A editorial Urco convocou o I Prémio Urco de Relato Fantástico co fin de apoiar a mellora da capacidade lectora e o fomento da creación literaria entre a mocidade, así como para dar a coñecer a literatura de xénero fantástico. Neste prémio poderán participar os alumnos de secundária dos centros públicos de Galiza, presentando como máximo un
relato por cada categoría.
Os relatos deberán estar encadrados dentro de calquera das catro propostas que fai Urco, baseadas en libros xa publicados pola editorial: A praga escarlata de Jack London, Nas montañas da loucura de H.P. Lovecraft, O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños de Fernando M. Cimadevila ou O xogo de Ender de Orson Scott Card.
En calquera caso, terán que estar escritos en galego e ser orixinais e inéditos. A extensión será de dez fólios como máximo, tamaño DIN A4, por unha soa cara, a dobre espazo, xustificado e cunha fonte Garamond a tamaño 12.
Urco Editora seleccionará, de entre todos os presentados, tres relatos por cada categoría para seren publicados nunha obra colectiva. Estes relatos serán os finalistas do concurso, de entre os cales un xurado elixirá os catro gañadores; un en cadansúa categoría. O prémio para os finalistas consistirá nun lote de libros e a publicación do seu conto nun volume colectivo. Os gañadores de cada categoría recibirán, alén do lote de libros e a publicación, un dispositivo e-reader cargado con varios títulos da editorial.
Para obtér mais información sobre o procedemento de participación, podedes acudir ao blogue oficial da editorial. O prazo de recepción de orixinais remata o 26 de abril de 2013.