Resistenza

2
593

Catro días despois do golpe de estado ordeáron-lle a Stanuel amañar unha esclusa de áire. Ao día seguinte agardou dentro dun estreito armário de equipamento grande abondo coma para conter dúas persoas mentres un róver armado do tamaño e a forma dun capacete planeaba pola habitación, xirando e contrarrotando anacos de si mesmo mentres escaneaba brevemente a habitación. Stanuel contivo o alento e desexou non mover-se ou facer un són. Só frotou en paz, agradecido pola auséncia de gravidade que podería traizoa-lo por ter que depender de músculos encerrados e nervosos.

O róver rendeu-se e regresou ao corredor, pechando a porta tras de si. Stanuel deslizou-se fóra. O róver non-o atopara porque el ía totalmente vestido para o baleiro. Sen sinatura de calor.

Tras das lentes do róver estiveran os ollos de Pan. E dende o golpe, todo o mundo sabía ben que non debía deixar-se ver por Pan. Mesmo coa esclusa de áire apurara de mais. El desaparecería cando as redes distribuídas de Pan se decataran do que fixera.

Daquela, Pan xa non sería un problema.

Stanuel comprobou o seu traxe unha vez mais, e logo abriu a esclusa. A porta exterior dividiu-se en dous e separou-se.

Pero onde estaba o home que se supuña que debía traer Stanuel?

Decatou-se de que había unha escuridade negra no espazo xusto tras do anel do peche. Unha mancha que medrou e caeu dentro. O traxe chosqueou, e volveu-se dun gris mate para igualar-se coa cór interior xeral da esclusa.

A persoa ergueu-se, e Stanuel represurizou a esclusa.

Agardaron a que Stanuel rachara os selos e se quitara o capacete. Colgou o traxe no armário no que estivera agocho. “Temos que apurar, só temos dez minutos antes da seguinte patrulla do róver”.

Tras del, Stanuel escoitou enrugas e chasquexos. Cando se deu a volta o traxe espacial desaparecera. Agora estaba perante dun home alto con pel escura e grandes bucles que lle caían polos ombros, e ollos tan grises coma o banco tras del. O traxe espacial convertéra-se nunha longa gabardina negra. “Róvers?” Preguntou o home.

Stanuel ergueu a man e sostivo no ar unha imaxe en tres dimensións sobre a palma. O home mirou ao róver xirando e rebiricando e disparando. “Orixinalmente eran bots de mantemento. Vehículos semi-autónomos operados remotamente. Agora levan armas”.

“Xa vexo”. O home sacou unha enorme mochila que levaba aos ombros e a desabrochou.

“Daquela… agora o que?” preguntou Stanuel.

Os ollos grises pestanexaron dende a mochila. “Non-o sabes?”

“Son parte dunha célula. Pero temos tarefas distribuídas, comprobando só coa persoa que as asignou. Mantén-nos isolados. Só dixéron-me que abrise esta esclusa e te deixara entrar. Ti saberías o que facer logo. É o ataque esta noite? Debo levar armas? Vas axudar o ataque?”

O home abriu a mochila totalmente para revelar un pequeno arseal de rifles, granadas, explosivos, e, cousa rara: coitelos. Coitelos moi grandes. Mirou para Stanuel. “Eu son o ataque. Pedíron-me que destrúa a Pan”.

“Pero ti non es un programador…”

“Podo facer todas as cousas con explosivos, que destrúen por min”. O home comezou a pasar os contidos da mochila aos petos e correas da gabardina, pendurou mais do seu cinto e dos muslos, así coma de pistoleiras baixo cada brazo, e logo engadiu anacos aos nocellos.

Agora era un arseal andante.

Pero só baleirara a metade da mochila. O misterioso mercenário entregou-lla a Stanuel. “Á parte, ti vas axudar”.

Stanuel tusiu. “Eu?”

