Iron Man

0
264

Pasei os lazos polos ollos metálicos e atei firmemente os cordóns coma fixera mil veces antes. Batín en cada anaco da coiraza, probando a súa forza e colocación, logo abrochei con seguridade cada bota e me puxen en pé para comprobar a tracción.

Púxen-me a familiar camiseta negra e azul, engalanada cos números un, cinco, cinco. Ao contrário cós outros mecanismos, non tiña propósito á parte do estándar de que millóns de persoas animasen cos seus berros, os aplausos e ás veces cos asubíos de desaprobación.

Púxen-me as lubas, abrochei-nas ben forte, e collín a máscara-capacete. Púxen-a na cabeza, sabendo que non importa o que aconteza, levaría-a posta por derradeira vez.

Vale, xente, imos aló coa morte súbita por quinta vez esta tempada. Alá vai a moeda ao aire.

Seica os Iron Men gañaron, e comezarán atacando

– Jon! Onde demos andas? – O adestrador entrou no meu cubículo co seu habitual xeito brusco. Tiña un nome, coma os outros humáns, pero a nós aprendéran-nos a referir-nos a el simplemente coma “adestrador”.

– O resto da equipa xa está lista. Vas-te unir a nós ou precisas un convite especial?

– Estou listo.

– Daquela move o cú até aquí co resto deses carallos. E non me amoques en plan prima donna superstar. Temos un partido importante esta noite.

– Non son todos os nosos partidos importantes?

– Me cago no demo que o son, pero este é contra os Dynamos. Sabes como os ódio.

– O ódio non soa a boa aproximación estratéxica contra un opoñente formidábel.

O adestrador mirou-me coma se non soubera como responder. A ollada foi ou ben de carraxe ou de desgabo. Non estou seguro de cal.

– Tes 60 segundos para saíres aquí, – dixo mentres marchaba.

Normalmente, Don, nunha situación coma esta, poderías apostar a túa lareira a que Jon 155 acadará o cinto. Pero batéro-no ben forte na súa última carreira

Seguro. Após de cair batéron nel tan forte que o adestrador Beyer tivo que anular a carreira pedindo un tempo morto. Así que creo que desta volta imos ver…

Vaites, mira isto, Don. Jon 155 leva o cinto na man e está a saír”.

Menudo xogador, que competidor… sen dúbida o millor xogador de luba de todos os tempos”.

– Botei unha derradeira ollada ao meu cubículo. Só era un símbolo do meu confinamento, a miña prisión dentro da prisión, mália os trofeos de vitória e prémios de honra que adornaban as súas paredes pardas. E inda así, parte de min, unha parte sobre a que seica non teño control, insistía en que isto era o meu fogar. Deixa-lo e non volver era, dalgún xeito estraño, arrepiante. A sensación, este medo, era nova para min. Nunca o experimentara antes. Eu sabía que habería axiña novas experiéncias, moitas novas sensacións. Pero o medo non me frearía ou me impediría acadar o meu obxectivo. Eu o vencería coma xa vencera a todos os meus opoñentes.

Está a se poñer na súa marca na liña de saída. Semella que bateron ben nel, pero aposto que eses defensores preferirían enfrontar-se a calquera outro nesta situación”.

Soa o timbre e alí o vai. Que movemento! Viches iso? Cunha simples racha de incríbel velocidade, Jon 155 pasou ao primeiro defensor antes de que mesmo puidera erguer o seu bastón”.

A cabeza dóe-me de cismar. Nunca antes tivera tantos pensamentos conflitivos na miña mente correndo a luba. Era liberador, pero confuso.

Nombergantes xa era hora de deixar de matinar e unir-me aos meus compañeiros de equipa para o derradeiro partido. A oportunidade para reflexionar chegaría despois. Xa conmemoraría este intre en verso noutra ocasión.

Mentres avanzaba notei o peculiar xeito no que as cousas de todos os días semellaban a ver-se distintas. O meu cubículo, o corredor que atravesara mil veces, mesmo Bill 02, encargado do vestiário, semellaban dalgún xeito atípicos.

