[21:53 03/11/2004] O libro de fantasía Tres cuentos de hadas de Gustavo Martín Garzo foi o gañador do Prémio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 2004 que concede o Ministério de Cultura de España.
[21:57 15/11/2004] E seica que contra vento e marea. Elena A. Dosil, Relacións Públicas do proxecto IberCon, enviunos unha nota ao respeito do polémico proxecto. O colectivo Nemo vai participar o xoves 18 ás 19:00 h na Casa do Libro de Vigo nunha rolda de prensa para apresentar o proxecto, que será a organización da Hispacón número XXIII, e que se celebrará no vindeiro ano en Vigo ou Pontevedra. Suporá ademáis a adhesión dos Encontros portugueses (que no vindeiro ano serían a sétima edición).
Segundo o Colectivo Nemo, a Hispacón non é un congreso pechado adicado soamente á xente de fóra para falar das súas cousas, xa que nela tamén participará xente de aquí. Estará composta de conferéncias, mesas redondas e proxeccións audivisuais entre outras cousas.
Como mostra de que a Hispacón é un acto serio e prestixioso, o Colectivo nemo apunta a que a vixésimo primeira edición foi inaugurada polo Secretário de Estado de Cultura e que a edición número dezaséis tivo como presidente de Honra ao Príncipe de Astúrias Filipe de Borbón. O certo é que poñer de por médio aos Borbóns para falar do prestíxio dun acto non é ao noso xuizo moi compatíbel, pero seica polo mundo adiante si.
En todo caso, por se celebrar en Galiza, agárda-se unha afluéncia de entre cen e douscentos visitantes de fóra da nosa nación, o que suporía paraa cidade que acollera a HispaCon uns ingresos de entre 12.000 e 48.000 euros.
[21:57 15/11/2004] George R.R. Martin, autor de Morte da luz, Soño do Fevre, As viaxes de Tuf e da série Xelo e Lume, entre outros, ven de enviar unhas palabras de agradecemento polos prémios Ignotus concedidos o pasado 6 de novembro.
"Quixera agradecer a todos os fans españois esta honra e, en especial, descubro-me perante a equipa de Gigamesh, que realizou un grande traballo para que a miña obra chegue a un público novo", dí Martin. "De non ser por eles e o seu esforzo, dubido que estes Ignotus se cruzasen no meu camiño".
Martin afirma que regresará a España en breve para papar "tapas" e beber augardente con algúns dos seus fans. Mentres tanto, non embergantes, di que agarda que "algúns dos meus fans españois poidan achegar-se a Escócia este mes de agosto para asistir á WorldCon".
Os prémios Ignotus, déran-se a coñecer no decurso da cea oficial da XXII HispaCon Gadir 2K4, e George R.R. Martin foi galardoado nas categorías de millor conto estranxeiro por O dragón de xelo e á millor novela estranxeira por Choque de reis.
[21:18 05/11/2004] Recén rematado o seu traballo na exitosa The Grudge, a actriz Sarah Michelle Gellar ven de asinar outra película de terror: Revolver, un thriller sobrenatural que dirixirá Asif Kapadia e que vai sobre unha muller de negócios cuxos vívidos pesadelos obrígana a investigar o caso dunha rapaza que morreu hai 25 anos. O que non está nada claro é se Gellar protagonizará a secuela de The Grudge, da que xa se sabe seguro que se vai facer. Stephen Susco será de novo o guionista deste filme.
[21:18 05/11/2004] David Goyer (Blade Trinity) dirixirá a versión en inglés (que será a que vexamos por aquí) dun thriller sobrenatural sueco, O invisibel, que seica vai sobre dous rapaces que son invisibeis para os demáis. Goyer é tamén o autor do guión de Batman Begins.
[21:18 05/11/2004] Shrek 2, The Polar Express, The SpongeBob SquarePants Movie, O espantatiburóns e Os Incribeis están entre os candidatos que a Académia de Cinema americana ven de escoller para optar ao Oscar para a millor película de debuxos animados. O polémico filme Team America foi considerado non elixibel porque non é de debuxos, senón con monicreques rodados en tempo real, a mesma escusa que deron para afastar a Gigli o ano pasado.
[21:51 06/11/2004] O luns 8 de novembro ás 20:30h no Auditório do Concello de Vigo o Cineclube Lumière proxecta Russkij kovcheg ("O Arca rusa"), un filme ruso-alemán de 2002 que obtivo numerosos prémios en festivais de cinema fantástico do mundo. Nela, o marqués de Coustine, un diplomático francés do século XVIII cunha relación de amor/odio con Rúsia, atópase nunha viaxe no tempo no palácio de inverno de San Petersburgo dende os tempos de Pedro o Grande até os nosos días. Foi dirixida por Alexandr Sokurov e interpretada por Sergei Dreiden e Maria Kuznetsova.
[21:57 15/11/2004] Nicolas Cage protagonizará e Lee Tamahori dirixirá o filme de ciéncia ficción Next, baseado no relato de Philip K. Dick The golden man. Cage será asemade o produtor da película. Gary Goldman, quen xa escribiu a adaptacion de Podemos relembralo por vostede para o filme Desafío total, será o encargado de escribir o guión.
Tamahori fora o director da última entrega da saga de James Bond Die Another Day (Morre outro día). Cage dará vida a un home que pode ver o futuro e mudar sucesos antes de que ocurran realmente. Nun momento dado verá-se obrigado a elixir entre salvar ao mundo ou salvar-se a si mesmo.
[0:14 09/11/2004] O récord de Buscando a Nemo xa é história. O novo filme da Pixar Animation, Os Incribeis, unha comédia de debuxos animados sobre unha família de superheroes que regresa do seu retiro para salvar ao mundo, arrasou na súa estrea con 70,7 millóns de dólares na súa primeira fin de semana nos Estados Unidos. O thriller de terror The Grudge caiu ao terceiro posto na listaxe dos dez máis vistos, pero xa leva 89,6 millóns de dólares en só tres semanas.
[0:14 09/11/2004] O actor James Belushi ven de demandar á súa veciña e tamén actriz Julie Newmar (coñecida no xénero polas súas actuacións na série de TV dos anos 60 Batman) por 4 millóns de dólares en danos, acusándoa dunha "camapaña de acoso" para botalo da súa casa. Belushi di que a actriz derruboulle un valado na súa casa de Brentwood, Califórnia, e que anda a calumnialo diante dos seus veciños e amigos. Ademáis afirma que Newmar espiou á família de Belushi e pon a música moi alta diante da súa residéncia.
[21:57 15/11/2004] A RTVG, canle "pública" galega, afronta unha nova estrea para a súa franxa de tarde apostando por un culebrón titulado Aventuras no tempo, un estrafalário serial mexicano producido en 2001, que din que ten como alicerce ser o primeiro culebrón de ciéncia ficción e como compoñentes principais a intriga e tamén a música (mexicana, iso si).
A história parte da súa protagonista, Violeta, unha rapaza que vén de rematar o curso e de celebrar cos seus compañeiros a conclusión do ciclo de Primária. Violeta terá que pasar as vacacións na casa da súa avoa Margarita en Vila Florida, onde sospeita que lle agarda un verán moi aburrido, sobre todo porque a avoa vive coa súa amiga Urraca, unha señora moi ríxida a quen todo lle amola.
Pero axiña todo cambiará cando a Violeta se lle ocorre invitar ao seu mellor amigo, Ángel. Xuntos atopan na adega da casa unha máquina do tempo, que foi inventada pola família da avoa. Violeta e os seus amigos tentarán descifrar o enigma do misterioso artefacto e formarán o "Clube da Dama e os Cabaleiros do Cronocono".
Coa axuda da máquina do tempo, os rapaces séntense capaces de todo e, cando o malvado Avaro Zopilote ameaza á avoa con deixa-la sen casa, non dubidan en loitar contra el até que se faga xustiza. Na súas travesías, os rapaces descobren diferentes épocas, lugares inesperados e fascinantes personaxes.
En fin, un novo insulto ao xénero fantástico por parte da TVG, quen deste xeito tan pouco honorabel búrla-se dos afeccionados ofrecendo un folletón de terceira rexional, e todo porque é o máis barato que poideron atopar no mercado. Supoñemos que o seguinte será ofrecer outro especial, desta volta co título "Os Monechos no espazo".
[23:21 12/11/2004] A lenda do cinema Omar Sharif probou que ainda está no seu millor momento físico mália contar xa con 72 anos, despóis de que batera a un colega actor nun bar na Índia. O protagonista de Lawrence de Arábia rifou co malvado de O Señor dos Aneis: O retorno do rei John Noble nun hotel de Jodhpur, e logo bateu nel cunha lámpada, segundo xornalistas que foron testemuñas. Seica os dous actores detiveron o combate após de que a lámpada se rachara. Sharif xa fora arrestado en Franza este verán despóis de que batera na cabeza a un policía nun casino.
[21:45 09/11/2004] O actor irlandés Colin Farrell comentou nunha recente entrevista que non está interesado en facer o papel do axente 007 James Bond. Farrell, de 28 anos, fora posto no foco das novas por Pierce Brosnan, que a semana pasada afirmou que merecía ter o papel.
