dun ano.
O veterano director e realizador iniciou a idea en TVE, pero as histórias realizaban-se en vídeo, "que é moi lento para o xénero e a montaxe non ten a mesma riqueza que o cinema". Ao final, a cadea pública "asustouse" do custe que suporia rodá-lo en fita. Unha vez liberado do concurso do canle público Un, dos, tres..., Chicho puxo-se a traballar nesta série de telefilmes que terán entre 60 e 70 minutos de duración cadanseu.
O director xeral de contidos de Telecinco, Manuel Villanueva, recoñeceu que os telefilmes non tiveron éxito abondo nas cadeas como productos singulares: "Por iso pensamos en empaquetar estas produccións cun nexo na distribución e Histórias para non durmir foi a faísca que prendeu a mecha para poder facelo".
O máximo responsábel de Filmax, o galego Julio Fernández, destacou na apresentación desta série de filmes que "trata-se dun proxecto histórico, a primeira aposta importante de ficción industrial e série que se fai pensando en prazas internacionais. Conta histórias universais e será unha colección lista para televisións doutros países".
Álex de la Iglesia é o único dos autores que xa rematou a sua aportación á série, ainda que todos teñen unha clara idea do argumento. La habitación del niño será o título do director do Dia da besta. Ibáñez Serrador non quixo deixar pasar a ocasión de dirixir ún dos filmes e a sua obra chamaráse El ser que, segundo adiantou, «vai arrepiar e desagradar».
[22:12 22/07/04] O compositor americano Jerry Goldsmith ven de morrer aos 75 anos de idade. O prolífico artista, cuxa carreira abrangue case cincuenta anos, faleceu mentres durmía o pasado 21 de xullo após dunha longa loita contra o cancro.
Goldsmith gañou un só Oscar na súa traxectória profesional, pola música do filme A Profecía, pero os seus créditos inclúen nada menos ca películas coma O planeta dos símios, Alien, Star Trek, Os Gremlins, Lenda, Desafío Total, A Mómia e un longo etcétera. Ademáis, proporcionou música para temas ben recoñecidos da televisión coma Star Trek: a nova xeración e Star Trek: Voyager (coa que gañou un Emmy), así coma episódios de A zona escura.
[21:59 19/07/04] O director de X-Men, Bryan Singer, ven de asinar un contrato que lle vencella coa vindeira película de Superman, en substitución do que até agora soaba para o posto, o director de Os anxos de Charlie McG, que foi despedido hai unha semana após de manter discusións verbo do orzamento e mais a localización das escenas.
Ao asinar este contrato, Singer deberá poñer agora os seus dous vindeiros proxectos nunha zona escura: polo de agora estaba previsto que dirixise A fuga de Logan, e que despóis regresase para a terceira entrega da franquícia que lle deu éxito nestes anos: X-Men 3 ten unha data de saída marcada na axenda a 5 de maio de 2006.
Ainda non hai unha data fixada para o comezo da rodaxe de Superman, que o mesmo ca A fuga de Logan será producida pola Warner Bros. O guión de Superman será probablemente o elemento que consuma máis tempo para fixar un comezo da producción. O anterior guión fora escrito polo creador da série Alias, J.J. Abrams. Singer ten unha longa reputación de involucrarse moito na redacción dos guións das súas películas, ademáis de traballar co seu próprio elenco de escritores.
Por outra banda, Singer ven acariñando o proxecto de dirixir un filme sobre o Home de Aceiro dende hai moito tempo: "O meu interese en Superman ven de hai moitos, moitos anos atrás", dixo. "De feito, foi o clásico filme de Richard Donner a miña principal inspiración para deseñar o universo dos Homes X para a pantalla. Coido que Superman xa leva atraso no seu retorno e xa é hora de que voe de novo".
Ademáis de McG, os directores Tim Burton e Brett Ratner estiveron xa involucrados con este longo proxecto de resucitar a antiga e rendible franquícia da Warner. A principal razón para botar a McG, que é o alcume de Joseph McGinty Nichol, foi a imposibilidade de chegar a un acordo co orzamento, que segundo din ronda os 200 millóns de dólares, semellante ao de Spiderman 2. O reparto tamén foi un problema, así coma a localización: McG prefería rodar en New York e os estudos preferían Austrália.
[21:59 19/07/04] Veñen de se anunciar os nominados á 56ª edición dos prémios Emmy, os Oscar da televisión, e hai moitas categorías nas que hai unha boa representación de interese para os afeccionados ao fantástico. Os gañadores serán dados a coñecer no decurso dunha gala que será televisada o vindeiro 19 de setembro.
Entre os nominados temos ás séries de animación Futurama, As Supernenas e Star Wars: Clone Wars, e as de acción real Battlestar Galactica, Star Trek: Enterprise, Stargate SG-1 e Stephen King’s Kingdom Hospital.
[23:12 21/07/04] O guionista John Brancato confirmou que ven de entregar o libreto para a agardada cuarta parte de Terminator, desta volta xa sen Arnold Schwarzenegger, ocupado dirixindo os destiños do povo de Califórnia.
[23:12 21/07/04] A Paramount Pictures quere desenvolver un remake do clásico do xénero fantástico Os Dez Mandamentos de Cecil B. DeMille. Charles Randolph está a escribir o guión.
[23:12 21/07/04] Jessica Alba ven de ser contratada para interpretar ao persoaxe que faltaba para o reparto dos Catro Fantásticos, a Rapaza Invisible (Sue Storm).
[23:12 21/07/04] Brent Spiner, o actor que deu vida a Data na série Star Trek: a nova xeración voltará á série trekie actualmente en antena, Star Trek: Enterprise. Spiner interpretará ao tatarabó do Dr. Noonien Soong, o creador de Data.
[23:12 21/07/04] O actor Stephen Baldwin será o encarregado de presentar os episódios da série de ciéncia ficción Scare Tactics en substitución de Shannen Doherty.
[23:12 21/07/04] A Warner Brothers está a desenvolver un filme baseado no poema épico anglosaxón O Beowulfo. O novato Matthew Sand escribirá o guión desta história de heroes que foi a principal influéncia de J.R.R. Tolkien.
[23:12 21/07/04] Outro clásico da Literatura que terá versión no cinema será A Odiseia de Homero, desta volta con adaptación a cargo de Frank Cottrell Boyce. Seica desta volta será unha história na que incluirán aos deuses gregos, sendo polo tanto fantástica, e non meramente humana coma aconteceu con Troia.
[22:14 22/07/04] Richard Donner e a súa esposa Lauren Schuler están negociando coa Warner Bros a posibilidade de facerse cargo da producción da vindeira película de Superman, agora que Neal Moritz e Gilbert Adler abandoaron o proxecto. Donner dirixiu o filme orixinal de 1978, así coma grande parte da súa secuela Superman 2. Ademáis din que Christopher Reeve, o protagonista actualmente inválido dos filmes podería ter un papel na nova película.
[23:12 21/07/04] As vendas da novela de Isaac Asimov Eu, Robot disparáronse dende a estrea do filme baseado no libro. Nos Estados Unidos é a primeira vez dende 1994 que un libro de Asimov aparece entre os 50 máis vendidos.
[23:12 21/07/04] Garth Ancier, presidente da canle WB, confirmou o seu interese en facer unha película baseada no popular persoaxe Angel, da série do mesmo nome que foi cancelada hai uns poucos meses. Seica xa houbo algúns achegamentos a Joss Whedon, creador da série televisiva, para falar do tema.
