David Hayter (X2, Watchmen) foi contratado para que escriba o guión da vindeira adaptación ao cinema do cómic dos irmáns Joshua e Jonathan Luna The Sword para a Lakeshore Entertainment e mais a Hopscotch.
O cómic, de catro volumes, vai sobre unha rapaza parapléxica que ten unha existéncia bastante anodina, até que a súa família é brutalmente asasinada por un misterioso trío con poderes sobrenaturais.
Deixada por morta, Dara descobre unha antiga espada que pertenceu a seu pai. A espada devolve-lle a habilidade de camiñar e outorga-lle asemade unha cheia de espectaculares poderes físicos, así que decide embarcar-se nunha viaxe para atrapar e destruír aos asasinos da súa família.
A propiedade podería converter-se nunha futura franquía, co primeiro filme disposto para aparecer nos cinemas en 2014. Tom Rosenberg, Gary Lucchesi, Skip Williamson e Andrew Mason serán os produtores.