A Legendary TV ven de escomezar o desenvolvemento dunha nova série de televisión que suporá o relanzamento da clásica franquía de ciéncia-ficción Lost in Space.
A série orixinal dos anos 60 emitida pola canle CBS ía sobre un científico, a súa família e mais un piloto militar enviados a unha misión a colonizar o espazo profundo. Pero un axente estranxeiro, o doutor Zachary Smith, viaxando coma polizón, sabotea a misión e causa que a nave se desvíe do seu curso e se perda no espazo. A série, co tón camp habitual daquela década, durou 83 episódios ao longo de tres tempadas.
Matt Sazama e Burk Sharpless (Dracula Untold) incorporáron-se ao proxecto para escribiren o guión desta nova versión, e ademais traballarán coma produtores executivos.
A New Line xa tentara lanzar unha franquía no cinema baseada nesta série, e de feito produciu un filme en 1998 dirixido por Stephen Hopkins e protagonizado por Gary Oldman, William Hurt, Matt LeBlanc e mais Heather Graham. A longametraxe tivo unha acollida negativa da crítica e descartou-se facer unha secuela.
En 2003 houbo outro intento, esta vez para a televisión, cun proxecto que se ía titular The Robinsons: Lost in Space. O director John Woo dirixiu un episódio piloto, pero a rodaxe non pasou dalí e a série nunca foi emitida.