[1:09 30/07/04] Rick Berman, produtor da saga cinematográfica de Star Trek, ven de manifestar nunha recente entrevista que está a considerar un novo filme sobre a popular franquícia, pero desta volta "nunha dirección enteiramente nova", se cadra sen ningún dos persoaxes de ningunha das séries da tele.
[19:28 24/07/04] A autora da saga de Harry Potter, a escritora multimillonária J.K. Rowling, dixo hoxe nunha entrevista que inda que está preñada do seu terceiro fillo, promete aos fans de Harry Potter en todo o mundo que iso non vai atrasar a aparición do sexto libro sobre o neno meigo.
[14:21 02/08/04] O locutor Jackson Beck (1912) finou o pasado 29 de xullo. Beck era coñecido nos Estados Unidos por ser a voz que dicía na série radiofónica de Superman: "Máis rápido ca unha bala. Máis poderoso ca unha locomotora. Capaz de saltar os altos edifícios cun só chimpo". Posteriormente proporcionou a voz de Perry White e de Lex Luthor en vários debuxos animados de Superman, dende 1941 até finais dos anos 60. Ademáis, deu a voz a Brutus nos debuxos de Popeye.
[1:24 30/07/04] Pierce Brosnan ven de confirmar a sua separación do papel de James Bond, ficando o axente 007 sen unha face definitiva para a vindeira película. Os nomes que soan para o posto agora son tan dispares coma os de Hugh Jackman, Heath Ledger, Colin Firth, Clive Owen, Jude Law, Ewan McGregor, Gerard Butler e mesmo o actor negro Cuba Gooding Jr.
[1:09 30/07/04] Warren Aronofsky ven de asinar o contrato que o vencella ao proxecto da versión cinematográfica de Watchmen, baseada no famoso título da DC Comics. O guionista David Hayter (X-Men e X2) será o encarregado de escribir o libreto para este filme da Paramount Pictures, adaptación do cómic de culto creado por Alan Moore e debuxado por Dave Gibbons en 1986.
[1:09 30/07/04] A DreamWorks e mais a Paramount Pictures unirán as súas forzas para crear Os Transformers, un filme inspirado na liña de xoguetes robot da Hasbro. Steven Spielberg, o xefe da DreamWorks, será o produtor executivo desta película.
[14:21 02/08/04] Ben Affleck xa é de novo un home solteiro: ven de rachar coa súa noiva, a executiva de vendas Enza Sambataro após de dous meses xuntos. O protagonista de Daredevil atopara á súa loira nun partido dos Red Sox o pasado maio, pero a prensa confirmou que ela xa non estaba con el na Convención Demócrata de Boston.
[16:48 25/07/04] A precuela final da saga da Guerra das Galáxias xa ten por fin un título, que foi anunciado pola Lucasfilm onte: A vinganza do Sith (Revenge of the Sith).
O filme, previsto para a súa estrea en maio de 2005, será o vencello entre as precuelas dos Episódios I e II coa triloxía orixinal da Guerra das Galáxias, amosando como o pai de Luke Skywalker, Anakin, pasa de ser un escravo de bó corazón ao maior falcatruán da galáxia, Darth Vader. Os Sith son a secta maléfica que corrompe a Anakin (interpretado por Hayden Christensen) conducíndoo ao Lado Escuro da Forza, o poder cósmico que equilibra o universo.
Lucasfilm anunciou o novo título no decurso da Comic-Con International, a xuntanza anual de dúcias de milleiros de afeccionados á ciéncia ficción e aos cómics.
Foi un movemento arriscado, porque algúns dos volubles fans da Guerra das Galáxias ofendéranse polos títulos das dúas precuelas anteriores: A ameaza pantasma e O ataque dos clons.
O creador e director da saga das Galáxias, George Lucas, non asistiu ao evento, pero enviou ao seu xefe de relacións públicas no seu lugar, Steve Sansweet.
Sansweet anunciou o título quitándo-se un xersei de béisbol que levaba debaixo unha camiseta negra co título Revenge of the Sith, e de contado anunciou tamén que as primeiras camisetas xa estaban á venda na convención.
[21:07 04/08/04] O protagonista de O Castigador, Thomas Jane, confirmou que haberá unha segunda parte da película, planeada para 2005. Jane repetirá o seu papel coma Castigador, e seica desta volta queren contar con Michael Keaton para o papel de malvado.
[21:07 04/08/04] Ben Affleck asinou o contrato que o vencella para interpretar ao protagonista da película de ciéncia ficción Nowhere Man, sobre un grupo de xente que desenvolve misións secretas axudados polos seus superpoderes.
[21:07 04/08/04] O guionista Terry Hayes será o encarregado de adaptar á pantalla grande a novela de ciéncia ficción de Robert Silverberg Book of Skulls. William Friedkin (o de O Exorcista) sería o director.
[21:08 04/08/04] En Alemaña, (T)Raumschiff Surprise—Periode 1, un filme que paródia Star Trek, A Guerra das Galáxias e moitas outras películas de ciéncia ficción, bateu o récord de venda de entradas nos despachos de billetes para un primeiro fin de semana, obtendo 11 millóns de euros.
[22:14 02/08/04] O actor australiano Eric Bana está por se converter no vindeiro James Bond, derrotando na loita polo papel a Jude Law, Orlando Bloom e Heath Ledger. O protagonista de Hulk, de 35 anos, está inda en negociacións para obter o papel que pertenceu a Pierce Brosnan para a seguinte entrega da saga do espía inglés, desta volta nunha misión contra un virus letal.
[14:19 02/08/04] Unha declaración política na camiseta da actriz Natalie Portman nun programa da televisión americana o pasado xoves deixou aos magnates da ABC tan desacougados que o seu entrevistador pediulle que a tapase cun ramo de flores.
A guapa protagonista da Guerra das Galáxias fixo unha aparición no programa Good Morning America para promocionar o seu novo filme, Garden State, pero a súa camiseta co rótulo e coa foto de John Kerry fixo temer á veterana xornalista Diane Sawyer que puidera violar algunha regra electoral da canle ABC. Nun intre da entrevista, Sawyer dixo sorrindo: "Agora, se vou falar contigo, terás que termar destas flores aquí fronte a John Kerry. Non podemos ter a John Kerry todo o tempo. A quen traeríamos para compensar o seu tempo de publicidade?"
Unha abraiada pero sorrinte Portman respostou falando do locutor mais "facha" desa canle: "Veña, tes o factor O'Reilly. Así é a televisión; iso compensa todo!". Portman tamén aproveitou a oportunidade de amosar o seu apoio para o candidato demócrata, engadindo "Gósta-me John Kerry! Coido que ten a perfecta combinación de compasión e intelixéncia e serenidade baixo presión e son sinxelamente unha grande fan" .
[13:48 02/08/04] O desastre sementado no despacho de billetes mundial por Van Helsing provocou que o seu director Stephen Sommers vexa o mercado doutra maneira, pasando de triunfar con A Mómia a afundir-se no filme protagonizado por Hugh Jackman. Se ben logrou coas aventuras do cazador de monstros encandilar a un bo número de fans, non foi abondo para recuperar o grande investimento realizado pola Universal á hora de producir o filme.
