Ainda que el mesmo coidaba que estaba fóra do universo Potter, seica David Yates ainda ten moito que contar. Após de dirixir as derradeiras catro do total de oito filmes da saga, a Warner Bros. Pictures quere seguir contando co realizador inglés para a vindeira película Fantastic Beasts and Where to Find Them. Yates está aínda a negociar os termos da súa incorporación á nova triloxía.
A autora J.K. Rowling está a escribir o guión para a película, ambientada 70 anos antes dos acontecementos da série de Harry Potter e que narra as peripécias dun escritor chamado Newton Artemis Fido Scamander, quen compilou unha guía de referéncia sobre as bestas máxicas. A película contará as súas aventuras após de que lle encargan escribir o libro. Nesta ocasión a acción é trasladada dende a vella Inglaterra a New York.
Yates deu o chimpo á fama grazas á televisión, e concretamente co seu traballo na minisérie de 2003 State of Play, que logo foi versionada coma película, xa sen tanto éxito en 2009.
O filme de 2007 Harry Potter and the Order of the Phoenix sinificou o seu debut coma director na pantalla grande, pero aquel só foi o primeiro dos catro títulos que dirixiría en total sobre a saga Potter. Nestes intres atópa-se traballando no filme Tarzan para a Warners, que contará con Alexander Skarsgard coma protagonista.