“Segundo a mensaxe da resistenza, és un xefe de mantemento, recentemente ascendido. Aínda coñeces todas as liñas dos sumidoiros, túneis de acceso e buratos necesários para que eu entre na torre. Canto tempo coidas que temos antes de que se decaten do teu uso inautorizado dunha esclusa?”

“Unha hora”, dixo Stanuel. A última vez que accidentalmente estivera onde Pan non lle gustaba, os róvers apareceran na súa oficina nunha hora.

“E podemos entrar na torre nunha hora, Stanuel, sen que se dean conta?”

Stanuel asentiu.

O enorme, e ben armado, home apuntou á esclusa de acceso ao corredor. “Vale, non perdamos o tempo”.

“Pódo-che preguntar algo?” preguntou Stanuel.

“Si”.

“O teu nome? Ti sabes o meu. Eu non sei o teu”.

“Pepper”, dixo o mercenário. “Agora imos xa?”

#

     Un simples pequeno són rematou co segredo da súa misión: o zumbido de alas. A cabeza de Pepper xirou-se na dirección do són, cos bucles rotando ao redor da súa cabeza.

Bateu coa palma da man contra o lateral da parede, esmagando unha máquina semellante a unha bolboreta e deixándo-a perfectamente chan.

“Un bicho”, dixo Stanuel.

Pepper lanzou-se polo corredor abaixo, rebotando polas paredes até que bateu coa mampara ao final. Mirou polo recouso. “Claro”.

“Pan sabe que xa estás no Refúxio”. Stanuel sentiu medrar o medo, un estourido instantáneo de parálise que o deixo pendurado no áire. “Vai mobilizar”.

“Daquela introdúce-me na torre, axiña. Imos, Stanuel, non estamos metidos nalgo que recompense a lentitude”.

Pero Stanuel ficou no lugar. “Elixíron-me porque non teño família”, dixo. “Eu tiña menos que perder. Eu axudaría-os contra Pan. Pero…”

Pepper cruzou os brazos. “Tamén te viu a ti. Xa estás morto”.

Iso decantou o tema. Stanuel manexara emerxéncias. Fendas, nas que o baleiro entraba, sacando o áire. Sobrevivira a explosións, erros estúpidos, e mesmo a ser harponeado por un anaco de barra. Todo por ficar frío e facer o que había que facer.

Non agardara, cando lle dixeron que tiña que deixar entrar a un asasino, que el ficaría vencellado. Pero o que agardaba? Que pdoería ser parte da resistenza e non arriscar nunca a súa vida? Xa a arriscara no intre no que ún dos seus compañeiros comenzara a lle susurrar, falando de derrotar a Pan, e el só ficou alí e escoitou.

Stanuel respirou profundamente e asentiu. “Vale. Sínto-o”.

A estación espacial Refúxio era unha roda clásica, rotando amodo para fornecer con algún grao de gravidade aos seus habitantes para que non tiveran que perder masa ósea e muscular, o prezo de vivir sen gravidade.

No centro do Refúxio estaba o nodo. Aquí había un pátio, os extraordinários xardíns sen gravidade e áreas de xogo para os cidadáns do Refúxio. Auditórios e piscinas e laboratórios e áreas turísticas e campos, o corazón da comunidade. Pendurando do nodo, os portos de atraque, esclusas, antenas, e anacos sobrantes do asteroide orixinal do que o Refúxio collera os seus metáis. Aquí é onde frotaban agora.

Pero na outra beira do nodo penduraba unha grande e larga estrutura que era o antigo fogar do mando central da estación. Unha ponte, ou algo así, con vistas sobre todo o Refúxio, situába-se sobre o mesmo cúmio da torre. A ponte estaba duplicada xusto debaixo en forma de ponte de observación e restaurante para visitantes e orgullosos cidadáns e viaxes escolares.

Todas as cousas polas qeu a torre existira nuns tempos anteriores mais inocentes.

Agora Pan estaba na ponte, vixiando-os a todos, tanto dende as grandes fiestras coma portáis alí enriba, coma a través da rede de róvers e cámaras-insecto espalladas por todo o Refúxio.

Unha das cales viña de esmagar Pepper.