Ainda que en princípio Stephen Sommers estaba canso da sua saga da Mómia, coa que arrasou desde o primeiro momento, seica voltará a facer-se carrego das aventuras de Rick O'Connell. O seu plano inicial, antes de ver como Van Helsing pasaba a segundo plano no despacho de billetes, era adicar-se durante un tempo a realizar proxectos relacionados co cazador, pero non vai poder ser así.
A Universal quere recuperar o antes posíbel a Stephen Sommers para a terceira entrega de A Mómia. O director pode non seguir interesado no proxecto, pero a produtora non ten nengunha intención de lle dar luz verde para o seu desexado remake de Flash Gordon se antes non devolve á mómia ao mundo do cinema. Sommers necesita voltar a triunfar no despacho de billetes e a ingresar diñeiro nas arcas da Universal para que estes lle permitan seguir cos seus proxectos persoais, polo que, salvo surpresas, lle veremos dirixindo A Mómia 3.
[13:48 02/08/04] A Paramount Home Entertainment anunciou a sua intención de lanzar a versión en DVD de South Park: The Passion of the Jew (A paíxón do Xudeu) o dia 31 de agosto. A data é mais ca sinificativa, xa que ese mesmo dia edita-se en DVD nos Estados Unidos A Paixón, o famoso e polémico filme dirixido por Mel Gibson.
O disco de South Park incluirá outros dous episodios relixiosos: Christian Rock Hard e Red Hot Catholic Love. Desta maneira a produtora tentará aproveitar o éxito nas tendas de A Paixón, para quitar novos ingresos grazas á sua famosa série de animación. Pero non serán os únicos que quitarán tallada ao lanzamento en DVD do filme de Gibson, porque a Paramount tamén lanzará o clásico Xudas (24 de agosto), a Koch Entertainment porá á venda o dia 10 The Power and the Passion of Christ, e o dia 31 lanzará-se o documental da BBC Jesus: The Complete Story.
Outros productos relixiosos que estarán dispoñíbeis en DVD o 31 de agosto serán The Bible... In the Beginning e The Last Days of Jesus, un traballo da NBC News.
[20:48 07/08/04] Xa están dispoñibles para quen queira consultalos os nomes e obras dos candidatos aos prémios World Fantasy 2004, ou prémios mundiais da fantasía. Por suposto, e coma sempre, todos os candidatos o son en língua inglesa e americanos por máis sinais, pero ainda así teñen interese para nós porque dentro de moi pouco veremos nas librarías as traducións destas obras co rótulo de "Prémio World Fantasy". Se alomenos as traducións foran ao galego!
[21:07 04/08/04] O guionista Neil Gaiman confirmou que a New Line Cinema vai producir un filme baseado na súa novela gráfica Death: The High Cost of Living, publicada orixinalmente pola DC Comics, unha compañía que pertence ao mesmo grupo que a New Line. Así que todo fica na casa.
[21:07 04/08/04] Joss Whedon, o creador de Buffy Cazavampiros e Angel, está arestora a dirixir o filme de ciéncia ficción Serenity, baseado na súa série da Fox TV Firefly (cancelada hai uns meses por falla de audiéncia). Na recente Comic-Con International confirmou aos seus fans que planea escribir unha nova série de cómics baseados nese mesmo universo e persoaxes.
[20:36 04/08/04] Baixo o título "As portas do Hades", a concellalía de Xuventude de Vigo auspícia a segunda edición das "Xornadas de Rol, Cartas e Estratéxias", que se desenvolverán do venres 6 ao domingo 8 de agosto no Pavillón do Berbés.
As xornadas, promovidas pola Asociación Xuvenil "Cancerbero", dirixen-se aos mais de 1.500 seguidores que ten na cidade e a sua bisbarra. Cancerbero adica-se á prática, reflexión e entretemento a base de todas aquelas actividades que estan englobadas dentro do que eles mesmos denominan "mundo friki": rol, xogos de estratéxia, xogos de mesa, cartas coleccionabeis, comics, literatura de ciéncia ficción e fantástica, etc.
O encontro está aberto a todas aquelas persoas, maiores de 14 anos, que estean interesadas no tema, xa sexan xogadores e praticantes habituais, ou novatos que non saben o que é un xogo de rol e queiran instruir-se.
No evento haberá torneos de tipo oficial de temática variada, como Warhammer 40.000, Warhammer Fantasy, Magic: the gathering, Descubridores de Catan ou pintura de miniaturas, e entre as demostracións destacan as de xogos de rol, mesa, estratéxia e cartas, asi como o 50x15 Freak, unha espécie de concurso televisivo de preguntas e respostas sobre a matéria.
O venres a inauguración será ás 16 horas e a entrega de miniaturas para o torneo de pintura comezará ás 17 horas. A fase eliminatória para o 50x15 Freak iniciará-se ás 18 e o torneo de Descubridores de Catan ás 20 horas. O rol en vivo baseado en A Chamada de Cthulhu dará comezo ás 23 horas.
[20:54 03/08/04] A escritora J.K. Rowling está planeando escribir unha oitava entrega da súa saga de novelas de Harry Potter. A novelista inglesa, que actualmente está a rematar os derradeiros toques do sexto libro da saga, prometera anteriormente que só ía crear sete aventuras sobre o neno meigo. Pero seica agora quere engadir unha oitava parte, que incluiría escenas que xa publicou sobre a série até agora.
Rowling doará todas as gañanzas respeito deste libro á caridade, e os editores estiman que a Enciclopédia de Harry Potter podería facer unha caixa de alomenos 15 millóns de euros. Pero a autora, de 39 anos de idade, insiste que está disposta a se retirar cando remate a exitosa série de libros. Rowling, quen xa leva gañados 800 millóns de euros polos libros de Potter, dixo: "Coido que é altamente improbable que escriba máis novelas. Xa tiven abondo con sete libros e nunca quixen que a história fora alén do séptimo libro".
[14:20 02/08/04] Un actor pode afirmar que nunca voltará a dar vida a certo personaxe, pero cando entran incentivos sexuais de por meio, as cousas tenden a mudar de maneira drástica. Fai uns dias saiu á luz a posíbel relazón sentimental entre Ben Affleck e Jennifer Garner, quen se coñeceron na rodaxe de Daredevil, e seica inda non se esqueceron o un do outro.
Se ben non hai romance confirmado, só bicos, apertas e longas horas sós nunha mesma casa de aluguer, os dous famosos actores poderian estar a ter unha bonita e apaixoada relazón segundo os nosos compañeiros da prensa docorazón nos Estados Unidos. Garner, que até fai pouco se atopaba vencellada ao actor Michael Vartan (o seu parceiro sentimental en Alias), poderia estar a esquecer xa ao rapaz da televisión (quen seica tivo algúns roces con mulleres en bares).
O caso é que seica Ben Affeck voltará a pór-se o traxe de Daredevil para Elektra, filme no que aparecerá, posíbelmente, en algun tipo de soño ou fantasía. Só será un cameo, pero para os fans de Affleck terá unha grande importáncia. Tamén se fala sobre a aparición de Bullseye, interpretado por Colin Farrell, pero ainda non se confirmou de xeito oficial.
