O director de The Impossible e The Orphanage, o español Juan Antonio Bayona, será o encargado de dirixir e producir a secuela de World War Z para a Paramount e mais a Skydance Productions.
Após de superar non poucos problemas de produción, incluíndo un enorme sobrecuste no orzamento e moitas tomas que tiveron que ser rodadas de novo, World War Z semellaba este verán un filme candidato a se converter no meirande fiasco do ano. Nombergantes, o filme dirixido por Marc Forster acadou un grande éxito nos despachos de billetes, unhas boas críticas da prensa e o público, e o que é mais importante, 540 millóns de dólares de recadación en todo o mundo.
Brad Pitt regresará para protagonizar esta segunda parte, que tamén producirá. Dado que o primeiro filme semellaba pechar a história, non está claro dende que intre escomezará a narración da secuela.
A película garda pouca ou ningunha relación co libro orixinal no que está baseada, a novela homónima de Max Brooks, o cal supuxo unha das mais habituais queixas dos críticos. Polo de agora non hai guionistas vencellados a este proxecto e non está claro se Bayona quererá volver a súa ollada cara ao libro para recolleitar mais material co que continuar narrando o conto da guerra mundial contra os zombis.