Stanuel soubo que xa non dispuñan dunha hora.

     #

     Pepper púxo-se ás crequenas fronte ao zapón. “Menos mal que non son claustrofóbico”.

“Isto leva directamente ao restaurante na torre. É o camiño mais rápido até alí”.

“Se non nos asfixiamos co fume e a graxa primeiro”. Pepper rañou un pouco de graxa do interior.

Stanuel entregou-lle unha máscara con filtros do armariño de saneamento baixo do tubo. Tamén atopou un xogo de lámpadas de cabeza. “Entra, eu seguirei, temos que apurar”.

Pepper meteu-se no tubo e Stanuel seguiu-no, colándo-se dentro. Cando pechou o zapón tras deles a escuridade semellou infinita até que Pepper acendeu unha lanterniña.

Mover-se polo tubo abaixo foi moi simples. Estaban no nodo. Non tiñan peso. Poderían usar as puntas dos dedos para moveren-se amodo todo o camiño.

Despois de vários minutos Pepper preguntou, coa voz amortexada polo filtro, “daquela como aconteceu? O Refúxio era ún dos mais comprometidos coa ideia da tecno-democrácia”.

Había centos de burbulliñas de vida espalladas por todo o cinto de asteroides, agochas das liortas na Terra e da súa órbita pola distáncia e o anonimato. Cada unha un prato de petri da política e da cultura. Cada unha unha perla formada ao redor dun anaco de lixo do asteroide que a fixo nacer.

“Hai problemas cunha tecno-democrácia”, musitou Stanuel. “Se es un purista, coma eramos nós, tiñas que deixar que a cidadanía decidíra-o todo”. A pura cantidade de cousas que unha sociedade precisaba decidir case os esmagara.

Cada minuto todo o mundo tiña que decidir sobre algo. Aprobar unha nova lei. Acordar enviar delegados a outra estación. Aceptar impostos. Dividir impostos. Pagar unha factura. A riada de decisións fíxo-se abrumadora, constantemente xurdindo e requerindo un si ou non electrónico. E para cada decisión era precisa unha investigación.

“Os modeladores de intelixéncia artificial propuxeron unha solución. Crearon intelixéncias que votarían xusto coma o farías ti se tiveras todo o tempo do mundo para centrar-te nas votacións”. Non eran intelixéncias artificiais auténticas. Os modeladores collían o teu rexistro de votos, e o compraban cos teus hábitos de compra, hábitos sociais, e todos os outros aspectos da túa vida que eran rexistrados na vida moderna para modelar os teus hánitos. Despois de todo, se un banco pode usar un perfil financieiro para averiguar se unha compra que non sexa normal non reflicte os hábitos do comprador e conxelar unha conta por motivos de seguridade, por que non podería a mesma lóxica de caixa negra aplicar-se aos patróns do votante?

Pepper refungou. “Entregáche-des os vosos votos ás máquinas”.

Stanuel sacodiu a cabeza, facendo que a luz da lámpada apuntara dun lado ao outro. “Nom máquinas. Nós. Os perfís eran incríbeis. Tamén modelaron que votos eran abondo importantes ou para os que os votantes estarían indecisos para se aseguraren de que só aprobarían os importantes para nós. Eran coma filtros de spam. Liberáron-nos da incríbel marea de minúcias sen senso que precisa un governo diariamente”.

“Pero fallaron”, rosmou Pepper.

“Si e non…”

“Silenzo”. Pepper apuntou coa lanterniña cara abaixo. “Escoito algo. Tringueleando aí atrás por onde viñemos”.

“Alguén nos persigue?”

“Non. É mecánico”.

Stanuel matinou un intre. Non podía imaxinar ren. “Rover?”

Pepper parou e Stanuel chocou coas súas botas. “Daquela rematou-se-nos o tempo”.

“Non-o sei”.

Un distante són metálico fixo eco ao seu redor. “Atrás”, dixo Pepper, empurrándo-o cun rápido golpe da bota na cabeza.