[20:46 07/08/04] Os prémios fantásticos Mythopoeic son uns dos máis importantes no mundo, polo carácter erudito dos gañadores, investigadores no eido do xénero fantástico. Este ano os galardonados foron:
Os prémios Mythopoeic concéden-se ás novelas fantásticas ou autores publicados durante o ano anterior e que millor exemplifiquen o "espírito dos Inklings" (o clube formado por Tolkien, C.S. Lewis e Williams).
Os gañadores deste ano foron anunciados no decurso dun banquete que tivo lugar durante a Convención Mythcon XXXV, celebrada en Ann Arbor, Michigan, do 30 de xullo ao 2 de agosto.
20:44 12/08/04 Esta pasada fin de semana tivo lugar a EuroCon 2004, que ven sendo o congreso anual europeo de ciéncia ficción, en Plovdiv, Bulgária, onde foron entregados os prémios europeos do xénero, que resultaron ser para xente non moi coñecida por aquí, máis ca nada por aquilo de que todo ficara na casa ou polo menos nos arredores:
Tamén votou-se a futura sede da EuroCon 2006, que resultou ser Quiev, a capital de Ucraina.
[12:50 10/08/04] Os rumores na Rede son cada vez máis fortes (inda que non por iso máis auténticos): seica o director Bryan Singer, responsabel da vindeira entrega cinematográfica de Superman, ofreceu o papel protagonista ao xove actor Tom Welling, quen arestora é quen dá vida a Clark Kent en Smallville, a série de televisión baseada nos anos mozos do superheroe.
[12:50 10/08/04] A secuela do filme de terror The Ring ven de ser adiada por mor de atrasos na producción. A película debía ser estreada este novembro, pero seica hai conflictos coas axendas da protagonista Naomi Watts e mais o director Hideo Nakata. A produción xa fora guindada ao caos cando o anterior director Noam Murro abandonara o proxecto e Nakata tivo que se facer cargo. Este cineasta xaponés tamén fixera a versión orixinal do filme, Ringu. A película, que tamén conta coa participación de Simon Baker e Sissy Spacek, terá agora que agardar á vindeira primavera.
[0:34 17/08/04] A escritora da saga de Harry Potter, J.K. Rowling dixo que o seu xove heroe sobrevivirá ao séptimo libro, pero rexeitou falar de se chegaría a ser adulto.
Rowling xogou cun grupo de xoves fans dándolles anacos de información mentres lía un exemplar do seu Harry Potter e a Orde do Fénix na Feira Internacional do Libro en Edinburgh este domingo: "El sobrevivirá ao libro séptimo, nomeadamente porque non quero que me esganedes moito, pero non quero dicir se medrará máis diso", dixo Rowling aos rapaces.
Logo pediulle aos fans que tentaran axuntar os futuros argumentos por si mesmos, e instoulles a se decataren por que o inimigo de Harry, o malvado meigo Voldemort, non foi ainda asasinado: "Hai dúas preguntas que coido que non me fixeron nunca, se sabedes ao que me refiro". Comentou aos rapaces que deberían preguntarse non por que Harry vive, senón por que Voldemort non morre.
A segunda pregunta sobre a que deberían pensar é por que Dumbledore non matou nin tentou matar a Voldemort, referíndose ao Reitor da escola Hogwarts de Bruxería.
Máis de 500 persoas tiñan entradas para ver á escritora ler o seu quinto libro. Ela está inda traballando no sexto, do que xa revelou o título: Harry Potter e o Príncipe Mestizo. Pero ficou cos lábios pechados cando se lle preguntou polo título do séptimo e derradeiro libro da série: "Non volo vou dicir, síntoo. Estaría nun sério problema se volo dixera. O meu axente cazaríame e mataríame" .
[0:34 17/08/04] A paranóia antiterrorista desatouse ao redor do plató onde se roda Harry Potter e o Cáliz de Lume despois de que os estúdios recebiran unha "terrorífica" chamada de ameaza terrorista.
Os estúdios Leavesden, preto de Londres, recebiron unha chamada telefónica o pasado venres, na que se advertía dun brutal ataque contra os xoves protagonistas do filme, e os membros da equipa seica teñen medo de que a pantasmagórica organización terrorista Al-Qaeda estea atrás desas ameazas.
Unha fonte dos estúdios comentou que o interlocutor dixo: "É hora de vos pagar coa mesma moeda... isto é por todo o que fixestes ás nosas mulleres e fillos". A película está a ser producida pola compañía americana Warner Bros, así que esa fonte dixo que sen dúbida ten que haber algunha conexión con Iraq, Al-Qaeda, ou as dúas poténcias terroristas xuntas.
O perímetro dos estúdios foi xa rodeado pola policía e polos cans, que patrullan intensamente e deteñen a todos os sospeitosos. O voceiro da policía limitouse a dicir que "estamos respondendo con vixianza extra".
[20:32 13/08/04] Fai uns dias o director Bryan Singer (futuro responsábel de Superman) oferecia o papel cinematográfico do home de aceiro a Tom Welling, o xove encarregado de o interpretar en televisión (na série Smallville). Se ben non hai ren confirmado e os rumores indican que Welling non acabará sendo Superman, o actor volve a criar incertidume sobre o tema.
Nunha entrevista, Tom anunciou que ven de asinar contrato para un filme de grande orzamento e interese, ainda que inda se descoñece o título da mesma. Poderia tratar-se da nova aventura de Superman, pero tamén existen posibilidades de que sexa outro filme, coma A fuga de Logan, o cal dirixirá o próprio Bryan Singer nun futuro non moi lonxano.
Unha das teorías indica que Welling non quere encadrar-se como Superman, polo que negociou con Singer o non facer este filme, pero si protagonizar o seu outro grande proxecto: A fuga de Logan (Logan´s Run). Por outro lado, Welling ten posibilidades de protagonizar Superman, ou mesmo de aparecer como Clark Kent nun flashback amosando o pasado do personaxe. Segundo o actor, ainda é cedo para anunciar ren, polo que deberemos seguir agardando.
[21:07 18/08/04] Jurassic Park IV vai camiño de se converter nun éxito pola sua orixinalidade, ou nun desastre no despacho de billetes debido aos novos conceitos incorporados polos guións de William Monahan (Kingdom of Heaven) e John Sayis (Men of War). Na sua última versión do guión, os dous escritores apresentan un novo protagonista, quen cobrirá o oco deixado polos intérpretes Jeff Goldblum e Sam Neill.
A história estará protagonizada por Nick Harris, un soldado de fortuna que é enviado ao Parque Xurásico polo doutor John Hammond (o habitual Sir Richard Attenborough a modo de cameo). O obxectivo do doutor é criar novos e feroces dinosáuros, para o cal precisará a axuda de Harris, quen deberá atopar certos materiais e mostras no parque. Ao chegar atopará-se coa compaña que ocupa actualmente o lugar, e como é normal, os dinosáuros tamén farán acto de presenza.
Ainda non hai director selecionado para o traballo, polo que o filme segue nun estado moi inicial.
[21:23 10/08/04] Edicións Akal publica unha colección de libros de peto dirixidos a xoves de entre once e catorce anos que recollen as histórias e lendas mais populares da mitoloxía clásica e sérvenas aos leitores dunha forma amena. A colección "Odiseas" apresenta textos orixinais baseados en obras de autores gregos e romanos amenizados con debuxos, crucigramas, fichas informativas, adiviñas, e entretementos para axilizar a leitura. Polo deagora son de trece títulos, entre os que figuran Lanzarote e os cabaleiros da Táboa Redonda, Sherezade e as Mil e Unha Noites, Teseo e o Minotauro ou Rómulo e Remo.