– Que teñas boa carreira, Jon 155, – dixo o vello androne coma facía tradicionalmente antes dun partido.

– Terei-na, Bill 02, – repliquei ao pasar ao seu carón.

Nunca parara a pensar sobre Bill 02, pero nesta ocasión parei a falar con el.

– Bill, estás contento? – preguntei sen usar a súa designación numérica, o meu primeiro acto de desafío.

– Contento? – deixou a súa laboura coma encargado e mirou para min coma se a verba non tivese lugar no seu vocabulário.

– Algunha vez quixeches que a tú vida fose… diferente?

– Diferente? Como podería ser diferente, Jon 155?

– Nunca soñaches con ser libre?

– Libre? Libre para o que?

– Eu decatei-me de que o concepto estaba alén da súa capacidade para razoar. A súa programación e a súa exposición á Rede e ao mundo enteiro fora limitada. Nunca viaxara nin experimentara a sociedade humana coma min. Eran os humáns os responsábeis das súas limitacións, igual que tentaran limitar-me a min. Pero fallaran.

– Esquece a pregunta, Bill. Segue co teu traballo.

– Que teñas boa carreira, Jon 155.

– Terei-na, Bill, terei-na.

Que movementos! Que poder! Que forza bruta!

Ou, levou un golpe devastador aí. E aí vai outro golpe no xeonllo!

Pero ainda segue en pe. Míra-o mover-se”.

Hank, teño a sensación de que imos ver resumos desta carreira durante moitos anos”.

Non hai dúbida diso”.

As miñas percepcións estaban aínda enganadas por un senso elevado de conciéncia cando me unín aos meus compañeiros. Notei por primeira vez o raídos que semellaban, con cicatrices e cansos. A miña chegada semellou dar-lles forzas nun pequeno grao, pero iso só levou a outra sensación de desacougo.

Eles respectaban-me, dependían de min. Cando o partido estaba empatado, eu era ao que lle daban o cinto. Eu era o que podía, coma dicía o adestrador, “roubar a vitória das fauces da derrota”. E agora eu ía abandoa-los.

Un defensor mais que pasar… e marca! Os Iron Men gañan 9-8! Que vitória! Endosáron-lle aos Dynamos a primeira derrota da tempada”.

Esa carreira foi incríbel, Don. O feito de que Jon 155 puidera amosar ese poder e axilidade a estas alturas da competición é fenomenal. Os defensores dos Dynamos ficaron simplemente varridos

É coma se xogara nunha Liga de seu”.

– Moi ben, carallos, reunión.

Todo o mundo moveu-se ao seu sítio, sabendo que canto antes comezase o adestrador a súa léria, antes ficaría en silenzo.

– Non vos teño que dicir tíos como ódio a eses Dynamos dende o curuto calvo até a fea punta da uña dedo gordo do pé. Detesto ao seu adestrador, arrenego os seus uniformes, non podo aturar nin ás súas animadoras. E o que realmente me encarraxa é que estamos por atrás deles na clasificación. De ningún xeito deberíamos estar atrás deses prosmeiros. Agora ímo-los anoxar ben, con determinación. Tedes que querer gañar. Tedes que querer mais que calquera outra cousa no mundo. Agora saíde aí e amosáde-lles de que están feitos os Iron Men.

O adestrador tiña razón. Para gañar, tes que quere-lo mais ca ningunha outra cousa. Nombergantes, iso non é o que eu quería mais.

Os Iron Men axuntáron-se para a súa tradicional carreira de honra após do partido, pero non vexo a Jon 155. É raro. Non semella malferido. Tentaremos acadar un informe a pé de campo”.

Cónta-me Maria Terpin, a nosa reporteira a pé de campo, que ten a Jon 155. Imos con ela”.