“O que estás a facer?”

“Chegamos demasiado lonxe”. Catro estouridos extremadamente fortes encheron o tubo con relostros de luz absurdamente brillantes. Pepper saiu do tubo polas irregulares rachaduras.

Outra grande parede bloqueou-no. “O que é isto?”

Stanuel, ainda parpadexando, mirou para ela ainda dende dentro do tubo. “Querías ir ao outro lado. Só hai baleiro ao outro lado”. Se Pepper usara mais explosivos poderían ter voado o lateral do Refúxio.

“Vale”. Pepper retorceu-se mais e outro estourido bateu o tubo.

Cando Stanuel liscou do tubo, viu árbores. Voaran un burato no céspede dos xardíns. Saíron coidadosamente, apartando a terra, e os tubos e mais a equipa de soporte que coidaba e mantiña os xardíns e regaba as raíces con auga.

“Agora o que?” preguntou Stanuel. “Van-nos ver”.

“Agora pon-se feo”, dixo Pepper. Empurrou a Stanuel cara ao gran ascensor no centro. “Vou por un asalto frontal. Será complicado. Pero… fágo-o millor cando está complicado”.

“Non hai razón para min para estar aquí, daquela”, dixo Stanuel. “De que podo valer? Non che puiden levar polos tubos de escape. Por que non deixar-me marchar?”

Pepper riu. “Non estás abondo preparado para morrer pola causa, Stanuel?”

“Non. Si. Non estou seguro, é que parece suicídio, e non estou seguro de a quen axuda iso”.

“Estás mais seguro comigo”. Pepper lanzou-se de póla en póla polas árbores. Agora que estaban en vigor os toques de queda, ningunha família pousaba no grande globo de verde, cos nenos berrando e correndo entre as árbores. Estaba estrañamente silandeiro.

Pepper foi mais amodo na derradeira arboreda antes dos ascensores no centro dos xardíns. Mentres frotaban suavemente cara á entrada no fondo do burato, tres homes fornidos, da clase que obviamente adestran os corpos no bordo da roda, torceron a esquina.

Levaban rifles de atordoamento. Non-letal, pero ameazador.

Stanuel escoitou un clic. Pepper levaba un rifle en cada man. Rifles auténticos, perfectamente letáis.

“Eu baixaría eses chismes”, dixo Pepper, “e os entregaría, e ninguén sairía ferido”.

Eles dubidaron. Pero daquela a voz de mando de Pan encheu os xardíns. “Facede o que di. E logo escoltáde-o até aquí”.

Eles miráron-se os uns aos outros, descontentos, e entregaron os rifles. Pepper arroxou-nos ás árbores. “Ide-nos escoltar?”

Os tres viaxiantes descontentos asentiron. “Pan di que tes un arma de pulso electromagnético. Non che imos provocar”.

Stanuel mordeu-se o beizo. Semellaba unha trampa. Estes traidores estaban a os levar ás fauces da besta, e Pepper, polo que podía ver, semellaba feliz por iso. “É unha trampa”, musitou.

“Por suposto que o é”, dixo Pepper. “Pero é unha boa que evita que andemos merodeando, enlixándo-nos, ou ter que nos abrir paso a disparos”. O mercenário seguiu aos lacáios de Pan ao ascensor. Xirou-se a mirou a Stanuel, agardando fóra. “E Pan ten razón. Teño un dispositivo P.E.M. Pero se o uso aquí tan profundo no nodo, destruirei todas as vosas capacidades de xeración de enerxía e os sistemas centrais dos computadores”.

“De verdade?” Stanuel estaba intrigado.

Pepper ergueu un pequeno tubo de metal cun botón no seu cabo. “Se chego á torre”, dixo Pepper. “Podo dispara-lo e eliminar a Pan, deixando o resto da estación sin afectar”.

Stanuel aturara cinco días do seu amado Refúxio baixo o autocrático governo de Pan, o mintireiro.

Viaxara con Pepper para ve-lo seu fin, decatou-se.

Entrou no ascensor.

