O director de The Descent, Neil Marshall, será o encargado de reescribir e dirixir o remake en inglés do filme de culto noruegués de 2010 Trolljegeren (Os cazadores de trolls), para o que contará cun orzamento de 25 millóns de dólares e mais a produción da IMG Global.
O filme orixinal ía sobre un grupo de estudantes de xornalismo que estaban a investigar unha série de misteriosas mortes de osos, pero axiña dan cun cazador dos bosques, quen afirma que o responsábel desas mortes é un troll e que non só se adica a matar osos.
Marshall terá que escomezar revisando un anterior guión de Marc Haimes. Ademais, quere contar cun actor importante para protagonizar o filme, e quere que ese actor sexa alguén que non estea asociado ao xénero fantástico.
Christopher Columbus, Michael Barnathan, John Jacobsen e Sveinung Golimo son os produtores. A rodaxe ten previsto escomezar a comezos de 2014.
Mentres tanto, e antes de comezar este proxecto, Marshall ten previsto ir a Irlanda para dirixir o episódio central da cuarta tempada de Game of Thrones, que segundo din será tan importante coma o aclamado Blackwater que pechou a segunda tempada da série.