Un filme sobre Tetris

0
239

A Threshold Entertainment está a desenvolver unha adaptación ao cinema con acción real do clásico videoxogo dos anos 80 Tetris.

O CEO da Threshold, Larry Kasanoff, dixo nunha entrevista ao xornal The Wall Street Journal que esta será “unha grande película épica de ciéncia-ficción. Non será un filme cunha chea de liñas correteando pola páxina. Non lle imos poñer pés ás formas xeométricas“.

O deseñador de xogos soviético Alexei Pajitnov, xunto a Dmitry Pavlovsky e Vadim Gerasimov, foi o autor do xogo orixinal en 1984, que só vai sobre uns bloques de formas cadradas que deben mover-se para eliminar as liñas da parte de abaixo da pantalla. Pola súa sinxeleza,Tetris converteu-se decontado nun fenómeno mundial, especialmente despois de ser versionado á plataforma Game Boy da Nintendo. En 1991 Pajitnov puido emigrar aos Estados Unidos, onde recebiu recoñecemento ao seu traballo.

Kasanoff conta con algunha experiéncia prévia nisto de adaptar videoxogos á pantalla grande, xa que foi o produtor das dúas entregas de Mortal Kombat.

Polo de agora non hai nin director nin actores vencellados a este filme.