Segundo veñen de informar os nosos compañeiros do portal Vieiros, o cinema galego será protagonista na vindeira edición do Festival Internacional de Cinema Fantástico de Porto, que se desenvolverá na cidade portuguesa entre o 16 de febreiro e o 1 de marzo. En edicións pasadas algunhas cinematografías convidadas foran as da Índia, Dinamarca, Bélxica, España, Hungría, Canadá, Austria, Xapón ou Holanda. Todas cunha traxectoria e un peso importantes. Neste ano o cinema galego levará a Portugal unha salientábel representación, na que xa está confirmada a proxección de O Bosque Animado, Onyria ou Un Franco, 14 Pesetas, que recebiu o grande prémio da Semana dos Realizadores de Fantasporto 2007.
No tocante ao resto da programación, os contactos realizados durante o Festival de Cannes 2008 permitirán ver en Porto algúns dos filmes máis salientábeis do ano, coma Delta do húngaro Kornél Mundruczó, que obtivo o prémio da crítica no festival francés. Tamén haberá un espazo para o cinema de Corea do Sul, coa presenza de Hansel & Gretel de Yim Phil-Sung e The Chaser de Na Hong-Jin, que veñen de ser premiados no mais importante festival de cinema fantástico sulcoreano.
No festival realizará-se-lle unha homenaxe a José Fonseca e Costa, nome grande do cinema novo portugués que axudou a fundar con O Recado en 1972. A maior parte dos filmes do cineasta de orixe angolana están centrados na comédia de costumes, de que son exemplos Kilas, O Mau da Fita, Sem Sombra de Pecado e Viuva Rica Solteira não Fica ou no drama social e político como en A Balada da Praia dos Cães e Cinco Dias, Cinco Noites.