A plastilina á procura de padriños

703
O póster do filme
O póster do filme

O Apóstolo, filme de animación no que está a traballar a santiaguesa Artefacto Producciones Audiovisuales, convertirá-se o 25 de xullo de 2010 na primeira longametraxe en “stop-motion” galega, utilizando asemade por primeira vez na nosa autonomía o sistema de animación fotograma-a-fotograma que converteu en éxitos de billeteira a fitas coma Chicken Run ou A maldición das verduras. Pero esta vez será cunha história de mistério e terror que conta coa lenda de Santiago coma nexo argumental.

Actores coma Geraldine Chaplin, Paul Naschy, Carlos Blanco, Luis Tosar ou Jorge Sanz emprestarán a sua imaxe a cadaún dos bonecos que intervirán na película.

Isabel Rey, produtora executiva de O Apóstolo, desvelou o xoves que os actores que finalmente forman parte do reparto acudirán a partir do vindeiro 9 de novembro á bisbarra do Barbanza para “coma se foran a unha obra de teatro, emprestar todos os seus acenos e dotes interpretativas“, co obxecto de que os animadores do filme capturen os seus movementos para utiliza-los na stop-motion.

Outra das grandes novidades de O Apóstolo é que, para colaborar na sua financiación, acepta na Internet que todos aqueles que queiran colaborar poidan-se converter en accionistas – con dereito a percebir benefícios futuros –, dende só 30 euros por persoa ou entidade. “Até de agora xa contamos con sesenta accionistas ou coproductores, incluido un cidadán francés“, salientou Rey.

Pelegríns, a Santa Compaña, afastadas aldeas ou até o arcipreste de Compostela no século XIV forman parte dunha intriga que verá a luz en 2010, coincidindo con outro deses infames “anos santos”.