A homofóbia de OSC causa problemas á Lionsgate

1226

Os departamentos de marketing e promoción da Lionsgate tiveron moito choio esta semana por mor do anunciado boicot ao vindeiro filme que adaptará ao cinema a mítica obra de ciéncia-ficción de Orson Scott Card O Xogo de Ender.

O certo é que o escritor é un coñecido membro da igrexa mormona e leva moitos anos loitando contra o matrimónio igualitário. Ademais é membro da xunta directiva da National Organization for Marriage, un grupo relixioso americano que loita contra os dereitos dos homosexuais.

Así pois, o grupo de activistas Geeks OUT pediu á xente que amosase o seu desprezo ao autor pasando de ir ao cinema a ver o filme.

A Lionsgate, alarmada, tivo que contraatacar e obrigou a Card a emitir un comunicado, pero este non convenceu para nada aos activistas. Segundo a nota de prensa, que semella unha provocación en toda regra, “O Xogo de Ender está ambientado mais de cen anos no futuro e non ten ren que ver con problemas políticos que non existían cando o libro se escribiu en 1984. Coa recente senténcia do Tribunal Supremo, o matrimónio gai converteu-se en tema de debate. Agora será interesante ver se os propoñentes vitoriosos do matrimónio gai amosarán toleráncia contra aqueles que non estiveron de acordo con eles cando o asunto estaba ainda en disputa“.

A finais da semana, a mesma Lionsgate emitiu outro comunicado, no que se distáncian dos puntos de vista do escritor: “O simple feito é que nin o libro no que se basea nin o filme en si mesmo reflicten eses puntos de vista de ningún xeito, maneira ou forma. Ao contrário, o filme non só transporta aos espectadores a un mundo de entretimento e cheio de acción senón que o fai con persoaxes positivos e inspiradores que finalmente entregan unha mensaxe ennobrecedora e afirmadora da vida“.

Finalmente, noutro esforzo por facer remitir a vaga de apoios ao boicot, a Lionsgate tivo que abandoar o seu aparente tón conciliatório e decidir-se por ún dos bandos, así que emitiu un segundo comunicado no que afirman: “A Lionsgate continuará o seu longo compromiso a prol da comunidade LGBT explorando novos xeitos de apoiar as causas LGBT e, coma parte deste proceso en marcha, patrocinará unha estrea benéfica para O Xogo de Ender“.

Se este comunicado final conseguirá rebaixar o boicot ou non, só poderemos sabe-lo co paso do tempo. A presentación do filme na Comic-Con será o seguinte evento ao que hai que estar atentos.