[21:45 09/11/2004] Os organizadores dos prémios dos Globos de Ouro deron un forte golpe ás aspiracións do filme sobrenatural A Paixón do Cristo de Mel Gibson, declarándoa non elixibel para a categoría de millor drama ao estar rodada nunha língua estranxeira. Pero non todo está perdido: ainda pode entrar na carreira á millor comédia.
[23:33 17/11/2004] O guionista Jeff Vintar (Eu, Robot) afirmou nunhas declaracións que está a traballar na adaptación da triloxía das Fundacións de Isaac Asimov, baixo a dirección de Shekhar Kapur. A triloxía consolidará-se en dous guións, Fundación e Segunda Fundación, na que a maior parte dos feitos do primeiro libro resumiran-se como unha história de fondo, afirmou Vintar.
"Cada história está separada xeralmente por un período de 100, 200 ou 300 anos", dixo. "Cada história ten un novo conxunto de personaxes. Así que adaptalo a un filme convirte-se nunha sucesión de problemas. Como podo criar algo que ainda sexa recoñecíbel como a Fundación, e dar-lle unha narración que cumpla os requerimentos dun filme?".
Vintar engadiu que o estudo, 20th Century Fox, animou-lle a se centrar na segunda metade do espazo temporal da triloxía. "A maior parte das histórias da Fundación teñen lugar ao longo duns 500 anos, por iso estamos a centrar a nosa história na segunda metade dese período. Iso é o que estamos a facer agora". Non se anunciou ren sobre o reparto ou as datas de rodaxe.
[0:45 14/11/2004] Con motivo da XV Semana de Cine Fantástico e de Terror, Festival organizado por Donostia Kultura e o Concello de San Sebastián, Antonio Busquets organizou a primeira edición das Xornadas do Cómic de San Sebastián, que se celebran entre os dias 29 de outubro e 30 de novembro. Destacar que entre as exposicións programadas haberá unha "Antoloxia do Cómic Español de Ciéncia-Ficción" no Centro Cultural Larrotxene, do 29 outubro ao 19 novembro.
[22:46 18/11/2004] A Faculdade de Ciéncia e Tecnoloxia da Universidade do País Basco anunciou no decurso da cerimónia Alberto Magno 2003-2004, que se celebrou o pasado luns, o fallo do XVI Certame Literário Alberto Magno de Ciéncia Ficción. Este concurso, que arrincou en 1989, é o decano do xénero no Estado español e un dos certames de relatos mellor premiados.
O gañador do primeiro prémio, dotado con 3.000 euros, é Juan Luis López Aranguren (Zizur Maior, 1982) polo seu relato No habrá vergüenza en mi derrota. Esta obra xira ao redor da teoria dos universos paralelos e o paradoxo do gato de Schrödinger e relata como un obxecto común a todos os universos aparece en todas as suas versións nun dos universos, causando múltiples irregulariedades.
Juan Luis López Aranguren, grande afeizoado á ciéncia ficción, está por concluir a carreira de Xornalismo na Universidade de Navarra e estuda unha titulación sobre Asia Oriental na Universidade Aberta de Cataluña.
O segundo prémio, dotado con 600 euros, foi outorgado a Ezequiel Dellutri, de Arxentina, polo relato Sobre los inmortales. Pola sua parte, o prémio ao mellor relato apresentado por un membro da Universidade do País Basco, dotado tamén con 600 euros, foi para a profesora de Química Inorgánica da Faculdade de Farmácia de Vitória Gotzone Barandika (Durango, 1966) por Tximeleta mezularia. Ela é a primeira muller premiada na história do concurso e a súa obra traza unha explicación científica da telepatía a través dun argumento próprio dunha novela negra, na que o protagonista investiga a estraña morte da sua irmá, investigadora que realizara unha importante descoberta sobre o soño.
Ao XVI Certame Literário Alberto Magno de Ciéncia Ficción apresentaron-se nesta ocasión 42 relatos, 41 deles en castelán e un en euskera. Só ún dos relatos procedía de Galiza.
[22:00 15/11/2004] Cada vez está máis cantado que Tom Hanks se poña no papel de Robert Langdon, o profesor protagonista do libro O Código Da Vinci de Dan Brown, ainda que iso si, na súa versión para o cinema. Hanks é un candidato cada vez máis firme por mor da súa amizade co director Ron Howard e co produtor Brian Grazer.
[21:54 16/11/2004] Pon-se en marcha a web temática para Vampiro: O Réquiem. O novo xogo sairá á venda na primeira quincena de decembro. A web quere ser un instrumento de información e consulta para afeccionados e curiosos en xeral sobre o popular xogo de rol. White Wolf decidiu hai anos revisar por completo o seu archipopular Mundo de Tebras. Para elo fixo un Apocalipse que remataría con todo o coñecido até o momento e crear un novo universo menos complicado pero igualmente atractivo. A saga A hora do Xuizo recentemente publicada por "La Factoría de Ideas" en español, desenvolvía dúas liñas narrativas diferentes: unha no eido do rol e outra no da ficción, mediante unha triloxía de novelas, e daba carpetazo a todo o coñecido até daquela. Na web do xogo hai foros, novas, extractos do xogo, concursos e sorteos.
[22:00 15/11/2004] Harry Lampert, o debuxante que creou ao superheroe da DC Comics Flash, finou o pasado 13 de novembro en Florida aos 88 anos. Lampert padecía cancro e morreu no Community Hospital de Boca Raton. Comezara a debuxar profesionalmente aos 16 anos entintando nos estudos Fleischer en New York para persoaxes coma Popeye ou Betty Boop. Seis anos despóis creou a Flash en 1940, en colaboración co guionista Gardner Fox.
[22:47 18/11/2004] O verinés Antonio Balboa Salgado fíxo-se coa quinta edición do prémio de ensaio Manuel Murguía, organizado pola Deputación da Coruña. A raíña Lupa: as orixes pagás de Santiago, impuxo-se a outros trece traballos de investigación sobre a história de Galiza, que o xurado considerou no seu conxunto de grande calidade. Antonio Balboa, que receberá 6.050 euros, tratou a presenza celta en Galiza e a relixión na Antigüidade nalgunhas das suas obras publicadas. Ten no seu poder o prémio de investigación Taboada Chivite e é codirector de Edicións Lóstrego. A sua obra, que o xurado calificou de "divulgativa e fácil de ler", será publicada durante o próximo ano pola Deputación da Coruña.
[23:32 17/11/2004] Carlos Antares, director do filme FAQ, exibido en Cádiz durante a recente HispaCon, fixo chegar a diversos médios de comunicación en español un comunicado con motivo da exclusión deste filme do vindeiro festival de Sitges, no que se queixa amargamente de que unha longametraxe de 82 minutos, independente, catalán, de ciéncia-ficción, rodado á marxe de todos os canles industriais habidos e por haber sexa eliminado do máis importante festival de xénero fantástico de España coma é o festival de Sitges.
[22:47 18/11/2004] Disney poderia ter iniciado a producción da terceira parte da história criada por Pixar, tensando asemade as negociacións para renovar a colaboración entre ambas compañías.
O xigante Disney non renovou a sua colaboración con Pixar, a produtora que lle proporcionou os seus mellores resultados nos despachos de billetes nos últimos anos con filmes como Buscando a Nemo ou a recente Os Incribeis, que bateu récords de recadación nos Estados Unidos. En vista das difíciles negociacións, os patronos de Disney decidiron adiantar-se aos acontecimentos e seica iniciaron xa a realización da que será a terceira parte de Toy Story. As trepidantes aventuras do vaqueiro Woody e o astronauta Buzz Lightyear significaron o relanzamento dos mais importantes estudos de animación do mundo e toda unha revolución na criación de filmes infantis. A segunda parte resultou tan rendíbel como a primeira (entre as duas recadaron perto de 500 millóns de dólares) e agora Disney decidiu voltar a picar no veo destes personaxes, cuxos direitos comparte con Pixar.
A última colaboración entre as duas compañas foi Cars, que se estreará o ano que ven nos Estados Unidos e que pon fin ao contrato entre as duas compañías. E a decisión de Disney de asumir pola sua conta a terceira parte de Toy Story non vai facilitar unhas negociacións que xa se dan por rachadas.
[22:47 18/11/2004] O director de Spiderman 2 Sam Raimi e máis os seus sócios de produción de Posesión Infernal ("Evil Dead") Rob Tapert e Bruce Campbell farán un remake do filme de culto de 1981 que lanzara as súas carreiras ao éxito. Raimi escribiu, dirixiu e produciu aquel ano The Evil Dead, que vai sobre cinco amigos que atopan nunha cabana un "Libro dos Mortos" que resucita aos demos.
Raimi non dirixirá o remake e está a procurar un bó candidato para que faga rexurdir a franquícia antes de que se escriba o guión. O filme será producido por Ghost House Pictures, a empresa propriedade de Raimi, Tapert e a Senator International. O filme orixinal dera paso a Evil Dead II, que xa fora daquela esencialmente un remake do primeiro filme e a O exército das Tebras, películas todas eleas protagonizadas polo antiheroe Ash, o loitador contra os demos.
