En marcha o remake de Jacob’s Ladder

0
256

Mais de dúas décadas despois, o thriller de terror Jacob’s Ladder, convertido nun filme de culto, é aínda unha longametraxe maxistral na que se mistura a paranoia, unha narración non-liñal, os efectos especiais e un senso do terror digno de Cronenberg.

Agora a LD Entertainment e mais o guionista de Midnight Meat Trainer, Jeff Buhler, veñen de se asociar para facer un remake deste clásico, pero cun novo ángulo. Buhler está a escribir unha nova versión a partir dun anmigo guión de Jake Wade Wall.

Os produtores queren facer mais unha homenaxe ca un remake, e os seus plans son poñer a história nun ambiente contemporáneo con novas situacións e persoaxes pero mantendo un relato que examine os problemas e se plantee cuestións existenciais.

O orixinal de 1990, dirixido polo mesmo realizador de filmes coma Flashdance e 9 1/2 Weeks, Adrian Lyne, foi a súa primeira película após do enorme éxito mundial de Fatal Attraction. As críticas daquela foran boas, pero o filme á penas puido recuperar no despacho de billetes o seu orzamento orixinal.

No filme, Tim Robbins interpretaba a un veterán de Vietnam que sofría stress post-traumático e que comezaba a experimentar estrañas alucinacións que lle afectaban á súa vida diária.

Ainda que moitos debateron o xiro final do filme, a película é relembrada sobre todo polos seus estraños intres e os seus momentos irreáis, coma a escena da festa na que a muller de Jacob baila cun monstro que semella creado por H.R. Giger.

Dende o punto de vista dos efectos especiais foi un grande logro xa que non requeriu ningunha post-produción: todos os efectos foron capturados pola cámara, incluindo efectos que hoxe son moi utilizados, coma o de mover a cámara ao redor da cabeza de alguén a moi baixa velocidade, o que fai que semelle que a súa cabeza se move moi apresa cando se proxecta o filme a velocidade normal.

O filme serviu de inspiración á série de videoxogos Silent Hill e as académias e estudantes de cinema continúan a poñe-la coma exemplo de moitos outros logros no eido da fotografía e da eliminación de barreiras entre xéneros.