Autor: Fernando Cimadevila
Ilustracións: Iván Valladares
Urco Editora, Colección Alcaián, 2011
Cunha encadernación case de luxo e prometendo ser unha experiéncia moi próxima ao multimédia, o primeiro tomo d’O mundo secreto de Basilius Hoffman apareceu hai pouco mais dun ano nas librarías coma unha nova aposta da Urco Editora dirixida predominantemente a un público xuvenil, pero axeitado para toda clase de leitores. E con estes argumentos, non resulta doado que se acheguen a ela afeccionados mais curtidos no fantástico e acostumados a lér histórias nas que non falle a violéncia, o sexo e todos os outros elementos que seica confiren a un texto a etiqueta de “para adultos”.
O ladrón de soños é a primeira entrega dunha saga (que polo de agora leva dous libros) adicada a Basilius Hoffman, explorador, arqueólogo, membro da sociedade secreta de Avalon e moitas outras cousas que se irán descobrindo. Basilius é o tío de Peter Hillman, auténtico protagonista deste conto, un rapaz de doce anos que vive e estuda nun internado e que deberá pasar as vacacións de nadal no vello casarón de seu tío.
Todo o tón da história ten un certo aire a Harry Potter, no millor senso. Despois de non sermos capaces de rematar de lér algunhas outras histórias publicadas nesta colección, entramos non sen certo temor a lér O ladrón de soños, e o certo é que sorprendeu-nos. Non agardabamos que fose unha obra mestra da Literatura, pero tampouco puxéramos demasiadas esperanzas no libro, e iso si que foi un grave erro pola nosa banda. O ladrón de soños é entretido, doado de lér, áxil, vai directo ao gran, está cheo de pequenas intrahistórias, un pouco ao xeito de Damon Lindelof, abrindo moitos frentes e pechando poucos, pero que coma série que acaba de escomezar, hai que lle dar a confianza debida en que todo será explicado mais adiante. O ladrón de soños ten un conto dentro doutro conto, ten gatos (moitos gatos!), aventuras, emoción, sorpresas e moito, moito entretimento, sen cair nunca nos clichés doados nin no humor, ainda sendo moi divertida.
As aventuras de Basilius e Peter levarán-nos a coñecer mundos fantásticos, aparellos misteriosos, confabulacións milenárias, sociedades secretas, mitos, e mesmo deuses da antigüidade. E todo case sen saír da casa, porque curiosamente en ningún intre dí-se-nos onde viven estes persoaxes, se ben cabe supoñer que é nalgún país anglosaxón, por aquilo dos nomes: Hoffman, Hillman… de feito, o único nome galego é Xonás, o condutor dun abraiante artefacto voador que ten moita importáncia na trama.
A bordo deste artefacto coñecerán a Cidade dos Tellados, onde viven os gatos, os mais relevantes persoaxes que aparecen neste conto e cuxa intervención resultará unhas veces positiva e outras non tanto. Por certo, que de feito o único erro no libro que se lles escapou foi o de dicir que os gatos teñen sete vidas, cando todo o mundo sabe que son nove.
Cun trasfondo entre místico, aventureiro e filosófico, O ladrón de soños convída-nos a lle emprestar mais atención á imaxinación cá razón, e se ben esa é unha proposta que non poderemos aceptar na vida real, farémo-lo de bó gusto neste libro, guiados polos sábios consellos de Basilius e a súa procura do lendário diário do Cartógrafo, en loita contra escuros e sinistros persoaxes que só queren o seu própio benefício, e outros que son mais vítimas ca malvados en si mesmos. De feito, serán moitos os xiros nos que de súpeto atopemos que aquel que semellaba bó resulta ser malo, e viceversa. E outros, ainda non está moi claro. En todo caso, e sen caír nunca nas explicacións “deus ex machina”, tamén hai unha boa história policíaca por atrás que poderemos ir desvelando até o abraiante remate.
Os persoaxes son descritos maiormente cun grao de profundidade que resulta o nivel exacto que cabería agardar nun libro dirixido a “toda a família”, pero ao mesmo tempo con tres ou catro pinceladas que son abondo para que, alomenos nesta primeira entrega e a falla de coñecer un pouco mais a outros que regresarán na segunda parte, poida entrar aí a nosa imaxinación, para encher os ócos que fallan e deixar-nos levar polas aventuras que viven. Porque aventuras hai-nas, e moitas e moi emocionantes. Calquera pode sentir-se animado a ser parte do argumento, e a se meter na pel de Peter nesta fabulosa história, demasiado rara para ser certa (e de feito el mesmo dubidará nalgún intre se non foi todo un soño).
Así que, volvendo á orixe deste pequeno artigo, o libro pode estar dirixido aos rapaces, pero é recomendábel para todo o mundo. Coma o foi Harry Potter na súa primeira entrega, promete continuar cada vez mais por uns sendeiros que xa estamos desexando percorrer. Realmente O ladrón de soños foi unha sorpresa moi agradábel, e cando chegas á metade do libro e te decatas de que estás a lér un conto que semellaba simple pero que está a se reviricar cada vez mais, cando queres saber como vai rematar porque estás enfrascado na história que se nos conta, daquela é que o escritor acadou o seu obxectivo: entreter, divertir, e facer-nos pasar un par de magníficos días lendo o seu libro.