[22:47 18/11/2004] Andy e Larry Wachowski, directores da saga de Matrix, producirán unha adaptación cinematográfica da novela gráfica de Alan Moore V for Vendetta, e o primeiro axudante de dirección de Matrix, James McTeigue, está en conversas coa Warner Brothers para dirixir. Nun primeiro intre os Wachowskis querían ser eles mesmos os directores, pero ficaron enredados pola saga de Matrix. Joel Silver será o produtor de V, ao igual que xa o fora de Matrix.
V for Vendetta ten lugar nun futuro alternativo onde Alemaña gañou a Segunda Guerra Mundial e Gran Bretaña convírte-se nun estado feixista. Un terrorista coñecido sinxelamente por "V" comeza unha campaña para destroir a aqueles que sucumbiron ao totalitarismo e para elo recruta a unha rapaza que rescatou das mans da policía secreta.
O proxecto leva dando voltas polos estudos durante anos, e mesmo o guionista de Romeo Is Bleeding Hilary Henkin chegou facer un primeiro esbozo, pero sen éxito.
[19:35 20/11/2004] Un grupo de avogados gregos está a ameazar cunha demanda á Warner Bros. e máis ao director Oliver Stone por suxerir que Alexandre Magno é bisexual no seu vindeiro filme épico, Alexandre. O grupo insiste en que sexa incluida unha referéncia ao comezo da película dicindo que os feitos que describe son fictícios. Estes avogados din que "non están contra os gais". Seica só teñen prexuizos contra os bisexuais.
[19:35 20/11/2004] Mel Gibson deixará o seu filme A Paixón de Cristo nas mans do "Todopoderoso" e insiste en que non quere gastar nin un céntimo na campaña promocional a prol do Oscar. Nun tón apocalíptico, Bruce Davey, o produtor do filme sobrenatural, dixo que "até a fin dos días, as películas só deben ser xulgadas polos seus méritos, non no tamaño dos teus petos ou na elaboración da campaña". Din que o Altísimo respondeu que "polo menos, poñede un anuncio pequeno no Variety, tíos".
[22:47 18/11/2004] Os favores págan-se e o lendário escritor de ciéncia ficción Ray Bradbury visitou por fin a Casa Branca o pasado 17 de novembro para recebir a súa medalla Nacional das Artes de mans do mesmísimo George W. Bush. O escritor manifestou que "este é o día máis feliz da miña vida. Comecei con nada, foi unha longa viaxe e agora estou aquí".
Bradbury mantivo uns meses antes das eleccións unha fortísima polémica co director de Fahrenheit 9/11, Michael Moore, na que non fallaron insultos e descalificacións moi pouco dignas por parte do escritor, quen se queixaba de que utilizaran para a película anti-Bush o "seu" título sen lle pedir permiso.
Bradbury, autor de Fahrenheit 451 e Crónicas Marcianas, foi ún dos 16 premiados polo Presidente americano nunha cerimónia na que tamén estiveron presentes Carlisle Floyd, Twyla Tharp ou Anne Tatlock.
[19:35 20/11/2004] A DreamWorks ven de contratar a Ed Decter e John Strauss para que escriban o guión do filme de debuxos animados O gato con botas, baseado no persoaxe que "interpretou" Antonio Banderas en Shrek 2. Os estudos contemplan a posibilidade de que esta sexa unha produción que saia directamente no mercado de vídeo, sen pasar polas salas comerciais.
[19:35 20/11/2004] Corre o rumor de que o director de Bourne Supremacy ("O mito de Bourne"), Paul Greengrass será o encargado de sustituir no seu posto a Darren Aronofsky na adaptación da clásica novela gráfica de superheroes Watchmen. Lloyd Levin e Larry Gordon están a producir o filme, previsto para se estrear en verán de 2006.
[19:35 20/11/2004] O director inglés David Yates está por pechar o contrato que lle permitiría encargar-se da quinta película da saga de Harry Potter, Harry Potter e a Orde do Fénix, para a Warner Brothers. Michael Goldenberg escribirá o guión e David Heyman será de novo o produtor. O filme, baseado na novela homónima de J.K. Rowling, está previsto para comezar en produción a finais de 2005 e para ser estreado no verán de 2007.
[22:49 22/11/2004] Corren os rumores de que Ridley Scott podería rebaixar-se abondo como para dirixir un filme baseado no popular videoxogo Halo II, que arestora está moi de moda pola súa recente aparición. No reparto estarían asemade Ed Harris e Samuel L. Jackson. Pero que conste que nós desta volta non acreditamos nisto.
[22:49 22/11/2004] Imaxinade que un día recebides unha chamada perdida no móbil e esa chamada ten data de dentro de tres días e provén do voso próprio móbil, e que ademáis na mensaxe deixada no contestador hai unha adverténcia terríbel... Ben, pois este é o argumento de Chamada Perdida, un novo filme de terror xaponés que se estreará o 5 de xaneiro de 2005. Recomendábel, ainda que só sexa polo interese do argumento!
[22:49 22/11/2004] Steven Spielberg comezará axiña a produción da súa película A Guerra dos Mundos para podela estrear dentro de oito meses, segundo veñen de anunciar. Agárda-se que a fotografía principal estea rodada en 75 días, xa que o restoserá todo obra da Industrial Light & Magic, a compañía xeradora de efectos especiais.
[19:35 20/11/2004] Sir Sean Connery ven de mercar en segredo un souvenir dos seus días de axente 007: o vehículo luar que conduciu pola superfície do noso satélite no filme de 1971 Os diamantes son para sempre. O vehículo estaba posto á venda para unha poxa que había terlugar na sala Christie's de Londres cun prezo inicial de 40.000 euros, pero o veterán actor convenceu ao seu dono, o director da revista 007 Magazine Graham Rye, para llo vender a el sen pasar pola poxa a un prezo de 37.000 euros.
[19:35 20/11/20044] O director Bryan Singer colaborará no videoxogo Secret Service. Tras de traballar no desenvolvemento de The Chronicles of Riddick: Escape from Butcher Bay, a compañía Tigon Studios está a traballar nun novo título, e contarán asemade coa colaboración de Bryan Singer, director de X-Men e encargado actual de rodar o remake de Superman, o que podería supoñer unha posterior adaptación cinematográfica do videoxogo.
[22:49 22/11/2004] O director da revista 007 magazine, Graham Rye, desmentiu que Sir Sean Connery lle mercara o seu vehículo luar que aparece no filme Os diamantes son para sempre, tal e coma informamos onte. Rye dixo que "É por suposto unha total e completa mentira. Ademáis, eu agardaría certamente unha oferta maior, mesmo provindo dun escocés!".
[22:02 25/11/2004] A partir do 4 de nadal, unhas salas de Madrid (España) acollerán un ciclo de cinema familiar que forma parte da programación prevista en Animadrid 2004. Nese ciclo Shrek 2 será proxectadp co final alternativo que seican tiñan prantexado os guionistas.
[23:50 24/11/2004] Convocou-se a XIV edición do Concurso de relatos en español Pablo Rido. O seu prazo de apresentación remata o 31 de xaneiro e a sua dotación é de 666 euros xunto a unha estatuiña conmemorativa. O prémio naceu en 1991 co nome de Prémios Aznar, nome que foi substituído en 1994 polo actual, para evitar confusións desagradabeis. Está convocado pola Tertúlia de Literatura Fantástica de Madrid, e o xurado é eleito entre especialistas, profisionais e afeizoados do xénero. A sua dotación económica procede das aportacións voluntárias dos asistentes ás xuntanzas.
[22:02 25/11/2004] A história de nunca rematar aínda segue viva. Si, referímo-nos a quen vai dar vida ao axente 007 no cinema, e desta volta o actor galés Ioan Gruffudd vai en cabeza das apostas, por diante de Ewan McGregor e Hugh Jackman. Seica o protagonista de O rei Artur ten todas as papeletas neste sorteo para suceder a Pierce Brosnan como vindeiro James Bond. Unha fonte da produtora dixo que "Ioan é o único actor que está a ser considerado arestora".
[22:47 18/11/2004] Segundo nos informan os nosos correspondentes nos Estados Unidos, a actriz Sigourney Weaver planea imitar ao seu persoaxe de Alien, a tenente Ellen Ripley, e dar-se unha voltiña polo espazo. A actriz, de 55 anos de idade, pediu ao magnate inglés Richard Branson que lle reserve un billete de 145.000 euros para viaxar a bordo da súa nave espacial Virgin Galactic no vóo que despegará en 2008.
Un voceiro da Virgin manifestou que estarían "encantados de levar a Sigourney de volta ao espazo para visitar aos áliens". A compañía confirmou que están a manter negociacións con Weaver para que sexa unha das primeiras en disfrutar da viaxe de 113 kilómetros fóra da atmosfera do noso planeta, onde os turistas poderán experimentar seis minutos de gravidade cero e unha manchea de vistas impresionantes antes de regresar á Terra.
O protagonista de Star Trek William Shatner e mais o roqueiro americano Dave Navarro (actualmente recovertido en presentador de reality shows) son outros dous dos máis de 7.000 candidatos que xa están a agardar nas listaxes de espera polo seu billete a outros mundos.
