Eisenberg é o vindeiro Lex Luthor

936

A Warner Bros. Pictures anunciou oficialmente que Jesse Eisenberg foi contratado para facer o papel de Lex Luthor e que Jeremy Irons interpretará ao mordomo Alfred Pennyworth na vindeira entrega da franquía de Superman, que ainda non ten título oficial e que presentará a Batman coma protagonista. O anúncio realizou-no Greg Silverman, Presidente do departamento de Desenvolvemento creativo e produción mundial, e mais Sue Kroll, Presidenta do departamento de marketing mundial e distribución internacional da Warner Bros. Pictures.

O director, Zack Snyder, declarou que “Lex Luthor é considerado decote o mais salientábel dos inimigos de Superman, a súa desprezábel reputación provén dos anos 40. O que é xenial sobre Lex é que existe alén dos confíns do clásico superfacatruán malvado. É un persoaxe complicado e sofisticado cuxo intelecto, riqueza e poder colóca-no coma un dos poucos mortais capaz de desafiar o incríbel poder de Superman. Ter a Jesse no papel permitirá-nos explorar esa interesante dinámica e tamén levar ao persoaxe en novas e non agardadas direccións“.

Eisenberg foi nominado ao Oscar, ao Globo de Ouro, ao prémio do Sindicato de Actores e mais ao prémio BAFTA polo seu papel de Mark Zuckerberg no filme de David Fincher The Social Network. Tamén foi o protagonista do filme de Woody Allen To Rome with Love e no de Louis Letterier Now You See Me. Esta será a súa primeira participación nun filme de xénero fantástico dende Zombieland en 2009.

Pola súa banda, Irons é un veterán das pantallas e gañou o Oscar e mais o Globo de Ouro polo seu papel de Claus von Bülow en Reversal of Fortune (1990). Tamén recebiu un Emmy e mais un prémio do Sindicato de Actores (SAG) pola súa participación na série de televisión Elizabeth I.

O guión do filme está aínda a se escribir por Chris Terrio, a partir dun esbozo orixinal de David S. Goyer. Charles Roven e Deborah Snyder serán os produtores, e Benjamin Melniker, Michael E. Uslan, Wesley Coller, David S. Goyer e mais Geoff Johns serán os produtores executivos.

O filme está previsto para se estrear o 6 de maio de 2016.