A canle de televisión Starz ven de lle dar a luz verde a Ash vs. Evil Dead, unha nova série que continuará as aventuras da popular triloxía que Sam Raimi levou ao cinema.
Raimi, o produtor Rob Tapert e mais o protagonista Bruce Campbell regresarán á série, que consistirá en dez episódios de média hora e que debutarán o ano que ven.
Campbell repetirá o papel de Ash, o envellecido conquistador de mulleres e cazador de monstros cunha man de serra mecánica e que pasou os últimos trinta anos evitando responsabilidades e os terrores do alén. Pero cando unha nova praga de seres de ultratumba ameace con destruír á humanidade, Ash é forzado a se enfrontar aos demos, os seus persoais e mais aos auténticos.
Raimi dirixirá o episódio piloto, que el mesmo co-escribiu xunto ao seu irmán Ivan e mais Tom Spezialy (Chuck, Reaper). Sam Raimi, Tapert e Campbell serán os produtores executivos, Ivan Raimi será o co-produtor executivo e Aaron Lam o produtor.
Raimi e Tapert xa acadaron grande éxito coa canle Starz no pasado, axudando-a a realizar unha programación orixinal coa série Spartacus. Outra cousa positiva desta relación é que esta canle non ten problema ningún en amosar corpos espidos e gore, o que axudará a que non haxa problemas de censura.