[23:30 29/11/2004] Sam Raimi confirmou que el e mais o seu irmán Ivan están ainda a escribir os primeiros bocetos do que será o guión de Spiderman 3. Segundo dixo, ainda non ten decidido quen será o super-falcatruán que lle fará de contrapunto ao trepamuros, e todo será novamente unha exploración psicolóxica do persoaxe de Peter Parker. En calquera caso, o filme non aparecerá nas pantallas até 2007.
[22:47 18/11/2004] Os extravagantes planos da estrela de Hollywood Tom Cruise para a moi agardada película Misión Imposíbel III están a lle causar problemas á Paramount, que teme que o orzamento vai-se disparar sen control. O actor está a producir e interpretar o seu papel de axente Ethan Hunt na secuela do éxito do ano 2000 Mission: Impossible II, cunha estrea prevista contra xuño de 2005.
Seica a Paramount está desacougada porque ainda non hai nin un guión para o filme. Todo o que hai está só na cabeza de Cruise. En xuño, o director de Narc Joe Carnahan demitiu do seu posto de realizador porque mantiña "diferenzas creativas" con Cruise e foi sustituido polo novato J.J. Abrams, quen até agora só dirixiu algúns episódios da série de TV Alias.
Mália ter xa localizados escenários en Alemaña, Bélxica, Canadá, Ghana e os Estados Unidos, a Paramount está a se poñer moi nervosa polos planos de Cruise de rodar en 15 países, o que subiría o orzamento a 234 millóns de dólares (163.000.000 €). Seica mesmo Cruise xa montou un tráiler para o filme, incluindo os créditos e algunhas voces que proxectou para os amigos como xeito de aumentar o seu ego. Pero os tráilers móntan-se despóis de que o filme estea feito, non antes de se rodar.
[23:30 29/11/2004] O protagonista da saga de Harry Potter, Daniel Radcliffe, encargou ao reparto do filme que posaran para unha série de fotos realizadas seis metros baixo o auga para unha extraña felicitación de Nadal. Seica as fotos foron tomadas nun tanque especial que aparece na película.
[23:49 24/11/2004] A casa que se atopa no 20 de Northmoor Road en Oxford (Inglaterra) é unha mais entre outras moitas de clase meia que hai na zona. Pero recentemente mudou de mans por 1,6 millóns de libras (uns 2.300.000 €) grazas ás suas conexións literárias.
Antonte o ministro de cultura do Reino Unido, Andrew McIntosh, declarou a casa como protexida para a preservar para a posteridade pola sua conexión con J.R.R. Tolkien. O mítico autor de O Señor dos Aneis viviu neste bárrio do norde de Oxford desde 1930 até 1947. Aí escrebeu O Hobbit, moitos dos seus relatos e artigos e práticamente toda a triloxía de Señor dos Aneis.
O edifício foi construído en 1924, ten oito dormitorios e non se reformou desde a estáncia do autor sudafricano. O millón seiscentas mil libras en que se vendeu só esta un pouco por embaixo do que Tolkien recibiu no seu dia polos direitos cinematográficos da triloxia.
[23:31 29/11/2004] Mel Gibson leva xa gañados 414 millóns de dólares (311 millóns de euros) co seu controvertido filme sobrenatural A Paixón, e estes benefícios van-se disparar coa comercialización das versións en vídeo e DVD, así coma a emisión en "pay per view".
[0:02 02/12/2004] Kevin Spacey confirmou nunha recente entrevista que está a considerar seriamente aceptar a proposta que os produtores do vindeiro filme Superman Returns lle realizaron para interpretar ao megafalcatruán Lex Luthor: "eles queren que o faga", dixo Spacey, "e todo é unha cuestión de axenda".
[0:02 02/12/2004] A Sony Pictures confirmou que tal e como vos adiantamos hai uns días en NOVA, Tom Hanks será o protagonista da versión cinematográfica de O Código Da Vinci. Hanks retomará a súa colaboración co director de Splash e Apolo 13, Ron Howard.
[0:41 04/12/2004] Chris Columbus dirixirá e producirá un filme protagonizado polo superheroe acuático da Marvel Comics Sub-Mariner para a Universal Pictures. O xerente dos estudos Marvel, Avi Arad será ún dos produtores. Columbus foi o director das dúas primeiras entregas da saga de Harry potter. Sub-Mariner está baseado no primeiro superheroe da Marvel, o príncipe Namor, un home médio anfíbio do reino de Atlantis, de humor mudable e problemático.
[0:41 04/12/2004] A actriz francesa Julie Delpy ven de poñer os ollos no cobizado papel de protagonista feminina do filme O Código Da Vinci, arestora de moda pola recente confirmación oficial de que Tom Hanks será o intérprete principal. A protagonista de Un lobishome americano en París afirmou que o papel ten que ser seu, porque "o persoaxe é francés, ten uns trinta anos e ten pelo vermello".
[0:42 04/12/2004] Os fans da série Expediente X ficaron horrorizados onte na entrega dos prémios British Independent Film perante a nova imaxe da que foi a súa protagonista Gillian Anderson, quen ademáis de lucir un novo peiteado de cór loiro, amosou un corpo enfermo, esquelético e case anoréxico. O desacougo apoderouse dos fans da actriz, de 36 anos, quen foi considerada un "sex symbol" no seu papel da axente Dana Scully na série Expediente X.
[23:49 24/11/2004] O escritor canadiano Robert J. Sawyer ven de gañar coa novela corta Identity Theft, e por segunda vez, o prémio da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC).
O gañador deste ano é xa un clásico deste prémio. Gañou a Mención do ano 1996, o primeiro prémio ex-aequo o ano seguinte (1997), o primeiro prémio en solitário en 1998 e ao ano seguinte, en 1999, foi o conferenciante convidado na cerimónia de entrega de ditos prémios.
A Mención Especial recaiu este ano e ex-aequo, nas obrass Siccus escrita por Miguel Luis Hoyuelos, de Arxentina e Las lunas invisibles do autor español Manuel Santos Varela.
Nesta décimocuarta edición selecionaron-se ademais obras de México, Arxentina, España e Bélxica, e no apartado de membros da UPC, a Mención recaiu en El ocio de los sanos de Santiago Egidi Arteaga, de España.
A novela gañadora vai sobre Marte, onde unha "transfer" (unha mente humana trasferida a un novo corpo fabricado con técnicas biolóxicas e robóticas, encarrega a un detective atopar ao seu home desaparecido. A nova tecnoloxia Transfer permite novos tipos de delictos, incluído o de roubo de persoalidades. É unha novela de detectives co clásico protagonista tipo Sam Spade, pero nun ambiente de ciéncia ficción.
[0:29 12/12/2004] Chégan-nos novas dunha aventura gráfica de boa fasquía, de xénero de terror pero en língua española. Podedes botar unha ollada ao proxecto aquí. Ademáis, agardamos pola aparición no mercado galego de The Moment of Silence, un xogo de aventura de espionaxe que se desenvolve no futuro 2044, baseado en pasaxes de 1984 de Orwell e 2001 de Kubrick. A súa páxina web está accesibel dende aquí.
[23:31 10/12/2004] Nicolas Cage seica está en todos os fregados, e agora queren metelo con calzador no papel de James Bond. Pero Cage riuse dos rumores e insitiu enque só un inglés pode interpretar ese papel. Cage admitiu que interepretar a 007 sería un soño, pero que ningún americano poderá facelo xamais. Pois non.
[21:39 09/12/2004] Os estudos de Hollywood New Line veñen de vetar calquera referenza a Deus e á igrexa (non especifican cal) na súa vindeira película His Dark Materials. O guión de Philip Pullman retrata á igrexa como unha institución que está a facer experimentos coa súa congregación para tentar borrar-lles o pecado orixinal. Pero seica este material relixioso aterrorizou aos xefazos da New Line, e o director Chris Weitz está de acordo en facer os cambios requeridos: "Expresáron-me o seu desacougo pola posibilidade de que o filme sexa percibido como antirelixioso", dixo. A verdade é que isto ten toda a fasquía de ser unha censura relixiosa que se nos dá noxo en Irán, pois nos Estados Unidos tamén, ou máis.
[21:39 09/12/2004] John Hurt, o actor famoso por ser o pobre desgrazado ao que o álien lle saía do peito no filme Alien de 1979, foi nomeado Comandante da Orde do Império Británico (CBE, o que non equivale a "Sir" por moito que rabeen por isto os fans de "sir" Paco), nunha cerimónia celebrada no pazo de Buckingham en Londres o pasado 9 de decembro.
[21:39 09/12/2004] Agora que a Pixar tomou a decisión de adiar a estrea do seu vindeiro filme de animación Cars até o verán de 2006, a DreamWorks aproveitou para anunciar que a terceira entrega da saga de Shrek terá que agardar até maio de 2007. Ademáis, o lanzamento en DVD da secuela de Shrek 2, Puss N Boots, será adiado até até 2008.
