A canle Syfy ven de escomezar o desenvolvemento de Ghost Brigades, unha nova série para a televisión baseada no universo dos libros da saga Old Man’s War do escritor John Scalzi, e que será producida pola Universal Cable Productions, a Radiant Productions e mais a Bluegrass Films.
O realizador alemán Wolfgang Petersen (Troy, The Perfect Storm) supervisará o desenvolvemento do proxecto. Jake Thornton e Ben Lustig escribirán o primeiro guión, mentres ca Scott Stuber (Safe House) será o produtor.
A história vai sobre un home de 75 anos, John Perry, quen se alista nas forzas de defensa colonial para loitar nunha guerra de séculos para a expansión do home no cosmos. A tecnoloxía permitirá-lle transplantar a súa mente ao corpo dun rapaz, para poder aturar a dureza dunha guerra no espazo.
John atópa-se axiña envolto nunha relación cunha muller misteriosa e será o centro dunha complicada conspiración na que está vencellada unha forza de elite chamada as Brigadas Pantasma.
Old Man’s War foi publicada por primeira vez en 2005 e acadou unha nominación aos prémios Hugo en 2006. Após do primeiro tomo seguíron-lle catro mais, e o segundo leva o título de Ghost Brigades. Xa en 2011 a Paramount fixera un intento de levar o libro ao cinema, pero aquela versión non puido despegar.