O guionista Gary Whitta abandoa o barco e non escribirá o guión do primeiro filme autónomo derivado da saga da Guerra das Galáxias. Whitta e mais o director do filme, Gareth Edwards, completaran un primeiro borrador da película, pero agora Whitta ven de deixa-la e pasar xa ao seu seguinte proxecto.
Nunha declaración oficial, Edwards dixo: “Gary foi un marabilloso e inspirado colaborador e eu disfroitei tremendamente traballando con el. Estou moi agradecido por todas as súas aportacións“.
Whitta engadiu: “O ano que pasei traballando coa Lucasfilm neste filme de Star Wars foi de lonxe o periodo mais proveitoso de toda a miña carreira. Coma fan de toda a vida de Star Wars estou profundamente agradecido por ter a rara oportundiade de contrubuír a un novo capítulo deste legado cinematográfico en curso. O filme vai ser abraiante“.
Polo de agora non se sabe cal vai ser o seguinte proxecto de Whitta, pero o seu nome foi vencellado á adaptación que a Fox quere facer do cómic de ciéncia-ficción de Mark Millar Starlight. A Lucasfilm e mais a Disney non fixeron ningún comentário sobre a posibilidade de contratar un novo guionista.
O cámbio é unha sorpresa pero ten un precedente: Michael Arndt traballou no guión de Star Wars: The Force Awakens durante un ano antes de deixar o proxecto, cando o director do filme J.J. Abrams e mais Lawrence Kasdan ficaron a cargo das labouras de guionista.