[2:47 12/12/2004] Mañán luns 13 proxectará-se no Cineclube Lumière de Vigo o clásico da CF de Robert Wise Ultimátum á Terra ("The Day the Earyh stood still"). Baseada nun relato de Harry Bates, o filme narra a acción dunha comisión extra-terrestre que chega á Terra para amosar o seu desacordo coas probas nucleares que se están a facer no planeta. A advertencia é clara: se a Terra non cesa cos experimentos espaciais e atómicos, serán atacados polas forzas interplanetárias. Ás 20:30 no Auditório do Concello.
[1:10 27/11/2004] O director americano Brian Yuzna comezou a rodaxe en Madrid (España) de Beneath Still Waters, última producción da Fantastic Factory, a factoría de cinema fantástico do grupo Filmax.
O filme estará protagonizado por Raquel Meroño e Michael McKell, ademais de contar coa colaboración de Josep María Pou e Manuel Manquiña.
O filme, que se rodará en Madrid, narra como hai corenta anos un mal de orixe sobrenatural infectou a vila de Marinbad e ás suas xentes. As autoridades do lugar construen daquela un encoro que selará o terror baixo as augas. Non embargantes, várias desaparicións e mortes en circunstáncias misteriosas asolan Debaria, a aldea creada xunto ao lago artificial que cobre Marinbad. O mal que aterrorizou á vila mergullada ameaza de novo.
[1:10 27/11/2004] Desde que Titanic arrasara nos despachos de billetes de todo o mundo e acadara doce prémios Oscar pasaron seis anos, durante os que o seu director James Cameron mantivo-se afastado do mundo cinematográfico, realizando tan só algun filme específico para as salas IMAX como Mistérios do Titanic e a ainda non estreada Aliens of the Deep.
Pois seica ese afastamento chegou ao seu fin, xa que o próprio Cameron declarou a unha rádio americana que se atopa na preprodución de Battle Angel, un proxecto que se basea no popular manga Battle Angel Alita, unha post-apocalíptica história sobre unha xove robot que loita por atopar a sua humanidade.
"É algo no que traballei durante anos... será un grande filme de ciéncia ficción", adiantou Cameron sobre o seu próximo filme, onde a acción real será complementada cos xa indispensabeis efeitos CGI e ademais utilizará a técnica 3D que desenvolveu a equipa de Cameron para os seus documentais destinados ás pantallas IMAX.
[23:25 13/12/2004] Sheldon Turner escribirá o guión de Magneto, un filme secuela baseado no persoaxe de Ian McKellen en X-Men. Este proxecto será a segunda secuela da popular saga mutante, após de que Lobeto acadara unha película de seu. Ademáis, os estudos están a producir tamén X-Men 3.
[23:25 13/12/2004] A compañía de Sandra Schulberg, Phobos Entertainment, ven de mercar todos os dereitos sobre o clásico da ciéncia ficción de Ursula K. Le Guin A Man esquerda da Escuridade, unha novela xa traducida a case todas as línguas do mundo agás o galego. Publicada por primeira vez en 1969, está ambientada en Inverno, un planeta perdido cuxos habitantes desafían os estándares habituais nos roles dos xéneros, mesmo físicamente. Os plans de Schulberg pasan por facer unha película e mais un videoxogo.
[4:29 08/12/2004] Os Incribles, a história da Pixar Animation sobre unha família de superheroes que loitan contra supermalvados e a vida nas afóras da cidade, acadou o primeiro posto na listaxe de nominados para os Prémios Annie (os Óscar da animación) que se fallarán o vindeiro mes.
Os Incribles conseguiron 16 nominacións, mentres que Shrek 2 e O Espantatiburóns, da DreamWorks, recebiron sete cadansúa, segundo o anúncio que fixo público o lúns pasado a International Animated Film Society, organismo que apresentará a 32ª gala anual dos prémios o vindeiro 30 de xaneiro en Glendale (Califórnia).
As nominacións para Os Incribles inclúen as de millor filme, millor dirección, millor música e millor actuación de dobraxe pola voz de Samuel L. Jackson (quen interpreta a Frozone). Os outros nominados para millor película son Shrek 2, O Espantatiburóns, Ghost In The Shell 2: Innocence e The SpongeBob SquarePants Movie.
Os nominados para millor produción de debuxos animados en televisión son SpongeBob SquarePants, My Life As A Teenage Robot, Foster's Home for Imaginary Friends, Star Wars: The Clone Wars e Batman.
[23:28 29/11/2004] O cineasta George Lucas quere que a súa primeira secuela da Guerra das Galáxias sexa vetada, porque está moi disgustado coa súa falla de calidade. O "Especial de vacacións" de dúas horas de duración foi emitido orixinalmente pola CBS en 1978 e narra a história da viaxe de volta a casa de Chewbacca para celebrar o "Día da Vida" coa súa família. No decurso do filme, agora denostado por Lucas, a fermosa princesa Leia (Carrie Fisher) chora ao escoitar unha canzón, feito do que son testemuñas Han Solo e Luke Skywalker.
Un colaborador do sítio web da Guerra das Galáxias comenta que "O especial de Vacacións foi sempre a ovella negra na família da Guerra das Galáxias". Pola súa banda, unha fonte de LucasFilm que non quixo ser identificada díxo-nos que "O Especial de vacacións foi a meirande cagada xamáis feita. Evidentemente, a Forza non acompañaba ao señor Lucas o día que naceu esa peste".
[4:27 08/12/2004] O actor Orlando Bloom (Legolas en O Señor dos Aneis) ven de se converter ao budismo nunha cerimónia dunha hora de duración celebrada en Inglaterra. Bloom uniu-se asemade a outros 60 novos adeptos desta relixión nun ritual na sede do Movemento Budista Internacional Soka Gakkai en Taplow Court Mansion en Maidenhead, Inglaterra. O actor, quen detesta a publicidade e adoita ser moi tímido nas entrevistas, visitou o centro para recebir o seu "Gohonzon" de mans do director Ricky Barnes.
[23:25 13/12/2004] A revista "Asimov Ciencia Ficción", que ven sendo editada en língua española dende hai un par de anos, está en franca crise. Ediciones Robel ven de sacar un comunicado onde anúncia que haberá cambios importantes na revista. Por unha banda, pasará de mensual a bimestral, terá 300 páxinas en lugar das 196 actuais, e o prezo sube de 5,95 a 10 euros. A revista orixinal ("Asimov Ciencia Ficción" é a versión en española de "Asimov’s Science Fiction") tamén sufrirá cambios. Gardner Dozois, o seu director durante os últimos 18 anos, pasará ao retiro para deixar paso a Sheila Williams.
[0:13 15/12/2004] O actor canadiano Shawn Ashmore, de 25 anos e coñecido por dar vida a Iceman na saga cinematográfica da Patrulla X, podería ser ún dos candidatos para interpretar a Jimmy Olsen na vindeira película de Superman. Agora que o director da saga mutante tomou o mando de Superman Returns, as súas oportunidades aumentan.
[4:29 08/12/2004] O protagonista da segunda parte da saga de Venres 13, Warrington Gillette II, ven de rematar o guión dun filme de terror baseado na súa propia vida, no que narra a extraña reacción da súa madrastra pola misteriosa morte de seu pai. Gillette II está ainda destrozado polas circunstáncias nas que aconteceu a morte de seu pai, F. Warrington Gillet Jr. o 13 de maio de 2002, pero ainda máis polo comportamento da súa madrastra, Elesabeth Ingalls Gillet após desa morte.
Así pois, decediu-se a rodar Bloody Special, para tentar vingar a decisión que tomou naquel intre Elesabeth de marchar nun cruceiro polo Mediterráneo co seu novo mozo, o vendedor de roupa cubano Andy Avello en canto rematou o funeral. Elesabeth insiste non embergantes en que o filme de Gillette II só é un intento sen gusto de facer cartos. Gillette II, quen interpretou ao maléfico asasino tolo Jason na segunda entrega da popular saga de terror explicou o seu guión nunha entrevista: "Agora o fillo descobriu para o seu asombro que non hai lápida na tumba de seu pai. Que herdeiro en Palm Beach esquecería unha lápida?".
Gillette II, de 44 anos, comezou a escribir unha película sobre a súa vida a instáncias do seu amigo e produtor Larry Spangler, quen dixo que "cando seu pai morreu, a min semellou-me moi sospeitoso. El falou con seu pai todos os días durante vinte anos, pero [Elesabeth] non lle deixou entrar na casa após da morte". Elesabeth rexeita as acusacións de que tivera unha aventura con Avello, quen por certo está agora mesmo a piques de morrer, e insiste en que ese amor non floreceu até seis meses despóis da morte de seu home. Hai dous anos Warrington fixera un intento para desenterrar a seu pai para que os forenses o investigaran, pero dixo que se botou para atrás porque recebiu ameazas de morte.
[22:52 16/12/2004] A protagonista de O Señor dos Aneis Liv Tyler deu a luz a un neno o pasado 14 de decembro en New York. O bebé, de 3,6 quilos, naceu ás 4:11 da madrugada. Tanto o pai de Tyler, o cantante de Aerosmith Steven Tyler e mais o seu home Royston Langdon, cantante de Spacehog, estiveron presentes no hospital.
