Após de case un ano sen saber ren sobre a problemática versión para o cinema da obra magna de Stephen King, The Dark Tower, seica as novas comezan a fluír unha vez mais.
O realizador Ron Howard continúa vencellado coma director alomenos dunha das tres películas para o cinema que se proxectaban facer (xunto a dúas tempadas de série para a televisión), pero moitos coidan que a empresa enteira está a apodrecer nos caixóns dalgún arquivo de “proxectos en desenvolvemento”. Asemade, mentres promocionaba o seu filme Rush en Inglaterra, Howard dixo nunha entrevista que non abandonou o proxecto, pero que pasará moito tempo antes de que poidamos ver os seus resultados:
“The Dark Tower é algo no que aínda estamos a traballar. Todos fixemos un voto de silenzo sobre o seu progreso, a marcha, o seu calendário, porque non coido que me decatara de canto interese espertou isto na prensa e de canta emoción houbo.
E aínda así é unha posibilidade fascinante e poderosa e mesmo Stephen King recoñece que é unha adaptación moi difícil, pero para ser honrado, dende unha perspectiva económica, non é unha história de superheroes directa, amábel e para todas as idades. É sinistra, e terror.
Ese límite é o que me atrae, as complexidades deses persoaxes é o que nos atrae a todos. E eu coido que Stephen King realmente respecta iso, con Akiva Goldsman e mais eu, que iso é o que nos gusta e o que queremos levar á pantalla.
Así que a miña resposta é: está adiado, pero non morto. Estamos a traballar nelo e Stephen ten moita paciéncia connosco, e Akiva ven de marchar para dirixir unha película, eu continúo a traballar, pero o soño da Torre Escura, un soño febril mais ben, segue vivo, pero non lle imos poñer un calendário“.