Volven as Crónicas de Bran

1323

Xosé Duncan, o escritor coruñés autor da triloxía de fantasía épica As Crónicas de Bran, anunciou a saída do segundo volume da súa saga que publicará a editorial Contos Estraños para primeiros do vindeiro ano, unha nova que están a comezar a distribuir polas redes sociais para potenciar, de paso, a venda do primeiro tomo de cara o nadal.

Este segundo libro, que conta coa colaboración do debuxante Griall Bravo, titulará-se A porta de Annwn e nel fai-se un tratamento máis intimista dos personaxes que apareceron no primeiro (ademais de incorporar vários novos que continuarán coas aventuras de Bran até o final) narrando as aventuras de todos eles na procura desa porta máxica.

Ainda que non se ofrecen detalles sobre o argumento, xa hai dispoñíbel un vídeo promocional en YouTube.

ACTUALIZACIÓN (03/12/13): Após da publicación desta nova, o autor do libro, Xosé Duncan, púxo-se en contacto connosco para nos avisar de que por desgraza, Griall abandonou o proxecto e están a preparar contra reloxo o traballo gráfico con outro ilustrador. Polo de agora non queren confirmar quen é o novo debuxante até que se saiba que pode rematar en prazo o choio, porque a tarefa é verdadeiramente difícil, preparar dez ilustracións antes de que se edite A porta de Annwn.