[21:07 18/08/04] A New Line segue a negociar con Sam Raimi (Spiderman) sobre a posibilidade de converter ao antiheroe Ash na vindeira fichaxe da saga Freddy vs Jason, na cal poderia aparecer para ledícia dos fans. Ainda que inda non hai ren asinado, hai moitas posibilidades de se levar a cabo o acordo.
A ideia da produtora é enfrentar nun mesmo filme a Freddy e Jason con Ash (o protagonista da saga Evil Dead), oferecendo ao espectador un filme de acción impactante. Os direitos de toda a série Evil Dead están en mans de Raimi, quen poderia cedelos ainda non sendo o responsábel de dirixir o novo filme. De todas maneiras, se Raimi non aceita a oferta, a New Line continuará buscando alternativas para a nova entrega de Freddy Vs Jason. O primeiro filme recadou mais de 74 millóns de dólares, polo que seria viábel engadir a outro personaxe inédito, ou directamente voltar a enfrentar aos dous da primeira história.
Xa se revelaron algúns detalles sobre o fio argumental do filme. Segundo comentan os primeiros afortunados en ver o guión, a história será apaixoante, facendo xustiza ao pasado de cada personaxe, e oferecendo un ponto de vista acertado dos acontecimentos.
O filme comeza xusto ao rematar Freddy Vs Jason, xa que ninguén podia imaxinar que estes dous personaxes se negasen a desaparecer após da súa batalla. Ash, na sua procura do Necronomicón, chegará á casa de Voorhees, onde atopa o libro. O antiheroe de Evil Dead, tentando cumplir co seu destino, deberá enfrentarse aos dous falcatruáns, quen lle plantarán cara en multitude de combates. Ash volta a ser o mesmo Ashley J. Williams da triloxia Evil Dead, ainda que agora un pouco mais maior. Quen ainda non coñezan ao personaxe non deberán preocupar-se, porque o filme incluirá un pequeno flashback narrando a história do héroe.
Respecto ao director, Ronny Yu conta con todas as papeletas para voltar a ser o escollido.
Mentres tanto, Bruce Campbell, que dá vida ao héroe Ash en Evil Dead, asegurou-se un papel no filme Sky High, protagonizada polo actor Kurt Russel. Neste filme Campbell interpretará a un adestrador, acontecendo o filme ao redor dun instituto para xoves con superpoderes quen viven nun mundo onde os superhomes son algo moi habitual. O personaxe de Campbell será o encarregado de examinar aos estudiantes para descobrir se teñen a madeira necesária á hora de se converter en herois.
Outros actores vinculados ao filme son Lynda Carter (a Wonder Woman da televisión) e David Foley.
[21:07 18/08/04] Bryan Singer detivo a sua procura do home de aceiro, posto que xa conta con numerosas fitas de vídeo no seu despacho, e quere estudá-las detidamente. De todas maneiras, non hai moitas posibilidades de coñecer axiña o nome do futuro Clark Kent, xa que a axente de casting encarregada da procura declarou que ninguén cumpriu ainda co obxectivo.
Inda que Clark Kent ainda non ten rosto, si poderia té-lo Lex Luthor, e é que Michael Rosenbaum (o xove Lex da série de TV Smallville) comeza a soar como un dos posíbeis candidatos para o papel. Só é un rumor, o cal o próprio Rosenbaum non desmentiu, pero o carisma do actor poderia axudar-lle a chegar ao cinema dando vida a este siniestro personaxe. De ocorrer, non seria estraño que Tom Welling acabase como Clark Kent, ou que ambos aparecesen só en forma de flashback ao pasado.
[23:06 01/09/04] O mundo do cinema continua facendo-se con licenzas de videoxogos coñecidos, sendo agora dous productos de Midway os que poden ter asinado contrato para ser adaptados á pantalla grande. Un deles é Psi-Ops: The Mindgate Conspiracy, un impactante xogo de acción e poderes mentais que aparecerá axiña nas nosas tendas para Playstation 2 e a Xbox. O segundo xogo eleito é Area 51, que como o seu nome indica, oferecerá un producto cheo de extra-terrestres, acción e disparos.
Os produtores Adrian Askarieh e Chuck Gordon optaron aos direitos cinematográficos de Psi-Ops: The Mindgate Conspiracy, co obxectivo de realizar un filme impactante. Por agora atopan-se buscando un bo director e pensando nunha base, que poderia desvelarse durante a próxima semana.
Area 51 caiu nas mans de Christine Peters, quen traballou en Como perder a un mozo en 10 dias, e que agora producirá este filme de acción. O reparto ainda non foi confirmado, pero os dobradores do xogo poderian facer-se co traballo, xa que se trata de intérpretes como David Duchovny, Powers Boothe ou o mesmísimo Marilyn Manson.
[19:21 28/08/04] Calista Flockhart pon-se ás ordes do director e guionista catalán Jaume Balaguerò, que este luns inícia en Barcelona a rodaxe de Fragile, unha história na que a moza de Harrison Ford está arroupada pola española Elena Anaya e mais o australiano Richard Roxburgh, presente nas carteleras con The One and the Only.
A cidade condal, onde estarán sete semanas, a illa de Wight e os arredores de Reading son as localizacións desta producción da Filmax escrita por Balagueró e Jordi Galcerán que sitúa a súa acción nun hospital que está por ser pechado.
Centos de nenos van ser trasladados, pero hai algo alí dentro que se resiste a ser abandoado: "algo malo, perigoso, descontrolado e extremadamente fráxil", adianta o director e coguionista de Fragile. Balagueró debutou na pantalla grande co filme tamén de terror Os sen nome, pero despóis arruinou a súa reputación facendo a espantosa O.T. a película. Non embergantes, que un intérprete estranxeiro, neste caso a que durante várias tempadas foi protagonista de Ally McBeal, encabece o reparto dun título de Balaguerò non é unha novidade para o cineasta catalán, porque o seu anterior filme, Darkness, tiña como protagonistas a Anna Paquin e Lena Olin. En Fragile tamén interveñen Gemma Jones (de O diário de Bridget Jones) e Michael Pennington.
[19:21 28/08/04] En duas salas de Vigo e unha da Coruña, Compostela, Ourense, Narón e Pontevedra estreou-se xa Doraemon, o gladiador, o cuarto título para o cinema do gato do espazo, que nesta ocasión viaxa con Novita e o resto dos seus a outro planeta para defender a convivéncia entre robots e humanos. As sete cópias serán somentes en galego e a distribuidora aspira a repetir o éxito do anterior, Doraemon e o império maia, que atinxiu unha billeteira na comunidade que triplicou aos dous anteriores, que chegaran só en español.
A estrea da nova curtametraxe foi presentada por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, quen se felicitou deste acontecemento. A mellor receptividade no idioma galego é debida a que o público infantil ten costume de escoitar falar a este gato na nosa língua na versión de debuxos animados da Televisión de Galiza.
Callón pediu un maior compromiso das Consellarías de Cultura e Política Lingüística para que se estreen máis títulos en galego e asegurou que mesmo a Disney está disposta a iso se a Xunta lle ofrece igual apoio que a Generalitat de Cataluña.
