Lara Croft, tamén mais nova no cinema

0
239

Co lanzamento o pasado 5 de maio da nova entrega do videoxogo da Square Enix e a Crystal Dynamics Tomb Raider, comezaron deseguido as conversas sobre a posibel continuación da adaptación da famosa franquía ao cinema, que leva agardando por unha nova oportunidade dende que apareceu Tomb Raider: The Cradle of Life hai xa dez anos.

O xogo en si mesmo é un relanzamento da franquía, ao xeito de Batman Begins ou Casino Royale e presenta a unha nova versión da arqueóloga inglesa de 21 anos Lara Croft. A história amosa como comezou coma unha rapaza asustada pero que se vai sobrepoñendo aos perigos até se converter nunha dura supervivinte cando é abandoada nunha illa deserta.

A Crystal Dynamics semella estar a traballar xa coa GK Films para adaptar o xogo ao cinema co mesmo estilo. O presidente da Crystal Dynamics, Darrell Gallagher, dixo: “Están traballando a partir desta nova versión que lles dimos. É unha boa asociación. Estamos a ver os desafíos a través da mesma lente“.

E engadiu que: “Era importante para todos nós ter unha versión coherente da franquía. Non queriamos ver unha versión no cinema que fora só unha continuación dos vellos filmes de Tomb Raider“.

O filme orixinal de 2001 Lara Croft: Tomb Raider protagonizado por Angelina Jolie recadou 275 millóns de dólares en todo o mundo, pero a súa continuación de 2003, Lara Croft Tomb Raider: The Cradle of Life só puido chegar aos 155 millóns mália contar cunhas criticas lixeiramente millores.

O novo videoxogo polo de agora conta cunhas excelentes críticas, cos seus indices por riba do 80% de aprobación.