Adéus a Frederik Pohl

1358

O escritor de ciéncia-ficción Frederik Pohl, de sona mundial grazas sobre todo á súa obra mestra Pórtico, publicada en 1977, finou en Chicago o pasado martes á idade de 93 nos.

Pohl escribiu centos de contos baixo o seu próprio nome, pero tamén usando alcumes.

Escomezou a súa carreira coma axente literário e editor e a súa primeira obra apareceu en 1937. A súa derradeira apareceu tan só hai dous anos.

A súa muller, Elizabeth Hull, dixo que Pohl morrera no hospital após de ingresar por mor de problemas respiratórios.

Frederick PohlPohl naceu en New York, fillo dun comercial de família alemá, e ao longo da súa carreira escribiu mais de 40 novelas, entre as que cómpre salientar Space Merchants, unha sátira distópica dun mundo governado por axéncias publicitárias, e sobre todo a saga de Gateway (Pórtico), coa que gañou o prémio Hugo á millor novela de ciéncia-ficción.

Após de deixar a escola Pohl serviu na Mariña americana durante a Segunda Guerra Mundial coma meteorólogo en Itália. Após de publicar o seu primeiro poema, Elegy to a Dead Satellite: Luna, na revista Amazing Stories en 1937, Pohl continuou editando as revistas Astonishing Stories, Super Science Stories, Galaxy e If, e a série antolóxica Star Science Fiction.

Coma axente literário, Pohl representou a algúns dos mais salientábeis escritores de todos os tempos, coma Algis Budrys, Hal Clement, Fritz Leiber e John Wyndham e axudou a Isaac Asimov a publicar a súa primeira novela, Pebble in the Sky, en 1950.

Aínda que pasou case todo o seu tempo escribindo nos anos 70, tamén lle deu tempo a editar novelas doutros escritores de ciéncia-ficción na Bantam Books. Entre os seus méritos está o de ter descuberto a James Blish e mais a Larry Niven.

En 2009, Pohl lanzou o sítio Web The Way the Future Blogs, no que escribiu sobre a súa vida e sobre a comunidade de ciéncia-ficción e apoiou firmemente as políticas progresistas, ecoloxistas e de esquerdas.

A súa derradeira novela, All the Lives He Led, foi publicada en abril de 2011.

A Pohl, que casou cinco veces, sobrevíven-lle a súa muller Elizabeth, de 29 anos, tres fillas, e moitos netos e bisnetos.

Tal e coma dixo Neil Gaiman no seu sítio Web, Pohl foi o derradeiro dos grandes da Idade de Ouro da ciéncia-ficción, o primeiro dunha xeración que inventou o xénero tal e coma o coñecemos hoxe en día.

A súa figura foi probábelmente o instrumento que serviu para que a ciéncia-ficción florecese a mediados do século XX, pasando de ser un xénero menor que só aparecía nas revistas pulp a un eido respectado e aclamado. En todo caso, é indubidábel que a CF sería moito mais pobre sen o seu talento, sen o seu traballo e sen a súa carreira coma editor de libros e revistas, colaborador e escritor.