[19:21 28/08/04] O protagonista de X-Men, ben coñecido ademáis por ser o Capitán Jean-Luc Picard en Star Trek: a nova xeración, Patrick Stewart, está arestpra a se recuperar na súa casa após de sofrir unha anxioplástia esta mesma semana para poder ensanchar unha artéria.
A anxioplástica implica o uso de catéteres para situar un pequeno globo nunha canle arterial obstruída. Cando o globo é inchado, o sangue pode fluir pola artéria máis doadamente.
Stewart, de 64 anos, acodira o luns a unha revisión médica anual, e alí os médicos detectaran o problema, que decediron subsanar mediante unha anxioplástia preventiva para evitar posibles ataques cardíacos nun futuro. Segundo o voceiro do actor, a operación foi un éxito e Stewart poderá reincorporarse ao seu traballo para a vindeira semana. Non embergantes, non poderá acodir a unha cita en Toronto onde había prevista unha convención de ciéncia-ficción o sábado.
[4:48 27/08/04] A Casa da Xuventude de Ourense ven de convocar unha nova edición dos Prémios de Banda Deseñada co obxectivo de recoñecer os mellores traballos nesta disciplina artística. O galardón levaráo algunha das persoas, ou instituizóns, propostas polos afeizoados ao cómic de toda Galiza.
Deste modo, e por décimocuarta ocasión, se premiará a aportación de autores, editores, promotores ou proxectos ao desenvolvemento do cómic galego.
As propostas poden remitir-se á Casa dá Xuventude até o 5 de setembro por correo tradicional (Celso Emílio Ferreiro 27, 32004 Ourense), por fax (988 249 930) ou ao enderezo casa@casaxou.com.
[21:04 12/08/04] Rachel Weisz será a coprotagonista, xunto a Hugh Jackman, na vindeira película épica de ciéncia ficción The Fountain, dirixida por Darren Aronofsky. Weisz substitúe asemade a Cate Blanchett, quen deixou o papel ao saber que Brad Pitt non ía aparecer no filme.
[21:05 12/08/04] Walter Salles, o director de orixe brasileira que fixera Estación Central, será o encarregado agora do filme de terror sobrenatural Dark Water, remake do xaponés que dirixira Hideo Nakata (o de Ringu e The Ring 2).
[21:05 12/08/04] Lance Henriksen, quen interpretará a un industrial millonário na vindeira Alien vs. Depredador, dixo que este papel é coma completar o círculo que unha vez comezara en Alien interpretando ao androide Bishop.
[20:12 11/08/04] O director e guionista M. Night Shyamalan e mais a Walt Disney Co. foron demandados por pláxio por unha escritora para nenos que afirma que hai semellanzas entre o seu libro e a nova película The Village, o último thriller de Shyamalan.
[21:23 10/08/04] A compaña compostelá Monicreques de Kukas representa desde hoxe e até o venres 13 en Redondela Galiza Máxica. Este espectáculo incorpora diferentes lendas da tradición popular galega e fai-se con monicreques de grande formato. Seis animadores son os encarregados de dar vida aos personaxes: fadas, serpes, cabaleiros, etc. As catro funcións programadas para a vila redondelá celebran-se na praza Casa da Torre ás 23.00 horas con entrada libre. En Tui estarán do 24 ao 27 de agosto.
[21:23 10/08/04] Fay Wray, a actriz canadiana que pasou á história do cinema da man do clásico King Kong (1933), morreu o domingo no seu apartamento de New York. A actriz participou nun centenar de filmes, pero a escena na que King Kong ascendia ao Empire State Building levando na sua man a unha Wray aterrorizada asociou a sua imaxe para sempre coa do símio xigante.
[23:06 01/09/04] A Asociación Española de Fantasia, Ciéncia Ficción e Terror ven de dar a coñecer os candidatos aos Prémios Ignotus 2004 de ciéncia ficción e fantasia, votados entre os seus membros e os asistentes ao HispaCon de Cádiz deste ano.
Mália a súa descomunal lonxitude, ofrecémosvos a listaxe completa dos candidatos polo interese que teñen estes prémios, os únicos do seu xénero dentro do Estado español (onde polo de agora seguimos inmersos):
[23:06 01/09/04] A Monxa subpón o debut na dirección de Luis de la Madrid, responsábel da montaxe de filmes coma Darkness, The Machinist, Os sen Nome, Palabras Encadeadas, ou O Espinazo do Diaño.
Baseada nunha idea orixinal do director Jaume Balaguerò, A Monxa explica a história de seis xoves internas nun sinistro coléxio e amedoñadas por unha temebel monxa. Un terríbel segredo que traumatizou a seis quinceaneiras nun internado volta a aparecer 17 anos mais tarde tras unha série de asasinatos que as une e fai-nas reviver de novo o seu escuro pasado.
Producida polo galego Julio Fernández para a Fantastic Factory, A Monxa está-se a rodar en diversas localizacións de Barcelona. A longametraxe combina no seu reparto nomes internacionais como a islandesa Anita Briem xunto a un elenco de rostos habituais do cinema español e mais da televisión: Belén Blanco, a galega Teté Delgado, Natalia Dicenta, Paulina Gálvez, Lola Marcelli, Manu Fullola, Alistair Freeland, Cristina Piaget e Oriana Bonet.
[21:45 02/09/04] O protagonista de A paixón, Jim Caviezel, podería estar disposto para asinar o contrato para interpretar a Superman no novo filme que se está a preparar sobre o Home de Aceiro, Superman Returns.
Din que o actor, que ven de interpretar a Xesús Cristo no controvertido filme de Mel Gibson, está moi preto de pechar o seu acordo cos estudos Warner Bros., mália a insisténcia do seu axente por negar que lle fora oferecido o papel. Grandes estrelas coma Jude Law, Josh Hartnett e Brendan Fraser foran xa tentadas polo persoaxe.
Non embergantes, segundo o repeitado debuxante de comics da DC Mark Miller, a participación de Caviezel está garantida: "Relembrades que vos dixen que tiñades de vos relaxar sobre Superman? Que un director con moita, moita experiéncia a quen todos queremos había facerse cargo? Que todo iría ben? Pois o meu bó colega informoume de que Jim Caviezel é oficialmente o novo home de aceiro e que é unha eleizón perfecta. Agardade o anúncio en breve". Pois vale, agardaremos.
[21:04 12/08/04] Ralph Fiennes (O paciente inglés) será o maléfico meigo Lord Voldemort na vindeira cuarta entrega da saga cinematográfica de Harry Potter. Esta será a primeira vez que apareza este persoaxe na pantalla.
[20:50 06/09/04] Grandes obras de autores non galegos chegarán neste outono ás seccións en língua galega das librarias, nunha incorporación que tenta ir cubrindo as lagoas que a literatura fantástica universal ten para os leitores do país.
Franz Kafka é unha das novidades chamativas da tempada, non tanto porque unha parte da súa obra non estea aínda dispoñibel en galego como porque os leitores poderán contar con dous tomos das súas narracións. Sairán de Galáxia e o primeiro deles oferecerá todos os relatos curtos que o autor escribiu ata o ano 1917, mesmo algúns inéditos até o momento de facer a recompilación. O segundo volume, que sairá para os inícios do inverno, completará a súa obra breve desde ese ano até a súa morte, baixo ou título Narracións completas.