#

     Durante cinco días a povoación do Refúxio tivo un governante, un único ser cuxa palabra era lei, cuxos pensamentos eran convertidos en normas. Pan estaba no centro da consola de mando, a súa face alumeada pola luz de cen pantallas e os reflexos do bordo interior da grande roda do Refúxio.

Pan levaba un traxe azul sinxelo, tiña pel morea, ollos castaños e pelo marrón. O asúa face andróxina e corpo delgado sinificaban que se estivera entre a multitude dos cidadáns do Refúxio, pasaría desapercibido. Podería ser calquera, ou todo o mundo.

Tamén parpadeou lixeiramente cando el entrou.

“O meu executor e mais a súa compañía. Estou encantado”, dixo Pan. “Se puidera dar-te a man, daría-cha”. Fixo unha lixeira inclinación.

Pepper devolveu-na.

Pan sorriu. “Levo agardando por vo-los dous un bó rato. Sinto enviar o róver polo tubo de escape”.

Pepper encolleu-se de ombros. “Non importa. Daquela o que? Teño algo que che pode destruír, ti tes-me rodeado por sorpresas desagradables…”

Pan cruzou os brazos. “Eu non dou sorpresasdesagradábeis, Pepper. Non son un monstro, contrariamente ao que Stanuel diría. Ti tes un dispositivo P.E.M., e se foras activa-lo abaixo da torre, destruirías todo o Refúxio. Certo, teño capacidades de cópia de seguridade que mitigarían iso, pero o teu dispositivo presenta un terríbel risco para o benestar da cidadanía. Co dispositivo e ti aquí enriba, o único risco é para min”.

Unha decisión ben doada, pensou Stanuel. Activa o maldito dispositivo! Pero Pepper mirou ao redor da habitación, se cadra vendo trampas que Stanuel non podía. “Se non tes sorpresas desagradábeis, o que me impide achicharrar-te, aquí e agora?”

“Gostaría facer-te unha oferta. Se queres escoita-la”.

Os beizos de Pepper curváron-se. “Non sería un bó mercenário se simplemente aceptara unha oferta mais alta na metade do traballo. Non consigues que te chamen de novo moitas veces dese xeito”.

Pan ergueu as mans. “Entendo. Pero considera isto, eu son, indirectamente, o que che contratou”.

Stanuel tivo que obxectar. “A resistenza…”

“Eu a manexo”, sorriu Pan. “Sei todo o que fan, a quen contratan, e en moitos casos, eu dou as ordes”.

Stanuel sentiu coma se o arroxaran a un caldeiro de auga xelada. Perdeu o alento. “O que queres dicir? Infiltráches-te nela?” Xa perderan, mesmo antes de comezar.

Pan volveu-se ao mercenário. “Stanuel está abraiado, coma moitos, polo que crearon, Pepper. Eu só son o avatar conxunto da vontade converxente de todas as simulacións que se executan nesta colónia. As simulacións de votantes estaban a absorber moita enerxía, así que o programa de proceso principal ideou unha solución mais elegante: eu. Por que executar millóns de emuladores, cando se poden fundir todas nunha soa expresión da súa vontade que leve o governo?”

“Unha solución intelixente”, dixo Pepper.

“Unha tecno-democrácia, mesmo mais cá orixinal, é complicada. Con comités de estudo e votos para todo, cousas que precisaban facer-se rápidamente non chegan a tempo. Perigosamente.

“Así que as emulacións decidiron poñer a votación unha lei, enterrada no médio doutras cousas triviais. O voto foi que as emulacións debían ter o mando do governo”.

Stanuel adiantou-se. “Erguémo-nos e atopamos que nun só intre todo o Refúxio fora privado do dereito ao voto”.

“Polos vosos mesmos desexos e polos rexistros de votación preditivos”, dixo Pan. “Dalgún xeito, si. Doutro, non”.

Stanuel cuspiu ao holograma ditador diante del. “Daquela os emuladores decediron que un simple conxunto, un avatar, e expresión de todas as súas vontades, funcionaría millor. Así que mesmo os nosos mesmos patróns de voto entregaron o seu poder”.

