Seica a produtora da canle de televisión The CW está a considerar a posibilidade dun relanzamento da súa clásica série antolóxica de terror dos anos 80 Tales From The Darkside.
O escritor Joe Hill (Horns) está vencellado para se encargar do guión do proxecto para a CBS TV Studio. Os produtores de Sleepy Hollow, Alex Kurtzman e Roberto Orci, serán produtores executivos desta nova série xunto a Mitch Galin, Heather Kadin e Jerry Golod.
The CW quere te-lo todo preparado para o verán do ano que ven, con episódios de média hora de duración cadaún.
A série orixinal, que se emitiu dende 1984 a 1988, tiña coma ideia orixinal a de adaptar á tele a película Creepshow, pero pouco a pouco foi gañando interese e axiña comezaron a colaborar con contos de terror algúns escritores clásicos coma Stephen King, Harlan Ellison, Clive Barker, Frederik Pohl e Robert Bloch.
En 1990 mesmo se realizou unha longamentraxe, abraiantemente gore, co mesmo esquema de tres contos independentes.