A autora da que é indubidábelmente a millor obra de xénero fantástico xamais escrita en castelán, Olvidado Rey Gudú (1996) a barcelonesa Ana María Matute, finou o pasado 25 de xuño aos 88 anos de idade na capital catalana.
Considerada como unha das mais grandes figuras da literatura española da postguerra, Ana María Matute escribiu a súa primeira novela aos 17 anos, ainda que non a publicou até once anos despois, gañando con ela o prémio Planeta en 1954.
En 1952 xa gañara o Prémio Café Gijón por Fiesta al noroeste, galardón ao que seguiron os Prémios Nacional de Literatura Miguel de Cervantes e da Crítica por Los hijos muertos en 1959, o mesmo ano no que se fixo co Nadal por Primera memoria.
A súa traxectória está enchida de prémios e recoñecementos de toda caste, se ben a súa vida persoal foi moi complicada nuns momentos nos que España vivía baixo unha ditadura fascista e tivo moitos problemas coa censura.
En 1996 foi elixida membro da Real Académia Española da Língua, en 2007 recebiu o Prémio Nacional das Letras Españolas e en febreiro de 2008 rematou a súa derradeira novela, Paraíso inhabitado. En 2010 recibiu o Prémio Miguel de Cervantes, segundo recalcou o xurado, “por unha obra extensa e fecunda que se move entre o realismo e a proxección ao fantástico“.