“Nin que fora unha sorpresa”, dixo Pepper. “Non tivedes a madurez de mantér o voso própio voto, entregáche-lo ás cópias de vós mesmos. Por que sorprender-se de que as cópias fixeran algo semellante e entregaran-se a un ditador benevolente creado por elas mesmas?”

Pan semellaba compracido. “Os ditatores non che vos son tan malos, se son o ditador axeitado. E está escrito con código permanente no meu mesmo ser que coide da comunidade. Por iso teño esta fasquía”, ondeou unha man diante da súa face. “Son o promédio de todas as faces do Refúxio. Os modelos de enquisas políticas amosan que se eu me presenta-se para o cargo, estaría case garantido que gañaba baseado só nas respostas psicolóxicas”.

Stanuel mirou a Pepper. “Pan pode ter-se infiltrado, pero a ti pagáron-che para que o destrúas. Fai-no”.

“Non”, dixo Pan. “Poderías apretar ese disparador. Pero se o fas, destruirás todo o que o Refúxio quere de verdade, o que desexa, e o que foi tan difícil de crear, Pepper, mesmo se non se decataron de que conscentemente o querían”.

“Oíra que sempre tes o governo que mereces”, dixo Pepper. “Pero isto é algo mais. Todos crearon un tirano de seu…”

“Pero Pepper, eu non son un tirano. Se votan conxuntamente para me botar, poden face-lo”.

Pepper fíxo-se a un lado cara a unha das grandes fiestras que miraban ao anel interior do Refúxio. Milleiros de afastados portos barrufaban a xigantesca roda, acesos pola xente que vivía nas súas habitacións.

“Mira ao teu redor”, implorou Pan. “Hai unha manchea que gosta do que eu fago. Estou a reconstruír partes do Refúxio que levan abandoadas anos. Estou a millorar a agricultura nestes intres. Fixen as eleccións que eran difíciles, puxen cousas en marcha que estaban aí soas mentres a xente discutía sobre elas. Eu son acción. Eu son progreso”.

Stanuel chimpou cara adiante e Pepper mirou para el. “Coido que Stanuel obxecta”.

Pan sospirou. “Si, uns poucos serán desafectos. Sempre serán desafectos. Por iso creei saídas para os desafectos, porque eles tamén son parte de min. Pero o meu rogo para ti, Pepper, é que non raches este grande experimento. Pódo-che ofrecer mais cartos, un lugar de seguridade aquí sempre que o queiras, e o Refúxio é un poderoso aliado para as túas necesidades”.

Pepper asentiu e sentou no ar, coas pernas dobradas. “Teño unha pregunta”.

“Procede”.

“Por que te chamaron Pan?”

“Cháman-me Pan porque é a abreviación de panopticón. Un vello experimento: se foras crear unha cárcere redonda cunha torre no centro, con celas abertas mirando para ela, e a posibilidade de mirar en cada cela, terías a sociedade de vixianza perfecta. O panopticón. Dalgún xeito, o Refúxio é só iso, conmigo no centro”.

Pepper botou unha risiña. “Eu médio agardaba algún tolo ditador militar levando posta unha gorra de prato chamándo-se Pan a si mesmo”.

Pan non riu. Inclinou-se. “Pepper, enténde-me. Esta non é a túa loita. Eu son o governante elixido naturalmente do Refúcio. A elección de eliminar-me, esa non é túa. Non che trouxen aquí para me destruíres, senón por outras razóns”.

“A elección?” A verba afectou a Pepper dun xeito que Stanuel non puido averiguar. Mirou por riba a Stanuel. “Daquela se es un governante benevolente, escoltarás-me fóra do Refúxio, deixarás a Stanuel vivo, e pasarás a outras cousas. Despois de todo, foi polas túas ordes polo que Stanuel fixo este camiño”.

