Zack Snyder, o director do filme 300, ven de asinar un contrato para desenvolver tres videoxogos para a empresa Electronic Arts, a máis importante produtora de videoxogos dos Estados Unidos.
O pacto sería moi semellante ao que fixera a EA con Steven Spielberg en 2005. A súa primeira colaboración, un xogo tipo puzzle para a Nintendo Wii titulado Boom Blox, foi lanzado en primavera con boas críticas pero moi malas vendas.
Coma Spielberg, Snyder traballará coa sucursal da EA en Los Angeles nos estudos de Playa Vista para producir os seus xogos. A EA será a propietária do copyright, pero segundo o trato, os xogos poderían converter-se en películas que nese caso serían producidas pola empresa de Snyder, a Cruel & Unusual Films, na que tamén participan Deborah Snyder e mais o produtor Wesley Coller.
Dado o grande éxito de 300 entre os rapaces, que son os que máis videoxogos compran, a EA ten a esperanza de que o nome e mais as ideias de Snyder atraian especialmente a ese segmento do mercado.
“Zack Snyder ten un estilo creativo fresco e directo que resoa entre o corazón da nosa audiéncia“, dixo o presidente da EA Games Frank Gibeau nunha declaración pública. Snyder unirá-se a un pequeno grupo de directores de Hollywood que xa son produtores de videoxogos, entre os que xa se atopan Spielberg, John Woo e Peter Jackson.
A Warner Bros. está a crear dous xogos para descargar-se da Internet vencellados á vindeira película de Snyder, a adaptación á pantalla grande do cómic Watchmen, mentres que a Brash Entertainment está a realizar outro baseado no seu filme 300.