[22:40 16/12/2004] O escritor americano Orson Scott Card, responsábel da saga de Ender, unha das obras mais aclamadas da ciéncia-ficción das últimas tres décadas, encarregará-se do guión da minisérie dos cómics Ultimate Iron Man, que explorará o personaxe que apareceu por primeira vez en Os Vingadores. O debuxo estará a cárrego de Andy Kubert (Wolverine: Origins).
[23:32 10/12/2004] A película sulcoreana Old Boy, de Park Chan-Wook, foi a grande triunfadora do 37º Festival de Cinema de Sitges ao acadar os prémios ao millor filme e o da crítica internacional. Os tres filmes españois en competición, O maquinista, The Birthday e O habitante incerto, aparecen tamén no palmarés.
Unha producción da Fantastic Factory (a produtora da Filmax) dirixida en Barcelona polo americano Brad Anderson levou-se os prémios á mellor fotografía e ao millor actor, un extraordinário Christian Bale, que perdeu 30 quilos para interpretar a un obreiro dunha fábrica de pezas industriais que sofre de constantes halucinacións. Eugenio Olla logra o prémio á millor dirección artística coa sua ópera prima, The Birthday, a recriazón dun decadente e luxoso hotel en cuxo interior transcorre, en tempo real, a acción do filme. E O habitante incerto, outra ópera prima que asina o catalán Guillem Morales, obtivo o prémio á millor actriz, Mónica López, que interpreta un dobre personaxe, arrebatándollo a Nicole Kidman, a grande favorita por The Birthday.
O filme Old Boy, dirixido polo coreano Park Chan-Wook, que se estreará en España o vindeiro 21 de xaneiro de 2005, está protagonizado por Choi Min-Sik, Woo Ji-Tae e Gang Hye-Jung. Este filme, que ven a confirmar o excelente momento que atravesa o cinema coreano, dende que se apresentou en maio en Cannes foi sementando galardons por todos os recunchos do mundo. Trata-se dunha história dura e claustrofóbica ao redor dun home, pai de família, que un dia é secuestrado e que se pasa 15 anos pechado nun minúsculo habitáculo, sen que nunca poda entrar en contacto cos seus captores. Ao cabo deste tempo é liberado sen que nunca saiba exactamente o que lle aconteceu. Será entón cando busque axustar contas con quen lle secuestrou. Segunda longametraxe de Park Chan-wook, que fala dunha vinganza narrada con elementos próprios do cinema de terror. Desde o dia que se proxectou en Sitges se converteu na grande favorita ao ser unha producción que abre novos camiños, tanto argumentais como estéticos, ao terror fantástico.
O honconés Johnnie To gañou o prémio ao millor director por Breaking News, un trepidante thriller que combina violenza e humor.
[22:52 16/12/2004] Michael Crichton, o escritor responsábel de clásicos coma Parque Xurásico ou A ameaza de Andrómeda, se cadra animado polo recente triunfo electoral dos ultraconservadores americanos, ven de facer unhas declaracións nas que remata por dicir que o fenómeno do quecemento global non é auténtico e que só está sostido polos políticos. Na súa última novela, os malos son unha banda de ecoloxistas terroristas.
[3:00 12/12/2004] Do luns 27 ao mércores 29 de decembro ás 20:30 no Auditório do Concello de Vigo proxectará-se un ciclo adicado ao monstro de Frankenstein segundo o director inglés Terence Fisher.
O filme que se proxectará o luns 27 será Frankenstein and the Monster from Hell ("Frankenstein e o monstro do inferno"), un filme de 1973 no que o barón Víctor Frankenstein segue a experimentar coa vida despois da morte. Nun sanatório mental e baixo o nome de Dr. Carl Victor, o barón recruta ao doutor Simón Helder para facer un dos seus escuros experimentos científicos. A extraña equipa completa-se coa axuda da fermosa Sarah. O monstro é dotado con novos ollos, as mans dun artesán e o cerebro dun brillante profesor morto por suicídio. O atormentado monstro parece, inicialmente, responder ás expectativas, pero a violenta personalidade do seu corpo acaba por se impoñer.
O martes 28 poderemos ver Frankenstein must be destroyed ("O cerebro de Frankenstein", 1969). A obsesión do doutor Frankenstein por crear vida a partir de seres mortos lévao até o estremo da loucura e do asasinato. Cando se decata de que un doutor, experto en transplantes de cerebro, é confinado nun hospital psiquiátrico, decide facerse cos segredos da súa mente e planea secuestra-lo. Na fuxida, o doutor é ferido de morte. Frankenstein necesita salvar o seu cerebro. O único xeito é implanta-lo nun corpo mozo. A vítima elixida é o profesor Richter, do psiquiátrico. Pero el non está só no macabro experimento.
Finalmente, o mércores 29 de decembro veremos The curse of Frankenstein ("A maldizón de Frankenstein", de 1957). Sentenciado á forca polos seus experimentos de laboratório, o doutor Frankenstein confésa-se cun sacerdote. Tempo atrás realizara un proxecto co obxectivo de crear un ser perfecto partindo de órganos mortos. Unha vez concluído o traballo, a criatura foi dotada de vida mediante unha descarga eléctrica, pero os resultados obtidos resultaron moi distintos aos que el agardaba.
Todas as películas emitirán-se en versión orixinal con subtítulos en español. Tedes máis información sobre este acontecemento na páxina web do cineclube Lumière.
[1:23 18/12/2004] TVE 1 emitirá a terceira temporada de Smallville. Esta tempada comeza a se emitir este luns ás 10 da noite a través da primera cadea da televisión estatal. O problema é que a série de Ana Obregón vai regresar en febreiro, polo que é moi probable que TVE decida non continuar coa emisión dos capítulos.
[1:23 18/12/2004] Ursula K. Le Guin seica non está moi satisfeita da adaptación que SCI FI Channel está a facer da súa saga de Terramar, e chegou dicir que a canle de ciéncia ficción está a destrozar os seus libros. O certo é que esa série está a ser todo un bombazo de audiéncia nos Estados Unidos arestora, e é que quen non se conforma é porque non quere.
[0:59 21/12/2004] A listaxe de nominados para o Oscar aos millores efectos especiais está composta por sete candidaturas, que inclúen a Spiderman 2, Unha série de catastróficas desdichas de Lemony Snicket, Harry Potter e o Prisioneiro de Azkaban, O día despóis de mañán, Eu, Robot, Sky Captain e o Mundo do Mañán e The Aviator. Ainda desta lista han caer-se catro e só tres delas serán as finalistas para a cerimónia do vindeiro 27 de febreiro de 2005.
[0:12 15/12/2004] Mália o fracaso do seu último traballo estreado, a fita de zombies House of the dead, Uwe Boll está que non para. Por unha banda, a súa última longametraxe Alone in the dark (adaptación do popular videoxogo con Christian Slater no papel do detective Edward Carnby) ven de interesar á Lions Gate Films, que planea estrear este filme o vindeiro 28 de xaneiro.
O realizador alemán está a dar os derradeiros toques á producción BloodRayne, unha história de vampiros ambientada en Roménia no século XVIII e tamén inspirada na saga de xogos do mesmo nome. No reparto desta longametraxe atopamos a Kristanna Loken (Terminator 3), Ben Kingsley (Suspect zero) e Michelle Rodriguez (Resident evil).
E é que Boll descobriu o filón que supoñen as películas baseadas en videojuegos: por unha banda son ideias cuxo funcionamento xa foi comprobado, e por outro millóns de seguidores que esperan ansiosos ver no cinema aos seus personaxes favoritos. De feito, atópa-se tamén inmerso na recreación cinematográfica do título de Xbox Hunter: The Reckoning (á súa vez versión para videoconsolas do mundo de fantasía gótica creado para o rol por White Wolf), thriller a rodar en Canadá. Este proxecto podería estar listo en 2006, ao igual que o seu último propósito coñecido: a adaptación do videoxogo Far cry.
[0:59 21/12/2004] Por mor dunha resolución xudicial que lle obriga a pagar 15 millóns de dólares, o creador de Spawn Todd McFarlane ven de cair na bancarrota. Un xurado de Sant Louis dixo que o ex-xogador da NHL (Liga de hóquei sobre xelo) Tony Twist ten dereito á súa reclamación desa cantidade porque seica McFarlane aproveitou-se do nome de Twist sen permiso, usándoo como nome dun xefe da Máfia nos cómics.
[0:22 23/12/2004] A coprotagonista do filme de vampiros Blade: Trinity, Natasha Lyonne, foi arrestada na súa casa de New York City o pasado 17 de decembro após de entrar na casa do seu veciño e aterrorizar ao seu canciño. Segundo din, a xove actriz (25 anos) entrou ás once da noite no apartamento dos seus veciños berrando e rachando un espello, e logo ameazando ao can. Hai algúns que seica se toman moi en sério iso de ser vampiros...
[16:56 18/12/2004] Ignacio Agulló, coordinador do proxecto que como ben sabedes os leitores de NOVA fantasia, está a procurar que Vigo se convirta na sede da primeira IberCon, ven de enviar-nos unha mensaxe que constitúe unha auténtica primícia mundial: o Colectivo Nemo de Fantasía e Ciencia-Ficción, asociación cultural sen ánimo de lucro, vai organizar na cidade de Vigo a I IberCon da história.