“Por suposto. É iso ou unha condea nunha das habitacións residenciais do Refúxio. Estarás encerrado, pero confortábel. Ten que haber xeitos de manexar estas cousas. Exílio, ou confinamento”.

“Vale, señor Pan. Vale. O meu choio aquí rematou”. Pepper dirixiu-se a Stanuel cun parpadeio do pé. “Veña Stanuel, é hora de deixar a torre”.

#

     Stanuel á penas podía mirar a Pepper aos ollos. “Non podo crér que marchases dalí”.

“Pan tiña bós argumentos”.

“Pan ofreceu pagar-te mais. Iso é todo”.

“Está iso, pero non-o collerei”. Pepper rañou a cabeza. “Se eu destruíse Pan, o que farías ti?”

Stanuel frunciu as cellas. “O que queres dicir?”

“Dixeches que ás emulacións non se lles permitiría tomar o control directo, antes. Sinifica iso que permitirías ás emulacións que vovlesen e tomasen decisións por vós?”

“Hai que asumi-lo. Pode que non-o fixeramos ben, pero se podemos amañar ese erro, as cousas volverían ao xeito no que eran”.

Pepper desempacou o seu traxe e vestiu-se con el. Enrugou-se e chasqueou cando subiu a cremalleira. “E daquela volverei. Porque ides repetir o mesmo patrón unha e outra vez”.

“O que?”

“Por todas as vosas suposicións, non estades a ver o patrón. Aí dentro, nalgures, todos queredes a Pan. Non queredes a responsabilidade de votar, queredes o resultado doado”.

“Iso non é verdade”, obxectou Stanuel.

“Oh veña xa. Pensa en todas as veces que os príncipes e princesas son adorados e agasallados. Pensa e todos os actores e persoas importantes aos que adoramso e adulamos”.

“Iso non nos convirte en seguidores escravos”.

Pepper sacodiu a cabeza. “Non, pero aínda non podemos escapar aos instintos que levamos de ser unha pequena banda de cazadores recolleitores vivindo na chaira, dependendo dun só líder que saiba os detalles da súa pequena tribo e escoite as súas propostas. Iso non se pode reproducir en grande, así que temos trucos pouco elegantes para compensa-lo.

“Stanuel, todos vós creáchedes unha creatura tecnolóxica, capaz de ver por vós e escoitar as vosas propostas, e poñer corpo a un benevolente líder tribal. Non só naceu das vosas necesidades inconscientes, mesmo as vosas emulacións abrumadoramente votaron para lle dar poder coma o único governante do Refúxio”.

Stanuel ergueu a man. “Todo iso é verdade, e durante os últimos catro días discutimos disto cando averiguamos o do voto. Pero, Pepper, perfecto ou non, non podemos permitir que unha soa persoa nos governe. Vai sontra todo o que crémos, todo o que traballamos cando creamos o Refúxio”.

Pepper asentiu. “Sei-no”.

“E vas marchar de todas maneiras”.

“Teño que marchar. Porque isto non foi unha toma do poder, foi a vontade do voso povo. Houbo un voto. Pan ten razón, el é o governante lexítimo. Pero”, Pepper ergueu unha man, “non vou marchar sen vos deixar algo”.

“O que queres dicir?”

Entregou a mochila e premeu un pequeno bímbio cun botón na man de Stanuel. “O dispositivo P.E.M. está na mochila. Non vas pdoer achegar-te á torre para eliminar só a Pan, pero se o activas no nodo cando eu marche, apagará todo o Refúxio. Pan terá cópias de seguridade, e os seus seguidores protexerán a torre, pero hai xente abondo que pensa coma ti, podedes abrir-vos paso cos rifles da mochila”.

“Estádes-me a pedir que… loitemos?”

“Xa coñeces a vosa história. A árbore da liberdade precisa ser regado con sangue de vez en cando, Thomas Jefferson coido que dixo iso. A maioría dos vosos antergos loitaron por ela. Se queredes conserva-la, só tedes que… tomar o tempo para votar por vós mesmos no canto de deixa-lo nas mans doutros”.

