Flash Forward, o novo da ABC

0
214

Flash ForwardA canle de televisión americana ABC está por pechar un acordo polo que van ordear a gravación dun episódio piloto para unha nova série de ciéncia-ficción titulada Flash Forward, creada polo realizador David S. Goyer e mais polo veterán de Star Trek Brannon Braga. Seica a ABC está agardando a recepción dun primeiro esbozo do guión para a série, que podería converter-se na outra grande saga fantástica desta canle xunto a Perdidos.

Baseada na novela orixinal do mestre da CF Robert J. Sawyer, Flash Forward narra o caos que se produce após de que todo o mundo na Terra sufra un desmáio que dura 2 minutos e 17 segundos, no decurso do cal teñen unha misteriosa visión do futuro que lles mudará a vida para sempre.

Goyer (Blade III) dirixirá o episódio piloto. Ademáis será o produtor executivo xunto a Braga e Jessika Borsiczky Goyer. Vince Gerardis e Ralph M. Vicinanza, que posúen os dereitos sobre o libro, tamén serán produtores executivos. A ABC Studios será a encargada de facer a produción.

Flash Forward fora desenvolvida orixinalmente pola canle HBO, que seica ten ainda algúns dereitos sobre a novela. A canle por cabo considerou facer a produción, pero decidiron deixa-lo nas mans dalgunha canle que non fose de pago, coma a ABC, que finalmente foi a que gañou a poxa á Fox.

Goyer e Braga coñecéron-se na série de ciéncia-ficción da CBS Threshold, na que ambos os dous traballaron como produtores executivos.

O traballo máis recente de Goyer foi o de co-escribir a história para o bombazo deste verán, e mesmo do ano, O Cabaleiro Escuro, e ademáis foi o guionista e director do thriller ainda por estrear The Unborn.

Braga é un fixo de Star Trek, onde traballou en várias séries, incluindo Star Trek Enterprise, da que el foi o co-creador, e ademáis escribiu o guión de dous dos filmes da saga.