Máis recente é Ray Bradbury. ún dos clásicos da ciéncia ficción. Crónicas marcianas, o seu título máis popular, será publicado por Xerais na colección "Fóra de xogo".
A oferta dous clásicos en galego ampliara-se este outono en tempo e história posto que Edicións Positivas vai editar por fin o Gilgamesh, que é o primeiro poemario da longa história da espécie humana e da curta história da civilización, aparecida en Mesopotámia hai catro mil anos e que pasado todo este tempo chega ao galego.
[20:50 06/09/04] Na noite do sábado 4 de setembro deron-se a coñecer no congreso mundial de ciéncia ficción, a WorldCon, que ten lugar este ano en Boston os gañadores dos prémios Hugo 2004, que destacan entre todo o publicado nos Estados Unidos durante o ano pasado. Estes foron os vencedores nas diferentes categorias:
Asimesmo, deuse o prémio John W. Campbell para novos escritores, que levouse Jay Lake.
[21:11 03/09/04] Coa proxección do filme Drácula (The special spanish version of Dracula), que dirixiu no ano 1931 George Melford, comezou o pasado mércores o XXI Ciclo de Fantasia e Ciéncia-Ficción que organiza o Colectivo Nemo no Café Uf de Vigo.
Nesta ocasión, o ciclo está adicado aos monstros da Universal e como é habitual após da proxección do filme abrirá-se unha tertúlia na que pode participar calquera persoa interesada no tema.
As seguintes proxeccións terán lugar o xoves 16 de setembro, con A múmia (The mummy), dirixida en 1932 por Karl Freund, o 7 de outubro con A noiva de Frankestein (Bride of Frankestein), dirixida en 1935 por James Whale e o dia 21 de outubro poderá-se ver O lobishome (The wolf man), que en 1941 dirixiu George Waggner.
Todas as sesións realizan-se no xoves, a partir das nove e meia da noite, e no Café Uf, na rua Pracer 19.
O Colectivo Nemo é un grupo de afeizoados vigueses que decidiron deixar de ser meros espectadores para se adicar a dinamizar a bisbarra viguesa fomentando a fantasia e mais a ciéncia-ficción en todas as suas facetas, e favorecendo a criación de novas obras.
A primeira tertúlia destes afeizoados tivo lugar no pub A gaita grileira, o xoves 6 de xaneiro do ano 2000. A boa acollida que tivo esta primeira experiéncia animou aos seus organizadores para continuar realizando as xuntanzas cunha periodicidade semanal. Desde o mes de marzo do mesmo ano desenvolven-se no Uf.
[21:04 12/08/04] Finalmente será o actor australiano Julian McMahon (descoñecido por aquí) quen faga o papel do malvado Dr. Doom na vindeira película dos Catro Fantásticos. A producción dará comezo este mesmo mes en Vancouver, Canadá, e será estreada o 1 de xullo de 2005.
[20:34 13/08/04] A protagonista de Catwoman, Halle Berry, podería non repetir o seu papel coma Trebón na secuela de X-Men porque seica pediu demasiados cartos á produtora, ademáis dun papel máis importante no guión.
[13:09 09/09/04] Son moitas as teorías que tratan de estudiar a orixe do ser humano e demasiados os incrédulos. A exposición "Meteoritos e...", que abrirá as súas portas ata o vindeiro 30 de setembro no Centro Cívico de Teis (Vigo), tratará de aportar unha base científica ao maior enigma da humanidade.
Así, levará a cabo un percorrido polos meteoritos, posible orixe da nosa vida na Terra, as rochas e minerais que conforman a súa estrutura, os fósiles vestixios da vida no pasado xunto aos cranios, un símil dos homínidos que dende o traballo da pedra coma ferramenta (industria lítica da prehistória), lévannos ao primeiro ordenador doméstico en conseguir un éxito clamoroso.
Toda unha aventura organizada dende a concellaría de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, en colaboración coa Sociedade Astronómica Galileo Galilei, con sede na cidade olívica.
[13:09 09/09/04] A pasada convención mundial da ciéncia ficción non só serviu para outorgar os Hugos aos gañadores, senón tamén para proporcionar-nos moitas outras novas.
Para comezar, Xapón gañou o dereito a organizar a Worldcon de 2007, que terá lugar en Iocohama do 30 de agosto ao 3 de setembro de 2007. Xa están anunciadas as presenzas de dous escritores convidados: Sakyo Komatsu e David Brin. As liñas aéreas xaponesas ofrecerán vóos especiais dende os Estados Unidos para os milleiros de fans que agardan.
O prémio Robert A. Heinlein deste ano foi concedido a Arthur C. Clarke no decurso do banquete que celebra a Sociedade Robert A. Heinlein, que tivo que organizar unha conexión por Internet vía satélite con Sri Lanka para permitir a Clarke asistir virtualmente á cerimónia.
Noutra orde de cousas, concedéronse tamén os prémios "Retro-Hugo", que son os prémios que se terían concedido hai anos se os Hugos existiran daquela. Os gañadores foron, entre outros, Fahrenheit 451, de Ray Bradbury, Os nove mil millóns de nomes de Deus, de Arthur C. Clarke, o filme A Guerra dos Mundos e o fanzine Slant.
Os prémios Sidewise, creados en 1995, serven para recoñecer aos millores traballos desa póla da ciéncia ficción que é a história alternativa. Os gañadores deste ano foron O One de Chris Roberson e a novela Collaborator de Murray Davies.
Os prémios Prometheus son concedidos pola Sociedade Futurista Libertária, que é unha espécie de asociación esquerdista americana, e xa só por iso mercen o noso respecto. Dan prémios ás millores obras de ciéncia ficción que exploran temas libertários: Sims, de F. Paul Wilson foi a gañadora deste ano, e o prémio especial "Salón da Fama" foi para The Ungoverned de Vernor Vinge.
Finalmente, os prémios Gaylactic Spectrum, creados en 1998 para honrar ás obras con temáticas ou persoaxes gais, lésbicos, bisexuais ou transexuais, foron para Lark till Dawn, Princess, de Barth Anderson como millor conto, e The Salt Roads, de Nalo Hopkinson como millor novela.
[20:25 09/09/04] Hayden Christensen, o actor que fai de Anakin Skywalker en O ataque dos clons e mais na vindeira A vinganza do Sith, fará unha breve aparición na triloxía orixinal da Guerra das Galáxias, que vai aparecer en DVD por primeira vez. Este "troco do pasado" ao estilo orwelliano de 1984 terá lugar para poder axustar os contidos da segunda e da primeira triloxía da máis famosa saga de ciéncia ficción do cinema.
Christensen aparecerá agora na escena final de O retorno do Jedi onde Luke ve os espíritos de Yoda, Obi-Wan Kenobi e mais seu pai, Anakin Skywalker. O papel fora interpretado orixinalmente por Sebastian Shaw, que tamén aparece amosando o rostro humano de Darth Vader noutra escena do filme.
Outros trocos menores con respeito á versión en DVD do ano 1997 (as "edicións especiais") incluirán a aparición de Ian McDiarmid como imaxe holográfica do Emperador en O Império contraataca (McDiarmid fixo o papel do Emperador en O retorno do Jedi e tamén de Senador Palpatine na recente triloxía), e seica tamén haberá trocos nos disparos na infame cantina da Guerra das Galáxias, na que Han Solo (Harrison Ford) e mais o álien Greedo dispáran-se agora ao mesmo tempo, para que non pareza que Han Solo é un malvado que mata antes de tempo ao seu opoñente.