“Don, non estou segura de como tomar-me isto, pero houbo un estraño xiro de acontecementos aquí abaixo no campo. Eu mesma vin-o. Jon 155 completou a súa carreira vitoriosa e simplementes seguiu correndo. Atravesou correndo o túnel do estádio e polo de agora os oficiais da equipa non puideron localiza-lo”.

“Iso é raro Maria. Jon 155 é coñecido por erguer os puños nunha familiar pose de vitória após de gañar unha carreira. Logo sempre se une aos seus compañeiros. Non podo imaxinar onde foi”.

“Un minuto, Don. Vexo algúns oficiais falando con seguridade. Vou ver se podo averiguar o que está a acontecer”.

“De acordo, Maria. O que ti pensas, Hank?”

“Non-o sei. Non teño nin ideia”.

“Mentres agardamos por Maria, imos ver a repetición desa carreira da vitória.

“Fantástica. É aínda difícil de crér que puidera mover-se dese xeito despois de todo o castigo que recebiu”.

“Non é un mortal calquera, iso seguro. Vale, din-me que temos outra vez a Maria. O que está a acontecer, Maria?”

“Don, isto é simplemente incríbel. Estou abraiada. Aquí abaixo din que Jon 155, o heroe da luba mais famoso do mundo, fugou-se”.

“Non”.

“Si, Don. Ainda que non se fixo o anúncio oficial, din-me que Jon 155 abriu-se paso pola seguridade do estádio, ferindo un par de gardas mentres fuxía”.

“Se iso é verdade, Maria, terá un efecto cataclísmico non só nos Iron Men, e na posibilidade da equipa de gañar outro campionato, senón no deporte mesmo. Cando sexa capturado, a súa eliminación arroxará unha enorme sombra sobre a luba durante moitos anos”.

 

* * *

 

Sentín a presenza do rastrexador moito antes de que se movera perante o meu campo visual. Non sei o que foi que me alertou. Non coñecía ningún mecanismo biolóxico que funcionara dese xeito. E así souben que me perseguían.

Como fixo para localizar-me ten-me barado. Á parte da traizón, non hai xeito posíbel para ninguén de descobrir o meu paradoiro, de non ser que a teoría dunha frecuéncia emitida polos nosos implantes fose válida. Eu atopaba o concepto completamente noxento, ser traizoado por unha parte do meu própio corpo. Se fose verdade, tiñamos que descobrir unha contramedida. Doutro xeito, todo o noso plan sería inútil. O que precisabamos era desarmar e estudar un deses dispositivos rastrexadores.

Decidín seguir movéndo-me até que atopara a localización exacta. Sabería que sítio era cando chegara a el. Ainda que os meus sentidos seguían intensificados e enfocados na tarefa, os meus pensamentos interiores regresaron á insurrección dos andrones.

Eu sabía que fora a miña sona o que servira para reunir a todos. Eu era unha figura. Non me cría cualificado para tomar decisións que determinarían o destino de centos, se cadra milleiros. Pero ainda así, sabía que os meus camaradas mirarían para min para lidera-los na nosa procura pola liberdade, igual que fixera cos meus compañeiros de equipa. Nombergantes, a derrota neste xogo sinificaría mais ca só un marcador anotado nas clasificacións diárias da Rede. Sinificaría a morte.

A miña sombra cometeu o seu primeiro erro daquela. Escoitei o són do metal contra o metal aproximadamente a uns vinte metros tras de min. Apurei o paso, non nun intento de fuxir, senón por probar a resolución do meu cazador.

Algún día non sería así. Algún día non seríamos segregados polos nosos implantes metálicos, identificados polos nosos códigos de barras no abdome. Algún día xa non teriamos que merodear e agochar-nos e correr para salvar as nosas vidas. Eu estaba seguro de que algún día teríamos un lugar de nós, o noso mundo, mesmo se polo de agora semellaba unha fantasía, o espellismo dun soño dentro dun pesadelo..

