Monaghan á caza da Fortuna

0
152

Dominic MonaghamO antigo intérprete de Perdidos Dominic Monaghan e mais Freddy Rodriguez (Dous metros baixo terra) protagonizarán Fortuna, un thriller de terror e ciéncia-ficción.

Ambientado en 2100, Fortuna presénta-nos unha Terra onde unha economía afundida e mais a crise do clima eliminaron as clases médias, deixando a só uns poucos ricos e as grandes masas na profunda pobreza.

Para dar esperanza e evitar as revoltas, a elite crea “Fortuna”, un misterioso xogo onde ún entre mil pode gañar un magnífico soldo e unir-se ás clases dirixentes. Pero o seu obxectivo final de “reducir a pobreza” ao 30 por cento en 50 anos leva aparellado un alto e letal prezo.

Monaghan, Rodriguez e mais o guionista e director de Fortuna, Barthelemy Grossmann, interpretarán a homes desesperados que entran no xogo nunha torre preta, mália que seica ninguén saiu nunca vivo dela.

A rodaxe completará-se en seis semanas, escomezando o vindeiro 10 de novembro en Sofia, Bulgária. Seica os decorados están a se construir cunha fasquía que relembra á do thriller apocalíptico de 1973 Soylent Green.