O cineasta Darren Aronofsky e mais a Paramount Pictures están a ter estes días un duro enfrontamento ao respeito do filme que ven de rematar de rodar o director, a película de épica bíblica Noah.
Os problemas semellan xurdir após de que o filme fose amosado a audiéncias de proba, que reaccionaron de xeito pouco positivo segundo várias fontes consultadas.
O vicepresidente da Paramount, Rob Moore, dixo que o filme está a pasar por un “proceso normal de revisión” e que o filme que poderemos ver nas pantallas será “unha versión que Darren está a supervisar“.
Pero mentres tanto, Aronofsky non semella estar de acordo cos cámbios suxeridos pola Paramount, e un voceiro dos estudos suliñou que “Darren non está conforme cos estudos. Despreza-o todo. Non lle importa a opinión da Paramount“.
O problema está en que ambas partes teñen diferentes visións do proxecto. Aronofsky fixo un filme “made in Aronofsky”, no que amosa a un Noé moi afastado da lenda bíblica e que é debuxado principalmente coma un estremista medioambiental.
Os estudos pola súa banda querían ver un filme adaptado ás duras esixencias dos espectadores cristiáns, no que quede claro que a história de Noé é auténtica, pero que o resultado sexa ao mesmo tempo moi espectacular para atraer asemade aos que vaian ao cinema sen prexuízos relixiosos.
Nestes intres non está nada claro que se lle permita a Aronofsky entregar o filme que el quere. A Paramount e mais a New Regency cofinanzaron este proxecto de 140 millóns de dólares, moi custoso porque ten moitos efectos especiais.
Moore dixo que os estudos xa sabían de antemán que ía haber “unha etapa de postprodución moi longa, con moitas probas de pantalla. Aronofsky quere ter o seu nivel de independéncia, pero tamén quere un filme de éxito. Imos chegar a un punto común, e imos chegar alí con Darren“.