Finou Paul Newman

0
209

Paul Newman, unha das derradeiras lendas de Hollywood, finou hoxe aos 83 anos de idade por mor dun cancro que padecía dende había vários meses na súa casa de Westport, Connecticut.

Newman, cuxos abraiantes ollos azuis e mais a súa grande xenerosidade fixérono unha das persoalidades máis aprezadas dos nosos tempos, nacera en Shaker Heights, Ohio, en 1925.

Na súa carreira, que comprende algún dos filmes máis salientábeis da história do cinema, non hai máis ca unhas poucas aparicións no xénero fantástico, e dúas delas foron xusto no comezo e no final: un episódio da série de ciéncia-ficción de TV Tales of Tomorrow en 1952 e máis a voz do persoaxe Doc Hudson no filme de debuxos animados Cars.

Newman tamén interveu no telefilme protagonizado pola súa muller Come Along with Me en 1982 e mais na longametraxe totalmente prescindíbel Quintet (1979), na que participou asemade o actor de orixe galega Fernando Rey.

Paul Newman foi unha auténtica estrela dentro e fóra dos escenários, foi nominado nove veces ao Oscar e gañou dous, ún deles honorífico. Sobrevíve-lle a súa muller, Joanne Woodward, con quen levaba casado 50 anos, cinco fillas e vários netos. O seu fillo Scott Newman morrera por mor dunha sobredose de drogas en 1978.