No pasado mes de novembro, a Asociación Española de Fantasía, Ciencia-Ficción e Terror (AEFCFT) aprobóu a proposta de encargar ao Colectivo Nemo a organización da HispaCon (Convención española do xénero fantástico) do ano 2005. No mesmo mes, a Asociación Portuguesa de Fantasía e Ficción Científica Simetria fixo outro tanto respeito da organización dos Encontros de Fantasia e Ficção Científica. O Colectivo Nemo vai organizar conxuntamente os dous encontros, no que vai ser a primeira convención ibérica do xénero fantástico. O nome do evento é IberCon.
Durante as últimas semanas o Colectivo Nemo procuróu un local axeitado para a organización destas xornadas en Vigo ou Pontevedra, e despois de considerar as posibilidades e falar cos centros culturais dispoñibles, xa hai lugar e data para a celebración do evento.
O lugar vai ser o Centro Cultural CaixaNova en Vigo. Concretamente, os actos da IberCon van-se celebrar no Auditório, de 480 prazas, e na Sala de Conferéncias, de 180 prazas e dotada de instalación para a interpretación simultánea. O Centro Cultural Caixanova é o centro cultural de máis solera e prestixio de Vigo, situado no mesmo centro da cidade. As datas de celebración van ser do 28 de outubro ao 1 de novembro de 2005.
Para realizar este proxecto, o Colectivo Nemo conta coa colaboración dun grupo de asociacións, grupo que vaise procurar que medre. A Asociación Galega de Ciencia-Ficción (AGASF) e Novos Segreis forman parte do proxecto como entidades colaboradoras e as asociacións AEFCFT e Simetria xa están colaborando. O proxecto xa foi presentado ao Cine-Clube Lumière de Vigo e está aberto a súa colaboración.
O equipo organizador quere recoñecer que, aínda que o final non fora a escollida, a opción de celebrar o evento no Pazo da Cultura de Pontevedra fora igoalmente boa, e o Cine-Clube Pontevedra amosóu a súa disposición para colaborar no caso de que o evento se celebrara na vila do Lérez.
[22:39 16/12/2004] Os nosos fillos desapareceron ou están mortos, as colleitas deste ano queimaron-se, a terra antes protectora e cálida volveu-se erma e fría... Este triste panorama é o que ten que afrontar Ogma, o druida aventureiro que debe internar-se no misterioso Templo situado en meio do bosque. É o início dun xogo que se distribuirá en formato CD-ROM e que está programado para ordenadores.
Breogán e a súa lenda entrou no mundo da alta tecnoloxía da man dos xogos de ordenador. Baixo o título de El Templo, a empresa viguesa Interacción desenvolveu durante os últimos cinco anos o primeiro videoxogo celta feito en Galiza. Segundo Jaime Arregui, director comercial e un dos sócios da compañía, este é o primeiro videoxogo feito en Galiza que ten ao mundo dos druidas como referenza.
A sala Capitol de Santiago acolleu hoxe a festa de apresentación en sociedade do videoxogo, coa actuación de Doa, unha das bandas celtas mais importantes da música galega. A presenza deste grupo débe-se a que foi quen puxo a música no videoxogo, extraída do seu último disco, Arboretum.
Todo este esforzo creador fora xa galardoado cun prémio Mestre Mateo á millor producción multimédia e con outro prémio Eganet.
[17:19 26/12/2004] Roland Emmerich, o realizador de O día despóis e Godzilla, presidirá o xurado da Berlinale. O director alemán presidirá o xurado do Festival de Cinema de Berlín, a Berlinale, que abrirá o filme Man to Man, de Régis Wargnier. Emmerich, afincado en Hollywood, encabezará o xurado encarregado de repartir os Ursos do festival, segundo anunciaron fontes do certame.
[0:22 23/12/2004] O último libro da saga de aventuras do aprendiz de meigo Harry Potter xa encabeza as listaxes de vendas no popular sítio de Internet Amazon.com, un día despóis de que se anunciara a súa data de lanzamento, o vindeiro 16 de xullo. En tan só unhas horas desde que aparecese á venda nas páxinas inglesa e americana de Amazon, Harry Potter e o príncipe mestizo situou-se á cabeza da listaxe de vendas, desbancando a bestsellers coma O código Da Vinci.
[19:57 19/12/2004] A TVG estreará este nadal na televisión en aberto o primeiro filme da saga de Harry Potter, titulada A pedra filosofal. A cadea autonómica programou para o dia de Reis este filme que inaugurou as adaptacións cinematográficas do personaxe infantil da escritora J.K.Rowling, gañadora do prémio Príncipe de Astúrias da Concordia 2003.
O filme está protagonizado por Daniel Radcliffe, quen encarna a Harry Potter, e arrinca no momento en que este neno con superpoderes, que vive cos seus tios, recebe un convite para se converter en alumno da escola Hogwarts de máxia e bruxería. Alá vive grandes aventuras e coñece aos seus amigos Ron Weasley e Hermione Granger.
A Televisión de Galiza tamén prepara a reemisión doutros títulos de cinema fantástica infanto-xuvenil para este nadal, coma 20.000 légoas de viaxe submariña, A meiga novata, Star Kid, Space Jam e Os Gremlins.
[21:49 27/12/2004] Shrek II foi a película que máis recadou en España en 2004, con trinta millóns de euros até o pasado día 15, segundo informou o Ministério de Cultura. A listaxe ten moitos máis filmes de xénero, e a seguinte é Troia, que fica con vinte millóns de euros. Após de Mar adentro seguen O derradeiro samurai, Harry Potter e o prisioneiro de Azkaban, Spiderman II, Eu, Robot, O día de mañán, O Señor dos aneis: o Retorno do Rei e A Paixón.
[21:49 27/12/2004] O filme Alone in the Dark, protagonizado por Christian Slater e Tara Reid, está próximo a se presentar nos cinemas americanos. A data prevista de estrea é o 28 de xaneiro de 2005.
[21:49 27/12/2004] Do 27 ao 28 de decembro van-se celebrar no centro cultural de Bembrive (Vigo) as sextas Xornadas de Manga e Anime. Haberá cinema, talleres, exposicións, karaoke, un concurso de videoxogos e moitísimas actividades máis.
[21:49 27/12/2004] Mondoñedo e Ferrol celebrarán xuntos durante todo o ano 2005 o cincuentenario de Merlín e familia, ese libro imprescindible co que Álvaro Cunqueiro fixo, dende o Mondoñedo dos anos cincuenta, un impagábel regalo á literatura universal. O director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, adiantou onte que a editorial está a preparar unha exposición itinerante non só sobre o libro, senón tamén sobre todo canto rodeou o nacemento de Cunqueiro.
[21:49 27/12/2004] Peter Pan cumpre hoxe cen anos. A obra de teatro de James Matthew Barrie apareceu nos carteis o 27 de decembro de 1904 en Londres, narrando a viaxe da pequena Wendy e os seus dous irmáns ao País de Nunca Xamáis. Peter Pan estreou-se no teatro Duque de York, de Londres. Barrie creara a Peter Pan a partir dos contos que se inventaba para divertir aos fillos da sua amiga Sylvia Llewelyn Davies.
[2:33 30/12/2004] Segundo informan fontes da produtora Filmax, o filme Darkness, do director Jaume Balagueró, estreou-se con éxito nos Estados Unidos, onde nos seus dous primeiros días de exhibición recadou seis millóns e médio de dólares, situándose na sexta posición do ránking americano. Haberá que agardar a que saian os dados oficiais para acreditar nesta boa nova, que podería ser unha "inocentada".
[2:33 30/12/2004] A banda sonora do Episódio III da Guerra das Galáxias fará a súa aparición, coma é habitual, uns días antes da estrea oficial do filme, e neste caso haberá que agardar até o día 3 de maio de 2005 para escoitar a música da derradeira película da saga, que se estreará o 19 do mesmo mes.
[3:09 29/12/2004] Hoxe, mércores 29 de decembro, a Tertúlia viguesa do xénero fantástico estrea novo local. A partir de hoxe a tertúlia pasa a se celebrar os mércores, na hora acostumada das 21:30. O novo lugar é o Café Golem, situado na rúa Irmandiños número 2. A Tertúlia Viguesa ou TerVi está a piques de cumprir os cinco anos de existéncia, e o Café Golem é xa a súa terceira sede.
[23:37 04/01/2005] O actor que interpreta ao robot R2-D2 en A Guerra das galáxias, Kenny Baker, terá que afrontar cargos por conducir bébedo o seu Mercedes Maroon en Lancashire, Inglaterra, o pasado 17 de decembro. Na súa defensa alega que o test de alcoolémia deulle positivo porque padece de asma. Baker, de 70 anos, é o actor anano que deu vida ao simpático robot R2-D2 no filme orixinal de 1977 e foi encerrado durante dúas horas mália que asegura que só bebeu "un vaso de viño".
