Outra tempada baixo a cúpula

836

A canle CBS ven de renovar para unha nova tempada á série Under the Dome, baseada na novela homonima de Stephen King na que unha vila é encapsulada dentro dunha enorme e misteriosa cúpula invisíbel. A continuación será por outros 13 episódios e comezará no verán de 2014.

A série está producida pola Amblin Entertainment (propiedade de Steven Spielberg), a CBS Television Studios e mais a DreamWorks Television e foi convertida en série despois de que a canle Showtime (filial da CBS) comezase o seu desenvolvemento.

Under the Dome conta con Neal Baer (ER) coma máximo responsábel, e con Brian K. Vaughan (Lost, Y: The Last Man) coma produtor executivo, e o pasado 24 de xuño comezou a se emitir cun enorme éxito de audiéncia, o récord para a canle dende que en 2000 emitisen a primeira edición de Big Brother.

Os produtores Baer e Vaughan non teñen moito medo de extender demasiado unha série que estaba pensada orixinalmente só para 13 episódios, dada a súa probada experiéncia noutras séries de televisión, coma ER (que en España titulou-se Urgéncias) ou Law & Order, ambas con mais de 15 anos ás súas costas. A novela na que se basea a série, de todos modos, ten mais de 1000 páxinas, e ademais a produtora conta coa axuda do próprio Stephen King neste proxecto, polo que non agardan ficar sen material que contar.

Os fans do libro, pola súa banda, comezan a se queixar dos cámbios introducidos na série, que semellan dirixidos a extender a saga na pequena pantalla, pero que ao mesmo tempo van afastando ao programa da ideia orixinal.