O director catalán Jaume Collet-Serra ven de confirmar que aínda está a traballar na nova versión de Akira para a Warner Bros. Pictures.
A história orixinal estaba ambientada nun futuro post-nuclear na cidade de Nova Tóquio. Alí, Kaneda, o líder dunha banda de moteiros, decide rescatar ao seu colega Tetsuo, secuestrado por un grupo governamental, pero descubre unha conspiración dirixida por políticos corruptos e científicos irresponsábeis dirixidos por por un despótico líder militar.
A loita fará que se ceibe o poder sobrenatural de Tetsuo e que se descubra a verdade sobre unha trama que o governo viña agochando dende había 30 anos. A história foi levada ao cinema nunha película de debuxos animados en 1988 e que está considerada coma un clásico do xénero. Esta nova versión estará mais preto do manga orixinal e podería estender-se ao longo de várias entregas.
Collet-Serra revelou nunha entrevista que está a se tomar o seu tempo para poder ser o mais respectuoso co manga orixinal coma lle sexa posíbel:
“Katsuhiro Otomo adaptou a súa obra a partir dun manga nun anime e ambas cousas son totalmente diferentes e xeniais. O único xeito de facer unha versión con actores reais de Akira é coller o espírito e adapta-lo. Será tan distinto coma o anime foi do manga.
Coido que non podes facer un filme sobre Akira e esperar que todo o mundo o entenda. Coma todo o demais, tes que facer tres ou catro películas nunha onde está a eséncia nalgures.
Se es un fan, xa sabes de que vai e verás que é parte do mesmo mundo, pero tentar simplifica-lo demasiado sería un erro“.