[20:54 03/01/2005] Din que o actor Michael Keaton está desesperado por facer voltar á vida aos mortos na secuela da comédia de 1988 Beetlejuice ("Bitelchús"). O protagonista de Batman desexa volver a interpretar ao malvado gul inimigo de Alec Baldwin e Geena Davis e quere facer unha segunda parte do filme de culto de Tim Burton: "É unha película que gostaría facer outra vez. Realmente gostaría facer outro "Beetlejuice" porque é cen por cento orixinal, con xente moito talento implicada. Todo o mundo esquece o bó que foi o reparto. O truco para facelo de novo é non ensinalo de máis", dixo Keaton.
[1:04 31/12/2004] A esclerose múltiple ven de roubar a voz ao actor cómico Richard Pryor. Coñecido entre os fans sobre todo polo seu papel en Superman III, xa sofría desta enfermidade dende 1986, pero non deixou de actuar até 1997. Agora, nunha entrevista na tele, a súa irmá Jennifer revelou que Pryor, de 64 anos, xa non pode falar. Jennifer tamén dixo que o cómico, que apareceu canda ela, tentou suicidar-se en 1981, cando todo o mundo coidaba que fora un accidente.
[18:16 06/01/2005] A película Os Incribles foi a sorpresa do mércores na xuntanza da Asociación de Produtores dos Estados Unidos cando anunciaron as súas candidaturas á millor película do ano, ao ficar seleccionada entre as candidatas. É a primeira vez que unha película de debuxos animados acada a honra de ser nominada entre outras que non-o son para este tipo de prémio. Tanto estes prémios coma os Oscars teñen unha categoría separada para películas de debuxos. Os Incribles levan xa recadados máis de 250 millóns de dólares nos Estados Unidos e Canadá.
[20:48 05/01/2005] A raíña Amidala da Guerra das Galáxias e agora nominada para os Globos de Ouro, Natalie Portman, está a manter conversas para protagonizar V for Vendetta, a adaptación que a Warner Bros. está a realizar da novela gráfica de Alan Moore, ún dos clásicos do cómic de todos os tempos. Os irmáns Wachowski (Matrix) están tamén en negociacións para encargar-se da dirección e da produción deste filme, que ten lugar nun futuro alternativo onde Alemaña gañou a Segunda Guerra Mundial e Gran Bretaña é un Estado feixista.
[19:58 19/12/2004] Os ladróns grises que rouban o tempo á penas deixaron a Momo asomar-se aos escenários da literatura durante o 2004 que remata, e iso que a famosa obra de Michael Ende (1929-1995) cumpría trinta anos desde a sua publicazón. Outro dos seus mellores libros, A história interminábel, tamén cumpre un cuarto de século. Mentres Alemaña celebra estes aniversarios e os 75 anos do nacemento do autor, en Galiza a editorial Obradoiro publica un libro con tres contos seus, como Tranquila Tragaleguas e outros contos. A ilustradora Ana Juan (Valéncia, 1961), autora dun excelente álbum sobre Frida Kahlo, debuxa esta história de Ende, protagonizada por un vello elefante, Filemón o Engurrado, a tartaruga Tranquila Tragaleguas e o rinoceronte Norberto Calugagorda.
Estes son contos que Ende escribiu cando, tras a morte da sua primeira muller, volveu a Munich en 1985; alá casaría coa tradutora das suas obras ao xaponés. Desde ese momento adicou-se aos relatos curtos, na sua maioria infantís, de menor calidade que as suas obras anteriores, segundo afirma Luis Daniel González, perito en literatura infantil, nun traballo publicado en Aceprensa.
Tareixa Alonso (Pontevedra, 1955) é a autora da adaptación do clásico conto de Hans Christian Andersen Soldadiño de chumbo, que publica Kalandraka ilustrado por Antonio García Caíña (Carballiño, 1970). O mesmo selo reeditou Artefactos ou paseante anónimo atopa un libro, un volume que recibiu o prémio nacional ao mellor libro editado durante o ano pasado e do que son autores José Antonio Portillo e Carmen Puchol.
[0:33 22/12/2004] A escritora británica J.K. Rowling acabou a sua sexta entrega de Harry Potter, un anuncio que tiña reservado para os seus seguidores o día de Nadal, pero que adiantou no seu web.
Rowling dixo na súa mensaxe que tivo moito tempo libre ao estar preñada "para axustar o manuscrito á miña satisfación e estou mais feliz ca nunca co resultado".
A editorial Scholastic anunciou para o 16 de xullo a data de publicazón de Harry Potter and the Half-blood prince: "Sei que esperabades este anúncio para o día de Nadal. Pero estaba segura de que aqueles que celebrades o Nadal teredes cousas millores que facer nese día que entrar no meu estudo, mentres que os que non celebrades o Nadal seguramente prefeririades non agardar até o 25".
Rowling revelara xa que o sexto libro traerá a morte dun dos protagonistas, pero non deu pistas de quen é o "defunto".
[22:22 08/01/2005] Directo dende o plató onde se vai rodar Superman: Kevin Spacey ven de pechar o seu contrato para intervir no filme no papel de Lex Luthor. Ademáis, Kate Bosworth está por se converter en Lois Lane, segundo informan os nosos reporteiros millor enteirados.
[18:16 06/01/2005] Os actores Harrison Ford, Carrie Fisher, Natalie Portman e Ewan McGregor axuntáron-se con outros protagonistas das seis películas da saga da Guerra das Galáxias para se faceren unha foto para a revista Vanity Fair. A revista americana xuntou a 22 protagonistas da lendária saga, invitando a membros do reparto das seis películas. O director George Lucas tamén estivo presente, así coma Mark Hamill, Samuel L. Jackson, Liam Neeson e Hayden Christensen. Lucas admitiu que o remate do sexto filme marcará o fin dunha era na súa carreira e que agora planea deixar de facer filmes de éxito: "Vou facer películas que ninguén queira ver. Gañeime o dereito a enganarme".
[0:28 09/01/2005] A película que emitiu a TVG o día de Reis, Harry Potter e a pedra filosofal, foi vista por 290.000 persoas, o que a converteu na película máis vista na história da canle autonómica, segundo os datos emitidos por ela mesma. A segunda neste particular "ranking" segue a ser Parque xurásico, pero ainda así, a TVG non ten previsto emitir máis cinema fantástico, e seguir repetindo especiais dos Monechos unha e outra vez.
[10/01/2005 23:50:45] O escritor barcelonés Pedro Zarraluki gañou anoite o LXI Prémio Nadal de Novela con Un encargo difícil. O interesante para nós é que unha novela de ciéncia ficción foi a finalista: o madrileño Nicolás Casariego foi o finalista do Nadal 2005 coa futurista Cazadores de luz, unha obra de intriga e de amor que recria unha sociedade futura na que triunfou o visual sobre a palabra.
[10/01/2005 23:50:47] O filme de Mel Gibson A Paixón de Cristo gañou o prémio ao drama favorito na 31ª edición dos People's Choice Awards (os prémios do público) o pasado 9 de xaneiro. Gibson dixo á audiéncia en Pasadena, Califórnia, que o prémio sinificaba moito para el moito máis desta volta que nunca antes. Pola súa banda, Shrek 2 gañou os prémios á millor comédia, millor secuela, e millor filme de debuxos animados. O persoaxe do burro nesta película foi nomeado Persoaxe Favorito e a Fada madriña gañou o de Vilán Favorito.
[1:12 09/01/2005] Segundo din, a Paramount ven de arquivar o proxecto de facer unha película precuela para a saga de Star Trek que ía producir Rick Berman. Din que a Paramount quere que a ideia sexa "retraballada" porque "non están contentos coa dirección que levaba a história". A máis recente producción trekkie, Star Trek: Nemesis, foi un fracaso nos despachos de billetes nos Estados Unidos, e a Paramount non quere volver a se estrellar coa franquícia.
[10/01/2005 23:50:43] Michael Moorcock enviou o que será a derradeira novela do personaxe de Elric ao seu editor nos Estados Unidos. A novela levará o título de The White Wolf's Son: The Albino in the Middle March. Este será o derradeiro romance de Elric "Porque é moi dificil seguir producindo novelas de fantasia que sexan respectuosas coas esperanzas dos leitores e que ademais sexan orixinais", dixo Moorcock.
A IberCon continúa
Agradecemento de George R.R. Martin
Nova adaptación ao cinema de Philip K. Dick
Aventuras no tempo
Adaptación ao cinema de A Fundación
Gañador do Prémio Alberto Magno 2004
O regreso de Toy Story
Máis posesións infernais
V for Vendetta en versión Wachowski
Bush-Bradbury: os favores págan-se?
Weaver volve ao espazo
Medos en Misión Imposíbel III
Protexida a casa de Tolkien
Robert J. Sawyer gaña outra vez o UPC
Comeza a rodaxe de Beneath still waters
James Cameron volta á ciéncia ficción
Os Incribles, nominados
Lucas quere prohibir a Guerra das Galáxias
Venres 13 II: Terror ou realidade?
Old Boy triunfa en Sitges
Frankenstein en Vigo
O filón dos videoxogos
Vigo será a sede da primeira IberCon da história!
Presentado El Templo
A TVG estreará "Harry Potter e a pedra filosofal"
Publicados en galego os contos de Michael Ende
Rematado o sexto libro de Harry Potter