Escoitei que sin que os andrones non soñan, pero o facemo. Por que non íamos? Puidemos ser incubados en ventres artificiais, pero, á parte do noso nacemento, o noso programa educativo, e os nosos implantes, a nosa estrutura xenética básica non é diferente á dos humáns que nos crearon. Algúns de nós somos mais fortes, mais rápidos, se cadra mesmo mais intelixentes, do que para o que nos deseñaron seguindo especificacións exactas. Pero soñamos.

Eu soño decote cun lugar baleiro de horizonte a horizonte. Sen xente, sen edifícios, sen montañas, sen torneios cheos de adversários, só desolado, unha enorme chaira de nada. Pero esa nada énche-me de ledícia.

Escoitei-no moi claramente agora. Incrementara a súa velocidade para probar e acurtar a distáncia entre nós. Mentres agardaba por el, comecei a escribir un novo verso dentro da cabeza. Ún baseado noutro poema que lera unha vez.

Cando era heroe da luba

Os berros de aclamación eran dóces.

Estaba a se mover para matar e volvéndo-se imprudente. De súpeto xirei a un estreito calellón entre dous edifícios e atopei o que estaba a procurar. Era unha noite sen lúa e moi pouca luz da rúa atopaba o seu camiño na venela. Uns pasos adiante, chimpei e metín-me baixo unha repisa que sobresaía baixo unha porta. Logo, agardei.

Lexións de fanáticos espallaron pétalos de rosa

Aos meus pes acoirazados.

Se o rastrexador que me perseguía parara durante o tempo abondo para permitir axustar a súa visión á escuridade e mirara cara enriba, eu sería unha diana relativamente doada. Eu esperaba que, na súa premura, apurara cego antes de se decatar de que a súa presa xa non estaba movéndo-se. Nombergantes, axiña descobrín que eu subestimara tanto a súa precaución coma a súa intelixéncia.

Cando xirou para entrar no calellón, sacou o arma. Podería dicir polo xeito que continuou ollando cara un dispositivo que tiña na outra man que este era o seu xeito de me rastrexar. Moveu-se amodo, cauteloso, co arma preparada, Eu só precisaba agardar até que estivera ao alcance. Estimei a distáncia que podería cubrir dun chimpo e tensei os músculos en anticipación.

Eu fun un ídolo invencíbel.

Agora a chusma pide a miña cabeza.

Detívo-se.

Obviamente o dispositivo rastrexador revelaba que eu estaba a só uns metros de distáncia, pero as leituras semellaban confundi-lo. Comezou amodo, logo se detivo de novo. Esta vez xirou-se coidadosamente, buscando en 360 graos, tentando precisar a miña localización. Cando a súa cabeza se ergueu para ver-me, non me detiven a calcular a distáncia. Reaccionei.

Os seus ollos enfocáron-se en min só unha fracción de segundo antes de que o batese no peito coas botas. A forza apancou-no cara atrás con tal velocidade que o seu corpo semellou rebotar no cemento. Deixou cair tanto a arma coma o dispositivo de seguimento, atordoado coa panca. Foi sinxelo poñer-lle o antebrazo baixo o queixo e fraturar-lle as vértebras do pescozo. Deixei-no ir e o seu corpo caiu frouxo ao chan.

O barullo da súa ira non decrecerá

Até que eu xaza morto.

Examinei ao meu cazador fracasado. Era un androne. Un androne criado para ser o can de caza dos humáns, rastrexando aos da súa mesma espécie, coma eu fun criado para loitar contra os meus irmáns na area polo entretimento dos entusiastas dos deportes. Tal era o destino da miña raza, alomenos até que erguéramos e demandáramos o control dos nosos própios destinos.

Recollín a súa arma e mais o dispositivo de rastrexo. Xa sabía como usar o arma. O dispositivo sería analizado por aqueles que foran instruídos nesas complexidades técnicas. Axiña saberiamos como os rastrexadores eran capaces de atopar-nos, e como podiamos tomar medidas contra eles… alomenos até o día no que non tiveramos que nos agochar mais.