Preparan a série baseada no xogo Myst

0
288

O clásico videoxogo para PC Myst converterá-se nunha série de televisión. A Legendary TV e mais a Digital Media asociarán-se coa Cyan Worlds para faceren conxuntamente tanto unha série coma un videoxogo de acompañamento baseado nesta popular franquía.

O xogo é unha aventura gráfica tipo puzzle que narra as aventuras do Estraño, unha persoa que usa un libro especial para viaxar á illa de Myst (Brétema), o nexo que permite ao xogador viaxar a vários mundos onde ten lugar a história de fondo dos persoaxes do xogo.

O xogo acadou enorme sona cando apareceu hai xa vinte anos, cuns gráficos dunha esquisita calidade daquela, e xunto á súa história non verbal e mais a súa atmosfera. Axudou tamén á adopción do CD-ROM coma médio para facer videoxogos, e tanto el coma as súas secuelas se converteron nos videoxogos mais vendidos durante os anos 90, até que tan só The Sims puideron arrebatar-lle o primeiro posto mais dunha década despois.

Nunha declaración oficial, a Cyan dixo que o seu obxectivo é “non só crear un atraínte drama para a televisión, senón desenvolver un auténtico produto transmédia que incluirá un videoxogo de acompañamento que extenderá a história en ambos formatos. O setenta por cento dos posuidores unha tableta usan o seu dispositivo para ver a televisión várias veces por semana. A Cyan ve o potencial de ir alén das fronteiras da narración interactiva e leva-la a un novo nivel“.