Chega o Plutón BRB Nero

792

Os actores e mais o director de Plutón BRB NeroA segunda cadea de TVE (La 2) estrea hoxe mércores ás 23:30 horas o primeiro capítulo de Plutón BRB Nero, unha sitcom de ciéncia-ficción dirixida por Álex de la Iglesia. O episódio El origen de Roswell presentou-se onte martes nun pase de prensa ao que asistiron o director de TVE, Javier Pons, o mesmo Alex de la Iglesia e todo o elenco de persoaxes que a protagonizan.

Alex de la Iglesia agradeceu a TVE a súa aposta por esta série: “Facer esta série e convencer a unha canle de televisión para face-la é case un miragre. Eu teño a sorte de que TVE aposta por cousas distintas, por renovar, por intentar cousas que non miráramos nunca antes. É curioso porque a sitcom de ciéncia-ficción é case un xénero e ten moitos exemplos fóra de España e aquí non se intentara nunca“.

A série está protagonizada por un grupo de marines españois, liderados polo capitán Valladares, que no ano 2530 cruzan o espazo na nave Plutón BRBNero, coa misión de atopar un planeta habitábel, porque a Terra está totalmente edificada e xa non cabe ninguén.

A nave espacial é moi particular, con dous espazos ben diferenciados: a sala de mandos, dende onde se dirixe e onde traballan os xefes. Aquí están o capitán Valladares, o piloto Querejeta, a andróide científica Lorna e o alieníxena Roswell. No segundo espazo, a sala de máquinas, viven os que fan o traballo suxo e que non respectan o liderazgo dos de arriba. Aquí pode ver-se a Hoffman, técnico de mantemento, e mais ao andróide Wollensky.

Plutón BRB Nero pretende ser unha sitcom de 26 capítulos de 35 minutos que rescata o espíritu de séries coma A guía do autoestopista galáctico, O anano vermello ou Doutor Who, clásicos do humor en clave de ciéncia-ficción moi populares en todo o mundo ainda que descoñecidos no noso país.