“Non sei se podo”. Stanuel estaba abraiado. Nunca fixera nada violento na súa vida.

Pepper sorriu. “Podedes descobrir que Pan está a desexar dobrar-se mais do que imaxinades. Pensa niso”.

Con iso, entrou na esclusa. A porta pechou-se cun asubío, e o traxe espacial esvaeceu-se cunha cór negra de camuflaxe mentres Pepper desaparecía para volver á nave invisíbel que o trouxera ao Refúxio.

Stanuel ficou alí. Tirou das correias da mochila sobre os ombros e dirixiu-se aos xardíns, matinando nas derradeiras palabras do mercenário.

Un holograma de Pan agardaba por el á entrada dos xardíns, pero sen matóns polos arredores. Stanuel esperara ser capturado, coa ameaza dun longo confinamento sobre el. Pero só estaban o deu electrónico do Refúxio e mais Stanuel.

“Non entendiches o que dixo, nonsí?” dixo Pan. Realmetne era o panopticón, escoitando todo o que acontecía no Refúxio.

“Non”. Stanuel tiña o disparador do P.E.M. na man, agardando algún truco. Ía recibir un disparo na cabeza dlagún francotirador? Pero Pan dixo que non usaría a violéncia.

Se cadra un dardo tranquilizador dalgún tipo?

“Díxen-cho”, dixo Pan, “eu tamén creei á resistenza”.

“Pero iso non ten sentido”, dixo Stanuel.

“Ten-no se deixas de pensar en min coma unha persoa, senón coma un avatar dos teus emuladores colectivos. Cada sistema de governo ten unha oposición, o día despois de que me votaran para mandar, tiven que crear unha série de pesos e contrapesos contra min mesmo. Esa foi a resistenza”.

“Pero eu fun recrutado por xente”.

“E eles foron recrutados pola miña xente, traballando para min, a quen lles dixeron que había que crear unha oposición domada coma trampa para capturar a outros”. Pan parpadeou ao camiñar a través dunha árbore. Unha visión incongruente, coma Stanuel frotando polo xardín sen gravidade.

“Por que ías querer morrer?”

“Porque, pode que non sexa o que todos vós queredes, só o que a maioría quere. Teño que crear unha oportunidade para que me deteñan, ou realmente sería un tirano e non a millor solución. Por iso Pepper foi contratado para traer o P.E.M. a bordo. Iso é polo que, ao cabo, deixou-no contigo”.

“Así que todo está nas miñas mans”, dixo Stanuel.

“Si. Vivir nunha millor economía, unha economía mais segura, pero governada polo que creáchedes. Ou facéde-vos unha liorta”. Pan moveu-se fronte a Stanuel, frotando con el.

Stanuel ergueu o tubo de metal e puxo o dedo enriba do botón. “Os homes deben ser libres”.

Pan asentiu triste. “Pero Stanuel, vós nunca poderedes facer as cousas do xeito que eu podo. Será un rebúmbio de compromiso, persoalidade, erros, malas eleccións, eleccións emocionais, governo das turbas, e decisións imperfectas. Poderiades destruír o Refúxio coas vosas decisións imprecisas”.

Era unha chamada de serea. Pero ainda que Pan fose perfecto, e xusto, era a mesma canzón que conduciu a homes intelixentes a chamar a tiranos e face-lo alegremente. A promesa da acción rápida, das decisións limpas e rápidas.

Sedutor.

“Sei que será complicado”, dixo Stanuel, coa voz tremendo. “E non teño nin ideia de como funcionará. Pero alomenos será nosa”.

Fixo a súa elección e premeu o botón. Viu como as luces por todo o Refúxio se atenuaban e parpadeaban. Pan desapareceu cun sospiro, unha pantasma expulsada. A escuridade marchou polo seu glorioso camiño a través dos cavernosos xardíns cara a Stanuel, quen frotaba no aire canda unha árbore mentres agardaba que a escuridade o acollese no seu abrazo liberador.

 

Fin

2 Comentários

Comments are closed.