O pack que sairá á venda inclúe catro discos, con comentários do director George Lucas e a actriz Carrie Fisher, entrevistas co reparto de actores, a equipa que fixo as películas, tráilers orixinais, fotos da produción e mesmo un adianto do Episódio III, que será estreado o vindeiro 21 de setembro.
[13:09 09/09/04] A Warner Bros Pictures estreará nos Estados Unidos durante o mes de outubro de 2005 o filme de animación Corpse Bride, na cal poderán-se escoitar as voces de actores como Johnny Depp, Helena Bonham Carter ou Emily Watson. Producida e codirixida por Tim Burton, o filme conta tamén coa participación do director Mike Johnson, quen foi responsábel da série de televisión The PJs (creada por, entre outros, Eddie Murphy).
O guión de Corpse Bride foi escrito por Caroline Thompson e Pamela Pettler, que deron vida a unha história escura cun ambiente semellante ao doutros filmes de Burton, coma Pesadelo antes de Nadal ou Eduardo Manstesouras. Situada nunha aldea europea do século XIX, o filme segue a história de Victor (Depp), un xove que se adentra no ultramundo e casa cunha misteriosa noiva morta (Bonham-Carter), mentres a sua verdadeira esposa Victoria (Watson) espera no mundo dos vivos. Ao longo do filme o personaxe principal descobrirá que non hai ren neste mundo, ou no outro, que lle poda manter afastado do seu verdadeiro amor. É unha história optimista e romántica, narrada co estilo clásico de Tim Burton.
Xunto ás voces dos actores antes mencionadas, atoparemos na versión orixinal as de Albert Finney, Richard E. Grant, Joanna Lumley e Christopher Lee.
[13:49 19/08/04] A editorial Simon & Schuster Inc. podería sumarse á demanda presentada hai uns días por Margaret Peterson Haddix contra a Walt Disney Co. e mais o director M. Night Shyamalan por suposto pláxio de Running Out of Time, un libro que seica ten moitas semellanzas coa última película de Shyamalan, The Village.
[13:49 19/08/04] Seica o filme de Mel Gibson A Paixón servirá para algo: para enviar a un home á cadeira eléctrica en Texas. Un tal Dan Leach confesou após de ver a película que matara á súa moza. O pasado 11 de agosto confesouse culpable perante o tribunal que o xulga, e agora só lle resta agardar a que só sexa cadea perpétua.
[21:15 18/08/04] Seica a vindeira película de Steven Spielberg, A Guerra dos Mundos, será o filme máis caro xamáis realizado, sobrepasando os 198 millóns de dólares de orzamento do Titanic. O director e mais o actor Tom Cruise planean facer este remake do clásico de H.G. Wells sobre a invasión marciana, e un voceiro xa anunciou que non haberá límite para o gasto.
[21:15 18/08/04] Xa corre o rumor (sen confirmar) de que a Fox pediu directamente a George Lucas a realización de tres novos episódios (7,8,9) da Guerra das Galáxias. De se cumprir, os filmes seguirian os acontecimentos de O Retorno do Jedi.
[14:30 11/09/04] O actor Harrison Ford está en conversas para protagonizar o vindeiro filme épico de James Cameron en 3D. Os nosos reporteiros en Hollywood non puideron obter demasiada información sobre o proxecto, agás que será unha película de ciéncia ficción, pero disque Harrison Ford está xa a adelgazar para poder facer esta película, porque ten medo de que as cámaras de 3D farán-lle parecer gordo.
Segundo as nosas fontes, un experto técnico advertiulle de que se unha cámara normal faite engordar 10 quilos, unha cámara de 3D pode facerte semellar un globo. O actor, actualmente vivindo unha segunda xoventude coa súa moza Calista Flockhart, tamén pensa que podería chegar a rodar a cuarta parte da saga de Indiana Jones dentro dos vindeiros anos, se todo vai ben segundo o seu plano.
[14:29 11/09/04] Frank Thomas, ún dos nove homes responsábeis de ter introducido á Disney no mundo da animación en 1930, faleceu á avanzada idade de 92 anos. O famoso estudo confirmou o falecemento de Thomas, quen morreu na sua casa de Califórnia, tras ter pasado vários meses enfermo por mor dunha hemorráxia cerebral.
Após do nome deste animador agocha-se un grande do cinema, e que entrou na Disney cando a compaña comezaba a traballar en Brancaneves, a sua primeira longametraxe. No seu currículum destacan numerosos traballos, ainda que sempre se lle coñeceu polo seu xeito para dar vida a escenas románticas e encantadoras. Criación sua foi a secuéncia do espagueti en A Dama e o Vagamundo, ou a escena da patinaxe en Bambi. Tamén aportou o seu graniño de area a clásicos do estilo de Pinocho, A Cincenta, Alicia no País das Marabillas ou Peter Pan, na cal deseñou ao Capitán Garfo. Ainda que se retirou no ano 1978, Thomas escrebeu algúns libros sobre animación e voltou a ser notícia co documental Frank and Ollie, dirixido polo seu fillo Theodore Thomas. Este documental, que gañou moitos prémios, narraba a história de Thomas e o seu amigo Ollie Johnston, quen se atoparon na Universidade de Stanford para despois traballar xuntos en numerosos proxectos.
Gañadores do Terror
Harry Potter tamén arrasa nos EE.UU.
Xesús Manuel Marcos gaña o prémio Merlín
Bradbury mexa fóra do rego
Johnny Depp, prémio MTV
Os zombies voltarán 28 Días despóis
Finalistas do Pablo Rido
Meteoro terá a Vince Vaughn no reparto
Xa temos título para Potter VI
Gañadores dos Locus
O Gato con botas terá filme de seu
Gañadores dos prémios Campbell e Sturgeon
Chegou xa o Pinocho galego
Indiana Jones 4, en 2006
Telecinco fará unha série de terror
Finou Goldsmith
Xa hai director para Superman
Nominacións aos Emmy
Revela-se o novo título da Guerra das Galáxias
Natalie Portman, con Kerry
Stephen Sommers fará A Mómia 3
South Park coa Paixón de Cristo
Xornadas de Rol en Vigo
Rowling planea máis Potters
Daredevil aparecerá no filme de Elektra
Os prémios Mythopoeic 2004
Prémios europeos da CF
Harry Potter sobrevivirá
Os terroristas atacan a Harry Potter?
Tom Welling fará "un grande proxecto"
Jurassic Park IV
Freddy vs Jason... vs Ash!
Michael Rosenbaum poderia ser Luthor
Dous videoxogos, á grande pantalla
Balaguerò dirixirá a Calista Flockhart
Os cines galegos estrearon o novo de Doraemon
Patrick Stewart, problemas de corazón
Prolegómenos dos Prémios Ourense de cómic
Candidatos aos Ignotus
O novo da Fantastic Factory
De Cristo a Superman
Traducións para o outono galego
Gañadores dos Prémios Hugo 2004
O Colectivo Nemo, cos monstros da Universal
Exposición "Meteoritos e..."
Máis prémios na Worldcon
Mudando o pasado
O regreso de Tim Burton
Harrison Ford en 3D
Morreu Frank Thomas